Arredor de Lámbrica


O castro de Casar do Mato
Castro de Casar do Mato
O castro de Casar do Mato está situado na aldea do mesmo nome, na parroquia de San Martiño de Beariz (San Amaro). Atópase na cima dun outeiro e ten forma dun pequeno óvalo cuns 170 metros no seu eixo maior. A superficie aproximada que encerran as murallas é duns 13000 metros cadrados e atópase totalmente parcelado, dividido entre propietarios particulares.

En superficie non se atopan restos, pero sabemos da existencia do xacemento pola toponimia (O Castro). Nas aldeas de Outeiro e de Casardomato aparecen pedras nas casas con características propias do mundo castrexo, como pode ser algún muíño de man.

Un pequeno outeiro, asollado, ben orientado e con auga abundante parece ser o lugar idóneo para o establecemento gandeiro e/ou agrario. Enriba, existe visibilidade directa coa citania de Lámbrica (San Cibrao das Las) e co castro do monte do Santrocado.

A relación do castro de Casar do Mato con Lámbrica, tanto pola cercanía como pola comunicación visual, parece evidente. Este tipo de establecementos pequenos, orixe de moitas aldeas da contorna, contribuirían ó desenvolvemento da cidade de Lámbrica aportando non só man de obra, senón tamén produtos agrarios que serían moi ben acollidos polos habitantes da citania das Las. O castro de Casar do Mato nunca foi escavado nin se sinalizou e o interese pola súa conservación e posta en valor non existe nas administracións culturais.

Na contorna máis inmediata coñecemos, ademais dos xa citados de Lámbrica e Santrocado, outros establecementos de pequeno tamaño, similares ó de Casar do Mato. Un é o castro de Eiras. Outro é o Castro Martiño, na aldea de Xinzo, ambos na parroquia de Santa Uxía de Eiras. Outros pequenos castros podemos atopalos na parroquia de Ourantes (Punxín) e na parroquia de Salamonde (San Amaro).

Todos eles gozan da mesma protección, sinalización e posta en valor que o castro de Casar do Mato, pese a estar na contorna dunha citania tan importante coma o castro de San Cibrao das Las, Lámbrica. Non será posible entender ben a citania de Lámbrica mentras se descoñeza a constelacións de pequenos castros que a arrodeaban.


CASTRO DE CASARDOMATO na web Arredor de Lámbrica
Artigo publicado o 09-12-2013 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal