Arredor de Lámbrica


O Castro de Souteliño e Prado, entre os concellos de O Irixo e Boborás
Castro de Souteliño e Prado (O Irixo e Boborás, Ourense)
O concello do Irixo amósasenos moi rico en achados arqueolóxicos. Baste citar a arracada descuberta en 1905, en ouro de 18 quilates e datada na Idade do Ferro, ou o aramio de ouro atopado en Orros. Entre a constelación de castros que podemos atopar neste concello destacan pola súa magnitude os seguintes: Monte de Ollos (entre as freguesías de Corneda e Cidá), castro de Orros ou da Cidá (nesta mesma parroquia) e o castro de Souteliño (na freguesía de Corneda).

O concello de Boborás tamén posúe castros de certa importancia: Cameixa, Moldes, Meimón en Vilachá (parroquia de Feás), a Teixeira (Brués) ou Prado (Xurenzás).

Existen multitude de castros, especialmente cando son de certa extensión, nos que pola súa situación, na cima de outeiros e montañas, soen ser compartidos entre dúas ou máis aldeas, freguesías ou, incluso, entre dous ou máis concellos. Elo é patente no castro de San Cibrao das Las, Lámbrica, aspecto xa comentado en artigos anteriores, e que constitúe un atranco importante á hora da conservación, do estudo e da difusión dos xacementos.

Nos listados de castros cos que se inicia este artigo hai dous, o de Souteliño (Corneda, en O Irixo) e o de Prado (Xurenzás, Boborás) que, por estar no límite das freguesías de Corneda e de Xurenzás (ambas pertencentes a concellos distintos, O Irixo e Boborás, respectivamente) son citados como castros diferentes, pero estamos a referirnos a un mesmo xacemento (ver esquema do castro de Souteliño e Prado).

No Mapa Topográfico Nacional denomínase a esta zona como Os Castros, pero para evitar confusións nós chamarémoslle Castro de Souteliño-Prado, por ser estas dúas entidades de poboación as máis próximas o castro.

Souteliño é un pequeno lugar que está na parroquia de Corneda (O Irixo), e Prado é outra aldea da parroquia de Xurenzás (Boborás). Ambas teñen a sorte de custodiar un dos castros máis espectaculares, pero tamén máis esquecidos e abandonados, da Galiza interior.

Os concellos de O Irixo e de Boborás manteñen a liña do resto dos concellos da comarca no que atinxe á difusión, estudo e conservación do patrimonio arqueolóxico: todos se caracterizan pola súa nula disposición neste eido da cultura. Nada novo en Galiza.

Non debemos confundir este castro, que eu chamo de Souteliño e Prado, con outro que hai na mesma parroquia de Corneda, situado uns dous quilómetros máis ó norte do que comentamos: o castro de Monte de Ollos, no que a tradición popular sitúa unha feira que tiveron os mouros nos anos que alí estiveron.

Na Gran Enciclopedia Gallega non hai referencias a castros no concello de Boborás (incomprensible, a pesar de contar co de Cameixa e co de Moldes). Pero cando fala do Irixo, refírese o noso castro de Souteliño-Prado como Castro de Souteliño, situándoo a 800 metros ó oeste da aldea do mesmo nome.

Descríbeo como un recinto central defendido por unha cerca de 2 metros de alto cara o interior e, ó exterior, por un terraplén moi inclinado, de 7 a 10 metros de altura, cun foxo ó seu pé, desaparecendo este último polos lados sur e leste. Polo norte e polo oeste as obras defensivas refórzanse con novos foxos. O recinto central mide 98 metros de norte a sur e 101 de leste a oeste. Tanto os parapetos como os foxos están cubertos de terra, e hai indicios claros –a interrupción dos parapetos na parte SE- da existencia dunha porta.

A Gran Enciclopedia tamén reproduce unha interesante lenda con referencias ó ouro: No castro de Souteliño sacan as mouras a asollar o millo e, mentres terman del, peitéanse cos seus peites. Cadrou unha vez que pasara por alí un porco que foi meter o fuciño no solleiro e entón unha moura, para tornalo, guindoulle cun peite que se lle prendeu nas serdas. Fuxiu o porco para a corte e cando alá chegou viron os donos que o peite que traía engarrado era de ouro.

Nunha visita ó lugar só puidemos adiviñar os foxos e as murallas ou terrapléns concéntricos. A vexetación, froito do abandono que padece o xacemento, dificulta a percepción das estruturas, pero aínda se pode intuír que ten unha planta aproximadamente circular, con uns 300 metros de diámetro, o que da una superficie de 7,06 hectáreas e un perímetro exterior é de 942 metros.

Nas fotografías aéreas (ver esquema do castro) obsérvase claramente un círculo interior, de uns 100 metros de diámetro (aproximadamente 0,78 hectáreas), lixeiramente desprazado cara o norte. Pola parte norte e oeste, este círculo central posúe outras dúas murallas exteriores, que rematan na muralla máis exterior. Unha pequena pista, devasa ou cortalumes aberto recentemente, puxo ante os nosos ollos pedras procedentes de construcións castrexas, restos de escouras de fundición, algunha cerámica e un fragmento dun muíño castrexo de man.

Para facernos unha idea das dimensións do castro de Souteliño-Prado, podemos comparalas coas do castro das Las. Este último, considerado o máis grande de Galiza, ten aproximadamente 9 hectáreas de superficie, pero o perímetro do seu muro máis exterior non supera os 1130 metros, só 188 máis que o perímetro da muralla máis exterior de Souteliño-Prado. Aínda así, hai que ter en conta que as medidas deste último son aproximadas pola dificultade na apreciación da totalidade das estruturas.

En canto ás formas de vida dos castrexos de Souteliño e Prado nada sabemos, pero ademais da repetida apropiación dos recursos agropecuarios e cinexéticos da contorna, presentes en todos os castros, debemos facer unha mención ás riquezas mineiras do concello, rico en minerais de ouro e de estaño. Así, son coñecidos os vestixios de xacementos de ouro nas Grobas, e nas Covas de Valduide, ambas na freguesía de Santa Mariña de Loureiro.

A impresionante altitude do castro de Souteliño e Prado, a 645 metros sobre o nivel do mar, favorece nunha ampla visibilidade e control sobre o territorio circundante, incluso a moita distancia, que podemos entender mellor nun contexto de explotación de riquezas territoriais que era preciso defender.

Cara o sueste aparecen, a uns 15 quilómetros, as siluetas do monte do Santrocado e do castro de San Cibrao das Las, Lámbrica, que sinalan a ruta dos minerais obtidos nos arredores dos castros do Irixo, Boborás e Carballiño cara o río Miño, a mellor vía de comunicación naquela época que conectaba coas vías comerciais atlánticas. Todo elo moitos séculos antes da existencia das vías férreas e das autovías.

Mágoa que hoxe xa non poidamos exportar nada, nin sequera as riquezas patrimoniais que fican esquecidas nos xacementos enterrados nos nosos montes. Todo elo grazas a perfecta desidia das entidades culturais e gobernativas impostas pola "globalización" e polo "mercado libre", que favorecen a sobrevaloración das cousas alleas e o incomprensible desprezo das riquezas propias, empezando polo idioma e rematando pola arqueoloxía.


BIBLIOGRAFÍA
VVAA, Gran Enciclopedia Gallega, T. 18. Santiago, 1974.
HERVELLA VÁZQUEZ, J.: Irixo. Natureza, historia e arte nun municipio da Galicia interior. Concello do Irixo. 1999.
Esquema do Castro de Souteliño-Prado
Concello de Boborás
O Irixo en galicias.com
Artigo publicado o 12-06-2011 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Arredor da citania ourensá de San Cibrao das Las e Ourantes, do monte do Santrocado e do Castelo de Laias: deuses, mámoas, petroglifos, castros, xentes...

 Artigos destacados
 Outros artigos, blogues ou webs
 Procurar en Lámbrica

© by Abertal