Transcrición do epígrafe da ara de Bandua de Eiras (San Amaro, Ourense), onde figura o posible nome do castro de San Cibrao das Las,
LÁMBRICA. Esta transcrición foi realizada dixitalmente, repasando fotografías obtidas nunha visita á ara en xuño de 2007 e contrastándoas con fotografías dos
moldes de xeso do Museo Arqueolóxico de Ourense.
LÁ
MBRICA, ou LÁ
MBRIGA, está sinalada en cor verde. Artigo modificado o 17 de xaneiro de 2017.
Lam (
[tʃan], chao, chaira), unido ao sufixo céltico
-briga (cidade forte) forma unha palabra composta que podería significar
A Cidade Forte da Chaira ou dos Chaos, entendendo que podía referirse ao actual e
case musealizado Castro de San Cibrao das Las. Non obstante, tendo en conta a rica contorna arqueolóxica na que se asenta, arrodeando o monte do Santrocado, con xacementos tan importantes coma o do Castelo de Laias, poderíamos tamén entender que Lámbrica puido designar todo o
territorio dependente da
citania.
Esta
citania de Lámbrica ou de San Cibrao das Las está situada nun outeiro de 469 m. de altitude, nunha elevación case chaira na súa cima. Por iso as súas inmediacións son coñecidas aínda hoxe polas xentes dos arredores como
A Chaira. O termo
chaira pode dar lugar a confusión, imaxinándose, sobe todo aquelas persoas de fóra de Galiza, un val, que traducen literalmente por "
llanura", cando realmente estamos a falar dunha pequena "
meseta", para entendernos, unha superficie chaira en altura.
Son formacións xeolóxicas moi antigas, de certa altitude e moi erosionadas, o que lle confire ese aspecto de pequenas mesetas. Este tipo de formacións pasaron á toponimia e a microtoponimia como
Chaos. Existen montes con esa denominación nos arredores (
Monte do Chao entre Eiras e Vilar de Rei) e entidades xeográficas como
Os Chaos de Amoeiro, de idéntica factura xeolóxica, ao outro lado do pequeno val do Barbantiño, a escasos quilómetros da
citania.
FERNÁNDEZ ALBALAT opina que as dúas raíces que constitúen o topónimo presente na ara de Eiras son aparentemente contraditorias no seu significado: LANON,
chaira ou lugar plano, e BRIGA,
fortaleza, montaña, elevación (FERNÁNDEZ ALBALAT, 1990, páxina 135). Se visitamos a
citania comprenderemos ben como é posible a existencia dunha fortificación elevada e chaira á vez.
Outra denominación tradicional é
O Monte da Cidade.
A
citania é coñecida na bibliografía como Castro de San Cibrao de Las, pero poderíamos concluír que Lámbrica é o seu nome orixinal se consideramos -como fan moitos autores- que o epíteto de Bandua presente na ara ara de Eiras se refíre á citania. O problema é que as lecturas que se fixeron do epígrafe son extremadamente diverxentes e con enmarañada bibliografía, xurdindo así outros dudosos nomes que tentaron atribuírse ó castro como *
Lanobriga, *
Lansbriga, *
Lansbrica ou *
Alaniobriga. Na fotografía adxunta remarcamos en cor verde o que consideramos o verdadeiro topónimo da
citania ou, cando menos, a correcta lectura do epíteto de Bandua na
ara de Eiras: LÁMBRICA.