Arredor de Lámbrica


A zona arqueolóxica Lámbrica-Santrocado non é BIC
O Monte do Santrocado dende Lámbrica
Os seguintes parágrafos foron extraídos dun recente documento da Xunta de Galicia:

"Forman parte do patrimonio cultural de Galicia tódolos bens materiais e inmateriais que polo seu recoñecido valor propio deban ser considerados de interese para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo."

"O artigo 8 da Lei 3/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia establece que os máis sobranceiros serán declarados BENS DE INTERESE CULTURAL (BIC) mediante decreto da Xunta de Galicia."

"Ademais daqueles bens que contan cunha declaración singular, considéranse tamén bens de interese cultural os seguintes:
a) Por ministerio do artigo 40. 2 da Lei de Patrimonio Histórico Español son BIC as covas, abrigos e lugares que conteñan manifestacións de arte rupestre (petroglifos, gravados e pinturas rupestres).
b) O Decreto do 22 de abril de 1949 establece esta protección para os castelos españois.
c) O Decreto 531/1963 faino respecto aos brasóns, emblemas e pedras heráldicas, rolos de xustiza, cruces de termo e pezas similares de interese histórico artístico. Dentro deles enténdese incluídos os cruceiros e os petos ánimas.
d)O Decreto 449/1973, en relación aos hórreos ou cabazos."


Nese documento seguía, a continuación o listado cos bens de interese cultural inscritos no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia que, curiosamente, non contempla á Citania de Lámbrica, máis coñecida como A Cidade de San Cibrao das Las e de Ourantes, nin a rica contorna arqueolóxica na que se asenta.

A Cidade de Lámbrica non sería tal sen a súa área de influenza, co veciño castro do Santrocado como parte natural da propia Lámbrica. O Santrocado tiña claras funcións defensivas e de comunicación, cando non relixiosas. O castro do Santrocado ten unha superficie de 0,9 hectáreas, e dista da citania de Lámbrica 1.100 metros. Lámbrica ten unha superficie de 9,03 hectáreas, constituíndo o segundo castro de maior superficie de Galiza, por detrás do de Santa Trega (A Guarda).

No propio castro das Las ou de Lámbrica atopamos restos dende o Paleolítico (A Chaira) á Idade do Bronce (mámoa). No Santrocado, ademáis de múltiples manifestacións do Paleolítico (paralelas as da Chaira) son salientables os vestixios da Idade do Bronce (Casa do Demo, en Ourantes, os Fornos...). Os microtopónimos Casa do Demo ou Solaina do Demo e Fornos son habituais en lugares con enterramentos megalíticos, pero tamén é posible que por esta zona do Santrocado se atoparan os enterramentos en furnas, típicos da Idade do Ferro, dos que en Lámbrica aínda non sabemos, arqueolóxicamente falando, nada.

Tamén existiron nas abas do Santrocado poboados mineiros, como o derrubado pola autovía entre 1994 e 1997 en Laias, e existen na contorna das parroquias de Eiras, Ourantes, San Cibrao das Las e Razamonde (todas bordeando ó monte do Santrocado) distintas manifestacións de asentamentos prerromanos e romanos. Baste citar, entre os coñecidos, os seguintes: Petroglifos no monte da Ermida e mámoa en Eiras, restos de vilas romanas en Eiras e Razamonde, ara romana de Eiras e a vía ou camiño enlousado que conduce dende a Cidade de Lámbrica cara a Barbantes-Estación (tradicionalmente chamada A Barca), onde existía un embarcadoiro utilizado aínda no século XX para cruzar o río Miño.

Ata tal punto é importante o Santrocado que se chegou incluso a discutir entre os eruditos se foi este o Mons Sacer do que fala Xustino, "o monte que era impío ferir con ferro e do que só cando caía o raio se podía extraer o ouro das súas entranas coma un presente dos deuses". O noso Santrocado á altura de montes míticos coma o Pico Sacro ou o Monte Teleno!

Por elo, considero que o Santrocado, como monte emblemático nas comarcas do Carballiño e do Ribeiro con múltiples restos arqueolóxicos aínda agardando no seu subsolo, debe ser considerado como Ben de Interese Cultural coa categoría de zona arqueolóxica, dacordo co parágrafo e) do artigo 8 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

A superficie desta zona arqueolóxica que arrodea o Monte do Santrocado sería, aproximadamente, dunhas 500 hectáreas. Dentro desta delimitación, como anexo ó mesmo Santrocado polo norte, estaría a Cidade de Lámbrica, o castro ou citania á que tantas veces nos temos referido neste blog e que só pola súa monumentalidade xa sería merecente de ser BIC. Ambos forman parte dun mesmo conxunto, e ambos lideraron as actividais mineiras e comerciais de boa parte da comarca do Carballiño na Antigüedade. Aí están os restos de minaría do Puzo do Lago (Maside) e os das abas da Madanela, custodiadas polo castro de Mosteiro (O Carballiño) e polo de Souteliño (O Irixo, Boborás), por citar algúns. A tradición mineira desta comarca remóntase á Idade do Bronce, hai máis de 3000 anos, cando os pobos do Mediterráneo necesitaban do estaño para a conquerir o metal co que fabricaban as súas armas (no sur da Península hon hai estaño). Esta antiga minaría tamén extraeu o ouro dos nosos montes, ouro que espertará a cobiza dos romanos. Por iso nos visitaron e se quedaron connosco, ata o punto de "romanizarnos" e inculcarnos o seu propio idioma, o latín.

MADOZ viu en Larouce, a 3 quilómetros de Mosteiro, “grandes escavacións, que se coñece que foron practicadas para extraer algún mineral, e que están en comunicación con outras que hai moito maiores no Monte das Grobas, feligresía de Loureiro (…)” e RODRÍGUEZ COLMENERO opina que debeu de tratarse de explotacións auríferas, como as do Lago onde, cara o norte, existiu unha importante explotación mineira de ouro nun lugar denominado “As Grovas”.

ORERO GRANDAL dinos que no Mosteiro houbo algún tipo de taller que transformaba os minerais atopados nas serras. Faltanos saber onde ían a parar as extraccións e as producións locais.

As mercadorías, especialmente os minerais, ían ó sur pola vía marítima, despois dunha ruta fluvial polo río Miño ata a súa desembocadura. Estrabón fálanos de que o río Miño, o Bainis, era navegable uns oitocentos estadios, máis o menos 144 quilómetros. O embarcadoiro de Barbantes-Estación, tradicionalmente chamado A Barca, dista da desembocadura do Miño uns 112 quilómetros, bastante menos dos 144 dos que fala Estrabón. Dende a beira do Miño, salvábase a pequena distancia ata a Citania de Lámbrica subindo polas encostas do Santrocado. A Lámbrica chegarían antes as mercadorías dende os centros de extración ou produción, espallados polo resto da comarca (Mosteiro, Puzo do Lago...). Dende Mosteiro podemos chegar a Lámbrica recorrendo uns 14 quilómetros, o que permitiría viaxes de tres ou catro horas. Esta hipotética ruta entre Mosteiro e Lámbrica pasaría polas inmediacións do Puzo do Lago ou de Maside. Así se forma e medra a Cidade de Lámbrica. Se queremos "embarcar" os minerais da producidos na comarca do Carballiño, o camiño máis fácil ata o mar está pola ruta fluvial do Miño.

En Lámbrica vivirían as élites que controlaban este tipo de tráfico. Falta por saber que é o que recibian a cambio. Aparte dalgunhas evidencias de intercambio (moedas, contas de pasta vítrea púnicas, algúns tipos de cerámica...) é posible que os que viñan do mar trouxeran produtos que non había no interior. Entre os máis prezados na Antigüedade que procedían da costa podemos citar o sal, tan fundamental para a conservación da carne, ou o garum, que se consumía moito na época romana (unha salsa feita con vísceras de pescado en salmoeira).

Troña, Neixón, Borneiro, Elviña, Santa Trega, Baroña, Viladonga, Armeá, Saceda (Cualedro), moitos deles de menor entidade que o de Lámbrica, están declarados BIC. Lámbrica e o Santrocado non son aínda BIC. Toda a riqueza arqueolóxica que albergan Lámbrica e o Santrocado na súa contorna, a importancia que chegaron a ter na explotación e na distribución das riquezas do mundo antigo e a intensa bibliografía que ambos alimentaron non é motivo suficiente para facelos BIC.

Pero sen saír da comarca do Carballiño aínda temos outros castros, que non debemos desvincular dos anteriores, pero que teñen por si mesmos atributos suficientes para poder ser BIC. Pero a indiferenza súmeos no máis escuro abandono: Mosteiro no Carballiño, Souteliño entre Boborás e O Irixo, Cameixa en Boborás... Esperemos, polo ben do noso patrimonio cultural e da nosa economía, que esto se solucione.







Bibliografía
Algúns autores que trataron, dalgún xeito, aspectos da zona arqueolóxica Lámbrica1-Santrocado

ARIZAGA CASTRO, A.; FÁBREGA ÁLVAREZ, P.; AYÁN VILA, X.M.; RODRÍGUEZ PAZ, A: "A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense-Galicia)" en Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, 2005. Páz 87-129. ISSN 0210-847 X.

ÁLVAREZ GONZALEZ, Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ, L.F.; LOPEZ MARCOS, M.A.; LÓPEZ BARJA DE QUIROGA, P.: "Dos inscripciones inéditas del Castro de San Cibrán de Las (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Paleohispánica 4, (2004). ISSN 1578-5386, páxs. 235-244.

BALBÍN CHAMORRO, P. y otros: "Lo que el viento no se llevó: Interdisciplinariedad, metodología y práctica para el estudio de la Hispania céltica" en R. Sainero (coord.): Pasado y presente de los estudios celtas. Fundación Ortegalia-Instituto de Estudios Celtas. Pp. 94 e 95. A Coruña, 2007.

BANDE RODRÍGUEZ, E.: La romería de San Torcuato. Caixa Rural. Ourense, 1984.

CASTRO PÉREZ LADISLAO: Sondeos en la arqueología de la religión en Galicia y norte de Portugal: Trocado de Bande y el culto jacobeo. Universidade de Vigo. 2001.

CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en San Cibrán de Lás (Orense)". en Cuadernos de Estudios Gallegos, IX. 1954. Santiago de Compostela. Páxs. 406-410.

CHAMOSO LAMAS, M.: "Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán de Lás y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)", en Noticiario Arqueológico Hispánico, III-IV (1953-1954). Madrid. Páxs. 114-130.

FARIÑA BUSTO, F.; FERNÁNDEZ BAL, M.L.: "A Cidade de San Cibrán de Lás (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Arqueoloxía-Informes, 1. Campaña 1988. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989. páxs. 74-76.

FARIÑA BUSTO, F.; XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto de San Trocado (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Arqueoloxía-Informes 2. Campaña 1988. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.

FARIÑA BUSTO, F.: "A especificidade dos procesos de consolidación e restauración dos monumentos arqueolóxicos. A intervención nos castros da Cidade de San Cibrán de Lás, Castromao e Cidade de San Millán (Ourense)", en Cadernos de área Arte/Comunicación, 1, 1983. Sada. Páxs. 51-53.

FARIÑA BUSTO, F.; ROMERO MASIÁ, A.: "Las, San Cibran das" en Gran Enciclopedia Gallega, s/d, tomo XVIII, p. 235.

GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B.: Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas. Edicións do Castro. Sada, A Coruña, 1990.

GARCÍA QUINTELA, V; SANTOS ESTÉVEZ, M: "Alineación arqueoastronómica en A Ferradora (Amoeiro-Ourense)" en Complutum 15, Madrid, 2004.

GARCÍA QUINTELA, V; SANTOS ESTÉVEZ, M:"Arte rupestre y santuarios", en Semata 14. Univ. de Santiago de Compostela. 2003.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.:"O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "Os petroglifos da Ermida en Eiras, solsticios e territorio". Ágora do Orcellón 18. Páx. 32-45. Vigo. Xullo de 2009. ISSN 1577-3205.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.; BOUZA BREY, F.: “Os oestriminios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza”, en Arquivo do Seminario de Estudos Galegos, II, 1929.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Ed. Galaxia, Vigo, 1982.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: La civilización céltica en Galicia . Istmo. Madrid. 1989.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "O castro A Cibdade en San Ciprián de Lás", en NÓS 10, Ourense, 1922.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A citanea do monte 'A Cidade en San Ciprián de Lás'", en Boletín da Real Academia Gallega, XIV, 1923-1924, páxs. 201-305.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A citanea do monte 'A Cidade en San Ciprián de Lás'", en Boletín da Real Academia Gallega, XV, 1925-1926.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A citanea do Monte '"A Cidade en San Ciprián de Lás'", en Boletín da Real Academia Gallega, XVII, 1927-1928, páxs. 201-305.

LÓPEZ GONZÁLEZ, L.F.; ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.: "La secuencia cultural del castro de Laias: evolución espacial y funcional del poblado", en Proto-historia da Península Ibérica. Actas do III Congreso de Arqueología peninsular. ADECAP, V: 523-230. Porto. 2000.

LÓPEZ GONZÁLEZ, L.F.; LÓPEZ MARCOS, M.A.; ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.: "Definición y recuperación de estructuras en el Castro de San Cibrán de Lás", en Cuadernos de estudios gallegos, 117, (2004). ISSN 0210-847X, T. 51, páxs. 79-113.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "Informe sobre las excavaciones arqueológicas de A Cidade de san Cibrán de Lás (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Noticiario arqueológico Hispánico 22. Madrid, 1985.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "Un singular resto arquitectónico en A Cidade de San Cibrán de Lás (San Amaro-Punxín, Ourense)", en Portugalia. Nova sèrie, VI/VII. Porto, 1985.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: " A Cidade de San Cibrán de Lás. Objectivos e resultados das últimas intervencións arqueolóxicas", en Lucerna. Sèrie II. Porto, 1987.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "San Amaro" en Gran Enciclopedia Gallega, s/d, tomo XXVII, p. 192.

RODRÍGUEZ CAO, C., XUSTO RODRÍGUEZ, M.; FARIÑA BUSTO, F.: A Cidade. San Cibrán de Lás. Colección Guías do Patrimonio Cultural. Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo Arqueolóxico de Ourense. Fundación Caixa Galicia, 1992. ISBN 84-88522-00-2

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. 1977.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Aquae Flaviae I. Fontes epigráficas. Universidad de Chaves. 1987.

RODRÍGUEZ COLMENERO A.: "Sobre un supuesto error epigráfico-histórico. Correcciones al ara de Bandua Aetobricus de Codesedo (Ourense) y a otros epígrafes de su amplio entorno". Cuadernos de Estudios Gallegos. Tomo XLVII, Fascículo 113, Santiago 2000.

RODRÍGUEZ CORRAL, J.: A Galicia castrexa. Ed. Lóstrego. S. de Compostela. 2009.

VIDÁN TORREIRA, M.: "Pambre y el enigma del ara de Eiras", en Nalgures, tomo I. Pág. 335. A Coruña, 2004.

VILLAR QUINTEIRO, R.: "El yacimiento paleolítico de A Chaira, San Cibrán de Lás (Ourense)" en Boletín Auriense, t. XXIX. Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense, 1999.




(1) Lámbrica figura na bibliografía como "San Cibrao de Las", "San Cibrao das Las" ou "San Cibrán de Las" ^





RELACIÓN DE BENS DE INTERESE CULTURAL DE GALICIA
O Castro de San Cibrao das Las e Ourantes (Lámbrica) aínda non é Ben de Interese Cultural
Artigo publicado o 05-11-2012 17:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal