Arredor de Lámbrica


O santuario de Segeda, os aliñamentos astronómicos e os petroglifos de Eiras
Panel dos petroglifos de Eiras (San Amaro)
O santuario celtibérico de Segeda, do século II despois de Cristo, está en Calatayud (Zaragoza). O seu estudo, dirixido por Francisco Burillo, puxo de manifesto o interese das poboacións celtibéricas (prerromanas) polos movementos dos astros, particularmente do Sol e da Lúa. As distintas aliñacións observadas coinciden co Norte astronónimo, co solsticio de verán, cos equinoccios e coa Parada Maior da Lúa, seguramente coa intención de medir o Ciclo de Metón ou Ciclo metónico, que marca a Lúa cada 19 anos, aproximadamente. Os investigadores da Universidade de Zaragoza chegaron a afirmar que o santuario celtibérico de ciclo lunisolar de Segeda constituía un calendario perfecto, axustado ós movimientos astronómicos do Sol e da Lúa.




Interésannos agora tres liñas, patentes no santuario de Segeda:
a) Un aliñamento co solpor solsticial de verán
b) Un aliñamento cara o Norte astronómico
c) Un aliñamento cara a Parada Maior da Lúa.

Nos petroglifos da Ermida en Eiras (San Amaro) tamén se realizaron algunhas observacións que apuntan cara os mesmos puntos azimutais, aínda que os aliñamentos na Ermida prodúcense nos petroglifos, inexistentes en Segeda. Evidentemente, o panel dos petroglifos non é morfolóxicamente comparable ó santuario de Segeda, no que hai restos dunha construción, pero sí o son as liñas de orientación que se observan, o que pode obedecer a unhas crenzas e coñecementos comúns ou procedentes dun tronco común.

O solpor solsticial nos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro) foi comprobado no verán (petroglifos A e B), ó igual que a orientación Norte de dous dos petroglifos (E e A). Estas mesmas particularidades, como vimos, tamén lle interesaban ós celtíberos de Segeda, segundo os seus investigadores, polo que xa percibimos que ambas estacións arqueolóxicas posúen algo en común.

A posibilidade de que outro dos petroglifos da Ermida (o D) sinalase o solpor solsticial de inverno, tamén foi suxerida neste blog pero non é demasiado convincente, especialmente se se deixa "pousar" o Sol no horizonte, desviándose bastante da liña esperada.

Dous aliñamentos de Segeda (as liñas que marcan o Norte e a Parada Maior da Lúa) forman un ángulo de 120º (130º, segundo algunhas fontes). Nos petroglifos da Ermida tamén percibimos un ángulo moi semellante: a liña que une os petroglifos A e D (liña azul) forma un ángulo coa prolongación da liña que sinala ó Norte (petroglifos E e A, liña verde) de, aproximadamente, 128º, o que lle permite ó petroglifo D unha orientación similar á do aliñamento de Segeda coa Parada Maior da Lúa.

O máis curioso nos petroglifos da Ermida é que este ángulo é semellante ó que forman os petroglifos B e E con centro en A (liñas vermella e verde discontinua). Consecuencia delo é que a bisectriz do ángulo formado entre a liña do solpor solsticial de verán e a da suposta Parada da Lúa (liñas verde e azul, respectivamente) é perpendicular a liña Sur-Norte (liña verde) indicando claramente os equinoccios (liña branca). A liña equinoccial tamén foi detectada en Segeda.

Falta, agora, unha comprobación dese posible aliñamento da Parada Maior da Lúa na Ermida, sendo altísimas as posibilidades de que os pobos que habitaron este monte ourensán antes da romanización coñecesen os cálculos que realizaban os de Segeda no seu santuario, non moi lonxe de Calatayud.

Coido que na Ermida está clarísima a intencionalidade no gravado dos petroglifos. Outra característica da Ermida, que a fai única, é a súa simplicidade, sen petroglifos engadidos que dificulten a percepción dos aliñamentos dos que estamos a falar, pois os paneles espectaculares, con moitas figuras e que, enriba, foron realizadas en épocas diversas, fan aínda máis difícil a súa interpretación.

Tampouco nos podemos esquecer de que o petroglifo principal da Ermida está orientado cara o castro de San Cibrao das Las e Ourantes (Lámbrica), o que suxire unha vinculación clara con este xacemento.

Se os de Segeda tiñan inquietudes astronómicas similares ós habitantes da contorna de Lámbrica teremos que pensar que, posiblemente, os petroglifos da Ermida sexan contemporáneos ás tribus celtibéricas, polo tanto, vinculados ós habitantes dos castros galaicos, só uns centos de anos antes da chegada dos romanos. Elo non entra en contradición coa datación de moitos petroglifos circulares na Idade do Bronce (incluso antes), pois trataríase dunha tradición cunha longa perduración no tempo.

Esperemos que as nosas autoridades culturais a ben considerar a grande importancia do xacemento da Ermida antes de que poidan chegar a ser destruídos polo tempo e polo abandono.




Ver vídeo Segeda, la ciudad celtibérica en www.terraeantiqvae.es

Ver artigo El santuario celtibérico de Segeda (Calatayud) en www.terraeantiqvae.com


Ver otra fotografía y artículo en castellano Los petroglifos de Eiras y los alineamientos astronónicos en Segeda
Ver o santuario de Segeda (www.bloganavazquez.com)
Ver Segeda en (www.celtiberiahistorica.es)
Ver solsticio de verán 2011 en Segeda (herreroseja.blogspot.com)
Artigo publicado o 31-08-2011 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
☀️ O panel dos petroglifos da Ermida en Eiras (San Amaro)
Fotografía vertical na que se sinalan as cinco figuras dos petrogiflos de Eiras (San Amaro).
Os petroglifos da Ermida están gravados na parte superior dunha rocha de granito que ten uns 6 metros de longo por case 3 de anchura, estando lixeiramente inclinada cara o Sur. A súa altura é variable, debido a inclinación do penedo e á propia disposición do terreo. Pola súa parte máis alta, cara o Leste, ten aproximadamente 1´60 metros de altura, pero polo Noroeste pode accederse facilmente á súa parte superior.

A altura na parte Leste permite a un observador de estatura media ver os solpores dende o chan, cos ollos á altura da parte horizontal e superior do penedo, onde están os petroglifos.

No panel podemos diferenciar claramente cinco figuras circulares con coviña central ben marcada e liñas concéntricas arrodeándoa. As catro figuras máis grandes responden á tipoloxía típica das combinacións circulares. As súas coviñas teñen diámetros que oscilan entre os 8 e os 16 centímetros e unha profundidade de 1,5 centímetros. O diámetro total das figuras vai dende os 20 ós 50 centímetros.

Desas catro figuras hai unha que destaca especialmente pola súa magnitude, o seu maior número de círculos concéntricos e a presenza de liñas radiais. Trátase do petroglifo A.

O modo de execución destes catro petroglifos debeu ser con técnicas de picado, posiblemente con instrumentos líticos de punta roma complementado con labores de fretamento. O resultado é o de sucos moi anchos, nos que tamén incidiron seriamente os procesos erosivos.

O petroglifo máis pequeniño (E) consta dunha coviña central de uns 3 centímetros de diámetro e case dous de profundidade. É de tipoloxía moi desemellante ás anteriores, empregándose posiblemente instrumental metálico para a súa realización. A súa distinta factura fainos pensar nun gravado máis tardío que o do resto das figuras.






Ver aliñamentos astronómicos dos petroglifos.

Ver artigo: Obviedades: Os petroglifos da Ermida Ben de Interese Cultural

Ver artigo: Eiras: minas, petroglifos e mámoas










Eiras: minas, petroglifos e mámoas
Ver fotografías dos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver Os petroglifos de Eiras
Artigo publicado o 05-09-2010 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
2009 💫 2021

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2020 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0