Arredor de Lámbrica


🌿 O desaparecido cruceiro da Carballa de Eiras
Portada do pazo de Eiras cara a 1960.

Só coñecín do cruceiro da Carballa de Eiras a pedra da súa base, que sostiña o varal, e dous anacos deste último. A pedra da base era cúbica e tiña as aristas superiores en chafrán.

Algunhas persoas que chegaron a velo en pé din que tiña figuración, que non era de cruz simple, pero non sabemos máis datos. Podemos imaxinalo moi fermoso, se facemos caso do comentario de OZORES, CAO e o Marqués de Quintanar, que visitaron o pazo de Eiras a finais da década dos anos vinte ou primeiros trinta do século pasado.

A fotografía superior deixa constancia de que alí existiu tal cruceiro. Foi recollida do libro de MARÍA TERESA RIVERA RODRÍGUEZ, Los pazos orensanos, publicado a principios dos anos oitenta, na páxina 315. A fotografía ten que ser de finais dos anos sesenta ou principios dos setenta e constitúe xa un documento de elementos patrimoniais desaparecidos. Moitas persoas das novas xeracións nin xiquera sospeitan que alí houbo un cruceiro.

O redondel amarelo sinala os restos do cruceiro, que María Teresa Rivera aínda chegou a ver no chan e que nós podemos adiviñar, pese á mala calidade da imaxe. A mesma fotografía serve tamén para deixar constancia do San Antón de Padua, tamén de granito, que había enriba do portalón, e que roubaron haberá uns quince anos.


Os anacos do varal, de sección octogonal, aínda poden verse hoxe tirados ao pé da carballa, pero a base cúbica desapareceu haberá uns vinte anos, despois de estar depositada en dúas fincas privadas da parroquia. Dos escalóns ou chanzos que parecen verse na fotografía de TERESA RIVERA, que arrodearían a base cúbica, tampouco sabemos nada.

Os cruceiros delimitan ou sinalan espazos sagrados. A menos de cen metros tamén temos a igrexa parroquial. Algunhas das procesións relixiosas, concretamente a de San Bertolameu, que se celebra o 24 de agosto, dirixíanse cara este cruceiro. Segue a manterse esta costume, aínda moitos anos despois da desaparición do monumento, o que nos indica que a sacralidade está no propio lugar, non só nos cruceiros.

OZORES, CAO e o Marqués de Quintanar refírense ao lugar do cruceiro de Eiras coas seguintes palabras, publicadas en 1932:

"Da entrada al pazo una portalada almenada que se levanta en un ensanchamiento del camino, casi una plaza, a la que da sombra un roble varias veces secular, hermosísimo ejemplar que conservan y cuidan con verdadera veneración los dueños del pazo y los vecinos de Eiras. Un antiguo crucero, uno de esos cruceros gallegos, tan bellos y tan románticos, que tanto abundan en el país, sobre todo en las regiones y aledaños de la costa atlántica, centra la plaza."



Da Carballa, dicir que se trata dun soberbio exemplar de máis de sete metros de perímetro que ardeu nos anos cincuenta por causa, parece ser, dunha trasnada de rapaces. Dise que querían queimar un niño de abesouros.

Nas décadas seguintes foi maltratada tanto por administracións (asfaltados) coma por veciños e temporais, renovando lateralmente con bastante vigor. Aínda se conserva algo dela, estando vivos os renovos posteriores ao incendio, pero as perspectivas non parecen serlle moi favorables. A caracocha da antiga árbore centenaria esmorece de ano en ano. É unha das árbores senlleiras de Galiza.


BIBLIOGRAFÍA

RIVERA RODRÍGUEZ, M. T.: Arquitectura del siglo XVIII en la provincia de Orense. Los pazos orensanos. Editorial Atlántico. Madrid, 1982.

OZORES PEDROSA, X. et al.: Los pazos gallegos. Cuaderno VII. Pazo de Eiras. Ed. PPKO. Vigo. 1932.








Outro cruceiro. "Cruz celta" ou nimbada, na parroquia de Eiras





Cruceiro da Ermida



BANDV ?LAMB RICAEAE MILIVSRE BURRNVS
Sobre el lugar de aparición del ara de Eiras
Luís Tizón e a Casa Grande de Eiras
Artigo publicado o 03-12-2016 15:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0