Arredor de Lámbrica


Lámbrica, sempre
Ara de Bandua en Eiras (Ourense)Lámbrica na ara de Eiras

O seguinte enlace conduce a un artigo de A. RODRÍGUEZ COLMENERO en Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo XLVII, Fascículo 113, Santiago, 2000:

"Sobre un supuesto error epigráfico-histórico. Correcciones al ara de Bandua Aetobricus de Codesedo (Ourense) y a otros epígrafes de su amplio entorno"

Na páxina 32 (páxina 6 do PDF) inclúese unha fotografía da ara de Eiras que me sorprendeu pola facilidade coa que pode verse unha letra, o M, agochado para moitos dos lectores que se teñen adicado ó epígrafe.

Tendo á vista esta fotografía, podemos detectar tamén outra curiosidade: debemos fixarnos na segunda liña da inscrición, onde a súa primeira letra non parece un A, pois a súa comparación co seguinte A lévanos, inevitablemente, a establecer unha nidia diferenza, concretamente na súa parte superior, lixeiramente curvada na primeira e formando un ángulo moi agudo na segunda. É posible que se trate dun R.

Seguindo na segunda liña, atopámonos coa clarísima letra M que antecede a un B algo erosionado. Pero, dende fai moitos anos, diversos autores quixeron ver un N seguido dun S e dun B (de aquí parte o fantasioso e difícil topónimo de LANSBRICA). ANTONIO RODRÍGUEZ COLMENERO, sen embargo, ve un O entre o N e o B: "En todo caso, la gran S, clarísima para Rivas, de Lansbricae, se convierte en una O suficientemente nítida para Tranoy y para mi."



Cando logramos ver a letra M (en vez do N) apreciamos a dificultade de insertar unha letra entre ésta e o B seguinte. Só unha leve curva que sae da parte inferior do M pode parecer un S, pero éste solaparíase co pau vertical do B e non respectaría o espazo que manteñen entre si o resto dos caracteres da liña. Ademais, na visita que me foi permitida no verán de 2007, puiden comprobar como ise suposto S estaba remarcado con punzón en época recente. Estas accións poden dificultar, incluso imposibilitar, lecturas posteriores. Enriba, a inaccesibilidade da peza para moitos autores aumenta de modo exponencial as posibilidades de erros nas lecturas. No Museo Arqueolóxico de Ourense existía un vaciado de xeso ó que tivo que recurrir algún estudioso, co risco que eso conleva. Outros, conformáronse con fotografías, pero tampoco resulta suficiente. Por elo aproveito para reiterar, unha vez máis, unha miña vella petición a propietarios e administracións culturais, tanto autonómicas como municipais, para que, dunha vez por todas, se dignen en protexer e expor adecuadamente ó público a peza, toda vez que a súa cercanía ó castro de San Cibrao das Las-Ourantes, o segundo maior de Galicia e un dos máis importantes do Noroeste da Península Ibérica, fai pensar na súa inevitable relación coas élites militares e económicas que pululaban polos arredores diste castro e que, necesariamente, colaboraron na erección de establecementos mineiros e agropecuarios que constitúen a orixe da actual distribución das aldeas da contorna (concellos de San Amaro, Punxín e Cenlle). Ademais, despois de tantos millóns de euros invertidos na construción dun arrepiante edificio a poucos metros do castro, ¿non quedarían algúns euros para invertir na protección desta xoia que é a ara de Eiras? ¿E máis importante o feísmo de ladrillo e formigón na cima dun castro que a protección dunha ara romana vinculada ó mesmo? Evidentemente, para algúns é máis rendible.

Volvendo á lectura da ara, a segunda liña quedaríanos así: R L A M B. LAM de LAMB / RICAE, de Lámbrica, coincidindo con outras lecturas xa expostas neste blog (ver).





A orixe da ara de Eiras


En canto ó lugar de aparición da ara, non existen datos fidedignos que confirmen a súa procedencia do castro de San Cibrán das Las-Ourantes. En "A Cidade, San Cibrán de Las", de RODRÍGUEZ CAO, XUSTO RODRÍGUEZ Y FARIÑA BUSTO (Guías do Patrimonio Cultural, Vigo, 1995, páxina 33) fálase da ara de Eiras como unha "terceira inscrición" das tres "vencelladas directamente" coas "creencias e vivencias, individuales ou colectivas". Estos autores non chegan a afirmar que a ara de Eiras proceda do castro, si ben a poñen en relación co mesmo.

Un dos protagonistas do redescubrimiento e do estudo do castro no século XX é FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS, que escribe en Prosas Galegas sobre a vida dos devanceiros que habitaban no castro o nos seus arredores(Biblioteca Básica da Cultura Galega, Ed. Galaxia, Vigo, 1982). No capítulo "Mitoloxía e historia da paisaxe de Trasalba", páxina 179 da edición consultada, fálase sobre algúns aspectos dos deuses dos castros galegos e, concretamente, da vida cotiá na contorna de Las, partindo da observación do monte de San Trocado dende o balcón da casa de don Ramón Otero Pedrayo en Trasalba. Dende esa privilexiada solaina divísase perfectamente o cúmio dese monte, moi cercano ao castro das Las e Ourantes pola súa ladeira setentrional.

No cumio do San Trocado existe outro pequeno castro e tamén un posible santuario rupestre, cristianizados cunha capela. Nel sitúa CUEVILLAS o culto a Bandua (¡ollo, o culto, non a ara de Eiras!) que, xa naquel tempo (entre as décadas dos vinte e cincuenta do século XX) se "conservaba sostendo unha mesa de pedra na horta do pazo de Eiras" (páx. 183). Con esta afirmación debemos entender que CUEVILLAS (que falaría tambén cos habitantes da zona naquela época, dos que xa nos años vinte recollera fermosas lendas de tradición oral) non tiña evidencias de que a procedencia da ara estaba no castro de As Las e Ourantes.

Un autor actual que tamén vincula o culto de San Torcuato (San Trocado) con Bandua é LADISLAO CASTRO PÉREZ ("Sondeos en la arqueología de la religión en Galicia y norte de Portugal: Trocado de Bande y el culto jacobeo". Universidade de Vigo, 2001). Si a relación Bandua-Torcuato é certa, estaremos a falar dun culto que non está limitado polos muros do recinto do castro das Lás, aínda que, indiscutiblemente, está na súa área de influencia.

Se a ara fose atopada nun contexto de escavación arqueolóxica, inexistentes ata os anos vinte do século pasado, teríase publicado tal circunstancia. Antes dos anos vinte só se saqueaban os xacementos, sen control arqueolóxico, procurando os famosos tesouros e seguindo as instrucións do "Ciprianillo". É posible que algún dos donos do pazo protagonizara algunha destas "campañas", pero, aínda se fose así, a tradición oral da zona, pequenas aldeas nas que todo o mundo se coñece, reflictiría, dalgún xeito, a procedencia da ara. Non se coñece ningunha testemuña oral que aluda á aparición da ara ou ó traslado dela ao pazo.

Pero, en 1987, BIEITO PÉREZ OUTEIRIÑO publica un artigo titulado "A Cidade de San Cibran de Las. Objectivos e resultados das ultimas intervencións arqueológicas (1982-1983)" na revista Lucerna, vol II, Porto (Portugal) 1987, páxina 15. Nel, P. OUTEIRIÑO chega a afirmar que a ara romana "dedicada a Bandua, conservada actualmente en el Pazo de Eiras?, procede dun "lugar cercano a la puerta oeste del recinto interior de A Cidade". Non puiden contrastar esta afirmación. Non obstante, a fiabilidade de este artigo ten os seus puntos fracos en aspectos como o da reprodución gráfica da ara, na que claramente se "reescribiu" un N encima do M e un S entre o M e o B ó final da segunda liña, de tal modo que en vez de LAMBRICA se le LANSBRICA, a gusto do autor. Tambén se reescribiu a primeira letra desa mesma liña, "aguzando" a súa parte superior para que parecese un A. É conveniente que se contraste esa fotografía, na páxina 37 dese artigo, con outras (as existentes neste blogue, a do artigo de RODRÍGUEZ COLMENERO, citado máis arriba, ou, se fose posible, coa ara orixinal). A manipulación da fotografía resta, baixo o meu punto de vista, moita credibilidade ao artigo de PÉREZ OUTEIRIÑO.

Na voz Eiras, Santa Uxía, da Gran Enciclopedia Galega, tomo IX (1974), dise o seguinte: "Existe en este término una casa señorial, pertenencia en otro tiempo de los Gayoso y, posteriormente, de la familia de los Tizón, quienes nombraban, conjuntamente con el Conde de Ribadavia e Isabel de Eraso, justicia ordinaria para la iglesia de Santa Uxía. Exhibe el pazo gran portalón y patio de arcadas que se abre a una carballa centenaria, donde fue hallada un ara romana. Servía ésta de basamento a una mesa pétrea: se trata de un monumento votivo en honor del dios Bandua y su inscripción fue descifrada por Xaquín Lorenzo Fernández. Bibl. Boletín Auriense, t. III, 1973; Vicente Risco, Provincia de Orense, en la Geografía General del Reino de Galicia, Barcelona, s.f.".

A poucos metros do pazo de Eiras están a igrexa parroquial de Santa Uxía e a casa reitoral. Nese lugar sabemos que se atoparon restos dun mosaico romano (RODRÍGUEZ COLMENERO ANTONIO, Galicia meridional romana. Universidad de Deusto, 1977, páx. 220: "Tenemos noticias también de la aparición de otra habitación pavimentada con mosaico en el diestral de la parroquia de Eiras, pero, al parecer, fue recubierto de nuevo, dado que su hallazgo había sido meramente casual." ¿Serán a casa reitoral ou o pazo a continuación no tempo dunha antigua vila latifundista romana?

A existencia da igrexa, un cruceiro (desaparecido, a carón da centenaria carballa) e a propia capela do pazo, poderían considerarse cristianizacións de lugares de culto antigos pero tampoco nos sería posible afirmar que en tales cultos estivese incluído Bandua. A inexistencia de escavacións, estudos e políticas de protección do noso patrimonio acentúan, e acentuarán, o misterio da orixe da fermosa peza romana que un tal Emilio Reburrino tivo a bien adicar a unha deidade indíxena denominada Bandua, nun territorio política e militarmente dependente do castro de San Cibrao das Las e Ourantes, na marxen dereita do curso medio do río Miño.



BIBLIOGRAFÍA

CASTRO PÉREZ, L.: Sondeos en la arqueología de la religión en Galicia y norte de Portugal: Trocado de Bande y el culto jacobeo. Universidade de Vigo, 2001

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Ed. Galaxia, Vigo, 1982.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "A Cidade de San Cibran de Las. Objectivos e resultados das últimas intervencións arqueologicas (1982-1983)", en Lucerna, segunda série-vol. II. Centro de Estudos Humanísticos. Porto, 1987.

RODRÍGUEZ CAO, C.; XUSTO RODRÍGUEZ, M.; FARIÑA BUSTO, F.: A Cidade, San Cibrán de Las. Guías do Patrimonio Cultural, Vigo, 1995.

RODRÍGUEZ COLMENERO A.: "Sobre un supuesto error epigráfico-histórico. Correcciones al ara de Bandua Aetobricus de Codesedo (Ourense) y a otros epígrafes de su amplio entorno". Cuadernos de Estudios Gallegos. Tomo XLVII, Fascículo 113, Santiago 2000.

RODRÍGUEZ COLMENERO ANTONIO, Galicia meridional romana. Universidad de Deusto, 1977.

VVAA: Gran Enciclopedia Galega. T. IX. Santiago/Xixón. 1974.



A ara de Bandua de Eiras
Ver BANDVA, AEMILIVS REBVRRINVS e o caso de Lámbrica
Artigo publicado o 14-08-2012 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0