|
|
|
|
| Promesas cachemires |
|
Co conto de traballar no Parlamento Europeo, un ten a oportunidade de coñecer a xente do máis diversa, como por exemplo ao director dunha ONG británica de apoio á causa cachemir, co cal, puiden conversar. Aínda que eu era un simple e humilde bolseiro, o home chegoume a conmover ao insistirme en que eu podía facer algo pola causa dos dereitos humanos en Cachemira, escribindo aos xornais locais, escribindo algo sobre o tema nun blog, asinando peticións online, comentándollo aos colegas, etc. E iso é o que fago con este artigo, cumprir a miña promesa e por a miña pequena e humilde parte.
O triste deste conflito como de tantos outros non é tanto a súa existencia como a falta de información ao respecto. Ao non chegarnos noticias sobre a situación dos dereitos humanos e as liortas entre cachemires, pakistanís e indios non podemos formarnos unha opinión informada sobre a situación, co que as xeneralizacións e as simplificacións (Pakistán, estado fallido cheo de malutos terroristas e India, demócratas con bigote e acento simpático), fan que teñamos unha visión parcial do conflito, que se limita ás noticias relacionadas con accións terroristas por parte de islamistas radicais (ou nacionalistas cachemires, depende de por onde se mire).
O certo é que a gran maioría da poboación cachemir na altura da división da India británica era e continúa a ser musulmana, polo que por lóxica este territorio debería ser incorporado á Pakistán, porén o maharaja decidiu unirse á India sen contar coa vontade do seu pobo, en boa medida debido ás presións exercidas por Pakistán en forma de guerrilleiros. Isto conlevou á ocupación militar do territorio por parte da India, á confrontación militar con Pakistán, e o alto o fogo e a división do territorio supervisada pola ONU. A resolución da ONU num. 47 que prevía unha retirada gradual dos exércitos dos dous bandos enfrontados e un plebiscito pra decidir o futuro de Cachemira non foi respectado polo que a situación de división persiste até os nosos días, pese as negociacións de paz e as resolucións da ONU, as tres guerras libradas entre Pakistán e a India, e a acción de grupos terroristas.
Esta división é unha auténtica traxedia pra centos de familias que foron divididas por unha fronteira artificial que tronza en dúas partes a rexión. As vías de comunicación entre ambas partes da liña de división están pechadas, e so nos últimos anos se comezaron a desenvolver algunhas iniciativas pra rebaixar a tensión na militarizada fronteira e permitir dunha maneira moi limitada e reducida o paso de persoas. O conflito cachemir non so impide que a India e sobre todo Pakistán empreguen o seu diñeiro para o desenvolvemento das súas sociedades, senón que impide unhas relacións normais entre países veciños que se verían moi beneficiados polo incremento do comercio e das inversións entrámbolos dous.
Con todo, e visto o visto, isto está lonxe de ocorrer. A India pese á, boa imaxe en termos xerais que ten no exterior, realiza de maneira sistemática violacións dos dereitos humanos en Cachemira, téndose denunciado por parte de Amnistía Internacional e outras ONG ducias de detencións ilegais, secuestros, violencia indiscriminada contra civís, desaparicións ou a execución de activistas pola liberdade desta rexión. Con isto non quero dicir que a India sexa a única culpable da situación, penso que o pobo cachemir debe decidir en paz e con certas garantías o seu futuro dentro da Unión India ou non, e sen presións por parte de Nova Delhi ou de Islamabad que durante todos estes anos estivo apoiando movementos terroristas (ou guerreiros da liberdade por onde se mire) co fin de desestabilizar a zona. O exercito pakistaní e o todopoderoso servizo secreto non creo que estean por chegar a un acordo, por agora non parecen moi incómodos utilizando o islamismo radical e violento en Afganistán e en Cachemira, aínda que ás veces lles estoupe nas mans. Ademais unha resolución do conflito implicaría unha perda de lexitimidade e poder por parte do exército, podéndose chegar incluso á primacía do poder civil en Pakistán.
En todo caso, e pese ás tímidas iniciativas levadas a cabo para a normalizacións das relacións das dúas potencias nucleares, vexo aínda moi lonxe o día en que os cidadáns de Cachemira poidan decidir en paz e liberdade o seu futuro.
PD.: Non ia escribir algo de Cachemira sen por a canción dos Led Zeppelin ou? |
|
|
|
|
| Gadaffi xa non lle ri |
|
Alá vai o Gadafi, outro ditador árabe máis que é derrotado (a menos que moito cambie a cousa). Quen o diría hai uns mesiños cando o exercito libio estaba ás portas de Bengazi listo pra “ sacar aos rebeldes dos armarios como ratas”. Xa pode o novo goberno libio agradecer con petroleo e gas aos gobernos occidentais a súa actuación in extremis, bombardeando as forzas de Gadafi, subministrando armas e equipamento militar, e empregando a asesores militares e forzas especiais para incrementar a efectividade dese exercito de esfarrapados que eran os rebeldes.
Aínda que durante moito tempo se dubidou da utilidade desta intervención, chegándose a dicir que isto era o final da OTAN, o certo é que pese ás críticas, as diferencias entre os membros e a clara ilegalidade das accións que sobrepasaban o mandato da ONU, venceron os “bos e os nosos”.
Os esfarrapados
Porén aínda está por ver en que queda todo este sarillo, como podemos ver en Tunisia e en Exipto, unha cousa é derrubar ao ditador de turno e outra é chegar a unha democracia que funcione e solucione os problemas da sociedade. O problema é que aquí en Libia, a revolución fíxose con sangue e armas e é moito máis difícil deixar o Kalashnikov e marchar pra casa tranquilo unha vez derrubado o ditador. Queda por ver a cohesión, unidade e representatividade das forzas rebeldes e o Consello Nacional de Transición. Libia é un país artificial e pra máis complexo como poucos. Realmente é a suma de tres territorios que de sempre foron autónomos, Tripolitana e Cirenaica e Fezzan no interior. A sociedade civil a penas existe no país tras décadas de ditadura e represión e os opositores no exilio representan a pouco máis que a si mesmos. A isto hai que sumarlle as divisións en tribos e clans, que teñen unha importancia clave, a existencia dunha minoría bereber que de seguro aproveitara o momento de apertura pra reclamar os seus lexítimos dereitos e a importante presenza dos islamistas. E a todo isto hai que sumarlle armas a esgalla e ben repartidiñas....
Haberá que ver aínda como remata o conflito, pero Gadafi pode ir preparando o cianuro ou un traxe bonito pra comparecer na Haia porque xa está máis que derrotado. A comunidade internacional xa pode esforzarse co país pra favorecer a transición e a reconstrución, en especial a UE que ten prometido un plan Marshall pro norte de África co fin de apoiar as reformas liberais e que aínda está por levarse a cabo. Con todo, a caída de Gadaffi deixa vía libre pra incrementar a presión noutros ditadores que seguen o mesmo camiño, ou sexa Bashar al Assad. Obviamente iso non implicará acción militar ningunha, xa se gastou moito diñeiro e recursos en Libia e Siria ten outra relevancia e outros condicionantes que non ten a primeira, pero cando menos facilitará un incremento da presión internacional por medio de sancións económicas e diplomáticas, así como un maior seguimento deste conflito nos medios. Al Assad xa pode tomar exemplo do seu colega Gadafi, por agora os opositores non teñen recorrido á violencia pra atacar ao réxime, e o exército parece non ter fisuras, pero como dicía aquel, qui gladio ferit, gladio perit. |
|
|
|
|
| Hai que ir marchando Mubarak |
|
 Como diría o outro, “la que se está montando en Egipto”. Se xa a poboación do país árabe levaba un tempo máis rabuda do habitual, o que estamos a contemplar agora e un acontecemento de relevancia histórica. Se ben os tunecinos foran os primeiros árabes en expulsar ao seu ditador, o certo é que este país ocupa unha posición totalmente secundaria no Mundo árabe e a súa realidade non se pode extrapolar a outros estados da rexión.
Exipto debería ser a potencia árabe por excelencia, e digo debería ser porque pese a súa historia, recursos e posición xeográfica leva demasiado tempo a deixarse comer as papas por outros países da zona, árabes ou non. Exipto, coa súa poboación de 81 millóns representa aproximadamente un cuarto da poboación árabe mundial e de sempre foi un dos principais centros desa civilización. Igualmente, continúa a ser un polo cultural do mundo árabe, onde se sitúa a súa principal universidade e de onde procede boa parte dos produtos audiovisuais da rexión, e iso sen contar co seu moderno exército de 500.000 soldados ou os seus recursos naturais. Pola contra, Exipto non xoga o rol de líder do Mundo árabe que lle correspondería e que pretenden encarnar outros países con menos razóns e máis diñeiro, como os emiratos do golfo Pérsico ou Arabia Saudí.
A todo isto hai que lle sumar o seu papel no conflito con Israel, a importancia que o movemento islamista ten no país, a composición diversa da poboación exipcia e o exemplo aínda maior que o tunecino, que xeraría na opinión pública árabe. Por estas razóns é porque a crise ten unha relevancia crítica para a estabilidade e a paz na zona. Pese a que os desexos da poboación sexan máis que lexítimos e merezan todo o meu apoio, tamén é certo que hai que ter en conta outras cuestións.
Polo que se ve o réxime ten as horas contadas. O pouco que lle queda por facer a Mubarak é asegurarse unha saída digna da Presidencia, así como lograr que a futura transición sexa dirixida pola súa camarilla, facendo os mínimos cambios precisos, algo así como fixo Sukharto en Indonesia (aínda que logo visto o visto, a cousa saíu medianamente ben). Á oposición, cada vez máis organizada e sen medo non lle queda outra que resistir e impedir que todo quede nunhas reformiñas. Polo de agora, polo que se ve, van gañando e as súas reivindicacións teñen o apoio da comunidade internacional. Neste sentido, compre subliñar o papel do señor El Baradei, que a pesar de non ser unha figura demasiado coñecida pola maioría do pobo exipcio, está a erixirse na cabeza do movemento contra o réxime. Igualmente, os Irmáns Musulmáns están a mostrar moita moderación pese a seren o principal grupo opositor. É de destacar que nas protestas o elemento relixioso e antioccidental non se ten manifestado, algo que tamén sucedeu en Tunicia hai unhas semanas, e iso que aos árabes encántalles botarlle á culpa aos sionistas e occidentais dos seus problemas.
Obviamente a un servidor gustaríalle que Mubarak e os seus xerifaltes saísen cagando hostias, que acabase a represión e a corrupción e que houbesen eleccións libres, pero tamén hai que ter en conta que o que pase en Exipto ten repercusións a nivel global, no que afecta ao conflito con Israel (imaxino que un novo goberno non tería unha posición tan miserable con Gaza e Israel), ao prezo do petroleo, os movementos migratorios ou ao comercio polo canal de Suez. Digo isto porque sempre se pode dar un vacio de poder, incrementarse a violencia ou tomar o poder elementos antidemocráticos. Ademais, por moito que haxa eleccións libres e se respecten os dereitos humanos, o goberno democraticamente elixido terá que facer fronte a un paro xuvenil enorme, aos efectos destas protestas que danarán a economía nacional ou a unha parte da poboación que se identifica co islamismo militante e violento. E non creo que a xente por ter eleccións libres se calme se a situación económica non mellora.
En definitiva, que Dior lle garde a saúde á mocidade exipcia (e a tunecina obviamente). Espero que por unha vez a xerontocracia os deixe participar do pastel e logren co seu esforzo e sangue o futuro prometedor polo que están a loitar. E a ver se así fan espabilar aos gobernos occidentais pra que deixen de apoiar aos ditadores e axuden a construír uns estados árabes máis democráticos e menos corruptos, porque a longo prazo, é o mellor pra nós. |
|
|
|
|
| Ala vai o Lech Kaczynski meu señor! |
|
Hai “senlleiros persoeiros” que poñen ós países no mapa informativo internacional, e o señor Lech Kaczynski, que en paz descanse, foi un deles, aínda que pra mal. Agora que a súa tráxica morte está recente, dinme conta que o meu interese e “experiencia persoal” con Polonia comezaron cando este señor chegou á Presidencia da República e o seu irmán xemelgo se converteu en Primeiro ministro, levando a cabo medidas canto menos pintorescas, que rozaban a homofobia, o ultraconservadurismo, o euroescepticismo e o revisionismo máis radical. Políticas que por outro lado, facían que Polonia estivese de seguido nos medios, as veces por anécdotas ridículas, como a prohibición do top-less, outras tantas por decisións absolutamente desprezables, que en todo caso facían que me interesase pola actualidade deste país. Logo xa virían no plano persoal, @s coleg@s, as zywiecs, zapiekanskas e kobietas.
O destes xemelgos e o seu partido da Lei e da Xustiza, non é algo exclusivo de Polonia, por desgraza, partidos ultras teñen medrado espectacularmente nos últimos anos en Europa oriental, e nalgúns estados como Hungría ou Eslovaquia teñen ou terán un peso importante no sistema de partidos. Obviamente, cada país ten as súas especificidades, desde o húngaro Jobbik partido claramente de xenófobo, que podería converterse nunha forza clave no parlamento, até o ultranacionalista e antislámico Attack en Bulgaria ou a Romania Mare, do “pintoresco” Vadim Tudor, agora sen a forza electoral de antano, e que defendía entre outras brillantes ideas, a eliminación física de xornalistas, xudeus e ciganos. E non hai que esquecer aos partidos ultras dos países balcánicos, aínda que nalgúns deles o ultranacionalismo, sexa algo institucionalizado como na “exemplar” Croacia, onde o 5 de agosto é festivo oficial co gallo da conmemoración da limpeza étnica que cometeron contra a poboación serbia na Krajina.
A razón á que se debe este ascenso dos movementos políticos radicais na Europa oriental, xunto coa persistente pasividade cando non desencanto con respecto á clase política, débese en boa medida á falta dunha rexeneración na política durante os últimos 20 anos. E a iso hai que sumarlle a corrupción, mala gobernanza, a falta de servizos públicos e un latente racismo en certos estratos da poboación, que agora non ten vergonza pra amosar en público na forma de movementos políticos. En poucos meses veremos como queda o mapa político en varios países da Europa do leste, e se estas forzas da ultradereita se fortalecen nas próximas eleccións en Eslovaquia, Rep. Checa, Polonia ou Hungría.
Con todo, e xa volvendo ó principio, por moi tráxica que sexa a morte do Presidente polaco, e de boa parte da elite do país, o certo é que Polonia está no bo camiño pra converterse na potencia da Europa oriental (se non o é xa). Os movementos máis conservadores polacos dos cales o partido dos Kaczynski era a súa cabeza visible, nin teñen a forza electoral que chegaron a ter nin defenden os postulados tan radicais que defendían. Ademais, o crecemento económico experimentado nos últimos anos, que nin a crise mundial puido parar, e un papel moito máis activo do país no exterior fan de Polonia un país a ter en conta na esfera comunitaria e internacional. Agora sen o partido da Lei e a Xustiza no poder, a política exterior polaca semella máis confiada, conciliadora, en especial con Rusia, e propia dun país serio.
PD.: que gran pobo as kobietas |
|
|
|
|
| Ellada mou! |
|
 Hai países serios e outros que non o son, Grecia é un deles, e por moito que o goberno actual prometa “el oro y el moro”, moitos coma min temos dúbidas de que cumpran co acordado. O señor Papandreu, pouca culpa ten do estado das finanzas actuais, o país leva a arrastrar unha débeda enorme desde hai lustros e ningún dos gobernos tanto de esquerdas como de dereitas tomou medida algunha pra sanear as finanzas, modernizar a administración ou loitar contra a corrupción e o clientelismo. De feito o único que fixeron foi enmerdar máis o país por medio de parches que non supuñan solución ningunha a longo prazo, xa que ate o de agora a economía grega tiña medrado de maneira importante pese a ter unhas finanzas públicas febles, e ademais cando xa non quedaba outra, pois falseábanse as estatísticas oficiais e punto, como fixeron pra acceder á zona euro.
Por moito que lle desguste ó pobo grego, a situación non deixa moitas opcións. Un país con un 18% de persoas que traballan pro estado, cunha administración ineficiente, cunha agricultura pouco competitiva e cun gran poder de chantaxe ou cun sistema educativo que roza a mediocridade, non pode saír adiante sen levar a cabo unha serie de reformas radicais que cambien derriba a abaixo o país, máis aínda estando as finanzas públicas como están, cun déficit por riba do 12% do PIB e unha débeda exterior que supera o 110% do PIB. Ademais diso, o problema é que a sociedade grega é extremadamente inconformista e está habituada a defender os seus intereses na rúa, pacificamente ou non, por tanto non é de estrañar que se produzan mobilizacións masivas, folgas xerais periódicas e violencia nas rúas. Non obstante a cómoda maioría absoluta do socialista PASOK no parlamento e o apoio do conservador Partido da Nova Democracia (imaxinades isto en España?), fai que en principio o goberno de Papandreu poida levar a cabo o proceso de reformas cunha certa estabilidade, aínda que iso supoña renunciar ás promesas electorais de máis protección social.
A crise, aínda que se sufra de maneira máis directa en Grecia ten unha relevancia continental e global. Os problemas financeiros gregos ameazan con trasladarse a outros países en crise como Portugal, que viu a semana pasada como se encarecía dramaticamente a súa débeda ante os datos negativos da súa economía e un “ataque” por parte de especuladores nos mercados financeiros. É por iso que os gobernos do Eurogrupo parecen dispostos a non abandonar a Grecia e xa se fala dun rescate financeiro. Desbotada a idea de saírse do Euro, ou de aceptar a axuda do FMI, tanto polos socios europeos como polo propio goberno grego, agora queda decidir como se vai levar a cabo este rescate, xa que os tratados non permiten que o Banco Central Europeo axude financeiramente a un país en crise. Parece que serán os propios Estados membros, de maneira voluntaria, quen lle bote unha man ó goberno grego, por medio de compras masivas de débeda, avais ou préstamos bilaterais. A fin de contas, a credibilidade do Euro está en xogo, así como as economías de cada un dos países do Eurogrupo que se podían ver afectadas pola eventual bancarrota de Grecia e unha caída do valor Euro.
Obviamente este rescate implicará unha serie de condicións ao goberno grego que máis lle vale cumprir. De feito a Comisión europea nun exercicio de boa fe ou de credulidade, ven de avalar o plan do goberno grego pra reducir o seu déficit ate o 3% en dous anos. Xa poden estar finos os funcionarios da Dirección Xeral de Estatística, pra que non os enganen outra vez os gregos con uns datos falseados. Non obstante, quero crer que o señor Papandreu vai en serio ca reforma das finanzas e o sector público do país. Por agora xa ten conxelado os salarios, anunciado plans contra a corrupción e o fraude fiscal, incrementado os impostos ás clases máis altas, ós hidrocarburos, incrementado a idade de xubilación ou reducido o orzamento en defensa. Non lle queda outra porque o país non podía seguir así, por moito que lle desguste á sociedade grega, vai ter que apandar por ter unha clase política tan irresponsable e cutre-salchichera, e por estaren eles tan cómodos nun país no que o clientelismo, o caciquismo, ou o desvío de fondos públicos é algo cotiá.
|
|
|
|
|
| Ucraína decide |
|
5 anos despois da revolución laranxa, os ucraínos volveron votar por un Presidente. Neste período a sociedade tivo tempo pra desulionarse ca clase política en xeral, pra perder boa parte do seu poder adquisitivo e pra rebentar co frío cando os rusos lles daba por pechar a billa do gas. Así é normal que votasen co nariz tapado maioritariamente polo líder da oposición, e por unha primeira ministra populista.
Non ía falar de Ucraína sen por unha foto desta tipa...
Con este panorama non é de estrañar que o pobo participase menos nestas eleccións e que ó facelo elixisen ó que eles consideraban como o candidato menos malo. E o caso é que é algo absolutamente normal,xa que durante estes 5 anos de mandato de Yushchenko, Ucraína foi un caos. Ás liortas parlamentarias entre os bloques laranxa e azul, e mesmo entre os propios aliados da revolución, haille que sumar un total incumprimento das promesas que o señor Yushenko facía en campaña hai 5 anos. A día de hoxe os oligarcas seguen a cortar o bacalao, a corrupción lixa todo tanto como antano e o estado non acometeu as reformas necesarias pra se modernizar. Se ben é certo que o señor Yushenko non tivo sempre unhas relacións amistosas cos diferentes gobernos durante o seu mandato, tamén é certo que este utilizou os seus importantes poderes pra, moitas veces, facerlle a puñeta innecesariamente ó primeir@ ministr@, ós rusos, ou a boa parte do seu pobo que non se identifica ca visión do país que o ate o Presidente ucraíno tiña. De feito se este dedicase a enerxía que gastou en fomentar un nacionalismo ucraíno, nun país no que boa parte da poboación se identifica máis con Rusia, en reformar a economía e a administración, quizais non tería perdido tantísimos votos.
Por outra banda están os candidatos que pasarán á segunda ronda, a primeira ministra Yulia Timoshenko (aaaaaaaaaaiiiiiiiiii) e o líder do Partido das Rexións, o señor Yanukovich. En teoría unha representa máis á corrente prooccidental e o outro ós intereses rusos, pero o certo é que durante a campaña os dous candidatos deron mostras dun certo pragmatismo en relación ós vínculos ca UE ou con Rusia. Ambos os dous pretenden avanzar sen presas hacia unha integración nas UE, mellorando tamén as relacións con Rusia. E a dicir verdade, iso é en boa medida o que a Unión e os ucraínos precisan. Máis pragmatismo, menos rifas entre Kiev e Moscova, menos tensións entre as comunidades que compoñen Ucraína, e sobre todo un goberno que non estea cambiando todos os anos, que se leve a matar co Presidente e que teña o apoio suficiente no Parlamento como pra cumprir as súas promesas (proximamente haberán eleccións lexislativas) e levar a cabo as reformas que o FMI, a UE, e a sociedade ucraina levan tempo a requerir. Impedir que a crítica situación do país empeore e se convirta nun estado totalmente inoperante, logrando que Ucraína teña un sistema político estable e unha administración funcional e transparente é o primordial, logo como diría aquil, xa se tal miramos o outro. |
|
|
|
|
| A seguinte nación en independizarse será..... |
|
O conto de vivir nunha nación sen estado e aínda por riba ser nacionalista, fai que un se solidarice con outras nacións e movementos semellantes, e incluso chegue a desexar, non sen certa envexa, a consecución dos obxectivos independentistas doutros países. Así pois, penso eu que a maioría dos nacionalistas galegos ven con bos ollos a posible independencia de Catalunya, Escocia ou Groenlandia, ate o punto de facerse auténticos estudos cabalísticos para descifrar quen será o seguinte territorio en proclamar a súa independencia con éxito. Normalmente, un pensa en nacións europeas onde o movemento independentista ten forza, como Flandes ou Euskadi, pero vista a actual situación, e como a Autoridade Nacional Palestina non espabile, quen ten todas as papeletas pra ser o sucesor de Osetia do Sur e Abkhazia (recoñecidos xa por 4 estados!) é o sur de Sudán.
Este territorio, que de tan pobre, non ten nin nome de seu, celebrará no próximo ano un referendum de autodeterminación que decidirá a permanencia ou secesión do Sudán. O referéndum forma parte do acordo de paz ó que o goberno e o grupo independentista Movemento pola Liberación do Pobo de Sudán chegaran hai agora 5 anos, acordo que puña fin a un conflito que duraba xa décadas e que costara miles de vidas. Entre outras medidas, o acordo dispuña unha autonomía temporal pro rexión independentista, ou un novo reparto de poder a nivel estatal entre goberno e rebeldes.
Como indica o mapa, os campos petroleiros están xusto na fronteira, nin que fora o demo!
Nas últimas semanas ambos os dous grupos se teñen posto de acordo sobre as condicións que debe reunir o referéndum para ter validez , máis do 50% de votos afirmativos e unha participación superior ó 60%, o cal fai bastante factible, que un sur maioritariamente negro e de relixión animista e cristiá, se separe dun norte árabe e musulmán que os tivo asoballados anos e anos. Non obstante, pese ó acordo, a tensión en absoluto se ten reducido, pola contra vai en aumento, e parece seguro que conforme se achegue a data do referéndum, a violencia entre as dúas comunidades se intensifique, máis aínda tendo en conta que no próximo abril se celebraran no Sudán as primeiras elecións desde o 1986. De feito, o ano pasado unhas 2500 persoas foron asesinadas, e outras 350000 fuxiron dos seus fogares, cifras maiores as do Sudán, pese a ter este conflito moita máis presenza nos medios de comunicación, e nas axendas políticas.
Con todo, e como lle acontece a outros países que acadaron a súa “independencia” ultimamente, chámese Kosova, chámese Osetia, o Sur de Sudán continuará a ser dependente en todo no caso de separarse de Khartoum. O territorio é do tamaño de Francia, e carece de todo tipo de infraestruturas, polo que necesitará máis que nunca a axuda externa pra cando menos sobrevivir, e iso que ten unha importante riqueza natural e reservas petroleiras o que fará aínda máis conflitiva a futura separación do Sudán, se é que moitas veces no terceiro mundo, o petróleo é máis un castigo que unha bendición, non é?. |
|
|
|
|
| Que oportuno é o Tribunal Constitucional turco! |
|
Finalmente o señor Erdogan dignouse a falar, e falou ben ó criticar a ilegalización do PSD, o Partido que representa ós nacionalistas kurdos, por parte do Tribunal Constitucional Kurdo, baseándose nunha suposta conexión co PKK, grupo armado independentista kurdo considerado terrorista por Turquía, a UE ou os USA. A decisión implica ademais da desaparición do partido, a intervención do seu patrimonio e a inhabilitación de ducias dos seus representantes, entre eles do seu líder Ahmet Türk, e dalgún deputado no Parlamento Turco que curiosamente, na súa maioría representan ó sector máis moderado do partido.

A policia turca non lle ri!
O coitado do Erdogan pode estar ben enfurruñado porque a ilegalización do PSD faise xusto cando acababa de presentar un plan pra pacificar a rexión, por tanto suporá un retroceso nos esforzos do partido do goberno e do propio PSD que levaban un tempiño a traballar pra solucionar o conflito kurdo. Así mesmo, hai uns meses o señor Ocalan, histórico líder do PKK, presentara un plan para pacificar o Kurdistán , e incluso no seo do PKK agromaban diferencias entre os sectores máis conciliadores que defendían un alto o fogo e conversas e os radicais que apostaban por continuar a loita. Por tanto, a sentencia chega xusto a tempo pra, cando menos, dificultar unha saída pacífica ó conflito kurdo. De feito a demanda fíxose hai agora dous anos e pico, isto e que o Tribunal Constitucional non é que lle teña moito aprecio ó AKP de Erdogan, ó cal estivo a piques de ilegalizar hai uns meses, faime pensar que se trata máis dunha decisión política que outra cousa. O fin non sería outro que impedir calquera solución pacífica entre as partes, o cal suporía outro gol na conta do goberno islamista que sería moi ben recibido en Bruxelas, e que deixaría aínda máis a velas vir a unha oposición nacionalista que cada vez ten menos poder.
Por agora a sentencia tivo o efecto que era de esperar, manifestacións no Kurdistán turco, represión por parte da policía, chamadas á unidade por parte do goberno, e máis crispación nunha rexión e nun pobo xa de por si crispado. Os kurdos con seguridade continuarán a votar por candidatos nacionalistas, ben sexa integrados nun novo partido sucesor do PSD (de feito xa fundaran un paralelo por se acaso o PSD era ilegalizado), ou por medio de candidaturas independentes, e canto máis mallen neles literal ou figuradamente máis apoiaran candidaturas nacionalistas. O que está por ver é que postura triunfa no seo do PKK, e se o AKP do señor Erdogan se decide a levar a cabo as medidas presentadas no Parlamento turco pra ampliar os dereitos da poboación kurda, e xa postos reformar unha Constitución algo bastante obsoleta, demasiado centralista, nacionalista, e na que a supremacía civil non vai sobrada.
(1) "A nosa posición en contra da ilegalización do PSD é clara... estamos en contra da ilegalización de partidos. Pensamos que os individuos deben ser castigados e non os colectivos" |
|
|
|
|
| Os balcánicos van embalados |
|
 Pois parece que desta vez os Balcáns occidentais si van no bo camiño, que non é outro que a súa estabilización e integración na Unión Europea.
Nas últimas semanas semella que desta rexión so saen boas novas que fan agoirar unha próxima e irreversible integración nas estruturas europeas.
Quen máis próximo está a lograr este obxectivo é a república croata, máis aínda despois de solucionar o conflito que mantiña con Eslovenia por conta dunha disputa territorial. De feito a UE xa ten aprobado un paquete financeiro que prevé o seu acceso en xaneiro de 2012.
Pola súa banda, a Antiga República Iugoslava de Macedonia, que leva a ser candidata pra ingresar na UE desde o 2005, finalmente recibiu o apoio da Comisión Europea hai un par de mesiños, non obstante debido ó eterno conflito ca república helénica por mor do seu nome oficial, terá que esperar ate resolver esta controversia para comezar as negociacións. Pese a isto a situación actual parece a máis adecuada para darlle un fin a esta disputa, xa que á luz verde pra comezar as negociacións que a comisión europea acaba de dar, hai que contar con que os dous países non terán eleccións nun longo período de tempo e os gobernos actuais están nunha forte posición ó gobernar con maioría absoluta tanto en Skopje como en Atenas.
Xa que falamos da ARIM, tanto esta como, Montenegro e Serbia acaban de ver como a UE eliminou o requisito de obter unha visa pra que os seus nacionais poidan entrar en territorio comunitario. Este dereito concédese unha vez realizadas certas reformas por parte destes estados en areas como o control de fronteiras, a correcta identificación dos seus cidadáns e a loita contra a corrupción, a inmigración ilegal e o crime organizado. Con isto cae unha barreira que isolou estes tres países durante 20 anos, achega as súas poboacións á UE, o cal supón unha mostra de “soft power” na rexión. Á vez que entran no espazo Schengen estudantes, turistas e homes de negocios balcánicos, tamén entrarán mafiosos e delincuentes, pero o certo é que estes nunca tiveron demasiados reparos e problemas en cruzar ilegalmente a fronteira ou en obter unha visa. Pola contra, Albania e Bosnia (so os cidadáns bosniakos, os bosniocroatas e serbobosnios xa poden acceder por teren pasaportes croatas e serbios) terán que continuar cas súas reformas pra obter este privilexio, aínda que parece que pra mediados do ano que ven poderían recibir o placet da Unión. Kosova xa quedaría pra outra, que iso é moito máis complexo.
E finalmente está o acordo de asociación e estabilización que a UE e Serbia asinaran hai algo máis dun ano, e que non entrara en vigor pola oposición dos Países Baixos e Bélxica que pretendían con isto presionar ás autoridades serbias pra que colaborasen co Tribunal Penal Internacional pra ex Iugoslavia. Se ben aínda quedan algúns criminais de guerra soltos como Ratko Mladic, o último informe do fiscal xefe deste tribunal ven de sinalar que o goberno serbio está a cooperar co TPI. O acordo de asociación e estabilización é en principio, o primeiro paso de cara a adhesión de Serbia, e supón toda unha serie de privilexios económicos e comerciais pro estado balcánico. De feito, o goberno serbio ten pensado presentar a súa candidatura á UE durante o primeiro semestre do ano que ven.
Non obstante non van ser todo boas noticias, Bosnia e Herzegovina segue sen realizar as reformas necesarias pra se converter nun estado viable, cun goberno e unhas institucións estatais merecentes dese nome. Por agora os entes subestatais nos que se divide a República de Bosnia e Herzegovina, e os seus grupos políticos, cunha forte mensaxe etnicista, son os que parten o bacallao e fan que o país continúe a ser máis un estado fallido, que unha Federación plurinacional e multiétnica. Se ben os xerifaltes internacionais personificados no Alto Representante para Bosnia Herzegovina, levan un tempo a intentar forzar un acordo entre os líderes das diferentes comunidades pra reformar o estado, este obxectivo semella ben lonxe, e a situación de impasse pode dar lugar a unha maior tensión e violencia.
Por outro lado, a UE tampouco é que esté moito pola labor de aceptar novos socios, nun curto espazo de tempo despois da adhesión de Croacia e posiblemente Islandia, e incluso os líderes europeos teñen ben claro que no caso de se integraren estes países balcánicos, teranno que facer cunhas mellores condicións internas que as de Rumania e Bulgaria cando entraron na UE. |
|
|
|
|
| O Kurdistán iraquí quéntase |
|
Pese a que últimamente toda a atención mediatica está posta en Afganistán ou en tal caso en Somalia, no Iraque as cousas seguen se non quentes, un pouco mornas de máis. Se ben a violencia ten diminuído moito nos últimos meses, parece que esta medra no relativamente pacífico norte. O problema é de novo as diferencias entre as diversas comunidades étnicas e relixiosas da rexión, en especial os kurdos (sunnís ou jezidís) cos seus veciños árabes (sunnís maioritariamente nesa rexión).
O problema está na vontade kurda de estender o poder do goberno rexional ás provincias de Kirkuk e Nínive, onde hai importantes poboacións kurdas. Isto obviamente entra en conflito directo ca poboación árabe e turcomana (entre outras minorías), e cos partidos árabes a nivel nacional que se negan a aceptar unha integración destes territorios no Kurdistán iraquí. Á hora de analizar este conflito hai moitos detalles que considerar xa que , comezando pola demografía os kurdos son o maior grupo étnico, e podían ser unha maior porcentaxe da poboación de non ser polo proceso de limpeza étnica e arabización levado a cabo durante a era de Sadam Hussain. Non obstante a nivel político non controlan os parlamentos destas dúas provincias, e o goberno de Bagdad non está pola labor de ceder ós kurdos estas dúas rexións onde hai importantes campos petrolíferos, e importante minorías árabes sunís, chiis, así como tamén de cristiáns e turcomanos. Tampouco quedarían moi contentes con unha posible anexión tanto os iranís como os turcos que verían a un Kurdistán iraquí con moita maior capacidade pra se independizar e fomentar o irredentismo entre as poboacións kurdas do Medio Oriente. De feito, o goberno turco ten declarado que estaría disposto a invadir o Kurdistán iraquí no caso dunha posible anexión de Kirkuk pra defender ós seus primos turcomanos, e xa de paso acabar co separatismo kurdo, aínda que nos últimos meses se está a vivir unha aproximación entre os gobernos de Erbil e Ankara.

Como non topei ningunha imaxe relacionada, pois pra aderezar o artigo poño ós de Therion botándolle uns golfs.
Como o economist indica neste artigo, parece que se ben a solución está lonxe, e o referendum previsto pra decidir o status de Kirkuk é algo imposible a medio plazo, si se están a dar pasos pra acadar un compromiso entre as partes, compromiso que pasaría por un reparto de poder de maneira paritaria entre as diversas comunidades e unha xestión conxunta das provincias por un período co fin de que as partes se vaian reconciliando co tempo, mentres se busca unha solución definitiva pra o asunto, o cal tería que vir ligado a outros factores como o status constitucional do Kurdistán iraquí, os ingresos recibidos polo goberno kurdo relacionados ca explotación do petróleo no seu territorio... En fin, que haberá que falar, negociar e mediar a feito e máis lle vale ós americanos solucionar isto antes de se retiraren (pro verán que ven) por que se non pódese armar aquí a de Dios.
Xa que falaba de jezidis que menos que por unha canción de Therion |
|
|
|
|
|
|
|
|