Arredor de Lámbrica


BANDV ALAMB RICAEAE MILIVSRE BVRRNVS
Epígrafe repasado dixitalmente da ara de Eiras
BANDV
A LAMB
RICAE
AE
MILIVS RE
BVRR(i)N(us) V(otum) S(olvit)


Unha posible lectura provisional podería ser: Emilio Reburrino cumpriu o seu voto a Bandua de Lámbrica. "Cumpriu o seu voto" lese nas dúas derradeiras letras, VS, "Votum Solvit". Está marcado como enlace LAMBRICAE. A "provisionalidade" vén marcada pola falta de concordancia entre BANDUA e LAMBRICAE. Un estudo detallado podería dar pistas analizando a primeira letra da segunda liña, que non parece exactamente un "A".












Emilio Reburrino debeu ser algún potentado hispano-romano posuidor dunha villa ou casa de campo, o que hoxe poderíamos entender como pazo, rodeada por grandes extensións de terra que abarcarían a parroquia de Eiras e as aldeas de Loucía e Andrade.

Alí traballarían posiblemente escravos, que sacarían da terra e do gando os produtos de alimentación necesarios para soster á poboación da Cidade de Lámbrica, máis dedicada á vixiancia e defensa dos territorios (tanto do exterior coma dos propios habitantes máis descontentos), ás actividades artesanais ou de transformación (ferro, coiro, liño, orfebrería, madeira...) e ás actividades mineiras, espalladas polo territorio, moi particularmente no monte do Santrocado, no Puzo do Lago e nas abas da Madanela, no Carballiño, entre outros. Incluso nas propiedades do Reburrino, e noutras coma as súas, se debían realizar actividades artesanais.

Esta poboación que se dedica a actividades distintas da agricultura, e que permanece moita dela na citania, necesitaba comer. De aí a importancia das veigas de Eiras e de Loucía onde se cultivarían os alimentos necesarios para que esas xentes ocupadas en tarefas de transformación ou de extración de minerais, de fabricación de útiles, de prendas de vestir ou de vixiancia e defensa, poideran alimentarse.

Só as persoas máis importantes ou potentadas poderían permitirse erixir unha ara nas súas propiedades. Moitas destas aras, que poden datarse entre os séculos I e IV despois de Cristo, serán reutilizadas ou, polo menos, conservadas, no interior de igrexas e capelas, sendo utilizadas incluso despois da cristianización. Non son raros os casos nos que acabaron sendo pé de altar ou reutilizadas como pías de auga bendita. Non lonxe de Eiras temos os exemplos de aras dentro de igrexas en Santa Lucía de Erbededo, que foi parroquia de San Andrés, e Santiago de Trasariz, esta última adicada a Xúpiter.

Os posuidores sucesivos daqueles solares onde, centos de anos despois, se fundará o pazo de Eiras, conservarán a ara de Bandua con agarimo facendo de pé dunha mesa no xardín, con bancos de granito arredor dela. Nas súas inmediacións ergueuse un cruceiro, xa malogrado, que indicaría a cristianización dun antiquísimo lugar de culto a Bandua no que Emilio Reburrino tivera a ben instalar unha ara para facer ofrendas.

Nun raio menor de cen metros temos hoxe os pazos de Eiras, a casa reitoral e a igrexa de Eiras. Coñecemos casos de reitorais que conservan restos de villae romanas ou casas de campo importantes. Na de Eiras, RODRÍGUEZ COLMENERO infórmanos dun achádego de restos dun mosaico que o señor abade impediu escavar.

A escritura utilizada na ara de Eiras é a denominada capital rústica, chamada actuaria na súa variante epigráfica. Este tipo de letra aparece no século I despois de Cristo no Imperio Romano, pensada máis para ser escrita en papiro ou pergamiño con cálamo ou pluma de cana, difundíndose a súa utilizacion en libros a finais dese século e acadando maior apoxeo cara os séculos III e IV.

A data da inscrición na ara de Emilio Reburrino podería entón coincidir co declive da citania de Lámbrica e co auxe das villae, un cambio do sistema económico paralelo tamén á decadencia de Roma, época caracterizada polo abandono das cidades e pola ruralización.

Neste contexto poderiamos datar a ara de Eiras entre os séculos II e IV despois de Cristo. A referencia a un deus tradicional de Lámbrica -Bandua- non é razón suficiente para afirmar que a ara proceda de San Cibrao das Las, onde debemos recordar que xa se romanizaran cultos ancestrais na pedra de IOVI.

Na pátera de Badaxoz vemos unha muller con atributos de deusa da Fortuna que leva nunha man o corno da abundancia e na outra unha pátera para realizar ofrendas. Vemos tamén catro aras, ardendo ofrendas en tres delas, nunha paisaxe que parece rural, con penedas e elementos vexetais. Arredor da escea hai unha inscrición que di BAND ARAVGEL. Interesa destacar a paisaxe rural e a actividade de realizar ofrendas cunha pátera por parte dunha divinidade con atributos da deusa Fortuna. Seguramente esas ofrendas se fixeron a Bandua en aras similares á de Eiras.

É dicir, que esas páteras foron utilizadas para rituais deste tipo, nun entorno rural, a unha divindade prerromana e por parte de xente romanizada. Foi datada entre os séculos I e II despois de Cristo e podemos vela neste enlace. BLANCO FREIJEIRO defende que se trata dunha representación de Bandua con atributos da deusa Fortuna.

Quedémonos só coa escena para acercarnos ao que puidera ser un ritual deste tipo na época de Emilio Reburrino en Eiras: natureza, abundancia, agradecemento, ou petición, e ofrendas a Bandua feitas por xente romanizada e depositadas, con páteras, para arder no foculus dunha ara de pedra. O que realizaría as ofrendas sería o pater familias, o Reburrino, ou a persoa que el designara, no larario da súa casa ou vila de Eiras. Os seus descendentes manterían os rituais ata que a cristianización mudou os cultos. No solar dos Reburrinos edificarase entón a Igrexa parroquial co patrocinio dunha santa romana de boa familia, coma eles, Santa Uxía.

Incluso podería ser entendido un auxe tardío de divindades prerromanas, no contexto de disolución do Imperio, como defensa de certos grupos máis tradicionais (os potentados sempre son tradicionais) ante as novidades do culto cristián que empezaba a esparexerse polas cidades.

A cristianización posterior deixará no esquecemento á divindade Bandua, centrándose os cultos na nova relixión nada en Xudea e potenciada polo poder civil nos derradeiros tempos do Imperio. Curioso que un Imperio que axuda a crucificar a un xudeu proselitista, se aproveite da súa relixión dous séculos despois para intentar preservar o poder político.

A relixión cambia, como tantas outras veces, pero as elites, salvo casos moi contados, continúan. Nos solares desas elites e dos seus descendentes erixiranse oratorios que, co triunfo do Cristianismo, devirán en capelas e igrexas, algunhas das cales rematarán sendo parroquias a partires dos séculos VI e VII. Unha destas parroquias será Santa Uxía de Eiras. Alí conservarán a ara de Bandua, recordo dun culto anterior que sobreviviu ao Imperio Romano, pero que sucumbirá definitivamente coa cristianización.

Pero o nome de Bandua será esquecido para sempre polos descendentes dos veciños da villa de Emilio Reburrino, incluso polos posuidores da propia ara, que ficará gardada como curiosidade durante moitísimas xeracións nos xardíns do seu pazo en Eiras.




Como curiosidade, rematar dicindo que un dos descendentes deste Aemilius, xa nos albores do século XX, rexentaba unha "tenda de víveres que lle chamaban O Adrio". Chamábase tamén EMILIO, o "meu tío don Emilio", segundo conta Luís Tizón en Da Vendima á Zafra (ver artigo). O que vai entre comiñas é do propio Don Luís Tizón, que segue a dicir que nesa tenda "podíanse mercar patacas, garavanzos, fabas, touciño, algún xamón da Cañiza, o mellor de todos, e viño branco do Ribeiro".

Esta tenda estaba nunha casiña de pranta baixa ao lado da torre do pazo de Eiras. É posible, como era habitual noutros casos, que nese establecemento tamén houbera fonda. Algo borrado polo tempo, na porta, aínda se podía ler hai vinte anos "...vinos y comidas...". Naquelas datas o pazo de Eiras estaba DIVIDIDO. De feito, aínda hoxe non está completo, pois Don Avelino Tizón, que recuperou a finais dos anos vinte a maior parte do pazo, non puido facerse coa totalidade da propiedade, faltándolle a antiga torre e unha parte da horta.

É posible que iste sexa o segredo que garda a hospedaxe de Cuevilllas no "pazo de Eiras", que os maledicentes, mal informados e interesados, utilizan para acusar ao pobre arqueólogo de roubo da ara en San Cibrao das Las e posterior agasallo ao pazo de Eiras. Vaia engano! E todo para xustificar que na ara di "las brinca"... ou algo así...





A ARA DE EIRAS E LÁMBRICA
Sobre el lugar de aparición del ara de Eiras
Experimento: MB de Lámbrica na ara de Eiras
Artigo publicado o 13-01-2017 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal