"Cortijo" en venta. Así rezaba o anuncio que puxo á disposición do público un dos pazos máis antigos das comarcas do Carballiño e do Ribeiro.
Fundado no ano 1600 por D. Juan Vázquez de Castro, da casa de Sabariz, o
Pazo de Eiras pasou por multitude de familias, case todas vinculadas á flor e nata da baixa nobreza galega: Toubes, Varela, Gaioso, Araúxo, Salgado, Temes, Sotelo, Enríquez, Nóvoa, Pallarés... ata rematar cos Tizón. A finais do século XIX e principios do XX foi repartido entre as ramas da familia. Alí naceu Luís Tizón, un descendente da potentada familia que nos conta as súas andanzas na noveliña de Comas Paret "
Da vendima á zafra".
Recuperado case na súa totalidade -exceptuando a torre- por Don Avelino Tizón, despois de estar dividido entre familiares, foi obxecto de drásticas reformas polo mesmo Don Avelino, nos anos trinta e corenta do século pasado. Nesas reformas engadíuselle outra altura en algúns tramos e construíuse o torreón que aínda hoxe se pode ver. O que eu chamo "
torreón" non debemos confundilo coa torre á que antes me refería, que se salvou das reformas por non pertencer á propiedade.
O "torreón" é unha construción moderna, de ladrillo e cemento, que mantén na súa parte superior un depósito de auga e que podemos ver na fotografía.
A torre é un dos edificios máis antigos do pazo, pegado a el pola esquina Suroeste. Non pertence á propiedade, o que posiblemente é froito da división entre familias anterior á obra de Don Avelino. Esta vella torre do pazo de Eiras conserva cara o exterior a súa tipoloxía orixinal e, tamén, a tella árabe, retirada no resto do pazo polas desafortunadas reformas de Don Avelino.
Volvendo á propiedade en venta, dicir que no seu interior conservaba -supoño que aínda conservará- unha das xoias da arqueoloxía ourensá, a
ara de Bandua, cunha
inscrición onde se quixo ver o nome da citania de San Cibrao das Las,
Lámbrica (
Lansbriga para outros). Estaba sostendo unha mesa de pedra no xardín, aínda que hai algúns anos a mesa foi retirada e a ara quedou á intemperie. Supoñemos que estará á venda, xunto co resto do inmoble. Alguén tería que remediar isto.
Levan bastantes anos intentando vender o pazo de Eiras e o prezo parece razoable. ¿Non sería asumible perfectamente polas administracións culturais para instalar nel o centro de interpretación castrexa, o
Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica (sic)? Non, houbo que gastar máis de nove millóns de euros e levalo para a cima da citania nun edificio agresivo para unha contorna castrexa.
O pazo de Eiras, situado a só un quilómetro da citania e coa
ara de Bandua dentro, foi unha ocasión de ouro perdida polas nosas autoridades culturais, que se mantiveron máis ocupadas en malgastar o diñeiro promovendo edificios nos castros, abandonando os pazos e permitindo o derrubo de portadas de reitorais, de cabaceiros e de outras tipoloxías tradicionais, ademais de facer caso omiso á citada
xoia arqueolóxica, esquecida dende hai longos anos nos xardíns deste vello e maltratado pazo.