Arredor de Lámbrica


Algunhas publicacións de López Cuevillas no Boletín da RAG
Pedra reutilizada nunha muralla de Lámbrica
Advertencia: Cando foi realizado este artigo funcionaban perfectamente os enlaces á Real Academia Galega. Algún tempo despois, ó decatarme de que non enlazaban, actualiceinos. Pero uns días máis tarde comprobei de novo que os enlaces non levan ós artigos orixinais. Manteño o meu texto porque pode servir de guía para os interesados en acceder a eses artigos de Cuevillas, pero terán que entrar na páxina da Real Academia Galega e utilizar o seu buscador. Mil perdóns.






Grazas á laboura de dixitalización que algunhas institucións están a facer das súas publicacións históricas, podemos ter nas nosas casas traballos publicados hai moitos anos e que non son doados de consultar nas bibliotecas para a maioría do público. É o caso do Boletín da Real Academia Galega.

Entre os anos 1924 e 1927 publicáronse nese Boletín unha serie de artigos por FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS relativos á Cidade de Lámbrica, o castro das Las, entre San Amaro e Punxín. Todos levan o mesmo título, como se o mesmo Cuevillas se dera conta de que falar das Las non tivera fin: A Citania do monte "A Cidade" en San Ciprián das Las.

Do castro das Las, Lámbrica, e dos seus arredores, de feito, aínda hai hoxe moito do que falar, fóra do consabido e repetidísimo "San Cibrán de Las é un xacemento que, pola súa configuración formal e monumental, constitúe un verdadeiro arquetipo dos castros da etapa final da cultura castrexa (...)" copiado repetidamente en folletos e páxinas web.

Estas publicacións están relacionadas cos primeiros traballos de prospección que se fixeron no castro das Las e Ourantes entre os anos 1922 e 1925, tras unha visita ó xacemento no ano 1921.

Para facilitar o acceso a algúns artigos de Cuevillas que teñen relación con esta primeira etapa de traballos no castro das Las e Ourantes preparei uns enlaces, cunha pequena referencia ó contido de cada publicación. Merece a pena lelos e gozar dunha fermosa lingua galega escrita que nos acerca moito á fala dos nosos avós, aquela fala das aldeas onde aínda os académico-políticos non se atreveran a pór a súa gadoupa e onde as persoas podían expresarse sen constrinximentos normativizadores.

Agradecerlle á Real Academia Galega esta achega ó público dos fondos que xacen esquecidos nas bibliotecas e que son de difícil acceso. Con eles podemos aprender moito. Incluso é posible que teñades, como tiven eu, a sensación de que só Cuevillas ofrece nestes artigos máis información que todas as escavacións realizadas dende os anos oitenta do século XX, escavacións nas que se invertiron escandalosas cuantías procedentes do diñeiro público e coas que se obtivo un pírrico resultado, tanto no eido da investigación como no da realización de publicacións, na conservación ou na posta en valor do propio xacemento, incluíndo un centro de interpretación, carísimo, que non acaban de pór en marcha. Está claro que o diñeiro por si mesmo non é capaz de comprar cultura e coñecemento, só adquiribles con moita sensibilidade, traballo diario e colaboración.




Velaí os enlaces ós artigos de Cuevillas:

Boletín da Real Academia Galega número 164, páxinas 201 a 206 (1924). Contén algunhas consideracións sobre as citanias. Cando fala do emprazamento de Las, chaman a atención a descrición e a fotografía da calzada que sube dende Barbantes á Citania, Lámbrica. En verbas do propio Cuevillas: “Iste camiño, ancho de mais d’un metro, e cuya antiguidade loubáronme moito as gentes do país, ten duas particularidás dinas de seren notadas: o estar en case que tod’a sua extensión estrado de lajas de pedra de grá, y-o morrer ô pé mesmo d’A Cidade (…)”. Neste blog xa se falou desta calzada nun artigo anterior.

Boletín da Real Academia Galega número 165, páxinas 227 a 232 (1924). Fala das murallas, daquela derrubadas, das portas e das medidas do xacemento, calculando, cos métodos de Schulten, que viviría no castro unha poboación cercana ás 7000 persoas.

Boletín da Real Academia Galega número 166, páxinas 250 a 257 (1924). Neste artigo descríbense algunhas construcións, unha no recinto central (que semella un tanque de auga) e unha pedra insculturada.

Boletín da Real Academia Galega número 167-168, páxinas 301 a 305 (1925). Un artigo sobre pequenos obxectos de metal, armas e doas de vidro aparecidos no castro.

Boletín da Real Academia Galega número 169, páxinas 7 a 13 (1925). Todo o traballo versa sobre as diversas tipoloxías de cerámicas que apareceron no xacemento (olas grandes, potes, xerros, cuncas…) pero tamén nos informa da aparición dunha pedra de anel (da que xa se falou nun artigo deste blog) e de tres moedas romanas.

Boletín da Real Academia Galega número 193, páxinas 1 a 9 (1927). Ademais de obxectos de vidro e de cerámicas, fálanos da fonte monumental e cómo se descubriu. Como dato curioso recolle o nome que lle daban os habitantes dos arredores: O Puzo das Armas.




Fonte: http://www.boletin.realacademiagalega.org

Ver vídeo Castro de San Cibrán das Las dende o aire en vimeo.com
Ver artigo neste blog: O cáprido de Lámbrica
Ver artigo neste blog: A ruta terrestre polo Santrocado entre Lámbrica e a Barca de Barbantes
Ver Castro de San Cibrao de Las na Wikipedia
Artigo publicado o 27-10-2011 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal