Arredor de Lámbrica


La Xunta multará a un vecino de Castrelo do Val si no entrega un petroglifo
Ara de Bandua de Eiras (San Amaro, Ourense)
O pasado 22 de xaneiro saíu esta nova nalgúns xornais: La Xunta multará a un vecino de Castrelo do Val si no entrega un petroglifo.

Deixando a un lado o controvertido tema de se os bens atopados deben estar nas proximidades do achádego ou en museos da capital provincial, é obrigado suliñar neste blog -adicado ós arredores de Lámbrica- a teima do que isto escribe para que a ara de Bandua de Eiras (San Amaro, Ourense) fose custodiada nun lugar axeitado, con doado acceso para visitantes e investigadores, independentemente de que o museo fose capitalino, municipal ou veciñal, sempre que se cumpran as debidas garantías de conservación e acceso.

A ara de Bandua de Eiras non é tan antiga como o petroglifo da noticia do xornal que encabeza este artigo, pois só conta cuns dous mil anos, pero ten para nós moitísima importancia porque contén un topónimo, Lámbrica, que o tempo, a climatoloxía e o abandono seguen a desgastar para que nun futuro, non tan lonxano, o texto se convirta definitivamente en ilexible.

Non se coñece, pese as advertencias que se enviaron por escrito á Consellería hai xa algúns anos, ningún intento por parte da Xunta nin ningunha ameazadora proposta, ó estilo da de Castrelo do Val, ós propietarios do inmoble que alberga a ara para que poida garantirse adecuadamente a súa supervivencia.

A ara de Eiras figura, dende tempo inmemorial, nos xardíns dun pazo, á intemperie, a dous quilómetros escasos do castro de San Cibrán das Las. Moitos investigadores teñen por certo que o topónimo que contén a ara pode referirse ó devandito castro ou o territorio del dependente. Lástima que as lecturas que se realizaron non son coincidentes. Tense visto nela Lansbriga, Lanobriga, Alaniobriga... pero eu sigo pensando que alí se refire a LAMBRICA. Por iso eu lle chamo Lámbrica ó castro de San Cibrán das Las.


Ver fotografías da ara en www.terraeantiqvae.com



Categoría: Recursos arqueolóxicos, arte e natureza ameazados - Publicado o 25-01-2012 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Irixo, unha incineradora enriba do patrimonio arqueolóxico (petroglifos, mámoas, castros e minas de ouro)
Petroglifo no Irixo
"Descubren tres petroglifos de 4.000 años en el espacio de la incineradora de O Irixo", titular do xornal Faro de Vigo o sábado, 14 de xaneiro de 2012.

Novas como esta prodúcense con bastante frecuencia, pero non tanta como a velocidade á que voltan a esquecerse. Galicia está chea de manifestacións deste tipo pero nin a poboación as aprecia o suficiente nin as administracións as protexen e as difunden adecuadamente.

Neste caso trátase de achádegos de petroglifos nun territorio ameazado pola imposición "a dedo" dunha planta incineradora, privada, para producir enerxía eléctrica. O complexo ocupará unha superficie mínima de 50 hectáreas e condenará a poboación do Irixo a vivir case exclusivamente dos escasos empregos que proporcionará a planta. Como contrapartida, as outras posibilidades de vida e de lecer do concello do Irixo quedarán mortas para sempre, destacando o tiro de gracia que se lle dará á súa tradicional gandeiría con excelentes carnes e produtos lácteos, ata o de agora ecolóxicos.

No que atinxe ó patrimono arqueolóxico, é de salientar o abandono tradicional que os concellos galegos, especialmente os ourensáns, aplicaron ós achádegos e o esquecemento das posibilidades de promoción, difusión e explotación deste tipo de recursos, que, unidos ó alto valor natural e paisaxístico da contorna, poderían ser o digno medio de vida de moitas familias da comarca. Enriba, permitiríanos a todos coñecer aspectos importantísimos do noso pasado.

No artigo, tamén aparecido en outros medios, tamén se fala de restos de minería de ouro nunha zona que está a menos de un día de camiño, a pé, do castro de Lámbrica, verdadeiro centro comarcal no seu tempo e que non se explica, nin a súa magnitude, nin a súa poboación, nin a súa disposición urbanística, se non é pola xestión das riquezas mineiras dun amplo territorio que abarca dende as beiras do Miño (Santrocado, Ourantes) ata as terras do Irixo, pasando polas do Carballiño, onde existe unha constelación de castros (Souteliño, A Cidade, Mosteiro...) de tamaño diverso, pero sempre menores que Lámbrica.

A cercanía desta última á beira do Miño (cunha antiga calzada que une Lámbrica co lugar da Barca de Barbantes) fai pensar nun centro de comercio de minerais cara os circuitos comerciais atlánticos ós que se chegaría pola navegación fluvial, Miño abaixo.

Un expoñente marabilloso do bó facer da orfebrería castrexa témolo na arracada, un pendente, aparecida neste concello e que figura no seu escudo municipal. A peza foi atopada en 1905, no castro de Cardedo (Grota, parroquia de Santa María do Campo). Feita con fíos retorcidos de ouro, foi dada a coñecer por X. Lorenzo Fernández en 1943 e actualmente está no Museo de Pontevedra.

Esperemos que as administracións se dignen, dunha vez, a protexer e divulgar este rico patrimonio e, de paso, non enchan de lixo estas fermosas terras. Se o territorio circundante a Lámbrica é importante para o seu estudo e comprensión, a incineradora, dalgún xeito, danará tamén os anceios de protección do propio castro de Lámbrica (San Cibrán das Las e Ourantes), podendo darse por perdidos a chuvia de euros que caeron nestes últimos anos entre os concellos de San Amaro e Punxín.

A comarca do Carballiño ten que estar unida para sacarlle partido ó seu rico patrimonio, igual de unida que debe manterse para facerlle cambiar a intención ós promotores da terrible planta incineradora.


BIBLIOGRAFÍA SOBRE A ARRACADA DO IRIXO

PARCERO OUBIÑA, C.; GARCÍA VUELTA, O. e ARMADA, X. L.: “Contextos y tecnologías de la orfebrería castreña: En torno a una nueva arracada de Punta dos Prados (Espasante, Ortigueira, A Coruña)” en Complutum, 2009, Vol. 20 (1). Páx. 95.

LORENZO FERNÁNDEZ, X. (1943-44): "La arracada posthallstáttica de Irixo" en Boletín de la Comisión de Monumentos Histórico Artísticos de Orense, 14: 127-136.
Ver arracadas castrexas (en Artehistoria)
INCINERADORA NO IRIXO NON
Faro de Vigo: Descubren tres petroglifos de 4.000 años en el espacio de la incineradora de O Irixo
Categoría: Recursos arqueolóxicos, arte e natureza ameazados - Publicado o 14-01-2012 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A Citania do monte “A Cidade” en San Ciprián das Lás (Algunhas publicacións de López Cuevillas no Boletín da Real Academia Galega)
Pedra reutilizada nunha muralla de Lámbrica
Grazas á laboura de dixitalización que algunhas institucións están a facer das súas publicacións históricas, podemos ter nas nosas casas traballos publicados hai moitos anos e que non son doados de consultar nas bibliotecas para a maioría do público. É o caso do Boletín da Real Academia Galega.

Entre os anos 1924 e 1927 publicáronse nese Boletín unha serie de artigos por FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS relativos á Cidade de Lámbrica, o castro das Las, entre San Amaro e Punxín. Todos levan o mesmo título, como se o mesmo Cuevillas se dera conta de que falar das Las non tivera fin: A Citania do monte "A Cidade" en San Ciprián das Las.

Do castro das Las, Lámbrica, e dos seus arredores, de feito, aínda hai hoxe moito do que falar, fóra do consabido e repetidísimo "San Cibrán de Las é un xacemento que, pola súa configuración formal e monumental, constitúe un verdadeiro arquetipo dos castros da etapa final da cultura castrexa (...)" copiado repetidamente en folletos e páxinas web.

Estas publicacións están relacionadas cos primeiros traballos de prospección que se fixeron no castro das Las e Ourantes entre os anos 1922 e 1925, tras unha visita ó xacemento no ano 1921.

Para facilitar o acceso a algúns artigos de Cuevillas que teñen relación con esta primeira etapa de traballos no castro das Las e Ourantes preparei uns enlaces, cunha pequena referencia ó contido de cada publicación. Merece a pena lelos e gozar dunha fermosa lingua galega escrita que nos acerca moito á fala dos nosos avós, aquela fala das aldeas onde aínda os académico-políticos non se atreveran a pór a súa gadoupa e onde as persoas podían expresarse sen constrinximentos normativizadores.

Agradecerlle á Real Academia Galega esta achega ó público dos fondos que xacen esquecidos nas bibliotecas e que son de difícil acceso. Con eles podemos aprender moito. Incluso é posible que teñades, como tiven eu, a sensación de que só Cuevillas ofrece nestes artigos máis información que todas as escavacións realizadas dende os anos oitenta do século XX, escavacións nas que se invertiron escandalosas cuantías procedentes do diñeiro público e coas que se obtivo un pírrico resultado, tanto no eido da investigación como no da realización de publicacións, na conservación ou na posta en valor do propio xacemento, incluíndo un centro de interpretación, carísimo, que non acaban de pór en marcha. Está claro que o diñeiro por si mesmo non é capaz de comprar cultura e coñecemento, só adquiribles con moita sensibilidade, traballo diario e colaboración.



Velaí os enlaces ós artigos de Cuevillas:

Boletín da Real Academia Galega número 164, páxinas 201 a 206 (1924). Contén algunhas consideracións sobre as citanias. Cando fala do emprazamento de Las, chaman a atención a descrición e a fotografía da calzada que sube dende Barbantes á Citania, Lámbrica. En verbas do propio Cuevillas: “Iste camiño, ancho de mais d’un metro, e cuya antiguidade loubáronme moito as gentes do país, ten duas particularidás dinas de seren notadas: o estar en case que tod’a sua extensión estrado de lajas de pedra de grá, y-o morrer ô pé mesmo d’A Cidade (…)”. Neste blog xa se falou desta calzada nun artigo anterior.

Boletín da Real Academia Galega número 165, páxinas 227 a 232 (1924). Fala das murallas, daquela derrubadas, das portas e das medidas do xacemento, calculando, cos métodos de Schulten, que viviría no castro unha poboación cercana ás 7000 persoas.

Boletín da Real Academia Galega número 166, páxinas 250 a 257 (1924). Neste artigo descríbense algunhas construcións, unha no recinto central (que semella un tanque de auga) e unha pedra insculturada.

Boletín da Real Academia Galega número 167-168, páxinas 301 a 305 (1925). Un artigo sobre pequenos obxectos de metal, armas e doas de vidro aparecidos no castro.

Boletín da Real Academia Galega número 169, páxinas 7 a 136 (1925). Todo o traballo versa sobre as diversas tipoloxías de cerámicas que apareceron no xacemento (olas grandes, potes, xerros, cuncas…) pero tamén nos informa da aparición dunha pedra de anel (da que xa se falou nun artigo deste blog) e de tres moedas romanas.

Boletín da Real Academia Galega número 193, páxinas 1 a 9 (1927). Ademais de obxectos de vidro e de cerámicas, fálanos da fonte monumental e cómo se descubriu. Como dato curioso recolle o nome que lle daban os habitantes dos arredores: O Puzo das Armas.





Fonte: http://www.boletin.realacademiagalega.org

Ver vídeo Castro de San Cibrán das Las dende o aire en vimeo.com
Ver artigo neste blog: O cáprido de Lámbrica
Ver artigo neste blog: A ruta terrestre polo Santrocado entre Lámbrica e a Barca de Barbantes
Ver Castro de San Cibrao de Las na Wikipedia
Categoría: A Cidade de Lámbrica e o territorio circundante - Publicado o 27-10-2011 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Prehistoria e protohistoria nas comarcas do Carballiño e do Ribeiro (Ourense)

Felisindo González Iglesias
 Categorías
 Galerías de imaxes
 Artigos anteriores
 Artigos destacados
 Arquivo de artigos
 Ligazóns de interese
 Pescudar no blog
 Blogs galegos

© by Abertal