Arredor de Lámbrica


O Castro de San Cibrao das Las e Ourantes aínda non é Ben de Interese Cultural
Muralla do castro de Lámbrica
Tantos anos de escavacións, estudos, prospeccións, proxectos, subvencións, contratacións, obras... no castro de San Cibrao das Las e Ourantes, Lámbrica, coñecido popularmente como "San Cibrán de Lás". Tanto diñeiro "invertido", tantas liñas na prensa, tantas fotografías de políticos... contrastan coa cruda realidade de que o castro máis importante de Galicia aínda non foi declarado Ben de Interese Cultural.

Non é comprensible que un castro de 9 hectáreas e cunha conservación bastante boa, rodeado de pequenos castros, algún deles tan destacables como a cima do Monte do Santrocado (pola súa situación, altitude e beleza, a menos de un quilómetro de Lámbrica), ou a cidade mineira que se atopaba na ladeira meridional dese Monte do Santrocado, por riba da que hoxe pasa unha autovía (unha importante aberración que resulta difícil explicarlle a un estranxeiro), non teña a categoría de Ben de Interese Cultural.

Ese mesmo estranxeiro quedaría abraiado cando se lle contase que o castro máis importante de Galicia, que aínda non foi declarado Ben de Interese Cultural, posúe un moderno e inacabado "centro de interpretación" que, según moitos paisanos, vai contar con museo, biblioteca, hotel, cafetería, restaurante... Todo elo moi difícil de crer.

Unha locomotora da economía municipal -en verbas dun famoso alcalde- que, aínda sen inaugurar, leva xa engulida unha importante cantidade de diñeiro (en millóns de euros). Trátase dun edificio inacabado, obra dun dos iluminados arquitectos do século XXI especialistas en facer grandes e monstruosos edificios sen ter en conta as contornas, as paisaxes, nin o valor arqueolóxico e cultural que albergan os terreos nos que se erixen.

O caso é que un castro da importancia de San Cibrán das Las e Ourantes ben merecía ser declarado Ben de Interese Cultural, pero non agora. Xa tiña que estar declarado BIC dende hai moitos anos, pois cónstame que por alí desfilaron múltiples políticos de alto nivel, conselleiros, presidentes da Xunta de Galicia, arqueólogos, xornalistas, xente moi culta e moi preocupada polo patrimonio que, na maioría dos casos, semellan só procurar saír nos xornais e nas emisoras despois de cada visita ou actuación.


Ver artigo posterior: A zona arqueolóxica Lámbrica-Santrocado non é BIC
Ver vídeo da citania de Lámbrica
Ver artigo O castro de As Las listo para ser visitado en enero ou A lenda da Moura de Lámbrica
Artigo publicado o 04-07-2012 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0