Joao da Nova


Todo o referente o Navegante João da Nova
O navegante João da Nova (orixinalmente Joan de Nóvoa) nacido en Maceda-Ourense mostrase como un galego universal, o máis relevante do seculo XVI.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O mariño galego máis relevante do século XVI
Joao da Nova 03.05.2009 O investigador Santiago Prol, que recuperou a historia dun dos maiores diplomáticos, navegantes e descubridores de Galicia ao servizo da Coroa de Portugal, procura agora que a Xunta faga, no 500 aniversario do seu pasamento, unha declaración institucional para valorar a importancia dun galego menosprezado pola historia
VANESA OLIVEIRA

Impresión dun gravado en madeira de Francisco Pastor sobre o mariño galego FOTO: Santiago Prol
Impresión dun gravado en madeira de Francisco Pastor sobre o mariño galego
FOTO: Santiago Prol
Da súa escasa biografía, iconografía e descubrimentos só fica en Portugal unha cativa rúa que leva o seu nome. Unha rúa pequena na freguesía de Santa María de Belém que, segundo di Santiago Prol no libro que escibiu en 2002 sobre o mariño galego, "semella a rúa do parente pobre", aínda que as súas expedicións no século XVI o coloquen á altura doutros descubridores como Cristóval Colón, Vasco da Gama ou Magalhães .

Do mesmo xeito, en Galicia, Xoán de Nóvoa ?que se cambiou o nome polo de João da Nova? o mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal máis relevante da época pero que continúa a ser un perfecto descoñecido, tamén ten unha rúa dedicada á súa memoria na vila de Maceda (Ourense), onde naceu arredor do ano 1450. Este ano cúmprese o cincocentos aniversario do seu pasamento. Con este motivo, o historiador Santiago Prol continúa a reivindicar para o navegante, descubridor e diplomático unha reparación histórica da súa memoria que continúa sen chegar. No libro João da Nova. Un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal, aludía ás razóns do "menosprezo" deste personaxe. A súa condición de estranxeiro ou mesmo a difamación da que foi obxecto nalgúns medios que quixeron "inmortalizalo como felón e desestabilizador dende 1507" ?indica Prol no volume? condenárono a cinco séculos de marxinación.

Pioneiro das grandes expedicións mariñas

Porén, este nobre de Maceda foi un pioneiro na época das grandes expedicións mariñas. Entre as súas fazañas cóntanse dirixir a sixilosa III Expedición á India en 1501, despois da de Vasco da Gama e da de Álvares Cabral; tamén descubriu as illas do Atlántico Ascensión e Santa Helena e mesmo a desexada Taprobana, hoxe Sri Lanka, como sinala a historiadora francesa G. Bouchon. Mesmo no Canal de Mozambique unha illa leva o seu nome. Ademais, grazas á súa faceta como estatista e diplomático, conseguiu o primeiro tratado comercial sólido dos lusos na India, cando as especias eran o "ouro negro" da época.

A historiografía oficial fai referencias illadas e moitas veces, nesgadas sobre João da Nova. Vicente Risco, Filgueira Valverde, ou mesmo máis recentemente Víctor F. Freixanes refírense ao descubridor pero ninguén abordou a súa figura con tanta profundidade, documentación e rigor investigador como Santiago Prol, que acaba de editar unha obra sobre os nobres vencellados ao castelo de Maceda. É aí onde se atopan as orixes do mariño galego.

Poucos datos se conservan sobre a súa infancia e xuventude, que, por certo, coincidiu coa segunda Revolta Irmandiña (1467-69) na que a torre do castelo foi asaltada e derrubada en parte.

Entres os datos confusos da historiografía da época,o único constatable é que en 1480 João da Nova marchou a Lisboa na busca de aventuras, tras a decisión dos Reis Católicos de controlar Galicia, traizoando así á nobreza galega coa que se aliñara contra os irmandiños.

A capital portuguesa era daquela un "inmenso mercado internacional de redistribución de produtos europeos e africanos e, de contado, asiáticos e americanos". Á vangarda das exploracións mariñas á vez que corrompida e miserenta, a cidade portuaria a mediados do século XV recibía ouro, sal , aceites, animais exóticos ou escravos.

Axudado por amigos da nobreza lusitana, en particular coa axuda do seu bo amigo Tristão da Cunha, "favorito da Corte", o nauta galego enrolouse
nunha das "mariñas máis prestixiosas de finais do século XV", baixo o reinado de Manuel I. João da Nova fora nomeado alcaide de Lisboa, un posto político-administrativo que tiña xurisdición sobre a garda e defensa do castelo de San Jorge e nas relacións comerciais cos financeiros que chegaban á capital lusa.

A comezos de 1501, o rei Manuel I ordenoulle a João da Nova que levase o mando dunha
escuadra de catro carabelas con 400 homes na que sería a III Expedición á India, ao regreso de Vasco da Gama. O seu obxectivo era aproximarse ás costas brasileiras para encarar con garantías o Cabo das Tormentas. O roteiro foi organizado con suma discreción xa que un dos seus cometidos era probar "novas técnicas navais para a Rota da India con navíos veloces" .

Porén, desta viaxe de
João da Nova desapareceron case a totalidade dos documentos. Nesta expedición, o mariño galego descubriu as illas volcánicas de Ascensión e Santa Helena. Tras un breve paso por Brasil, as catro carabelas "collerían rumbo a un dos puntos máis conflitivos da viaxe", o perigoso Cabo das Tormentas. A súa incursión no canal de Mozambique conqueriulle outro descubrimento: o dunha illa que bautizou co seu propio nome, Juan de Nova Island, como aparece referenciada hoxe e que recolleu mesmo Jules Verne en Historie des grandes voyages et grandes voyageurs.

Cando arribou á India, João da Nova asentou unha ?feitoría? para realizar transaccións comerciais sen problemas. Aínda que a súa viaxe non estivo exenta de enfrontamentos, o mariño galego foi un dos poucos que conseguiu regresar da India con todos os barcos intactos.

A historiadora francesa Geneviève Bouchon publicou un estudo no que incide en que João da Nova descubriu nesta expedición polo Índico a illa de Ceilán, actual Sri Lanka e daquela coñecida como Taprobana que ademais de riquezas materiais, fora idealizada como un lugar mítico e paradisíaco ao que ansiaban chegar dende había tempo. Con esta viaxe, "sentou João da Nova os alicerces que lle garantiron ao reino de Portugal o incipiente dominio do mercado da especiaria asiática". De feito, tras o regreso do mariño galego, o rei Manuel I decidiu viaxar a Compostela cun séquito real para celebrar a fazaña do galego cunha visita á catedral.
A nao ?Frol de la mar? capitaneada polo galego de 1505 a 1509 FOTO: Santiago Prol
A nao ?Frol de la mar? capitaneada polo galego de 1505 a 1509
FOTO: Santiago Prol
Porén o achado deste territorio non trascendeu ao longo dos séculos, segundo explica o investigador Santiago Prol, "por mor do que se deu en chamar a política do sigilo e polo menosprezo manifesto de non poucos historiadores".

En 1505, João da Nova partiu de novo á fronte da impoñente nave Frol de la Mar, a de maior porte que facía daquela a Carreira da India. Este buque está considerado "un dos máis prestixiosos da época", segundo conta o historiador Santiago Prol. Era o mellor "construído e armado" do seu tempo. Interviu en batallas navais e foi un dos barcos de carga que máis veces fixo a Carreira da India.

De feito, era unha das naves máis grandes do século XVI, de maneira que tiña máis capacidade de carga que as da época. Definido como "o buque insignia da mariña portuguesa da época", antes de ser capitaneado por João da Nova, en 1501 estivo comandada por Tristão da Cunha e logo por Estevão da Gama na II expedición de Vasco da Gama cara á India.

Tras falecer o mariño galego, a nave caeu en mans de Afonso de Albuquerque e participou nas conquistas lusas máis aló da India. Naufragou á altura de Sumatra por mor dunha tempestade afundindo un dos maiores tesouros xamais perdidos.

Unha macromisión para controlar os mares

João da Nova viaxaba con Francisco de Almeida, "un fervente inimigo do mundo islámico", rumbo ao Índico. O galego tiña unha macromisión estratéxico-militar case imposible: controlar os mares que van do cabo Comorim ás illas Maldivas. E ademais, levaba un documento secreto para exercer como capitán maior de toda a India se o considerase oportuno.

En total, vinte navíos con 1.500 soldados e catrocentos mariñeiros formaban parte da expedición. Construíron fortalezas na illa Angediva e Cananor e João da Nova exerce de diplomático en varias misións. Porén, tras ser agraviado por Almeida que ascendeu ao seu fillo a capitán maior en detrimento do galego, o mariño decidiu regresar a Lisboa decepcionado.

A carreira á India pasaba polo ?Cabo das tormentas?: no mapa sinálanse as illas que descubriu João da Nova FOTO: Santiago Prol
A carreira á India pasaba polo ?Cabo das tormentas?: no mapa sinálanse as illas que descubriu João da Nova
FOTO: Santiago Prol
Porén nesta viaxe de volta,
João da Nova viviu numerosos contratempos. Tantos que decidiu pasar o inverno na costa africana por mor do monzón desfavorable. Alí atopouse de novo coas naves do seu bo amigo e compadre Tristão da Cunha, coas que
decidiu ir até Mozambique.

Segundo as crónicas da época, en 1506 João da Nova estaba moi enfermo e o seu barco debía ser reparado. Lista para navegar, a Frol de la Mar sucaría de novo os mares para conquistar Socotorá, hoxe pertence á República Democrática do Iemen do Sul e naquela época considerada xeoestratéxica polos portugueses para impedir a navegación dos mercaderes musulmáns.

En 1507, o mariño galego embárcase na conquista de Ormuz co capitán Afonso de Abuquerque. Unha vez conseguido, o galego teima en marchar á India como quedara consensuado con Tristão da Cunha ante o que Albuquerque lle bota en cara que se queira ir.

Brás, o fillo deste capitán, acusaríao de ser o instigador de todos os conflitos que a flota tivo con seu pai. Un panexírico terxiversado "abondo difundido e comentado ao longo dos séculos", asegura Prol, un documento que acabaría danando a imaxe pública de João da Nova.

De feito, moitos dos historiadores recolleron esta versión "distorsionada, equívoca e provocadora" en numerosos manuais enciclopédicos. "Escritores de sona, vírono como un felón e desestabilizador por seguir devotamente a versión de Brás. Algúns fitárono como un estranxeiro aínda que estivese perfectamente integrado na súa patria de adopción". Santiago Pol defende que o mariño galego "foi un home do seu tempo íntegro, con fidelidade absoluta ?sen ningún tipo de fisuras? aos soberanos portugueses aos que serviu". Porén, tivo que enfrontarse cos lances sanguentos e crueis de Albuquerque aínda que non acababa de entender "tanta impiedade, tanto fanatismo, tanta piromanía, tanta aniquilación e tanta traxedia".

Foi un ano despois cando o mariño galego tocou por terceira vez as costas do Malabar indio, coa súa nave en deficientes condicións de navegación. Alí, reencontrouse con Almeida quen, tras a morte do seu fillo en 1508, puido comprobar a lealdade do mariño galego que o acompañou na batalla naval de Diu contra turcos, exipcios e indios. Con esta vitoria, paradoxalmente, "Almeida e João da Nova despexáronlle un inimigo perigosísimo ao futuro gobernador (Afonso de Abuquerque)". A ruta da especiaría pasou entón a estar controlada por Lisboa, de aí a importancia da batalla.

Cochim, a sede do vicerreinado, foi a derradeira morada de João da Nova. Logo de resultar ferido en combate, a súa saúde resentírase. No tramo final da súa vida aparecen "intres confusos", escribe Prol. Aínda que a historiografía manexa a data de xullo de 1509 como a da súa morte, outras fontes apuntan a finais de ano ou mesmo no 1510.

No seu testamento, aínda que João da Nova morreu "pobre e abandoado", refírese que deixou un patrimonio en Lisboa e o rei fixo doazóns aos seus herdeiros, porén descoñécese se estaba casado ou se tiña fillos.

O investigador Santiago Prol xa comezou as xestións para intentar que a Xunta, á volta do verán, faga algún tipo de declaración institucional co fin de desmontar a "lenda negra" que o acompañou inmerecidamente ao longo dos séculos. "A historiografía galega debe incorporar ao descubridor vencellado coa casa nobiliaria de Maceda, á nómina dos Grandes Persoeiros da Nosa Historia", conclúe Prol.
Artigo Galicia Hoxe
Categoría: 06-Prensa - Publicado o 06-07-2015 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador web
contador web

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0