Na parte máis alta da croa de
Lámbrica, xusto pola parte externa da muralla máis interior, mirando cara Loucía e San Cibrao, realizáronse
escavacións no ano 2016, reconstruíndo algunha vivenda. A vivenda responde ás características habituais neste tipo de castros, reedificada -seguramente máis dunha vez- polo que os vestixios que se ven poden datarse arredor do século I despois de Xesucristo.
Nas visitas pódese ver un panel no que reflicte a planta desa vivenda, con sete estancias e un corredor. A existencia de dous fogares, en estancias distintas (os escavadores falan de "
dúas cociñas"), podería responder á separación entre cociña e obradoiro, que podería ser de forxa, de orfebrería ou de cerámica.
As xentes desta citania non podían cultivar directamente a terra das veigas que a arrodean. Para iso estaban as
villae ou vilas (casas de campo) e as pequenas aldeas que xorden á sombra de diminutos castrelos, como Casar do Mato, Castro Martiño, Ourantes ou Salamonde. Un exemplo de vila romana témolo no
soar de
Emilio Reburrino, responsable dunha famosa
ara adicada a Bandua en Eiras.
A datación tardía da construción escavada en Lámbrica non pode levarnos a pensar que a citania sexa do século I. A citania é froito dun longo proceso que comeza nos séculos VI e V antes de Xesucristo e que, nos seus inicios, contaría cunha maior parte de construcións con elementos vexetais, como acontece noutros castros semellantes. Na nosa zona obtivéronse datacións do século VI no
Coto do Santrocado e no
Castelo das Laias.
Voltando á vivenda escavada, destacar a aparición dun
tríscele pintado e dunha faciana humana esculpida en granito, ambos de tradición céltica ou indoeuropea, sólo explicables pola pervivencia de elementos culturais anteriores en plena época de romanización, na que os arqueólogos dataron esta vivienda.