Arredor de Lámbrica


O Castelo das Laias en Cenlle
Fogar no Castelo de Laias (Cenlle, Ourense)
En outro artigo xa me teño referido á destrución do xacemento mineiro entre Laias e Barbantes. A desidia das administracións culturais, o descoñecemento do patrimonio que posúen moitos dos que nos gobernan e, por que non dicilo, o desprezo máis absoluto cara as nosas manifestacións culturais provocou a destrución case total do xacemento e unha eiva enorme sobre a contorna do futuro Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao das Las. Os castros, as citanias coma a de Las, a posible Lámbrica se nos atemos á inscrición da ara romana de Eiras, non xorden en solitario coma se fosen cogumelos. Forman parte dun territorio ó que os de Lámbrica procurarían controlar para poder posuír e administrar os seus recursos económicos, agrarios, gandeiros e mineiros.

O cumio do monte do Santrocado forma un nexo de unión entre todos os poboamentos que foron establecéndose ó longo dos tempos da contorna. Os de maior entidade son o propio de Lámbrica e este do Castelo de Laias, formando co pequeno castro do Santrocado os tres vértices dun triángulo de 0,9 quilómetros cadrados. Non é posible negar a relación que os habitantes da contorna do Santrocado mantiveron entre si dende tempos moi antigos. Seguramente por iso as catro parroquias senten o monte Santrocado como seu e subían ata a cima aínda non hai moitos anos no día da romería, o 15 de maio, posiblemente rememorando antigas reunións de culto que foron habilmente cristianizadas.

O xacemento das Laias está situado a uns 2,6 quilómetros ó sueste de Lámbrica, e a un quilómetro e medio, aproximadamente, do castro do Santrocado. Xa fora estudado por CHAMOSO LAMAS en 1956, relacionándoo coa minería do ouro, pero foi abandonado baixo unha febre de piñeiros repoboadores ata que a autovía A-52 lle pasou por enriba na década dos noventa do século XX.

Segundo ÁLVAREZ GONZÁLEZ e LÓPEZ GONZÁLEZ, o poboado de Laias xeográficamente "ocupa un promontorio formado por afloramientos graníticos que caen en forma abrupta hacia la ribera derecha del río Miño. Tiene una orientación general N-SE y una altitud máxima de 240 m. s. n. m.
Su localización, en una altura dominante sobre la vega, le proporciona a esta elevación granítica una gran visibilidad sobre el territorio que comprende un amplio tramo de la cuenca media del Miño, zona abundante en recursos agrícolas y también mineros, ya que existen yacimientos auríferos explotados en época romana en las inmediaciones".


Os autores citados danlle ó asentamento de As Laias unhas dimensións superiores ás 10 hectáreas, dividíndoo en tres zonas:
a) Unha máis alta, delimitada "por una muralla de mampostería helicoidal, lo que le da un aspecto de recinto castreño, casi circular y mejor delimitado que el resto de los sectores, en cuyo interior se ha descubierto la existencia de una zona de almacenamiento formada por silos de cereal".
b) A "zona de media ladera" na que "se conservan restos de piletas, hoyos, escaleras, canales y depósitos tallados en la roca".
c) A zona baixa, que chega ata a beira do Miño, na que se documentaron materiais romanos nas fincas de cultivo. Na beira do río existe tamén un manancial de augas termais, onde hoxe está un coñecido balneario.

Segundo ÁLVAREZ GONZÁLEZ e LÓPEZ GONZÁLEZ, "la gran extensión de estos restos conforma un único núcleo de población de dimensiones considerables que nos lleva a reflexionar sobre el famoso municipio que el obispo Idacio destaca en su relato del Cronicón." Continúan decindo que se detectan no Castelo varias fases de ocupación "comenzando por los restos de un poblado más antiguo de final de la Edad del Bronce, la ocupación del poblado durante la I y II Edad del Hierro y finalmente un poblamiento residual en época romana (...)"

No famoso relato do Cronicón de Hidacio dise que no ano 469 pescáronse no río Miño, a unhas cinco millas do municipio de Lais, catro peixes de aspecto e figura nunca vistos que presentaban signos consistentes "en letras hebraicas y griegas, números latinos de eras, en esta forma CCCLXV, y un círculo con los meses del año, a igual distancia unos de otros. No lejos de dicho municipio, cayeron del cielo cierta especie de granos, a manera de lentejas, muy verdes, como la hierba, y sumamente amargos; y observáronse además muchos otros portentos que sería prolijo mencionar".

É destacable a aparición de silos no recinto amurallado superior do Castelo de Laias. Os silos presentan unha "estructura rectangular con unas medidas que, aunque oscilan, tienen una media de 1-1,5 m. Tienen el suelo muy protegido a base de una primera capa de entramado vegetal revestido de una arcilla muy decantada sobre el que colocan tablas de madera o corteza de alcornoque. Las paredes se construyen también a base de elementos vegetales trenzados y recubiertos de arcilla." Ademais, existen neste recinto superior catro construcións circulares dispersas que se relacionaron tamén co almacenamento. Non se documentaron vivendas neste recinto superior.

No resto do poboado destacan as datas absolutas que se deron, que chegan ata o século IX antes de Cristo, continuando ata o século I d. C. As cabanas adáptanse ás rochas e os teitos son de elementos perecedeiros.

Entre os materiais que apareceron nas escavacións previas á destrución (pola construción da autovía) destaca abundante cerámica, pesas de cantos (da artesanía téxtil, posiblemente), muíños de granito e útiles líticos relacionados co tratamento do coiro.

Conclúen os autores catalogando o poboado como un centro produtor. Eu engadiría que máis que un centro produtor trataríase dun lugar de almacenamento dos recursos agrarios, gandeiros e mineiros da vertente sur do Santrocado. Falta relacionar este poboamento do Castelo co castro do cumio do Santrocado (550 m. sobre o nivel do mar) e coa Citania de Lámbrica, inmediata á ladeira norte do Santrocado, a 460 metros s. n. m. Istes tres importantes conxuntos (O Castelo, o Santrocado e Lámbrica) forman parte dun único territorio ó que as xentes de todos os tempos se foron adaptando. ¿Podemos negarlle relacións con Lámbrica, un asentamento de 9 hectáreas con máis de 2000 habitantes que queren illar das Laias e dos outros xacementos coetáneos da contorna?

As evidencias de poboación dende o propio Paleolítico, pasando pola Idade do Bronce (mámoas e petroglifos) ata as Idades do Ferro e a romanización, móstransenos por toda a contorna: mámoas en Ourantes e Eiras, petroglifos en Eiras, castros (ademáis dos xa citados de Las e Santrocado) de castro Martiño e Beariz, fonte romana de Razamonde, ara e vila romana de Eiras...

A Citania de Lámbrica ou castro de San Cibrao das Las non foi máis que un episodio temporal no que as xentes daquela contorna, que vivían alí dende o Paleolítico, sentiron a necesidade de fortificar a Cidade de Lámbrica, pero a vida, naquel e en todos os tempos, tamén existiu fóra dos muros da Citania. O Castelo de Laias é un exemplo. O xacemento do Castelo de Laias estaba moi cerca do porto fluvial da Barca de Barbantes, porto que estaba á súa vez unido a Lámbrica por unha calzada que cruzaba o Santrocado. De feito, moitos artigos refírense ó xacemento do Castelo co nome de Barbantes, tal é a súa cercanía. Trátase do mesmo lugar, nas ladeiras meridionais do monte do Santrocado, un xacemento prerromano que deu datacións do século IX antes de Cristo e que continuaba con actividade e poboación cando, no cambio de era, existía unha citania a menos de tres quilómetros, Lámbrica, que dominaba unha ampla contorna nas comarcas do Carballiño e do Ribeiro na que foron buscadas, dende a Idade do Bronce ata a romanización, as súas máis prezadas riquezas mineiras: ouro, estaño e, moi posiblemente, ferro, do cal podemos ver abundantes escouras nos castros.

O Castelo das Laias foi case totalmente destruído por unha obra pública, desaparecendo para sempre moitas posibilidades de estudo sobre a vida cotiá dos nosos devanceiros nunha terra que tivo unha das maiores fortificacións castrexas do noroeste, Lámbrica ou San Cibrán das Las, a menos de 3 quilómetros, escondida estratexicamente tralo cumio do Santrocado.






Bibliografía

ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ, F.: "La secuencia cultural del asentamiento de Laias: evolución espacial y funcional del poblado" en 3º Congresso de Arqueologia Peninsular. Actas. Vol. V. Proto-história da Península Ibérica. ADECAP. Porto. 2000.

VVAA: Gran Enciclopedia Gallega. T. XVIII. Santiago/Xixón. 1974.

Ver artigo A zona arqueolóxica Lámbrica-Santrocado non é BIC
Artigo publicado o 14-06-2013 17:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes e do monte sacro do Santrocado: deuses, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Artigos destacados
 Outros enlaces, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal