Arredor de Lámbrica


A lenda da Moura de Lámbrica
Lámbrica
"N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca".

CUEVILLAS e BOUZA BREY recolleron esta lenda en Eiras, no concello de San Amaro, relatada por Segundo González (CUEVILLAS, F. e BOUZA BREY, F.: Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza. Seminario de Estudos Galegos. Páx. 145. Ed. Nós. A Coruña, 1929).

Trátase dunha lenda relativa ó castro da Cidade, unha citania máis coñecida hoxe como castro de San Cibrán das Las, que poderíamos chamar Lámbrica, se nos atemos a unha ara de Bandua que apareceu en Eiras.

As lendas de mouras con forma de serpe que procuran ser desencantadas mostrando unha flor na súa boca repítense noutros lugares da nosa xeografía, aínda que non demasiados. Atopei as seguintes:

Unha está ubicada en Francelos (Ribadavia), e parece que tamén foi recollida por CUEVILLAS. Obtida no blogue La Luna que se mece eternamente: No lugar chamado Chan da Moura, unha moura preséntase con figura de serpe cun caravel na boca ó home que queira desencantala. Para conseguir o desencantamento, o home deberá retirar o caravel cos seus propios beizos. O relato continúa dicindo que o mozo que pretendía desencantala, preso de medo ou de asco ó verse abrazado pola serpe, soltouse violentamente tremendo o monte cun ruído enorme.

Miño abaixo, volvemos atopar outra lenda moi semellante as de Lámbrica e de Francelos en Currás, no concello de Tomiño, lenda recollida dunha veciña por MANUEL VIDAL VILLAVERDE:
“A nosa guía indicou que a este sitio sempre se chamou o Adro, e, da outra banda do muro, a uns trinta ou cincuenta metros aló, coñécese polo nome de Campo da Moura.

Seica había neste campo unha moura trocada en cobra, que se desencantaría si algún home lle dese un bico. A un que pasou por aquí presentóuselle a cobra, e díxolle que si lle daba un bico o facía rico. E tal foi. Contan que os portugueses levaron o ouro de aquí, e tamén os franceses” (VIDAL VILLAVERDE, M.: “Encol da vila romana e necrópole de Currás”. Grial 21. Páx. 501-502. 1983).


En Redondela, no Castro de Negros, atopamos outra lenda curiosa dunha moura, moi semellante ás anteriores pero máis completa. Foi obtida da páxina web La Galicia Encantada. Esta moura de Negros “sae todas as mañás a recibir o sol nacente (a cavidade está orientada ao leste) e fai rezos e invocacións ao astro solar”. Polas noites toma forma de serpe e sobe ata o curuto do castro. Na "Cadeira da Moura", unha rocha ao bordo do precipicio, senta, tomando forma de muller moi fermosa, e peitea o seu cabelo cun peite de ouro baixo o luar.

A moza garda un gran tesouro, e só aquel que sexa capaz de romper o feitizo poderá casar con ela e acceder ás riquezas gardadas pola moura.


Conclusións

Non é a intención agora a de comentar nada sobre a posible identidade das mouras ni sobre a interpretación deste tipo de lendas, nas que sempre están presentes a riqueza, a fermosura, a valentía e, tamén, o medo, que fai fracasar os proxectos. Por outro lado, a figura da serpe tamén pode ser obxecto de interpretacións variadas, case sempre condicionadas, ou contaminadas, pola cultura cristiano-occidental, o que conducirá a conclusións erróneas.

Só queremos deixar constancia de que podemos completar a pobre declaración do veciño de Eiras que encabeza este artigo, recollida por CUEVILLAS e BOUZA BREY en 1929, sendo evidente de que non se trata dunha lenda completa, pois faltan datos do relato. Non nos imaxinamos ó señor Segundo de Eiras contándolle ós nenos arredor la lareira unha lenda tan breve.

A Moura das Las, ou de Lámbrica, ten forma de serpe diante da persoa que quere desencantala, pero o propio nome de moura suxire que tería forma de muller en outras ocasións, tal e como lle sucede na lenda de Redondela.

Sería case obrigado pensar que a lenda da Cidade de Lámbrica comezara cun relato sobre a beleza da moura e algunha pequena descrición das riquezas que gardaba, normalmente ouro.

A cadeira ou Silla da Reina presente no Castro de Negros ten o seu paralelismo na Silla do Rei que está no castro de Lámbrica. Da Silla do Rei de Lámbrica non existen referencias bibliográficas pero sabemos que estivo, e debe de estar aínda, presente na tradición oral.

Outro aporte das outras lendas é a caste de flor que porta a serpe: poderíamos aventurar que a moura de Lámbrica levaría tamén un caravel.

Con estes datos atrevinme a reelaborar a lenda da Moura de Lámbrica, completando o relato do señor Segundo de Eiras cos datos das outras lendas semellantes recollidas en Currás, Francelos e Redondela. Esta reelaboración poderíamos transmitirlla tranquilamente ós nosos fillos e netos se non tivesen o pasatempo das redes sociais e dos videoxogos:


A MOURA DE LÁMBRICA

A citania de Lámbrica está en Ourense, entre os concellos de Punxín e San Amaro, e foi unha cidade moi rica en tempos dos mouros. Quedou neste castro unha moura moi fermosa que gardaba os seus tesouros. A moura saía a peitearse todos os abrentes nos días claros dos solsticios, sentándose na Silla do Rei e rendéndolle pleitesía ó Sol.

Contan que esta fermosa moura foi vista en certas ocasións, estendéndose pola contorna os comentarios sobre a súa beleza. Era cobizada por todos os afoutos mozos de Ourantes, Andrade, A Torre e Cristimil, e tamén por algúns, os máis valentes, de Xinzo, Alemparte, Eiras e Beariz.

Un deses mozos, o Camilo, veciño de Cristimil, atopouna no camiño cando volvía cun carro cheo de toxos do monte comunal. A moza era realmente fermosa, cuns cabelos louros e longos que peiteaba cun peite de ouro que reflectía os raios de sol en todas as direccións.

Tras un intercambio de palabras, a moza propúxolle que o faría rico se seguía as súas instrucións, asentindo deseguido o garrido mozo.

A proba consistía en volver pola primeira noite do seguinte plenilunio ao castro, onde debería esperala no mesmo penedo da Silla do Rei para darlle un bico, sacándolle un caravel da boca, para poder desencantala. A moza casaríase con el e vivirían das riquezas gardadas no castro, moreas enormes de moedas e carros de xoias, todo en ouro.

Pasara o que pasase o mozo non debería recuar, dándolle a súa palabra á moura de que así o faría.

Pasada a media noite do plenilunio, o noso valente mozo diríxese cara ao castro, despois de meterlle ó corpo unha copiña de herbas para escorrentar o medo e o frío da noite.

Cando empeza a subir, ó pasar a fonte de Cristimil, víase valente, pero a escuridade da noite e as sombras ameazantes dos poleiros dos carballos á luz da lúa clara facían, de cando en vez, estarrecer o seu corpo. Chegado á Silla do Rei séntase tembloroso, esperando que apareza a súa amada.

Mentras esperaba escorrentaba o medo traendo ao maxín as historias que se contaban na aldea das moreas de ouro que os mouros deixaran baixo o castro. Ninguén aseguraba nada, pero uns decían que estaban gardados por unha grande serpe, que impediría que ningún humano se apropiara dos tesouros. Outros falaban de dúas grandes trabes que había debaixo do monte, unha de ouro e outra de alquitrán. Pero sería temerario poñerse a picar para topar a de ouro co risco de picar na de alquitrán, que sería fatal para unha ducia de parroquias da contorna: Ourantes, San Cibrao, Vilela, Salamonde, Beariz, Eiras, Laias, Erbededo, Vilar de Rei, Freás, Santa Comba e Razamonde. Os máis, falaban dunha moura que gardaba tesouros e que saía a peitearse sentada no primeiro chanzo da Silla do Rei, pero ninguén dos coñecidos da parroquia a vira nunca desde había centos de anos.

Por fin, escoitou un ruído de follaxe e imaxinouse á moura acercándose. Pero o que acadou a ver foi unha serpe noxenta e longa que levaba un caravel na boca e que se dirixía ós seus pés. O mozo recordou as palabras da moura, de non recuar pasara o que pasase, e permaneceu inmóbil. A serpe comeza a subir polo seu corpo, enroscándose e mostrándolle o caravel na súa horrible boca. Un grande estarrecemento, provocado polo medo e o noxo, sacudiu ó afouto mozo de Cristimil, que, esquecéndose das promesas dadas á fermosa moura do día anterior, tentou sacudir ó réptil con todas as súas forzas.

Non foi fácil, pero, tras dunha forte losqueada, a serpe caeu finalmente ó chan provocando unha grande sacudida no outeiro. O mozo escapou para a súa casa, estivo encamado varios meses e nunca máis tivo azos para achegarse polo monte. Os segredos e o ouro de Lámbrica quedaron ocultos para sempre.

Hoxe, a citania está pechada con aramio para cobrarlle entrada a todos os que queiran visitar a antiga Cidade. A Moura non apareceu nunca máis.





Petroglifos na citania de Lámbrica
DESCRICIÓN DA CITANIA DE LÁMBRICA
Imaxinacións... (artigo posterior)
Artigo publicado o 26-12-2014 20:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal