💫 Arredor de Lámbrica


☀️ Os petroglifos de Eiras e Lámbrica
Foto do panel dos petroglifos da Ermida dende o Norte da rocha (Eiras, San Amaro).
A tipoloxía dos petroglifos de Eiras fainos pensar en gravadores da Idade do Bronce, podendo ser datado este panel entre os anos 1700 e 1200 antes de Xesucristo, aínda que a súa utilización pode chegar ata os tempos da romanización.

Só a figura máis pequeniña demostra ser gravada nun período xa tardío, pois á súa distinta factura denuncia que se empregou algún instrumento metálico. Unha coviña tan diminuta non pode ser trazada por desgaste con instrumentos líticos como foron gravadas as demais figuras.

Elo indicaría a longa utilización cronolóxica do lugar, posible evidencia dalgún carácter sacro. Esta sacralidade terá continuidade co cruceiro cristián erguido nas súas inmediacións, a carón dunha mámoa.

A orientación do petroglifo máis grande do panel cara o outeiro onde no período castrexo será edificada a Cidade de San Cibrao das Las lévanos a sospeitar que os gravadores do panel da Ermida xa tiveron en conta ó citado outeiro, moitos séculos antes do período castrexo.

Elo pode indicar a preeminencia que o outeiro onde está o Castro das Las, Lámbrica, puido ostentar xa sobre o contorno. Esta preeminencia estaría simbolizada no panel polo maior tamaño do petroglifo orientado cara ese outeiro, polo maior número de círculos concéntricos que contén e pola presenza de liñas radiais, inexistentes no resto das figuras.

Loxicamente, esta relación tivo que ser anterior ó período castrexo. No castro das Las existe, cando menos, unha mámoa ou sepulcro colectivo, parella de outra que hai nas inmediacións dos petroglifos da Ermida. En moitos estudos asóciase a presenza de petroglifos circulares con mámoas do contorno, polo que deben ter unha cronoloxía semellante. No noso caso, elo implica que a presenza humana na citania de San Cibrao Las é moito anterior ás actuais construcións castrexas que alí podemos admirar.






Bibliografía
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.:"Os petroglifos da Ermida en Eiras, solsticios e territorio". Ágora do Orcellón 18. Páx. 32-45. Vigo. Xullo de 2009. ISSN 1577-3205.
















Ver o petroglifo principal da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver a Pedra Furada da Ermida
Ver algúns aliñamentos nos petroglifos da Ermida
Artigo publicado o 05-09-2010 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre os petroglifos da Ermida en Eiras (San Amaro)
Panel da Ermida (Eiras, San Amaro)
As coincidencias de petroglifos aliñados cos puntos de solpor nos solsticios poden excitar a imaxinación daqueles que tivemos a sorte de contemplalas, aínda que nada hai, en principio, que permita comprobar a súa intencionalidade.

O intento de explicar os petroglifos como mapas da contorna tamén foi empregado por autores diversos en outros paneis, moi especialmente a coincidencia de petroglifos con lugares húmidos. Noutros casos barállase a posibilidade de que representen poboados ou mámoas, cando non límites territoriais. Ningunha delas é aceptada totalmente, polo que aínda queda moito por avanzar sobre o estudo da intencionalidade dos petroglifos.

A existencia dun lugar común na contorna, lugar central dende o que se divisaría un territorio que será reflectido nun “mapa”, neste caso a dous quilómetros de distancia, é unha das hipóteses, creo que nunca contempladas, que se poden tirar dos artigos deste blog, e que requirirán ser confirmadas noutros xacementos.

A motivación astronómica non parece compatible coa existencia do nacemento dos regatos, atopándonos diante dunha gran casualidade, pois os regatos nacen de forma natural. Pero elo non impide que a distribución xeográfica dos lugares húmidos fose xenialmente combinada coa traxectoria solar anual polas elites relixiosas daquela época, aínda que iso é imposible de saber. Polo de agora, as nosas abrigas son as de contemplar e de preservar estes fermosos vestixios de hai cinco mil anos.





Ver artigo Petroglifos da Ermida: Astronomía e territorio?







Ver artigos dos petroglifos de Eiras en Terra Antiquae
Ver Os petroglifos de Eiras, no concello de San Amaro
Artigo publicado o 09-05-2010 09:38
# Ligazón permanente a este artigo
Arredor da citania de Lámbrica, castro de San Cibrao das Las

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎
  💫 Galerías de imaxes 📷

©️ Felisindo González Iglesias. 2009-2020 💫
© by Abertal