Arredor de Lámbrica


O retablo barroco de Santa Uxía de Eiras
San Xosé no retablo de Eiras (San Amaro)
Na contorna inmediata do lugar onde se atopou a ara de Bandua de Eiras está a igrexa parroquial de Santa Uxía. É un edificio realizado entre os séculos XVII e XVIII, con capela anexa onde di que a "HIZERON Y DOTARON A SU COSTA BARTOLOMÉ VÁZQUEZ DE SABARIZ FAMILIAR DEL SANTO OFICIO DE INQUISICIÓN Y CATALINA VÁZQUEZ SU MUJER Y HEREDEROS", según podemos ler nunha inscrición exterior. Don Bartolomé Vázquez de Sabariz finou en Eiras en novembro de 1628.

Non hai vestixios de construcións románicas, aínda que por tradición oral chegamos a saber que había "un carneiro" no adro, desaparecido, e que Eiras tivera unha "igrexa de carneiro". Con todas as reservas posibles, podemos sospeitar da existencia dunha antiga igrexa en Eiras antes do edificio que agora coñecemos, pois os "carneiros" son moi habituais coroando os cumios nos tellados das igrexas románicas.

Pero na contorna da actual igrexa e da casa reitoral foron atopados restos aínda moito máis antigos, da época romana: Ademais de tegula, apareceu algo tan curioso coma un mosaico, que foi enterrado inmediatamente por orde do párroco, feito do que temos noticia a través de CHAMOSO LAMAS e de RODRÍGUEZ COLMENERO.

No exterior da parte máis antiga da igrexa, no muro norte, atopamos algunhas pedras curiosas con debuxos de reticulados, que deberon ser aproveitadas de construcións anteriores.

Xa dentro do templo é destacable o retablo maior, feito por Francisco de Castro Canseco en 1704. Consta de dous corpos e tres rúas ou canles, delimitadas por esveltas columnas salomónicas de cinco voltas cheas de vides e acios de uvas. A principios do século XXI foi "restaurado", aínda que a colocación dalgunhas imaxes non foi respectuosa coa disposición orixinal.

Na fotografía, de 1995, que acompaña a este artigo vemos un San Xosé na súa ubicación orixinal, á esquerda do altar, mirando desde a nave. O San Xosé, é unha deliciosa escultura do mellor barroco galego que resume perfectamente as características da arte relixiosa nesta época: Un pai que mostra con agarimo ó seu Fillo, soportando o vento que lle move as vestiduras pola súa parte dereita, o vento que chega da parede norte do templo. A súa intención, posiblemente, sería inserir agarimo, paciencia e amor paternal nos fieis.

Esta imaxe estaba orixinalmente na parte esquerda do retablo, na zona do Evanxeo, colocada simétricamente ó San Xoán Bautista que está na parte dereita. Ambas imaxes, entre columnas salomónicas inzadas de vides, flanqueaban a canle central do retablo onde debeu existir un expositor do Santísimo.

No corpo alto ou ático do retablo estaba a imaxe da patroa, Santa Uxía, cos atributos da espada e da palma. Esta imaxe foi realizada expresamente para ser contemplada dende abaixo, alongando desproporcionadamente o seu canon. Arredor da súa fornela existen representacións dos astros: Sol, Lúa e estrelas, unha delas con forma de cruz.

O sagrario deste retablo foi substituído a mediados do século XX polo que se pode ver hoxe. O anterior tiña unha porta de madeira onde estaba esculpida en relevo a escea da Resurrección de Xesucristo. Na década dos anos noventa do século pasado aínda podía verse gardada nun armario da sancristía.

O fermoso retablo ben merece unha visita, pero terá que ser -como case sempre nestas terras- en horario de culto.


Ver Eiras, San Amaro, na Galipedia
Artigo publicado o 31-05-2014 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal