|
|
|
Máis sobre os petroglifos da Ermida e a posible orixe da ara de Eiras |
|
Que teñen en común a citania de Lámbrica (mal chamada "lansbrica"), a ara de Bandua de Eiras e os petroglifos da Ermida?
Cando xa se cumpriron dez anos dende a creación deste blogue, seguimos a darlle voltas aos gravados da Ermida, mentres as administracións culturais permiten a medra dos toxos, das xestas, dos piñeiros e do esquecemento enriba dos petroglifos.
Na Ermida, ademais da propia representación de petroglifos, atopamos unha mámoa e un cruceiro. O topónimo parece obedecer a presenza dunha antiga ermida ou capela, confirmada por un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa de AS MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, xurisdición de Roucos, en 1695.
Estará na Ermida a orixe da ara de Bandua de Eiras?
As Múas, O Couto e A Ermida son topónimos que se empregan indistintamente para nomear aquelas paraxes. A sacralidade do lugar estaría asegurada pola presenza desa antiga ermida, xa desaparecida, pero que deixou o seu recordo no microtopónimo. A ermida e o cruceiro serían a cristianización de máis que posibles vellos cultos que podemos intuír pola presenza da mámoa e dos petroglifos.
As Múas (tamén coñecidas por O Couto ou A Ermida) eran parte do Coto de Pazo, xurisdición propia da parroquia de Santa Uxía de Eiras. Se a ara de Bandua estivese nesa ermida desaparecida, parece natural que algún dos señores do pazo de Eiras a levase para o seu xardín no século XVIII. A bancada de pedra que arrodeaba a ara no xardín do pazo parece ser labrada nesa época, á medida da mesa que puxeron enriba da propia ara. Así foi como chegou ata o século XXI.
O interese dos habitantes de Lámbrica e da súa contorna polas Múas pode xustificarse pola presenza de vetas estanníferas (casiterita) e posiblemente de ouro.
Este interese ben podería intuírse no panel dos petroglifos, pois a superposición do esquema enriba dun mapa da contorna móstranos curiosas coincidencias.
O panel dos petroglifos parece sinalar fitos territoriais conxugados con eventos astronómicos relacionados cos solsticios.
|
|
|
|
|
|
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor... |
|

|
|
|
|
|
|
|
|
|
|