Arredor de Lámbrica


O castro do Coto do Santrocado
Muralla do castro do Santrocado
O castro do Santorcato ou Santrocado, chamado nos arredores "O Coto", está situado na marxe dereita do Miño central, na provincia de Ourense, entre as comarcas do Ribeiro e do Carballiño a unha altitude de 550 metros sobre o nivel do mar.

En principio, a primeira ocupación do castro do Santrocado enmárcase entre o Bronce final e a Idade do Ferro inicial, o que podíamos situar entre os séculos VII e VI antes de Xesucristo, época da que podemos destacar a aparición de restos de fogar decorado no antecastro e dunha "punta de lanza de bronce composta por unha folla lanceolada de nervo central e unha lingüeta con dúas perforacións dispostas en sentido lonxitudinal" (FARIÑA BUSTO e XUSTO RODRÍGUEZ). Estes autores tamén se refiren ós restos dun vaso carenado de tradición Alpiarça.

Sería posiblemente na época do Bronce cando se comenzasen a realizar traballos mineiros "metálicos" nos arredores, ao sur do propio Santrocado, dende O Castelo de Laias, as inmediacións de Razamonde ata os montes de Xinzo, da Ermida e das Moas en Eiras, onde, asociados aos filóns de cuarzo, extraíase casiterita, mineral de estaño, e ouro.

Hai que recordar que o estaño forma parte da aleación do bronce, xunto co cobre, polo que estaríamos a falar dun mineral estratéxico naquela época. Non é necesario falar da importancia do ouro.

Nas inmediacións do alto do monte tamén se observaron indicios do que podería ser un enterramento individual, en pequeno dolmen ou cista, formado por laxas verticais que forman un edículo de planta rectangular orientado de Leste a Oeste. Non conserva a laxa horizontal ou superior. Este tipo de estruturas funerarias poden suporse da Idade do Bronce, anteriores, por tanto, ao castro propiamente dito.

Centrándonos na estrutura do castro, podemos salientar a muralla máis exterior, occidental e meridional, da que se conservan os lenzos derrubados polos lados sur e oeste. Destacar que é relativamente fácil atopar restos de cerámica en superficie.

Arredor da capela existe outro lenzo de muralla, máis interior que o meridional e occidental xa descrito. Este pequeno lenzo máis interior pódese observar ao occidente da capela, a uns 8 ou 10 metros.

A superficie do castro, moi modificada por obras de aparcamento e de lecer, pode acadar 1,70 hectáreas. No seu cumio existe unha capela onde se celebraba unha concurrida romería cada 15 de maio, á que acudían os devotos das parroquias dos arredores do monte: San Cibrao das Las, Ourantes, Laias e Eiras.

Nas festas do San Trocado, o día 15 de maio de cada ano, facíanse rogativas para evitar as tormentas, particularmente as que traen saraiba. As procesións, no que popularmente se denominaba a bendición dos campos, chegaban ata un penedo situado a certa distancia, seguindo a dirección sur, cara o val do Miño, onde existen unhas formacións graníticas con pedras de grandes dimensións. Un penedo dos máis modestos era o destino desa concurrida procesión de catro parroquias con todos os curas, bandas de música, pendóns parroquiais e cruces, que se percibe como unha cristianización de reunións ou cultos anteriores.

A súa situación, a 550 metros de altitude, outórgalle ó monte do Santrocado a singularidade de ser un mirador privilexiado sobre o val do Miño. Na súa ladeira meridional situábase o xacemento de O Castelo de Laias, derrubado parcialmente e maltratado polas obras da autovía A-52.

Cuevillas, en Prosas Galegas, di que "Por baixo mesmo das abas meridionais do monte do San Trocado, ábrese unha grande veiga, que hai dous mil anos había ser máis depósito de areas e de coíños que veiga na que se puidesen procurar canas de millo, vimbios e videiras. Estas terrazas eran daquela moi axeitadas para a explotación do ouro aluvial que arrastraban o Sil e mailo Miño, e un enxeñeiro de orixe francés, Louis Sauniez, que fixo un estudo das vellas explotacións auríferas nas beiras dos dous ríos, sinalaba en Barbantes evidentes vestixios dun destes lavadeiros. Modernamente, entre o cume do San Trocado e a veiga de Barbantes, recoñecéronse ruínas dun poboado da época romana, con moitos elemenos indíxenas (...)". Era o Castelo de Laias.

Ademais do Castelo, outra serie de castros de menor entidade rodean a este privilexiado xacemento do Santrocado: Castro Martiño, Eiras, Beariz, Ourantes, Salamonde...

Entre todos eles destaca pola súa monumentalidade a citania de Lámbrica, Castro de San Cibrao das Las, "A Cidade", ao Norte do Santrocado e a escasa distancia. Os castros de O Santrocado e de San Cibrao das Las forman un só conxunto, pois Las, Lámbrica, non sería facilmente defendible polo Sur, de non ser a través de puntos de vixiancia situados no propio cumio do Santrocado.

Como anécdota, decir que hai algúns anos escoitamos unha lenda en Xinzo, no Castro Martiño, onde se fala dunha mina que contén unha serpe que, baixo terra, chega ata a "Cidade". Pero, curiosamente, para os informantes de Xinzo, a "Cidade" non era a "coñecida de San Cibrao das Las, senon que era o castro do Santrocado".

Nas inmediacións da propia Lámbrica existe un penedo que ten gravado un perfil do monte do Santrocado. Non é o único petroglifo co perfil do Santrocado que se coñece gravado en pedra. No concello de Amoeiro foi estudado outro curioso petroglifo que está nun abeiro, O Raposo, con importantes conclusións de temática arqueoastronómica.

Na Gran Enciclopedia Galega, na voz San Amaro, dise que "Del coto de San Trocado, que está a poca distancia del Sur de A Cidade y también en el municipio de Punxín, proceden objetos de hierro recogidos de antiguo e interpretados como instrumentos de labranza. Las cerámicas de tipo castreño, tanto lisas como decoradas, afloran frecuentemente, así como molinos y otras piezas líticas. Conserva restos de varios lienzos de muralla y ha sido bastante destruido con la repoblación forestal.

En su parte alta (550 m.) se enclava la capilla del santo homónimo, en honor del cual se realizaba el 15 de mayo la bendición de los campos de Galicia en una curiosa romería presidida por el párroco de Las y en la que participaban las cuatro parroquias colindantes.
Sobre el yacimiento existe documentación medieval y moderna y no es de descartar la presencia de algún asentamiento posterior al castreño con fines de control del territorio
."

Cuevillas fálanos de que "os antigos núcleos de poboación tiñan un centro relixioso común que era o adicado ó deus da guerra chamado Bandua, emprazado no cume do Santrocado. A el debían concorre-las xentes dos castros veciños para celebra-las cerimonias dun culto común, que quizais tivese tamén un carácter político."



Tres elementos sinalan unha liña solsticial nos meses de inverno no cumio do monte do Santrocado, xusto onde se edificou a capela.

Nada máis entrar no recinto da ermida, na que se venera a San Trocado pero tamén a San Sidre ou Isidro, vemos a rentes do chan unha pequena rocha cunha pía bastante profunda, susceptible de poder conter algún tipo de poste ou elemento sinalador.


Outro punto primordial que queremos destacar está na base da capela, na súa fachada meridional, onde se atopa o altar, o lugar máis sacro do pequeno edificio. Por fóra non contén ningún tipo de sinalización especial.

O terceiro punto estaría noutra pía, situada a rentes da fachada oriental da ermida, xusto onde se atopa o bidueiro moribundo. Nesa rocha existen marcas de límites territoriais.

Unha liña imaxinaria que unise estas dúas pías das que acabo de falar pasaría exactamente pola base do altar da capela. Xa temos tres puntos que obrigatoriamente forman unha liña recta definida que, prolongada ata o horizonte, sinalaranos o punto onde se oculta o Sol no tempo do solsticio de inverno, nos derradeiros días de cada ano, a partir da primeira semana de decembro.

A liña imaxinaria que trazamos entre as dúas pías e o solpor solsticial de inverno vese interrumpida pola capela, polo que hoxe non é posible ver as postas de Sol desde a peneda da pía da fachada oriental, a que está a rentes do bidueiro.


É dicir, que os construtores da capela situárona de xeito que quedara interrumpida esta visión solsticial, na que unha liña visual dende ese punto pasaría por outro elemento -que descoñecemos- seguramente de carácter sacro ou ritual, que estaría xusto onde hoxe se sitúa o altar.

Esta circunstancia xa foi observada hai algún tempo, e pode ser conectada con outras teorizacións arqueoastronómicas que enchen de misterio moitos dos lugares arqueolóxicos que inundan o noso país.




Os poboamentos prerromanos que arrodeaban ao castro do Santrocado son, en sentido das agullas do reloxio, os seguintes (damos a distancia aproximada en metros en liña recta dende o Coto do Santrocado, onde está a capela:

Lámbrica, a 1310 metros.
Ourantes, a 1705 metros.
O Castelo de Laias, a 1670 metros.
Castro Martiño, a 1124 metros.
Eiras, a 1880 metros.
O lugar da Ermida, cos seus petroglifos e mámoa están a 1918 metros.

Temos así marcado un pequeno territorio que, dende antigo, se organiza en torno ao Santrocado, onde terían un centro común, fose relixioso ou administrativo, cousas que soen ir da man. O máis moderno de todos eles sería o de San Cibrao das Las, onde se reedificaría a fortificación en épocas próximas á dominación romana.

A comunicación realizaríase por camiños, pervivindo na actualidade o trazado dalgúns deles, sendo destacables os restos daquela calzada que levaba dende a ribeira do Miño, actual Barbantes-Estación, tradicionalmente A Barca, ata a porta oriental da Citania de Lámbrica.

A derradeira reedificación de Lámbrica xa debeu responder a un maior nivel de control territorial, chegando ata as terras de Maside e do Carballiño, nas que sabemos que existían xacementos mineiros en época romana que, necesariamente, deberían alcanzar a vía fluvial do Miño para darlle saída cara os circuitos comerciais que chegaban dende o Mediterráneo ás costas atlánticas.

A antiga dependencia ou vinculación territorial co Coto do Santrocado podería explicar as catro procesións que subían anualmente dende as catro parroquias, Las, Ourantes, Laias e Eiras, ata non hai aínda moitos anos. Un centro relixioso común que xa o debía ser antes da cristianización.

Pero a vida en común rómpese con frecuencia cando xorden intereses de tipo diverso. Será fundamental voltar á unidade para que a zona arqueolóxica de Lámbrica, Las, Ourantes, Eiras e Laias, unidas todas polo centro común do Santrocado, teña algo de futuro. Os centros de interpretación postos por persoas alleas non son a solución á protección do patrimonio, como se pode apreciar na actualidade dando un paseo pola contorna. É primordial a implicación dos veciños e propietarios na protección do que é o seu patrimonio.

O monte do Santrocado e os xacementos arqueolóxicos que o arrodean representan un claro exemplo de abandono e de agresión, en xeral, tanto ambiental como mecánica, cara o patrimonio. As repoboacións forestais, as talas indiscriminadas, os cortalumes ou devasas, as omnipresentes pistas cos seus asfaltados, os traballos con maquinaria pesada, autovías, tendidos eléctricos, e obras agresivas de todo tipo, ao que temos que engadir a total despreocupación polo patrimonio por parte das autoridades.

O resultado, ademais da propia desaparición de elementos patrimoniais, é a inexistencia de escavacións, estudos, publicacións e actividades que poderían redundar nun maior coñecemento da riqueza arqueolóxica do monte máis emblemático do Miño central, tan cercano á citania de Lámbrica coma ós poboados antigos de Ourantes, Eiras e Laias.








BIBLIOGRAFÍA

FARIÑA BUSTO, F; XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do Santrocado (San Amaro-Punxín-Ourense)" en Arqueoloxía-Informes-2, Campaña 1988. Consellería de Cultura. Xunta de Galicia. A Coruña. 1991.

CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)" en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV. Páx. 114-130. Ministerio de Educación Nacional. Dirección General de Bellas Artes. Madrid, 1956.

VVAA: Gran Enciclopedia Gallega. Vol. XXVII, voz San Amaro. Santiago de Compostela / Gijón. 1974.

CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Galaxia. Vigo. 1982.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009.









O cumio do Santrocado visto dende a citania de Lámbrica






Vídeo da romaría no Santrocado
A Terra de Lámbrica
O SANTROCADO, BANDUA E XÚPITER
Artigo publicado o 11-09-2017 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0