|
|
|
Bandua, Aemilius Reburrinus e o asunto de Lámbrica |
|
 Ver detalle da ara
Ver artículo en castellano
(ARTIGO ENMENDADO)
Moitos textos que se refiren ó castro de San Cibrán das Las-Ourantes en distintas publicacións difunden conclusións aínda non definitivas nin suficientemente contrastadas. É o caso de *LANSBRIGAE, lectura que fixo RIVAS FERNÁNDEZ hai algúns anos na inscrición da ara de Bandua de Eiras (San Amaro), e na que se tentaba ver a orixe do topónimo local Las 1. Esta lectura foi recollida por autores máis recentes, como PEREZ OUTEIRIÑO, sen demasiadas comprobacións e con fotografías intencionadamene repasadas. Lecturas posteriores de TRANOY e de RODRÍGUEZ COLMENERO ignoran o suposto S e leen, respectivamente, BANDU/A LANOBRIGAE (alegando que en céltico non existe S antes de ?briga) e BANDU(ae) ALANIOBRIGAE.
Sabemos que entre os pobos prerromanos do Noroeste existía un topónimo, LAMBRICA, citado por autores antigos, entre eles Mela. Como non precisaron exactamente a sua ubicación, moitos autores tentaron localizala onde mellor lle pareceu, sen excesivo fundamento. Non é intención agora convencer a ninguén de que a LAMBRICA citada nos textos clásicos sexa o actual castro das Las e Ourantes. Será suficiente con decir, en principio, que se trata dun topónimo e que, como tal, é fácil que se repita en lugares distintos.
BANDVA é unha divindade (non está moi claro se deus, deusa ou ambos xéneros á vez) común ó Occidente da Península Ibérica, sendo permitido o seu culto pola relixión romana. Coñecemos na Península Ibérica cerca de trinta aras votivas que presentan un teónimo coa raíz Band-, case todas en Gallaecia e Lusitania, especialmente entre os ríos Texo e Miño. O teónimo, en dativo, presenta diferenzas dunhas a outras inscricións, o que pode obedecer ó xénero da deidade, usándose tanto o masculino coma o feminino, ou ó feito de tratarse dun nome de procedencia indíxena e posteriormente romanizado.
Imos centrarnos naquelas inscricións que están encabezadas ca palabra BANDV na primeira líña e con letras de maior tamaño. Podemos citar as seguintes, figurando entre paréntesis o número asignado na base de datos de HISPANIA EPIGRAPHICA e un vínculo á súa ficha:
- Bandu(e) / Rouda(e) / co? (nº 20352), de Madroñera (Cáceres).
- Bandu / Vorde / aeco? (nº 7195), de Carrazeda de Ansiaes, Bragança (Portugal).
- Bandu / e? (nº 249), de La Mezquitilla, Sonseca (Toledo).
- Bandu / e Corn /elius... (nº 24151), de Espinhosela, Bragança (Portugal).
Esta presenta unha lixeira variación, aínda que a posición do teónimo está tamén ó principio da inscrición:
- Bandei / Vircau / i ... / ... (Nº 25390) Antas, Penalva do Castelo, Viseu (Portugal).
BANDV figura ó principio da inscrición en 5 das 25 aras analizadas, arredor dun 20%. Poderíamos supoñer que o nome da deidade está completo na ara de Eiras, pero tamén é admisible que o teónimo termine en ?ae debendo considerarse en tal caso que a terminación foi omitida. En calquera dos dous casos a tradución sería a mesma: A Bandua ou Para Bandua.
A palabra LAMBRICAE xa foi comentada noutros artigos, baseados nunha visita á ara en 2007 e nas fotografías tomadas, nas que pode verse un M antes do B na segunda liña, podendo lerse LAMB/RICAE. RIVAS, TRANOY e COLMENERO, entre otros, non viron a letra M. Só VIDÁN TORREIRA, curiosamente, fai unha lectura diferente, que non vén ó caso neste artigo, pero ten o mérito de que foi capaz de ver o devandito M ( PALAMBRIGENSE, páx. 337).
RECTIFICACIÓN DA LECTURA DA ARA: ARTIGO ENGADIDO 14-1-2017: BANDV ALAMB RICAEAE MILIVSRE BURRNVS
Reburrinus, así como outras formas semellantes (Reburrinia, Reburrios, Reburrus o Reburra) son moi coñecidos na época romana e considéranse nomes hispánicos. Aemilius sería un nome claramente latino.
Non existen datos que proben que a ara de Eiras proceda de Lámbrica, pero si hay noticias de que na contorna na que se conserva, onde se atopan os pazos de Eiras, houbo construcións romanas.
RODRÍGUEZ COLMENERO fálanos dun párroco de Eiras (concello de San Amaro, non de Punxín onde él ubica a parroquia) que atopara un mosaico romano na sua viña, apresurándose a recubrilo de novo. Tamén nos di que apareceu no lugar abundante cerámica romana e grandes tégulas na contorna da Igrexa de Eiras, situada a pouca distancia da casa na que se garda a ara.
Nunha superficie de aproximadamente 15 hectáreas existen actualmente catro grandes fincas contiguas, de maior tamaño cas do resto da aldea. Nelas están situadas dúas casas fidalgas, unha casa rectoral e a igrexa da parroquia. A permanencia, ó traverso dos séculos, das herencias fidalgas e dos bens eclesiásticos e a contigüidade que manteñen entre si, sen apenas disgregarse, fan pensar nun remoto posuidor común de tales bens.
Emilio Reburrino puido ser un deles, cunha vila adornada con mosaicos nalgunha das súas estancias entre os séculos I e II.
O Cristianismo, que aparecerá bastante máis tarde, procurará asimilar algunas das prácticas e crenzas religiosas anteriores, adaptándoas á nova doutrina. Moitas desas crenzas aínda poden hoxe rastrexarse en lendas e en vidas de santos, encargados de recibir as atribuciones de tantos deuses pagáns precristiáns. Incluso é posible que algún dos santos venerados na parroquia recibira atribucións de Bandua.
O Cristianismo tamén utilizará ás elites locales para o seu establecemiento, recibindo dos descendentes ou herdeiros das propiedades do Reburrino algún tipo de donación piadosa que segregaría da finca inicial da vila de Eiras o Diestro ou finca da Igrexa. Nesa doazón edificaríanse a igrexia parroquial e a casa reitoral.
Actualmente aínda podemos ver a finca do Diestro , que garda o segredo dun mosaico romano enterrado e os restos dunha construción romana a carón da igrexa, xusto no límite das fincas dos pazos de Eiras, nunha das cales sería gardada a ara de Bandua ata os nosos días.
Bibliografía
CASTRO PÉREZ LADISLAO: Sondeos en la arqueología de la religión en Galicia y norte de Portugal: Trocado de Bande y el culto jacobeo. Universidade de Vigo. 2001.
GARCÍA FERNÁNDEZ-ALBALAT, B.: Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas. Edicións do Castro. Sada, A Coruña, 1990.
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.:"O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense". en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.
PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: "A Cidade de San Cibrán de Las. Obxectivos e resultados das últimas intervencións arqueolóxicas (1982-1983)" en Lucerna. Centro de Estudos Humanísticos. Porto (Portugal), 1987.
RIVAS FERNÁNDEZ J. C.: "Nuevas aras romanas y rectificaciones interpretativas en torno a otros epígrafes galaico-romanos ya conocidos". Boletín Auriense, III. 1973.
RODRÍGUEZ CAO, C.; RODRÍGUEZ XUSTO, M.; FARIÑA BUSTO, F.: A Cidade. San Cibrán de Lás. Guías do Patrimonio Cultural 4. Fundación Caixa Galicia e Grupo Marcelo Macías. Vigo. 1993.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Aquae Flaviae I. Fontes epigráficas. Universidad de Chaves. 1987.
RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. 1977.
VIDÁN TORREIRA, M.: " Pambre y el enigma del ara de Eiras", en Nalgures, tomo I. Pág. 335. A Coruña, 2004 (Disponible en Internet. Incluye un interesante resumen que permite conocer la historia de la interpretación de la inscripción del ara, desde X. Lorenzo Fernández hasta A. Colmenero).
(1) ^ Sobre o nome da parroquia, ver artigo neste blog: San Cibrao das Las e as laxas.
|
|
|
|
|
|
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor... |
|

|
|
|
|
|
|
|
|
|
|