Arredor de Lámbrica


A arte na citania de Lámbrica (II): petroglifos
Panel de Lámbrica, ofidio, cérvido e antropomorfo
No mesmo monte da Citania de Lámbrica, a Cidade da Chaira, non lonxe da pedra de Xúpiter (IOVI) e das potentes murallas do grande poboado da Idade do Ferro situado entre San Cibrao das Las e Ourantes, puidemos, non sen sorpresa, fotografiar a finais do verán de 2016, no mes de setembro e en horas cercanas ao solpor, esta pedra que semella conter unha escea.

Na fotografía superior remarcamos en amarelo, para que se poidan apreciar mellor, as contornas das figuras que alí observamos. Hai que facer notar que, como acontece noutros petroglifos con grande desgaste, só poden ser percibidos en determinados días do ano, con certa luz e en determinada posición do Sol no ceo. Afortunadamente, chegamos á hora xusta e no día adecuado.

Vemos unha serpe ou ofidio á esquerda, a silueta dun cérvido con gran cornamenta no centro e un antropomorfo á dereita, que parece levar algo na súa man. Tamén vimos algúns pequenos círculos concéntricos que nesta fotografía non se perciben moi ben e que por iso non remarcamos.

Non é posible, polo momento, ofrecer máis detalles. Salvo o ofidio da esquerda, non apreciamos moi nidiamente que estivesen realmente gravados, a non ser que estivesen moi desgastados. Sería novedoso, pero non imposible, que fosen pintados, pois as figuras recordan a representacións da arte esquemática da Península Ibérica e Portugal, maiormente realizadas con procedementos pictóricos e presentes dende os finais do Neolítico e os inicios da metalurxia, o que as conectaría cos petroglifos galegos.

A temática e, posiblemente, a técnica do panel son novedosas en Galiza, polo que merecerían certa atención por parte das autoridades culturais.

O petroglifo está inédito pero non moi ben conservado. Ademais, corre serio perigo, coñecendo as tropelías que ao longo da nosa xeografía fan as máquinas desbrozadoras que a cotío limpan os montes.

Non lonxe desta alucinante escea atopamos tamén algún petroglifo inciso que representa un puñal e, noutra peneda distinta, o que parece ser a representación do perfil do monte do Santrocado. Un paralelismo da representación do perfil deste monte témolo nas terras de Amoeiro, vinculado a un evento que se produce no Abeiro do Raposo nos solsticios de inverno. Neste enlace hai unha foto do petroglifo do Abeiro do Raposo.

LÁMBRICA e os seus arredores estannos a ensinar que a súa importancia pode ser moito maior da que se lle supón e que a súa cronoloxía pode retrotraerse algunhos séculos das datas que se lle outorgan oficialmente. En Lámbrica xa estaba o home dende moito antes do "seculo II antes de Cristo", independentemente de que as estruturas conservadas dentro das murallas poidan ser desa cronoloxía.

Paralelamente, o territorio vinculado a Lámbrica é moito máis extenso do que delimitan os muros do actual castro e do centro de interpretación que alí loce. As grandes citanias non teñen sentido se non hai un territorio circundante que aporte os recursos alimentarios que esas protocidades necesitaban.

Na contorna hai máis exemplos de petroglifos. A menos de dous quilómetros deste achádego están os petroglifos de Eiras, a peneda da Ermida, da que se notificou á Xunta do seu achádego, pero que continúa no mesmo abandono baixo toxos, xestas e piñeiros.

Cando falaba, hai algúns anos, dos petroglifos de Eiras referíame ao monte da Cidade como elemento común de certa relevancia na contorna.

Alí, nese monte, subindo da Chaira, será donde a finais do primeiro milenio se constrúan as defensas e moitas das cabanas do actual castro, seguramente sobre outro poboamento anterior. Desa vida anterior aos séculos II e I antes de Cristo, darían fe estes petroglifos de Lámbrica que, sen querelo, atopamos nunha noitiña do equinoccio de setembro.

Os petroglifos de Lámbrica seguen a esperar catalogación e, xunto cos da contorna, estudo, difusión e protección.


A lenda da Moura de Lámbrica
Arte na citania de Lámbrica (I)
A zona arqueolóxica Lámbrica-Santrocado non era (nin é) BIC
Artigo publicado o 11-01-2017 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal