CARALLADAS SEN FRONTEIRAS


Ellada mou!
Hai países serios e outros que non o son, Grecia é un deles, e por moito que o goberno actual prometa “el oro y el moro”, moitos coma min temos dúbidas de que cumpran co acordado. O señor Papandreu, pouca culpa ten do estado das finanzas actuais, o país leva a arrastrar unha débeda enorme desde hai lustros e ningún dos gobernos tanto de esquerdas como de dereitas tomou medida algunha pra sanear as finanzas, modernizar a administración ou loitar contra a corrupción e o clientelismo. De feito o único que fixeron foi enmerdar máis o país por medio de parches que non supuñan solución ningunha a longo prazo, xa que ate o de agora a economía grega tiña medrado de maneira importante pese a ter unhas finanzas públicas febles, e ademais cando xa non quedaba outra, pois falseábanse as estatísticas oficiais e punto, como fixeron pra acceder á zona euro.

Por moito que lle desguste ó pobo grego, a situación non deixa moitas opcións. Un país con un 18% de persoas que traballan pro estado, cunha administración ineficiente, cunha agricultura pouco competitiva e cun gran poder de chantaxe ou cun sistema educativo que roza a mediocridade, non pode saír adiante sen levar a cabo unha serie de reformas radicais que cambien derriba a abaixo o país, máis aínda estando as finanzas públicas como están, cun déficit por riba do 12% do PIB e unha débeda exterior que supera o 110% do PIB. Ademais diso, o problema é que a sociedade grega é extremadamente inconformista e está habituada a defender os seus intereses na rúa, pacificamente ou non, por tanto non é de estrañar que se produzan mobilizacións masivas, folgas xerais periódicas e violencia nas rúas. Non obstante a cómoda maioría absoluta do socialista PASOK no parlamento e o apoio do conservador Partido da Nova Democracia (imaxinades isto en España?), fai que en principio o goberno de Papandreu poida levar a cabo o proceso de reformas cunha certa estabilidade, aínda que iso supoña renunciar ás promesas electorais de máis protección social.

A crise, aínda que se sufra de maneira máis directa en Grecia ten unha relevancia continental e global. Os problemas financeiros gregos ameazan con trasladarse a outros países en crise como Portugal, que viu a semana pasada como se encarecía dramaticamente a súa débeda ante os datos negativos da súa economía e un “ataque” por parte de especuladores nos mercados financeiros. É por iso que os gobernos do Eurogrupo parecen dispostos a non abandonar a Grecia e xa se fala dun rescate financeiro. Desbotada a idea de saírse do Euro, ou de aceptar a axuda do FMI, tanto polos socios europeos como polo propio goberno grego, agora queda decidir como se vai levar a cabo este rescate, xa que os tratados non permiten que o Banco Central Europeo axude financeiramente a un país en crise. Parece que serán os propios Estados membros, de maneira voluntaria, quen lle bote unha man ó goberno grego, por medio de compras masivas de débeda, avais ou préstamos bilaterais. A fin de contas, a credibilidade do Euro está en xogo, así como as economías de cada un dos países do Eurogrupo que se podían ver afectadas pola eventual bancarrota de Grecia e unha caída do valor Euro.

Obviamente este rescate implicará unha serie de condicións ao goberno grego que máis lle vale cumprir. De feito a Comisión europea nun exercicio de boa fe ou de credulidade, ven de avalar o plan do goberno grego pra reducir o seu déficit ate o 3% en dous anos. Xa poden estar finos os funcionarios da Dirección Xeral de Estatística, pra que non os enganen outra vez os gregos con uns datos falseados. Non obstante, quero crer que o señor Papandreu vai en serio ca reforma das finanzas e o sector público do país. Por agora xa ten conxelado os salarios, anunciado plans contra a corrupción e o fraude fiscal, incrementado os impostos ás clases máis altas, ós hidrocarburos, incrementado a idade de xubilación ou reducido o orzamento en defensa. Non lle queda outra porque o país non podía seguir así, por moito que lle desguste á sociedade grega, vai ter que apandar por ter unha clase política tan irresponsable e cutre-salchichera, e por estaren eles tan cómodos nun país no que o clientelismo, o caciquismo, ou o desvío de fondos públicos é algo cotiá.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-02-2010 15:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Ucraína decide
5 anos despois da revolución laranxa, os ucraínos volveron votar por un Presidente. Neste período a sociedade tivo tempo pra desulionarse ca clase política en xeral, pra perder boa parte do seu poder adquisitivo e pra rebentar co frío cando os rusos lles daba por pechar a billa do gas. Así é normal que votasen co nariz tapado maioritariamente polo líder da oposición, e por unha primeira ministra populista.


Non ía falar de Ucraína sen por unha foto desta tipa...


Con este panorama non é de estrañar que o pobo participase menos nestas eleccións e que ó facelo elixisen ó que eles consideraban como o candidato menos malo. E o caso é que é algo absolutamente normal,xa que durante estes 5 anos de mandato de Yushchenko, Ucraína foi un caos. Ás liortas parlamentarias entre os bloques laranxa e azul, e mesmo entre os propios aliados da revolución, haille que sumar un total incumprimento das promesas que o señor Yushenko facía en campaña hai 5 anos. A día de hoxe os oligarcas seguen a cortar o bacalao, a corrupción lixa todo tanto como antano e o estado non acometeu as reformas necesarias pra se modernizar. Se ben é certo que o señor Yushenko non tivo sempre unhas relacións amistosas cos diferentes gobernos durante o seu mandato, tamén é certo que este utilizou os seus importantes poderes pra, moitas veces, facerlle a puñeta innecesariamente ó primeir@ ministr@, ós rusos, ou a boa parte do seu pobo que non se identifica ca visión do país que o ate o Presidente ucraíno tiña. De feito se este dedicase a enerxía que gastou en fomentar un nacionalismo ucraíno, nun país no que boa parte da poboación se identifica máis con Rusia, en reformar a economía e a administración, quizais non tería perdido tantísimos votos.

Por outra banda están os candidatos que pasarán á segunda ronda, a primeira ministra Yulia Timoshenko (aaaaaaaaaaiiiiiiiiii) e o líder do Partido das Rexións, o señor Yanukovich. En teoría unha representa máis á corrente prooccidental e o outro ós intereses rusos, pero o certo é que durante a campaña os dous candidatos deron mostras dun certo pragmatismo en relación ós vínculos ca UE ou con Rusia. Ambos os dous pretenden avanzar sen presas hacia unha integración nas UE, mellorando tamén as relacións con Rusia. E a dicir verdade, iso é en boa medida o que a Unión e os ucraínos precisan. Máis pragmatismo, menos rifas entre Kiev e Moscova, menos tensións entre as comunidades que compoñen Ucraína, e sobre todo un goberno que non estea cambiando todos os anos, que se leve a matar co Presidente e que teña o apoio suficiente no Parlamento como pra cumprir as súas promesas (proximamente haberán eleccións lexislativas) e levar a cabo as reformas que o FMI, a UE, e a sociedade ucraina levan tempo a requerir. Impedir que a crítica situación do país empeore e se convirta nun estado totalmente inoperante, logrando que Ucraína teña un sistema político estable e unha administración funcional e transparente é o primordial, logo como diría aquil, xa se tal miramos o outro.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-01-2010 02:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A seguinte nación en independizarse será.....
O conto de vivir nunha nación sen estado e aínda por riba ser nacionalista, fai que un se solidarice con outras nacións e movementos semellantes, e incluso chegue a desexar, non sen certa envexa, a consecución dos obxectivos independentistas doutros países. Así pois, penso eu que a maioría dos nacionalistas galegos ven con bos ollos a posible independencia de Catalunya, Escocia ou Groenlandia, ate o punto de facerse auténticos estudos cabalísticos para descifrar quen será o seguinte territorio en proclamar a súa independencia con éxito. Normalmente, un pensa en nacións europeas onde o movemento independentista ten forza, como Flandes ou Euskadi, pero vista a actual situación, e como a Autoridade Nacional Palestina non espabile, quen ten todas as papeletas pra ser o sucesor de Osetia do Sur e Abkhazia (recoñecidos xa por 4 estados!) é o sur de Sudán.

Este territorio, que de tan pobre, non ten nin nome de seu, celebrará no próximo ano un referendum de autodeterminación que decidirá a permanencia ou secesión do Sudán. O referéndum forma parte do acordo de paz ó que o goberno e o grupo independentista Movemento pola Liberación do Pobo de Sudán chegaran hai agora 5 anos, acordo que puña fin a un conflito que duraba xa décadas e que costara miles de vidas. Entre outras medidas, o acordo dispuña unha autonomía temporal pro rexión independentista, ou un novo reparto de poder a nivel estatal entre goberno e rebeldes.



Como indica o mapa, os campos petroleiros están xusto na fronteira, nin que fora o demo!


Nas últimas semanas ambos os dous grupos se teñen posto de acordo sobre as condicións que debe reunir o referéndum para ter validez , máis do 50% de votos afirmativos e unha participación superior ó 60%, o cal fai bastante factible, que un sur maioritariamente negro e de relixión animista e cristiá, se separe dun norte árabe e musulmán que os tivo asoballados anos e anos. Non obstante, pese ó acordo, a tensión en absoluto se ten reducido, pola contra vai en aumento, e parece seguro que conforme se achegue a data do referéndum, a violencia entre as dúas comunidades se intensifique, máis aínda tendo en conta que no próximo abril se celebraran no Sudán as primeiras elecións desde o 1986. De feito, o ano pasado unhas 2500 persoas foron asesinadas, e outras 350000 fuxiron dos seus fogares, cifras maiores as do Sudán, pese a ter este conflito moita máis presenza nos medios de comunicación, e nas axendas políticas.

Con todo, e como lle acontece a outros países que acadaron a súa “independencia” ultimamente, chámese Kosova, chámese Osetia, o Sur de Sudán continuará a ser dependente en todo no caso de separarse de Khartoum. O territorio é do tamaño de Francia, e carece de todo tipo de infraestruturas, polo que necesitará máis que nunca a axuda externa pra cando menos sobrevivir, e iso que ten unha importante riqueza natural e reservas petroleiras o que fará aínda máis conflitiva a futura separación do Sudán, se é que moitas veces no terceiro mundo, o petróleo é máis un castigo que unha bendición, non é?.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-01-2010 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Que oportuno é o Tribunal Constitucional turco!
Finalmente o señor Erdogan dignouse a falar, e falou ben ó criticar a ilegalización do PSD, o Partido que representa ós nacionalistas kurdos, por parte do Tribunal Constitucional Kurdo, baseándose nunha suposta conexión co PKK, grupo armado independentista kurdo considerado terrorista por Turquía, a UE ou os USA. A decisión implica ademais da desaparición do partido, a intervención do seu patrimonio e a inhabilitación de ducias dos seus representantes, entre eles do seu líder Ahmet Türk, e dalgún deputado no Parlamento Turco que curiosamente, na súa maioría representan ó sector máis moderado do partido.


A policia turca non lle ri!


O coitado do Erdogan pode estar ben enfurruñado porque a ilegalización do PSD faise xusto cando acababa de presentar un plan pra pacificar a rexión, por tanto suporá un retroceso nos esforzos do partido do goberno e do propio PSD que levaban un tempiño a traballar pra solucionar o conflito kurdo. Así mesmo, hai uns meses o señor Ocalan, histórico líder do PKK, presentara un plan para pacificar o Kurdistán , e incluso no seo do PKK agromaban diferencias entre os sectores máis conciliadores que defendían un alto o fogo e conversas e os radicais que apostaban por continuar a loita. Por tanto, a sentencia chega xusto a tempo pra, cando menos, dificultar unha saída pacífica ó conflito kurdo. De feito a demanda fíxose hai agora dous anos e pico, isto e que o Tribunal Constitucional non é que lle teña moito aprecio ó AKP de Erdogan, ó cal estivo a piques de ilegalizar hai uns meses, faime pensar que se trata máis dunha decisión política que outra cousa. O fin non sería outro que impedir calquera solución pacífica entre as partes, o cal suporía outro gol na conta do goberno islamista que sería moi ben recibido en Bruxelas, e que deixaría aínda máis a velas vir a unha oposición nacionalista que cada vez ten menos poder.

Por agora a sentencia tivo o efecto que era de esperar, manifestacións no Kurdistán turco, represión por parte da policía, chamadas á unidade por parte do goberno, e máis crispación nunha rexión e nun pobo xa de por si crispado. Os kurdos con seguridade continuarán a votar por candidatos nacionalistas, ben sexa integrados nun novo partido sucesor do PSD (de feito xa fundaran un paralelo por se acaso o PSD era ilegalizado), ou por medio de candidaturas independentes, e canto máis mallen neles literal ou figuradamente máis apoiaran candidaturas nacionalistas. O que está por ver é que postura triunfa no seo do PKK, e se o AKP do señor Erdogan se decide a levar a cabo as medidas presentadas no Parlamento turco pra ampliar os dereitos da poboación kurda, e xa postos reformar unha Constitución algo bastante obsoleta, demasiado centralista, nacionalista, e na que a supremacía civil non vai sobrada.



(1) "A nosa posición en contra da ilegalización do PSD é clara... estamos en contra da ilegalización de partidos. Pensamos que os individuos deben ser castigados e non os colectivos"
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2009 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Os balcánicos van embalados
Pois parece que desta vez os Balcáns occidentais si van no bo camiño, que non é outro que a súa estabilización e integración na Unión Europea.

Nas últimas semanas semella que desta rexión so saen boas novas que fan agoirar unha próxima e irreversible integración nas estruturas europeas.
Quen máis próximo está a lograr este obxectivo é a república croata, máis aínda despois de solucionar o conflito que mantiña con Eslovenia por conta dunha disputa territorial. De feito a UE xa ten aprobado un paquete financeiro que prevé o seu acceso en xaneiro de 2012.

Pola súa banda, a Antiga República Iugoslava de Macedonia, que leva a ser candidata pra ingresar na UE desde o 2005, finalmente recibiu o apoio da Comisión Europea hai un par de mesiños, non obstante debido ó eterno conflito ca república helénica por mor do seu nome oficial, terá que esperar ate resolver esta controversia para comezar as negociacións. Pese a isto a situación actual parece a máis adecuada para darlle un fin a esta disputa, xa que á luz verde pra comezar as negociacións que a comisión europea acaba de dar, hai que contar con que os dous países non terán eleccións nun longo período de tempo e os gobernos actuais están nunha forte posición ó gobernar con maioría absoluta tanto en Skopje como en Atenas.

Xa que falamos da ARIM, tanto esta como, Montenegro e Serbia acaban de ver como a UE eliminou o requisito de obter unha visa pra que os seus nacionais poidan entrar en territorio comunitario. Este dereito concédese unha vez realizadas certas reformas por parte destes estados en areas como o control de fronteiras, a correcta identificación dos seus cidadáns e a loita contra a corrupción, a inmigración ilegal e o crime organizado. Con isto cae unha barreira que isolou estes tres países durante 20 anos, achega as súas poboacións á UE, o cal supón unha mostra de “soft power” na rexión. Á vez que entran no espazo Schengen estudantes, turistas e homes de negocios balcánicos, tamén entrarán mafiosos e delincuentes, pero o certo é que estes nunca tiveron demasiados reparos e problemas en cruzar ilegalmente a fronteira ou en obter unha visa. Pola contra, Albania e Bosnia (so os cidadáns bosniakos, os bosniocroatas e serbobosnios xa poden acceder por teren pasaportes croatas e serbios) terán que continuar cas súas reformas pra obter este privilexio, aínda que parece que pra mediados do ano que ven poderían recibir o placet da Unión. Kosova xa quedaría pra outra, que iso é moito máis complexo.

E finalmente está o acordo de asociación e estabilización que a UE e Serbia asinaran hai algo máis dun ano, e que non entrara en vigor pola oposición dos Países Baixos e Bélxica que pretendían con isto presionar ás autoridades serbias pra que colaborasen co Tribunal Penal Internacional pra ex Iugoslavia. Se ben aínda quedan algúns criminais de guerra soltos como Ratko Mladic, o último informe do fiscal xefe deste tribunal ven de sinalar que o goberno serbio está a cooperar co TPI. O acordo de asociación e estabilización é en principio, o primeiro paso de cara a adhesión de Serbia, e supón toda unha serie de privilexios económicos e comerciais pro estado balcánico. De feito, o goberno serbio ten pensado presentar a súa candidatura á UE durante o primeiro semestre do ano que ven.

Non obstante non van ser todo boas noticias, Bosnia e Herzegovina segue sen realizar as reformas necesarias pra se converter nun estado viable, cun goberno e unhas institucións estatais merecentes dese nome. Por agora os entes subestatais nos que se divide a República de Bosnia e Herzegovina, e os seus grupos políticos, cunha forte mensaxe etnicista, son os que parten o bacallao e fan que o país continúe a ser máis un estado fallido, que unha Federación plurinacional e multiétnica. Se ben os xerifaltes internacionais personificados no Alto Representante para Bosnia Herzegovina, levan un tempo a intentar forzar un acordo entre os líderes das diferentes comunidades pra reformar o estado, este obxectivo semella ben lonxe, e a situación de impasse pode dar lugar a unha maior tensión e violencia.

Por outro lado, a UE tampouco é que esté moito pola labor de aceptar novos socios, nun curto espazo de tempo despois da adhesión de Croacia e posiblemente Islandia, e incluso os líderes europeos teñen ben claro que no caso de se integraren estes países balcánicos, teranno que facer cunhas mellores condicións internas que as de Rumania e Bulgaria cando entraron na UE.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2009 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Kurdistán iraquí quéntase
Pese a que últimamente toda a atención mediatica está posta en Afganistán ou en tal caso en Somalia, no Iraque as cousas seguen se non quentes, un pouco mornas de máis. Se ben a violencia ten diminuído moito nos últimos meses, parece que esta medra no relativamente pacífico norte. O problema é de novo as diferencias entre as diversas comunidades étnicas e relixiosas da rexión, en especial os kurdos (sunnís ou jezidís) cos seus veciños árabes (sunnís maioritariamente nesa rexión).

O problema está na vontade kurda de estender o poder do goberno rexional ás provincias de Kirkuk e Nínive, onde hai importantes poboacións kurdas. Isto obviamente entra en conflito directo ca poboación árabe e turcomana (entre outras minorías), e cos partidos árabes a nivel nacional que se negan a aceptar unha integración destes territorios no Kurdistán iraquí. Á hora de analizar este conflito hai moitos detalles que considerar xa que , comezando pola demografía os kurdos son o maior grupo étnico, e podían ser unha maior porcentaxe da poboación de non ser polo proceso de limpeza étnica e arabización levado a cabo durante a era de Sadam Hussain. Non obstante a nivel político non controlan os parlamentos destas dúas provincias, e o goberno de Bagdad non está pola labor de ceder ós kurdos estas dúas rexións onde hai importantes campos petrolíferos, e importante minorías árabes sunís, chiis, así como tamén de cristiáns e turcomanos. Tampouco quedarían moi contentes con unha posible anexión tanto os iranís como os turcos que verían a un Kurdistán iraquí con moita maior capacidade pra se independizar e fomentar o irredentismo entre as poboacións kurdas do Medio Oriente. De feito, o goberno turco ten declarado que estaría disposto a invadir o Kurdistán iraquí no caso dunha posible anexión de Kirkuk pra defender ós seus primos turcomanos, e xa de paso acabar co separatismo kurdo, aínda que nos últimos meses se está a vivir unha aproximación entre os gobernos de Erbil e Ankara.


Como non topei ningunha imaxe relacionada, pois pra aderezar o artigo poño ós de Therion botándolle uns golfs.


Como o economist indica neste artigo, parece que se ben a solución está lonxe, e o referendum previsto pra decidir o status de Kirkuk é algo imposible a medio plazo, si se están a dar pasos pra acadar un compromiso entre as partes, compromiso que pasaría por un reparto de poder de maneira paritaria entre as diversas comunidades e unha xestión conxunta das provincias por un período co fin de que as partes se vaian reconciliando co tempo, mentres se busca unha solución definitiva pra o asunto, o cal tería que vir ligado a outros factores como o status constitucional do Kurdistán iraquí, os ingresos recibidos polo goberno kurdo relacionados ca explotación do petróleo no seu territorio... En fin, que haberá que falar, negociar e mediar a feito e máis lle vale ós americanos solucionar isto antes de se retiraren (pro verán que ven) por que se non pódese armar aquí a de Dios.

Xa que falaba de jezidis que menos que por unha canción de Therion
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2009 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A parella máis gris de Europa
Pois nada, ó final como os augures predicían, Van Rompuy será o primeiro Presidente do Consello Europeo, e como ninguén esperaba, unha descoñecida Catherine Ashton será a señora PESC. Despois de varios días moito se ten escrito sobre estes dous, a maior parte de artigos negativos, descualificando a esta parella por seren grises, de nivel baixo, que non farán sombra ós líderes dos estados da UE... Razóns non lle faltan ós articulistas, pero por outro lado tamén penso que parece estar de moda criticar á UE, e calquera cousa que faga é un erro e un fracaso.

En canto ós novos cargos da UE, por agora aínda deben ser ben definidos porque, sobre todo no caso do Presidente do Consello Europeo, as súas competencias e funcións non é que estean moi definidas, iso si, o feito de elixir a un home como Van Rompuy, un organizador nato, que busca e consegue consensos, como ben claro deixa o feito de ter gobernado Bélxica por un ano (“incrível pa!”). Isto fai que o cargo sexa máis o dun negociador que intente facer que as partes cheguen a acordos, que o dun Presidente que impoña as súas ideas e “pare o tráfico” cando visite outro país. Non obstante vista a astucia do señor Van Rompuy é ben posible que sorprenda a quen o elixira pola súa imaxe gris. Así mesmo o feito de ser o máximo representante da UE na esfera internacional, e de que lle vai sobrar algo de tempo (so vai ter que presidir e organizar 4 consellos europeos ó ano), fai que poida entre outras cousas, axudar á señora Ashton a exercer o seu cargo. En canto a esta, é o paradigma do baixo nivel, unha auténtica descoñecida que foi elixida maiormente por ser do partido laborista e por ser muller tras unha maxistral xogada da diplomacia británica á hora de negociar os cargos. Non obstante ten unha certa fama de europeísta, e no seu breve período como comisaria de comercio ten gañado unha reputación de eficiente e de boa negociadora. Así mesmo o feito de que sexa británica en teoría, vai ligar máis ó Reino Unido á UE, a poucos meses de que o eurohostíl partido conservador gañe as eleccións xerais. En definitiva, que a coitada teña boa sorte, paciencia e enerxía porque a vai precisar.

Se xa o señor Solana non tiña paría e andaba pra riba e pra baixo todo o tempo, a señora Ashton ademais vai ter o cargo de vicepresidenta da Comisión, por tanto terá que estar presente nos consellos desta, así como dirixir o novo Servizo Exterior Europeo, que terá aínda que axudar a crear e definir, presidir os consellos de ministros de exteriores e de vez en cando comparecer no Parlamento Europeo pra dar conta das súas actividades, e todo isto sen a axuda dun comisario de exteriores (fusionado co cargo de Alto Representante). Se a todo isto lle sumamos as conseguintes negociacións e asistencias a cimeiras internacionais, parece ben claro que a coitada da Catherine non vai parar na casa. Por iso enténdese que pra levar a cabo todas estas funcións se apoiará na axuda do Presidente do Consello Europeo, nas delegacións da Comisión Europea e sobre todo no novo Servizo Exterior Europeo.

Esta nova ferramenta pode marcar un fito, se finalmente se cumplen as expectativas que non son outras que facer unha auténtica rede diplomática ó servizo da UE, a máis grande e capacitada do Mundo con 130 embaixadas nos 5 continentes e uns 6700 funcionarios, e un importante financiamento, 50000 € deiquí ate o 2013. Mais primeiro de todo, haberá que definir as súas funcións, xa que no seo da UE existen posicións contrarias entre quen defende un SEE con competencias consulares e de desenvolvemento entre outros, e quen defende un SEE cunhas funcións máis limitadas. Así mesmo, é básico garantir a súa independencia con respecto ás diplomacias nacionais, defendendo uns intereses por riba de todo europeos, e así mesmo que exista un certo equilibrio nas areas de interese (Caucaso, Magreb...) pra así conseguir que o poder brando da Unión se exerza máis alá das súas fronteiras con máis eficacia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2009 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Quinielas europeas
O primeiro ministro belga, Van Rompuy E finalmente firmou o alicate do Vaclav Klaus, houbo que lle aceptar os caprichos de última hora, e esperar por unha inútil sentenza do Tribunal Constitucional Checo pra que este Presidente “sui generis” asinase o Tratado de Lisboa. E isto sucede á vez que os conservadores británicos renuncian a convocar un referendum sobre o Tratado no caso bastante posible de chegar ó poder, cousa que por outro lado non tería moita razón de ser unha vez entrado en vigor. Por tanto doble vitoria pros europeístas, aínda que sexa daquela maneira, porque eu como europeísta vexo este Tratado de Lisboa como un premio de consolación, xa que se ben mellora o que había, un pouco funcional Tratado de Niza nunha Unión de 27, está aínda ben lonxe de solucionar as eivas democráticas da UE, ou garantir un modelo social europeo e fuxir dun neoliberalismo manifestamente fracasado.

Agora que a entrada en vigor do Tratado de Lisboa é cuestión de tempo, comézanse a facer as quinielas pra decidir os titulares dos novos postos creados por este, ou sexa, o Presidente do Consello Europeo e o Alto Representante para a Política Exterior. Todo parece que as dúas principais familias políticas europeas se teñen posto de acordo pra nomear un Presidente pepeiro, e un Alto Representante socialista, o cal suporía que o Tony Blair pode ir ás piñas porque a súa candidatura pra presidir o Consello Europeo foi practicamente rexeitada, tanto por uns como por outros, por moito que insista o Gordon Brown. Non obstante o Reino Unido podería conseguir un premio de consolación ca denominación do seu ministro de exteriores David Miliband, como Alto Representante, pero iso está lonxe de ser algo seguro. De feito hai tantos nomes pra cada posto e tan poucos candidatos oficiais (por agora so Blair, o primeiro ministro luxemburgués Juncker, e o ex primeiro ministro irlandés Arhern se teñen interesado polo posto) que adiviñar a futura combinación vai ser unha auténtica lotería.

Se por min fose, os elixidos pra Presidente do Consello serían, Juncker (europeísta convencido, dun país que participa en todos os procesos de integración) ou Athisaari, antigo primeiro ministro finlandés e premio nobel da paz, ademais dun país integrado non hai moito e oriental. E pra Alto representante de política exterior, o alemán Joshka Fisher un vello coñecido, e dito de paso, un grande. Non obstante polo que se está vendo nos últimos días, o “candidato” con máis posibilidades de ser elixido pro posto de Presidente do Consello é o primeiro ministro belga Van Rompuy, o cal ten o apoio de Sarkozy e Merkel, e como virtudes, vir dun país pequeno, ser un home gris (en Bruselas se non es gris e aburrido non es o referente), e unha capacidade pra lograr consensos como ben demostra ó ser primeiro ministro dun estado tan dividido como Bélxica, o cal o fai un candidato óptimo pra un posto no que en boa medida terá que intentar lograr consensos e posturas comúns entre os membros.

E aquí é onde está o problema, moito se fala dos candidatos, pero pouco se fala das competencias, aínda por definir que terá o posto. Polo de pronto, parece que a idea da Comisión e dos líderes europeos é a dun Presidente da Comisión que actúe máis como mediador, dirixindo e organizando os debates e logrando consensos, e que por tanto teña un perfil baixo (como non!). Isto contradí a idea dun Presidente do Consello que “pare o tráfico cando visite Washington” como defendía hai pouco o ministro de AAEE británico, Miliband, referíndose claramente a Tony Blair. Non obstante por moi coñecido que sexa o futuro “Presidente da UE”, esta so xogará un papel relevante no Mundo se ten unha política exterior común detrás, e pra iso precisase sobre todo, de tempo e vontade por parte dos membros por chegar a posturas comúns, e se hai alguén que axude como o futuro señor PESC ou o Presidente do Consello, pois mellor, se non por moi carismático e famoso que sexa o seu “Presidente” de pouco servirá, quedará moi bonito nas fotos pero nada máis.

P.D.: imaxinádesvos que isto fose decidido no Parlamento Europeo con candidaturas oficiais por parte dos grupos políticos?, ou aínda mellor, en eleccións directas en toda a Unión?.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-11-2009 02:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
E que pensará o Ararat de todo isto?
Finalmente turcos e armenios decidiron porse de acordo pra rematar cun conflito diplomático que duraba xa máis de década e media. O acordo o que se chegou ca inestimable mediación de Suiza, normalizará as relacións entre ambos os dous estados, a apertura da fronteira común e a creación dun comité mixto de historiadores que estuden o xenocidio armenio supón un novo éxito pra política exterior turca, e unha reafirmación do rumbo neootomano que leva tempo a tomar o goberno de Erdogan.

Nos últimos meses comezáronse a dar signos dunha certa sintonía diplomática por ambas as dúas partes, un proceso que se deu en chamar a “diplomacia do fútbol” ó seren os partidos entre as seleccións turca e armenia o lugar onde se escenificaba este achegamento entre ambos os dous gobernos.

Non obstante a entrada en vigor deste acordo terá que superar toda unha serie de dificultades, comezando pola oposición de grupos nacionalistas dun e doutro país. Os nacionalistas laicos non están pola labor de que o AKP de Erdogan se apunte outro triunfo, e que o estado turco poida aceptar algún tipo de responsabilidade nas matanzas de armenios durante a Primeira Guerra Mundial, e pra elo porán todos os impedimentos que faga falta, tanto no Parlamento e nos tribunais como nas rúas. En Armenia e around the world, os grupos máis radicais do país e da influínte diáspora intentarán obstruír calquera tipo de achegamento con Turquía mentras que esta non recoñeza o xenocidio. E logo está o problema de Nagorno Karabakh, e a opinión do goberno de Azerbaijan, aliado de Ankara (de feito turcos e azerís son primos carnais). Polo de pronto o Erdogan xa dixo que non abriría a fronteira ate que as forzas armenias non se retirasen dunha serie de provincias pertencentes a Azerbaijan fora do territorio de Nagorno Karabakh, e isto non parece algo factible a corto plazo, como tampouco a solución definitiva do conflito entre armenios e azerís.


A foto é un espetáculo ou? Por certo é o Ararat.


O acordo asinouse en presenza de representantes de Rusia, a UE e USA, que máis ou menos (hai que trocar a UE por Francia) son os países que encabezan o Grupo de Minsk encargado de atopar unha solución ó conflito de Nagorno Karabakh. Non obstante, de representar eu ós USA non estaría eu tan contente con este acordo. Penso que se trata máis ben dun novo paso no reparto do Caucaso entre Rusia e Turquía, deixando ás outras potencias, UE e USA, e moi por detrás, Irán, a un lado. Turquía e Rusia veñen desde hai un tempiño mostrando unha certa sintonía no referente ó Caucaso, e os recursos enerxéticos e o seu transporte, como queda de manifesto nos acordos asinados hai un par de meses pra, entre outras cousas, construír o gasoducto Southstream por augas turcas. Así mesmo ó conseguir normalizar as relacións con Armenia, Turquía mellora a súa imaxe ante a UE, xa que desde algúns sectores pedíase o recoñecemento do xenocidio armenio, e ó mesmo tempo amosase como un elemento que lle pode dar unha maior profundidade estratéxica á UE, en areas tan importantes como Oriente Medio e o Caucaso.




(1) Rexión de Azerbaijan próxima a Armenia e poboada maioritariamente por armenios. Durante os últimos tempos da URSS viviuse un conflito violento pola independencia desta rexión, que derivou nunha guerra aberta entre Armenia e as forzas independentistas, e Azerbaijan, trala caida da URSS. Finalmente as forzas separatistas resultaron vencedoras establecendo un estado independente de iure non recoñecido pola comunidade internacional. Non obstante a violencia entre os diferentes bandos ten continuado nunha escala máis baixa, tralo cese o fogo de 1994.

^
(2) Os acordos permiten o paso do gasoducto South Stream por augas turcas e a construción dun gasoducto e dun oleoducto que conecten o Mar Negro e o Mediterráneo, facendo de Turquía un distribuidor de enerxía para Chipre, Siria ou o Líbano, resumindo, que Turquía vaise convertir nun país de paso fundamental pra enerxía. Así mesmo, os acordos tamén establecen a cooperación en temas tan importantes como a cooperación nuclear con fins pacíficos. ^
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2009 02:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Despois do referendum irlandés
E á segunda foi, houbo que esperar anos, facer cesións ós irlandeses e dous referendos pra por fin ratificar de forma case que definitiva o Tratado de Lisboa. Se ben eu non votaría en condicións normais un Tratado como este, de complexísima estrutura e que consagra o carácter neoliberal da UE, o certo é que estando na situación na que estamos, a ratificación e entrada en vigor do Tratado de Lisboa venlle como auga de maio á UE.

En teoría e de maneira resumida, as reformas contidas no texto permitirán á UE adaptarse a unha nova realidade, con 27 membros, e 3 países candidatos, daranlle á UE unha maior capacidade de acción en areas como a política exterior, incrementando os poderes do actual Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e a Política de Seguridade, e creando un servizo de acción exterior, ou tamén en materia de defensa e enerxía, ó establecerse unha cláusula de solidariedade. Así mesmo, increméntanse o número de materias nas que se emprega o proceso de codecisión entre Consello e Parlamento, sobre todo en materia de xustiza e seguridade, crease o posto de Presidente do Consello Europeo e así mesmo, diminúen os asuntos nos que son preciso a unanimidade. Ó mesmo tempo, establecese un proceso de secesión, unifícanse os tres pilares da UE, de maneira ben complexa e trapalleira por certo, dáselle valor xurídico á Carta de Dereitos da UE, (que non vincula a RU e Polonia), e á Unión finalmente obtén personalidade xurídica substituíndo ás Comunidades Europeas. E xa por último precisase máis o papel dos Parlamentos nacionais e a súa relación ca UE e o principio de subsidariade.

Este, como xa dixen, non é un texto que apoiaría pero vista a situación da UE e do Mundo, non queda outra cousa que ser pragmáticos e apandar. De feito o éxito dalgunhas das reformas e novidades, dependerán de quen sexa elixido pra ocupar os novos cargos creados polo Tratado, e os postos na Comisión Europea. Por agora so sabemos que o “carismático” Durao Barroso repetirá como Presidente desta, e que o único candidato coñecido pra presidir o Consello Europeo é Tony Blair. De todo corazón espero que non ocupe ese cargo porque, pese a ter un certo carisma, e ser unha figura recoñecida internacionalmente, penso eu que non merece o posto, por vir dun país tan pouco europeísta como o RU, e polo seu pasado belicoso, sería un pouco triste ter a dous dos protagonistas do contubernio das Azores dirixindo á UE. Tanto este posto de Presidente do Consello Europeo como o de Alto Representante da Unión pra AAEE deberían ser ocupados por xente dun certo carisma, europeísmo e dinamismo, que lle dese á Unión o pulo que necesita.


> Aznar e Klaus, dous colosos da política


Nas próximas semanas, asistiremos a elección destes novos cargos, trala conseguinte negociación entre gobernos, todo iso, se o Presidente checo Vaclav Klaus e os seus acólitos non seguen a tocar o caralliño como ate o de agora. Se ben é certo que todo o Mundo é ben libre pra expresar as súas opinións, o deste tipo é pra darlle de comer aparte. Ó seu terco euroescepticismo, (comparou á UE ca URSS no Parlamento Europeo), haille que sumar as súas polémicas opinións sobre o cambio climático e a sociedade checa, e todo elo, sen o apoio do Parlamento e a sociedade checa que pasan das súas tontunas. De feito por pouco que lle guste ó señor Klaus, o Parlamento ratificou o Tratado de Lisboa, e non lle vai quedar outra que asinalo, por moitos recursos ó Tribunal Constitucional que interpoñan os seus camaradas co fin de atrasar esa firma. De feito, o lóxico sería que apoiase o tratado, e unha vez ratificado apoiase a secesión da República Checa seguindo o novo proceso establecido no texto, eu de feito quedaría encantado cunha saída da UE por parte dos checos, que parece que, quitando honrosas excepcións, so están pra me envinagrar.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-10-2009 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

O meu perfil
O Juancito
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal