Arredor de Lámbrica


Mapa de Lámbrica e dos outros castros na contorna do Santrocado
Mapa de Lámbrica
O territorio máis inmediato a Lámbrica caracterízase polo acceso á ribeira do Miño en varios quilómetros, onde sería posible a existencia de portos fluviais. Tamén chama a atención que está limitado por outros dous cauces fluviais, o río Barbantiño ao Leste e o regato da Lavandeira polo Poñente. Delimitamos así un territorio de pouco máis de vinte quilómetros cadrados.

O punto máis alto deste pequeno territorio está no cumio do monte do Santrocado, lugar privilexiado para visibilizar toda a contorna. O resto dos castros identificados non teñen visibilidade a longa distancia nos 360º do seu horizonte.

Non están localizados todos os poboados nin todos serían castros, con máis ou menos capacidade defensiva. Dos que non eran castros non temos constancia pois estarían construídos con materiais perecedeiros, pero a súa procura, tal e como está a arqueoloxía local, podemos vela como ciencia ficción.

Os castros identificados, seguindo o sentido das agullas do reloxio desde Lámbrica, son: Ourantes, Castelo de Laias, Castro Martiño, e Eiras.

Cara o norte, non representados neste mapa, faltarían os castros de Salamonde, e, cara o Occidente de Lámbrica, o de Casar do Mato, en Beariz. Non están directamente relacionados co monte do Santrocado, pese á súa cercanía, aínda que poderíamos aventurar que tiveran algunha relación de dependencia con Lámbrica.

Con este mapa podemos percibir a vertebración do territorio dende o castro do Santrocado cara o resto dos poboamentos máis inmediatos. Todos eles, Lámbrica, Ourantes, o Castelo de Laias e Eiras, co Castro Martiño, serán as futuras catro parroquias que, trala cristianización, continuarán ascendendo ao monte do Santrocado para venerar unha divinidade ou santo "trocado". Igual ca Xúpiter, o San Trocado "novo" terá poder sobre as tormentas.

A reedificación de Lámbrica, xa na época do cambio de era, no momento álxido da explotación de recursos mineiros máis alonxados, superaría en superficie ás dos outros castros veciños, xa sen importancia económica debido ao agotamento dos filóns de Laias e de Eiras. Agora será o momento de controlar as rutas metálicas cara o porto fluvial de Barbantes-Estación, a antiga Barca, desde os montes de Maside, do Carballiño ou do Irixo.

Os pequenos castros que arrodean o Santrocado comezarán o seu esquecemento, dando orixe ás aldeas que se agruparán nas futuras parroquias de Eiras, Ourantes e Laias.

Estes poboados seguirán tendo nese monte un centro relixioso, lúdico ou administrativo común. Ademais, o punto vixía do Santrocado seguía a ser importante para a defensa de Lámbrica polo Sur.

A relación que facemos San Trocado-Xúpiter a través das tormentas dá a entender que é posible que houbese culto a esta divinidade romana no cumio do Santrocado. Pode ser por iso que a pedra de IOVI que se conserva en San Cibrao das Las non teña ningún signo de cristianización, capela ou cruceiro. Non facía falta, xa a tiñan no "Coto" do Santrocado, no mesmo territorio.

Ademais, a porta da capela do Santrocado está orientada exactamente cara o recinto central de Lámbrica, recinto no que se atopa a pedra de Xúpiter e no que non hai evidencias de que vivise a poboación desa citania. O recinto central está circundado por unha muralla.

A cristianización de Xúpiter e os posteriores cultos da bendición dos campos, farán do cumio Santrocado un novo centro relixioso común para as catro parroquias (as tres citadas e San Cibrao das Las), edificando unha capela e iniciando unha nova etapa na relixión das nosas xentes.

A base cartográfica desta imaxe foi obtida en: www1.sedecatastro.gob.es/
Ver Descrición da Cidade de Lámbrica
Ver O castro do Coto do Santrocado
Ver O xacemento mineiro entre Barbantes e Laias
Artigo publicado o 15-09-2017 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal