Arredor de Lámbrica


DESCRICIÓN DA CITANIA DE LÁMBRICA
Plano da Cidade de Lámbrica
A Cidade de Lámbrica érguese entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, nun outeiro de 469 m. de altitude, unha elevación case chaira na súa cima, por iso as súas inmediacións son coñecidas aínda hoxe polas xentes dos arredores como A Chaira. Outra denominación tradicional é O Monte da Cidade. Coñecemos o nome de Lámbrica pola inscrición dunha ara romana atopada na aldea de Eiras, moi cerca da Cidade.



LÁMBRICA, Cidade forte (-briga) de Lam ([tʃan], chao, chaira), podería ter o significado de A Cidade Forte da Chaira ou dos Chaos, ambos topónimos presentes nos arredores do xacemento. O primeiro, CHAIRA, microtopónimo do monte inmediato, aproximadamente onde construíron o Centro de Interpretación Castrexa; o segundo, un pouco máis alonxado, entre as parroquias de Eiras e Vilar de Rei (Monte do CHAO) e, cara o Nacente, como topónimo tradicional da comarca veciña dos CHAOS DE AMOEIRO.

Para a Cidade de Lámbrica é preferible o termo citania ao de castro. Castro deriva do latín e significa castelo, fortificación, pero pode confundirse cos castra ou campamentos que os romanos establecían nas campañas militares con catro divisións principais derivadas das dúas vías maiores, cardus e decumanus, o primeiro de Norte a Sur e o segundo de Leste a Oeste. Moitos distes castra (plural de castrum), ou campamentos militares, darán orixe a non poucas cidades en Occidente. Un exemplo de restos dun campamento militar témolo en Aquae Querquennae, cerca de Bande.

As fortificacións ás que se soe aludir co cualificativo de castrexas están presentes no mundo occidental dende principios da Idade do Ferro, cara os séculos VIII e VII antes de Cristo, non posúen esa disposición regular e ortogonal dos campamentos romanos coas catro vías principais.

Ao contrario, as grandes citanias parecen obedecer a unha disposición radial das súas rúas.

O topónimo castro está estendidísimo, tamén en microtopónimo, pero só é romano o nome. Os establecementos defensivos dos pobos do Noroeste da Península Ibérica son anteriores á chegada dos romanos, que, ao igual que as súas costumbres e relixión, impoñen o seu idioma.

Así, os romanos dan tamén nome ás fortificacións que atopan, que pouco tiñan que ver coas súas en canto á súa morfoloxía.


As nosas citanias xa existían antes de Roma, adquirindo máis relevancia no contexto da defensa da invasión. Pero nalgunhas chegaron a establecerse pactos ou acordos cos romanos, convivindo e incluso aliándose con eles, que chegarán, en connivencia con certas élites indíxenas, a apropiarse dos recursos económicos das zonas conquistadas e a explotalos, pero as citanias, cando non se destrúen, seguen utilizándose coa súa disposición tradicional.

A citania de Lámbrica semella un óvalo, máis ou menos regular, co eixo maior orientado de Norte a Sur. Iste eixo maior mide 452 metros de lonxitude. O eixo menor mide 253 metros. A superficie total do xacemento é, aproximadamente, de 9,03 hectáreas. Calcúlase que chegaron a vivir dentro das murallas de Lámbrica unhas 2200 persoas.

No centro do xacemento érguese un primeiro recinto amurallado, o recinto central, tamén con forma ovoide e co eixo maior en sentido norte-sur, cunha superficie de 0,86 hectáreas. Este recinto central tivo, seguramente, funcións relixiosas ou de élite, tal e como acontece en outras citanias similares.

Despois vemos un recinto medio que o circunscribe, de gran superficie, no que se estenden as vivendas. As escavacións permitiron descubrir algunhas das rúas con disposición radial, o que deixa entever unha certa planificación urbanística. Dúas grandes rúas conducen dende as portas Leste e Oeste ata o recinto central. A porta occidental ten, diante de si, outra muralla con outra porta monumental, que configura un recinto exterior a modo de foxo.

Características a destacar son a aparición de epígrafes e símbolos de tipo relixioso no recinto central. Os que permanecen no castro son a inscrición IOVI, e un cruciforme.

O cruciforme pode sinalar unha antiga división parroquial, entre Ourantes (ó leste) e San Cibrao das Las. Neste lugar do recinto central apareceron algunhas das inscricións, con caracteres latinos, que proceden da contorna deste castro. Neste mesmo recinto central chama a atención unha importante superficie non escavada aínda, destacando ó norde a disposición circular dalgunhas pedras de medianas dimensións.

Co plano diante pódese apreciar a pequena porción escavada en relación á grande superficie do castro. Tan só o sector Oeste (dende a porta do recinto central ata a porta do recinto medio, onde se atopa a coñecida fonte alxibe) e o sector Leste, entre a porta leste do recinto central e a porta leste do castro. Estes dous sectores caracterízanse por estar ás beiras das dúas rúas principais, que comunican as entradas leste e oeste da citania. Ambas rúas rematan ás portas do recinto central e as súas prolongacións forman un ángulo de 125º.

Tamén se consolidaron a maior parte das murallas dos sectores Leste, Sur e Oeste. As murallas na parte norte existen, pero non están ben definidas por non ter sido escavadas.




As vivendas do recinto medio están agrupadas nos chamados núcleos de habitación, lugares nos que se distribúen cabanas nas que se identificaron usos diversos. Todas as cabanas de cada grupo dan a un lugar común, a modo de patio, polo que se considerou que constituían núcleos habitados por un grupo familiar.

A porta oriental do recinto medio ábrese cara Ourantes, onde se inicia unha calzada antiga que chega á ribeira do río Miño.

No sector Sur do recinto medio están sinalados algúns indicios de cabanas que non foron escavadas, excepto as tres cabanas circulares inscritas nun recinto rectangular, que foron descubertas por Cuevillas, aínda que hoxe non poden apreciarse.

Obsérvese como na parte meridional do castro non existe porta algunha, salvo unha estreita portiña ó suroeste. Tamén é curiosa a disposición dun alxibe ("alxibe 2") fóra das murallas. O seu manancial ten, por forza, que proceder dalgunha fonte no interior da citania.


Lámbrica é un dos castros máis importantes de Galicia, moi parecido, en disposición e tamaño, ás grandes citanias portuguesas. A súa ubicación, cerca dun río navegable, o río Bainis ou Miño, parece a adecuada para as relacións comerciais coa costa do Océano Atlántico, onde se detectan intercambios dende longas distancias (entre o Mediterráneo e as Illas Británicas) xa na Idade do Bronce, máis ou menos dende finais do II milenio (2000-1800 antes de Cristo).


A silueta de Lámbrica e do Santrocado, o seu castro vixía, é ben perceptible dende os xacementos castrexos da contorna, case todos na comarca do Carballiño, lugares con abundancia de minerais de estaño e con vetas auríferas. Mesmo existen vestixios de grandes labores mineiras, como as do Puzo do Lago, en Maside, ou as de Loureiro, no concello de O Irixo, moi cerca do castro de Souteliño e Prado. Tamén se detectaron laboreos de minaría, e mesmo poboados mineiros, moi cerca da citania.

É de supor que esta estrutura comercial no interior da provincia de Ourense, orixinada pola precura do estaño na Idade do Bronce, fose herdada polos pobos da Primeira Idade do Ferro, despois polos púnicos e, finalmente, pola propia Roma, que non tardou en decatarse da importancia aurífera do noroeste peninsular. Da época da romanización dataría a derradeira reconstrución ou ampliación de Lámbrica, e a latinización dos cultos e dos costumes indíxenas. Os restos de romanización son abundantes nas cercanías, destacando os achados en Eiras e en Razamonde.

Lámbrica é o nome da citania que se coñece habitualmente como Castro de San Cibrao de Las. A súa importancia entre os castros e outros poboamentos da contorna vén dada non só polas súas grandes dimensións, pola súa cercanía a unha importante vía de comunicación fluvial e pola súa visibilidade. Nela apareceron vestixios pouco comúns no resto dos castros que a arrodean. Ademais das xa aludidas inscricións, tivemos en Lámbrica achados tan particulares como o anel que nos presentaba Cuevillas en 1925.

O seu deseño incontestablemente artístico fai pensar en personaxes de certa condición, pero as élites dominantes só teñen sentido en amplos espazos territoriais, para así poder acumular a riqueza suficiente que dé lugar á necesaria diferenciación social que lles permita seguir exercendo o poder.

Se as explotacións mineiras e as relacións comerciais permitiron que Lámbrica fose o que hoxe vemos, débeselle ó traballo realizado por innumerables xentes anónimas de toda a comarca, que habitaban nas aldeas castrexas máis recónditas e que tiñan a Lámbrica, San Cibrao das Las, como centro común de recepción e redistribución dos minerais, lugar onde residirían as élites.

Nos obradoiros de Lámbrica traballáronse moitos dos minerais extraídos na contorna, aparecendo en moitas escavación innumerables restos de fundición ou escouras procentes dos traballos metalúrxicos realizados polos artesáns.


Algúns dos castros que arrodeaban a Lámbrica chegarían a ser de certa entidade (Mosteiro, no Carballiño; Souteliño e Prado, entre Boborás e O Irixo; Cameixa, en Boborás...)

Pero ningún deles chegou a ser tan importante nin tan extenso como Lámbrica, unha grande citania que pode ser divisada dende calquera dos anteriores. Visto así, non nos queda máis remedio que admitir que a primeira capital da comarca do Carballiño foi a Cidade de Lámbrica.














Porta occidental do recinto central




(Imaxe do PNOA procedente da Wikipedia)








Fonte alxibe no interior da citania












Segundo alxibe (alxibe 2), situado fóra das murallas, na ladeira sur



















A ARTE NA CITANIA DE LÁMBRICA (II) MÁIS QUE PETROGLIFOS
Ver LÁMBRICA, TALÁBRIGA Y LA CAMPAÑA DE JUNIO BRUTO
GALERÍA DE FOTOGRAFÍAS DE LÁMBRICA
Artigo publicado o 31-10-2012 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e do monte do Santorcado: deuses, mouras, mámoas, petroglifos, castros, pedras, xentes...

 Imprescindibles
 Índice cronolóxico de artigos
 Pescudar nos artigos

© by Abertal