Arredor de Lámbrica


O Castro Martiño en Xinzo
Castro Martiño dende o camiño da Regha
Na parroquia de Santa Uxía de Eiras (concello de San Amaro) existe unha aldea, Xinzo, situada nas abas do monte de Santrocado. A douscentos metros ó Noroeste desta aldea hai un monte, o Castro Martiño, que, como o seu propio nome indica, agocha unha aldeíña fortificada situada en liña recta a só 1800 metros de Lámbrica.

A tradición oral fálanos do Castro Martiño como un lugar onde existe unha mina na que habita, habitaba, unha serpe.

O réptil era longo
, á dicir dos veciños, porque chegaba dende o Castro Martiño ata a Cidade, pois así chamaron sempre os de Xinzo ao castro do Santrocado, situado a 1000 metros en liña recta cara o Nordés, ou sexa, un pouquiño más cerca que Lámbrica.

O Castro do Santrocado é o punto máis alto daquela comarca (550 metros sobre o nivel do mar) entre os concellos de San Amaro, Punxín e Cenlle, un territorio que poderíamos considerar o territorio de Lámbrica, cuxa capitalidade política estaría en algún momento no seu castro más importante, Lámbrica -que outros prefiren chamar Lansbriga- e que está situado entre San Cibrao das Las e Ourantes, entre as terras dos concellos de San Amaro e Punxín. Este castro, ou citania, de San Cibrao, Lámbrica, é o maior de todos iles -algo máis de 9 hectáreas- e ostenta a particularidade de ter un gran recinto central no que non existen construcións para vivenda, por iso se se lle supón a este recinto unha funcionalidade sacra, relixiosa, ou de tipo militar. As vivendas e os talleres estaban situados nun segundo recinto máis exterior, rodeado por outra muralla. Esta presenza dun gran recinto central en Lámbrica lévanos a comparalo coas grandes citanias do Norte de Portugal.

Arredor de Lámbrica -insistir en que Lámbrica é o antigo nome da cidade de San Cibrao de Las- existe unha constelación de pequenos castros, máis pequenos pero non por elo menos importantes, sen o grande recinto central, que constitúen a orixe de moitas aldeas da contorna: Eiras, Casar do Mato, Castro Martiño, Laias, Ourantes…

Outro deses castros que arrodean Lámbrica, e o de máis altitude, é o do Santrocado, no curuto do monte do mesmo nome, do que xa dixemos que estaba 550 m. sobre o nivel do mar. A primeira ocupación do castro do Santrocado, onde está a capela, estímase que foi entre os séculos VII e VI antes de Cristo. Este último castro non deu lugar a ningunha aldea, pero a súa memoria permaneceu viva ó traveso dos séculos coa cristianización e coa presenza dunha capela na que se celebraba –e se celebra aínda- a romaría do San Trocado, na que, curiosamente, se bendicían os campos dos arredores presidindo os ritos o abade de San Cibrao de Las, o que indica unha certa primacía entre os cregos das outras parroquias. Ata alí subían procesións procedentes das catro parroquias que arrodean o monte do Santrocado: Eiras, Las, Ourantes e Laias. En todas estas parroquias coñecemos, ó menos, un castro, aínda que podería haber máis. En Eiras, por exemplo, contamos con dous: o castro de Eiras, moi cerca dunha vila romana e da igrexa parroquial, e iste do Castro Martiño en Xinzo.

O Castro Martiño é un dos maiores castros da contorna (se exceptuamos Lámbrica), cunha superficie aproximada de dúas hectáreas, pero a inexistencia de escavacións e de estudos, así como a abundante vexetación, fan difícil coñecer ou entrever as súas estruturas. Os segredos do Castro Martiño seguirán esperando, para ser desvelados algún día, debaixo de carballos, toxos, piñeiros e mimosas. As coordenadas xeográficas aproximadas son as seguintes: 42º 20' 43" N, e 8º 02' 37" W.

Ten certa lóxica supor que o castro albergou á poboación máis primixenia da aldea inmediata, Xinzo de Eiras, a poucos metros del. En Xinzo vivíase ata non hai moito tempo da agricultura e da gandeiría, axudándose para os gastos da casa coa eventual venda de madeira. Un dos cultivos tradicionais, coñecidos ata lonxanas terras da Rodeiro, era o viño, que se daba en sucalcos cara a ribeira do río Miño. A división territorial sen fundamento, en concellos artificiais, deixou a Xinzo fóra da Denominación de Orixe Ribeiro, pese a posuir unha das mellores zonas de viño na ribeira do Miño central.

Voltando ó Castro Martiño, son impresionantes as defensas naturais cara o Oeste, orixinadas nunha falla xeolóxica que recorre o pequeno val do regato de Farcixo. Salvando o desnivel que existe entre o Farcixo e o Castro Martiño, poderemos acceder facilmente á ribeira do Miño na actual parroquia de Razamonde e, se nos diriximos cara o Oeste, ó outro lado do regato Farcixo, chegaremos en dez minutos ós petroglifos da Ermida, onde, nun lugar case inmediato chamado O Couto, atopamos restos dunha mámoa e un cruceiro, este último testemuña da cristianización de cultos anteriores.

Foi neste lugar do Couto onde comenzamos a nosa visita. Para chegar ó Castro Martiño tivemos que descender primeiro ata o val do regato Farcixo, a uns 290 metros sobre o nivel do mar, por un precioso lugar chamado A Regha.

O camiño que nos leva ata alí é un vello camiño de carro, seguramente milenario, con treitos tallados nas laxas que manteñen as sinais das pegadas das rodeiras talladas durante séculos (os camiños similares que había na Ermida, a poucos centos de metros, xa foron arrasados polas máquinas do "progreso", con repoboacións forestais promovidas pola Xunta de Galicia). Necesitábamos protexer estes camiños, vestixios dunha cultura milenaria de apego á terra e á contorna.

Ó val do Farcixo chámaselle A Regha, como xa se dixo, e alí tamén existiron bancais de viñedos ata hai pouco menos de corenta ou cincuenta anos. Camiñando cara o Leste, en escasos 150 ou 200 metros pasamos dos 290 metros sobre o nivel do mar no Farcixo a 370 metros na croa do Castro Martiño, o que pode dar idea da verticalidade do terreo por esa ladeira.

Estamos acostumados a que os libros de divulgación nos conten que os romanos "obrigaron ós habitantes a baixar dos castros", pero esta afirmación en Xinzo non tería sentido pois, curiosamente, a aldea actual ten algo máis de altitude que o castro orixinario (381 m.). É posible que o traslado de población ó novo establecemento de Xinzo se producise por algún problema de abastecemento de auga ou por un aumento de poboación que imposibilitara a vida dentro do castro. Tamén puido orixinarse cun establecemento agropecuario medieval na actual aldea, que recibiría o seu nome dun posuidor (Xinzo, de Genicio?), pero todo isto son hipóteses miñas sen maior importancia.

Non existe bibliografía sobre o Castro Martiño, nin hai constancia de que fose escavado nunca. O terreo no que se asenta é de propiedade privada e está distribuido en arredor de medio cento de parcelas.

O parcelario, coas súas liñas curvas, pode darnos unha idea dalgunhas das súas defensas, sexan terrapléns, murallas ou foxos. Só puidemos adivinar un pequeno lenzo de muralla, na parte Sur, cunha anchura inusual para ser un valado dunha finca. Na parte Oeste aproveitaríanse da verticalidade do terreo para asegurar a súa defensa.

O Castro Martiño ten forma de óvalo orientado de Nordeste a Sudoeste. Na constelación de castros que arrodean a Lámbrica ocupa un lugar preferente tanto pola súa superficie como pola súa cercanía, pois está tan só, como xa dixemos, a 1800 metros en liña recta da Citania. Do castro do Santrocado xa sabemos que está tan só a 1000 metros. A Eiras hai 1400 metros e, se bordeamos o monte do Santrocado dirixíndonos ao sur dende Castro Martiño, andaremos aproximadamente dous quilómetros para chegar ao grande poboado do Castelo, entre Laias e Barbantes.

O Castro Martiño ocupa, logo, unha posición bastante privilexiada, cercana a todos estes outros castros, e inmediato ás vetas estanníferas e aos recursos auríferos que gardaban aqueles montes.

Na zona Nordeste, entrando dende a estrada a Xinzo, existía unha mina (de auga?) onde se ubicaba a lenda da serpe que chegaba ata a cima do Santrocado e que supoñemos que gardaría as consabidas trabes de ouro e de alquitrán. Ignoramos cal era a entrada orixinal do castro.

A zona alta ou croa do Castro Martiño ten unha superficie aproximada de 0,74 hectáreas e parécenos que podería ter forma case circular, non oval como a totalidade do xacemento. Nesta zona central ou croa existen rochas con insculturas, particularmente algunhas coviñas.

Nunha destas rochas, nas que non é dificil atopar modificacións antrópicas, vemos un oco circular estreito e profundo que alimentou a imaxinación popular, transmitindo a tradición oral que era para "poñer a bandeira".

Na Gran Enciclopedia Galega (Vol. 27, Voz "San Amaro") dise que no Castro Martiño "existen referencas de hallazgos de material diverso", sen precisar nada máis. Tamén se di que "se relaciona con las explotaciones mineras que hasta hace poco estuvieron en funcionamiento en esta localidad para aprovecharmiento de estaño y wolframio".

Os medios de vida no Castro Martiño non deberon ser moi distintos dos que seguiron a practicar os veciños de Xinzo ata hai ben poucos anos, baseados na agricultura e na gandeiría. Paralelamente, como se afirmaba anteriormente, debeu existir certa actividade mineira baseada nos recursos minerais de estaño e de wolframio, incluso de ouro. Algúns achados arqueolóxicos en bronce xa se fabricaron cara os séculos VI ou VII antes de Cristo, como testemuña a lanza atopada por Cuevillas no concello de San Amaro, e... para fabricar bronce fai falta estaño.

En canto ás comunicacións, xa vimos que estaba relativamente cerca de outros xacementos da contorna que puideron ser coetáneos, pero debemos destacar a saída á vía fluvial máis importante, o río Miño, que tamén estaba garantida pola actual parroquia de Razamonde, cunha distancia de 2000 metros á mesma ribeira do Miño, pasando cerca do establecemento romano, do que nos quedou unha singular fonte, a fonte de Lagharellos.

O Castro Martiño pola súa superficie e pola súa configuración parece similar á do castro do Santrocado, con lenzos de murallas discontinuos e aproveitamento de defensas naturais. Á espera de que as administracións culturais se dignen a investigar -ou a favorecer a investigación- sobre o noso pasado, poderíamos atrevernos a afirmar que o Castro Martiño non é posterior ós séculos VII ou VI antes de Cristo, entre finais da Idade do Bronce e os inicios da Idade de Ferro, datacións que tamén se manexan para o Castelo de Laias.

A existencia destas pequenas fortificacións poden deberse a ausencia dunha maior entidade política que as englobara, por iso poderíamos consideralas anteriores á citania de Lámbrica.

Edificada Lámbrica, en plena Idade do Ferro, e reedificada posteriormente, xa entre os séculos II e I antes de Cristo, é probable que a poboación destes pequenos castros continuara a súa actividade económica tradicional sometida ós designios da autoridade política que os "centralizaba", Lámbrica. A aportación de man de obra procedente destes pequenos castros sería fundamental para o traballo das minas e dos talleres dos que temos constancia nos restos de escouras de mineral que aparecen na propia Lámbrica.

Os romanos, lexos de constituír grandes urbes na nosa zona, limitaranse a suplantar o poder político e a introducir as súas crenzas relixiosas, (véxase o IOVI en Lámbrica), aínda que ás veces asimilaran as nosas (ara de Eiras), permitindo que as explotacións económicas -estaño, ouro, agricultura e gandeiría- continuaran máis ou menos como ata entonces, ó menos dende o punto de vista do mineiro-agricultor-gandeiro.

Só nalgúns latifundios se establecerían o que supoñemos eran vilas romanas, con establecementos agropecuarios de grandes superficies, que serían a orixe dalgúns dos actuais pazos ou reitoriais, como sucedeu en Eiras, onde apareceron restos dun mosaico romano. O poder relixioso, unha vez rematada a actividade mineira nesta zona e diluído o Imperio romano, suplantaría -a súa vez- ó poder político tradicional dos castros. Fórmaríanse agora as parroquias e irían xurdindo as relacións feudais. Os castros quedarán, logo, abandonados, establecéndose a poboación en pacíficas aldeas, ó servicio de señores diversos, sexan laicos ou eclesiásticos.

Sirva este artigo como denuncia do estado de abandono dunha das xoias que gravitaron, e que aínda permanecen, arredor de Lámbrica, e que esperan con paciencia que veciños e autoridades políticas se involucren na súa investigación, conservación e difusión, que deberían comenzar pola declaración dos xacementos como Ben de Interese Cultural e pola protección seria das fermosas paraxes naturais e tradicionais -irrepetibles e en perigo- que acollen a estes xacementos arqueolóxicos.


Artigo publicado o 16-03-2015 20:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal