Arredor de Lámbrica


O castro do Coto de Mosteiro (O Carballiño) e a Cidade de Lámbrica
Muro escalonado no castro do Mosteiro de Lobás
O castro de Coto do Mosteiro ocupa a cima dun pequeno outeiro de 525 metros de altitude, ubicado na parroquia de Santa Uxía de Lobás, no concello do Carballiño (Ourense). A repoboación forestal encheu o monte de piñeiros (pinus pinaster) que estragaron, co seu crecemento rápido, moitos treitos de muralla e que dificultan a adecuada percepción do castro por parte dos visitantes que alí se achegan.

O Coto de Mosteiro está totalmente abandonado, pese a pertencer a unha zona particularmente rica en castros, a Terra do Carballiño, con asentamentos tan importantes como os castros de San Facundo, no concello de Cea; Corneda, Orros e Souteliño no concello do Irixo; Cameixa e Moldes en Boborás, Lámbrica e o San Trocado en San Amaro...

O Coto de Mosteiro esmorece no esquecemento entre silvas, toxos e piñeiros. Tamén existen importantes vestixios de época medieval que corren a mesma sorte, como a igrexa e o mosteiro de San Pedro de Lobás. Xa vai sendo hora de que valoremos máis o Patrimonio que herdamos.


No Coto do Mosteiro realizáronse escavacións en 1984, hai máis de vintecinco anos, un cuarto de século. Pese a que apareceron materiais singulares e a que está relativamente cerca dos importantes xacementos citados no parágrafo anterior, o castro é totalmente descoñecido para moitos dos habitantes da comarca. Os gobernantes, que podían facer moito por il, tamén o ignoran.

ORERO GRANDAL considera que o Coto do Mosteiro sería “un gran centro cunha gran actividade metalúrxica artesanal” adquirindo os minerais para os seus traballos polos montes da Madanela e polo concello do Irixo. A situación relativamente baixa con respecto á serra da Madanela (875 metros de altitude no Coto da Peniza) pode explicarse pola facilidade de acceso a zonas húmidas e máis chairas onde habería pastos pra o gando e boas terras para a agricultura.
Dos achados que se fixeron na campaña de 1984 podemos destacar os seguintes:
- Un puñal de ferro, posiblemente de antenas, aínda que estas últimas faltan.
- Un gancho de madeira carbonizada, “gancho da herba”, útil para atar monllos ou feixes de herba ou de outros vexetais.
- Diversas fíbulas de bronce anulares en forma de omega. Tamén hai fragmentos de fíbula das denominadas de tipo Golfo de Leâo.
- Unha curiosa estrela de bronce de oito brazos, con orificio central circular.
- Restos de agullas de bronce.
- Algunha conta circular de bronce, con orificio central
- Pedra con motivos insculpidos de círculos concéntricos, pero todos diferentes en cada unha das caras da peza. Considerouse como base para facer repuxados en láminas de metais.
- Fragmento de molde de pedra.
- Máis de 400 moldes de arxila, para ser utilizados con metais líquidos (moldes de fundición).
- Fusaiolas e discos cerámicos.
- Restos diversos de cerámica con decoración, destacando un pe dun prato de Terra Sigillata Sudgálica. Moitas decoracións son similares ás aparecidas en outros castros do Noroeste, particularmente os de Cameixa e San Cibrán das Las, o que pode suxerir intercambios entre eles
- Gran cantidade de muíños planos ou naviformes e de muíños circulares.
- Fichas de pasta vítrea.
Tamén apareceron fragmentos de tégula e un sextercio, o que suxire a ocupación do castro durante a romanización. ORERO GRANDAL suxire, como época final na ocupación do castro, da segunda metade do século I d. C. baseándose no fragmento de Terra Sigillata Sudgálica “do tipo 15/17”, que se datan nesta época. Os inicios da ocupación sitúaríanse dende o século IV antes de Cristo, pero eu opino que a ocupación destas terras ten que ser moito anterior. De feito, o propio ORERO GRANDAL fala da aparición nas escavacións dunha machada “de combate” característica da Idade do Bronce, con perforación circular de sección bicónica no seu centro.

A escasos catro ou cinco quilómetros de Mosteiro están os castros do concello do Irixo e os restos de explotación mineira na parroquia de Loureiro, neste mesmo concello, na ladeira noroeste dos montes da Madanela.

Nestas terras tamén temos manifestacións do desenvolvemento dunha ourivería especializada, pois non hai máis que recordar a arracada ou pendente de ouro do Irixo, conservada no Museo de Pontevedra. Atopada en 1905 nunha aldea do Irixo, está fabricada en ouro de 18 quilates. HERVELLA VÁZQUEZ di que este pendente debeu chegar ó Irixo “procedente dun lugar indeterminado e por unha vía-calzada romana que atravesaba o territorio”. E, digo eu, ¿Non podería ser fabricada nun taller como o de Mosteiro?

MADOZ viu en Larouce, a 3 quilómetros de Mosteiro, “grandes escavacións, que se coñece que foron practicadas para extraer algún mineral, e que están en comunicación con outras que hai moito maiores no Monte das Grobas, feligresía de Loureiro (…)” e RODRÍGUEZ COLMENERO opina que debeu de tratarse de explotacións auríferas, como as do Lago. No Lago, parroquia situada a medio camiño entre Mosteiro e Lámbrica, tamén existiu unha importante explotación mineira de ouro, onde tamén, cara o norte, existe un lugar denominado “As Grovas”, segundo RODRÍGUEZ COLMENERO. Os minerais que aparecen nestas explotacións son o estaño e o ouro.

Parece claro que houbo, entre mediados e finais do I milenio a. de Cristo, unha intensa explotación dos minerais nas nosas terras que aumentará coa chegada dos romanos. Tamén parece claro que, cos datos que nos ofrece ORERO GRANDAL, no Mosteiro houbo algún tipo de taller que transformaba os minerais atopados nas serras. Faltanos saber onde ían a parar as extraccións e as producións locais.

Considero fácil supor que dende Mosteiro existiron rutas terrestres que conducirían a Lámbrica, cunha lonxitude de, aproximadamente, 14 quilómetros, o que permitiría viaxes de tres ou catro horas. Esta hipotética ruta entre Mosteiro e Lámbrica pasaría polas inmediacións do Puzo do Lago ou de Maside. Como anécdota, citar que non hai moitos anos, antes de haber vehículos a motor, os habitantes das aldeas inmediatas a Lámbrica (San Cibrao das Las, Eiras, Ourantes, Salamonde…) acudían a pé ás feiras do Carballiño transportando os animais obxecto de compra-venda. As viaxes a pé –tamén en cabalaría ou en carro- constituían o único medio de comunicación entre as aldeas.

Dende o castro de Coto do Mosteiro podemos ollar no horizonte as características siluetas do Monte do Santrocado e de A Cidade de San Cibrán das Las, Lámbrica. As maiores dimensións de Lámbrica e a súa superior disposición urbanística, cando é comparada con calquera dos outros castros da Terra do Carballiño, conduce a pensar na súa superioridade, ben fose política, militar ou económica, e pola súa privilexiada situación preto das ribeiras do Miño, o que constituiría unha excelente canle de comunicación para dar saída ás producións mineiras, pero tamén posiblemente agropecuarias e artesanais, que se extraían ou manufacturaban nestas terras. Mosteiro tivo que ser, por forza, un deses talleres que enviaría as súas producións a Lámbrica que, á súa vez, as redistribuía. Por iso Lámbrica (o castro de San Cibrán das Las e Ourantes) é o maior de todos os que temos nas Terras do Carballiño.


Bibliografía

ORERO GRANDAL, L.: Castro Coto do Mosteiro. Campañas 1984/85. Arqueoloxía/Memorias 10. Consellería de Cultura e Deportes. Xunta de Galicia. A Coruña, 1988.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. Bilbao, 1977.

HERVELLA VÁZQUEZ, J.: Irixo, natureza, historia e arte nun municipio da Galicia interior. Concello de O Irixo. Ourense, 1999.



Ver artigo: Piñeiros no castro do Coto de Mosteiro (O Carballiño)
Ficha do castro do Coto de Mosteiro en Patrimonio Galego
Ficha do castro de San Cibrao das Las (Lámbrica) en Patrimonio Galego
Artigo publicado o 18-02-2012 13:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal