Arredor de Lámbrica


``Carballi no´´ turístico, Vilamorta
Casa derrubada na rúa Conde Vallellano
Entristece ver como o patrimonio arquitectónico, único e irrepetible, que aporta personalidade aos pobos, continúa a ser desprezado no Carballiño, unha tradicional e coñecida vila de augas sanadoras e de bos pulpeiros, que continúa a atraer algo de turismo e que tería moito que ofrecer se os seus habitantes e dirixentes se fixaran máis no que teñen nas súas rúas.

Seguramente é inútil falarlle aos carballiñeses de megalitos, mámoas, castros, petroglifos ou templos románicos (esquecidos por toda contorna, dito sexa de paso) cando consinten en que se produzan, decenio tras decenio, as desfeitas, deliberadas, que fan extinguir as arquitecturas que lle deron personalidade á propia vila do Carballiño, cabeceira de comarca e nexo de unión dun amplo territorio do que procedían os milleiros de persoas que acudían ás feiras.

O Carballiño non ten arquitectura medieval nin barroca no casco urbano. Daquelas era unha aldeíña. Pero no século XIX e na primeira metade do XX tuvo certa auxe comercial, sostida polas famosas feiras, que se traduciu nalgunhas boas construcións de factura modernista, que adornaban as rúas máis céntricas, e noutros edificos máis sinxelos, pero todos en granito, con airosas balconadas de traballados balaústres de forxa e lucindo fermosas galerías de madeira nos pisos altos. Están desaparecendo. Traballos impecables en granito, en madeira e en forxa, merecentes de ser gardados en museos. Pero, que mellor museo que unha rúa con construcións singulares, que significan tanto para os recordos de milleiros de carballiñeses?

A modernización, as comodidades, as melloras... son necesarias para que os pobos progresen, pero non poden ser esquecidos os espazos nin as construcións singulares, que dan esa personalidade e ese encanto que todo pobo necesita e procura, máis se, como é neste caso, as autoridades queren unha vila turística.

O Carballiño pode definirse como unha característica vila de interior que perece desde os anos sesenta afogada por edificios sin sentido estético algún. Unha vila onde, decenio tras decenio, marcharon, marchan, desaparecen, casas ou edificios emblemáticos ou singulares que contribuían a darlle personalidade ás rúas e ás praciñas do pobo. Esas mesmas rúas e prazas que os políticos queren encher de turistas...

Responsables? Todos somos responsables, pero máis aqueles dirixentes que, decenio tras decenio, corporación tras corporación, venderon, venden, fume e non se preocuparon, nin preocupan, polos valores estéticos do seu pobo, valores que só se obteñen co paso do tempo e con certa calidade e singularidade nas construcións, erixidas coa paciencia dos tempos pasados polas xeracións que nos precederon.

As administracións públicas, con dirixentes elixidos democraticamente, deberían velar para que non se produciran estas desfeitas, que recordan ás agresións urbanísticas dos anos sesenta e setenta, aquelas que semellaban facerlle sombra ao templo da Veracruz, marcado dende aquela a sangre e lume nas conciencias carballiñesas como único elemento patrimonial. O demais é todo ladrillo.

Pardo Bazán titulou a unha das súas obras, ambientada nas terras do Carballiño, como El Cisne de Vilamorta. O nome non lle acae mal... O Carballiño do século XIX e de principios do XX está desaparecendo e ninguén fai nada.

A foto que acompaña a este texto é dunha casa derrubada hai poucos meses na rúa Conde Vallellano. A imaxe foi obtida do Google Earth, porque no lugar só queda un apetecible terreo edificable.

Agora parece que lle tocou a quenda á Casa Soto, outra construción singular na rúa principal do Carballiño. É incrible tanta ineptitude.


TVG: Pesar no Carballiño pola derruba inminente dun edificio histórico
Concello do Carballiño
Artigo publicado o 23-09-2017 11:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal