Todo o referente o Navegante João da Nova |
|
O navegante João da Nova (orixinalmente Joan de Nóvoa) nacido en Maceda-Ourense mostrase como un galego universal, o máis relevante do seculo XVI. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Navegadores Portugueses |
|
 Selo dedicado o navegante dentro da serie dedicada aos navegantes portugueses entre os anos 1990 e 1995 catalogado no catalogo Yvert co número C1886 pondo como lenda Ascensión e Sta. Helena - 1502 |
|
|
|
João da Nova, o descubridor galego do século XVI |
|
Subsiste toda unha corrente historiográfica en Galiza que vencella a Pedro Sarmiento de Gamboa como o noso máis senlleiro nauta do séc. XVI. Orabén, existíu outro mariño galego que -sen ánimo de contrabalancealo co pontevedrés- tivo un papel abondo relevante ao servicio da coroa de Portugal a comezos dese século, aínda que a penas transcendeu, xa que logo a historiografía portuguesa ninguneouno e a galega case non o amentou.
João da Nova (orixinalmente Xoán de Nóvoa) está directamente vencellado coa casa nobiliaria de Maceda. Foi recuperado polo primeiro cronista oficial de Galiza, o padre Felipe de la Gándara. En 1665 escribía: ?...saíu de Galiza un grande heroe, chamado Xoán de Nóvoa, da casa dos condes de Maceda, que pasou ao Reino de Portugal e servíu aos reis D. João II e ao seu sucesor, D. Manuel I, nas navegacións e conquistas do seu tempo en África e na India Occidental, de quen di San Román en Historia da India, que foi nobre cabaleiro do bispado de Ourense?. Desta referencia tiraron moitos dos que telegraficamente se aproximaron a el: Fernández Alonso, Vicente Risco, Filgueira Valverde, Francisco Lanza, Rodriguez Elías, Rivas Quintas... Tres dos cronistas portugueses de mediados do séc. XVI (João de Barros, Damião de Góis e Gaspar Correia) amosan -sen fisuras- a procedencia: galego de nação e de nobre linhagem / galego de naçám, bom cavaleiro / homem natural de Galiza.
Sobre João da Nova apresentánsenos demasiadas zonas escuras, maiormente da súa infancia e xuventude, como sucede coa maioría dos navegantes da súa época. Incluso da súa etapa pública coñecida, existen relevantes vougos que frecuentemente se xustifican ao lembrar o Século de Ouro portugués, que foi prioritario para os historiadores e que, aínda hoxe, amosa demasiadas lagoas. Orabén, João da Nova aparece nomeado como descubridor nas enciclopedias máis prestixiosas do mundo occidental, aínda que con gazapos de vulto coas datas e tamén co que foi e representou para a Historia de Portugal a comezos do XVI, en plena expansión mercantilista.
A Galiza postirmandiña, maiormente dende o 1480 coa represiva presencia de Castela (Santa Hermandad, Real Audiencia e gobernadores) non lle deixou cancha aos nobres galegos que, abandeirados por Álvarez de Sotomaior, Xoán Pimentel e o arcebispo Fonseca II, crebaran aquel movemento democrático. A aceda realidade faría que relevantes nobres marchasen a Portugal (dende a súa constitución como reino na época de Afonso Henriques (1143) fora moi permeabel cos nosos fidalgos). Nesa tesitura asentouse João da Nova en Lisboa, no solpor do reinado de Afonso V. Dez anos despois, xa no de João II (1481-1495) aparece como membro da súa garda persoal. Na década dos oitenta tiña participado activamente nas expedicións militares e de exploración polo Atlántico nas armadas portuguesas.
En 1495 morreu João II. Subíu ao poder o irmán da raíña, Manuel I de 26 anos. Con este soberano pasaría o nauta galego á primeira liña da vida pública gracias ao seu amigo Tristão da Cunha, o favorito da corte e financeiro relevante que levaba as contas do monarca. Así, en 1496 atopamos a João da Nova como alcaide de Lisboa e cabaleiro da Casa do Rei dentro do círculo nobiliario máis próximo á coroa. Dende aquel posto controlaría información privilexiada e parte das actividades económicas do emerxente estado portugués.
Europa importaba especiaria, sedas e ouro pola rota tradicional de Oriente Medio e o Mediterráneo. A caída de Constantinopla (dende aquela Istanbul), no 1453 na órbita dos turcos, complicou aquela actividade comercial encarecendo os productos. Había que atopar unha rota alternativa á India circunnavegando África e ofertar as mercadorías a prezos máis baratos. Nesa teima andaba Henrique o Navegante que se instalara intencionadamente no Algarve: artellara un asteleiro, un observatorio astronómico en Sagres e centralizara o comercio e as descubertas africanas na feitoría de Lagos.
Os europeos do século XV pensaban que o Cabo Bojador (Sahara occidental) era o límite: além a zona tórrida e o misterio inzado de tétricas lendas. Na época de Henrique, os éxitos nas descubertas polo Atlántico foron manifestos. Conseguíu do Vaticano, con non poucas contraprestacións económicas, a bula Romanus Pontifex (1454), pola que se lle concedía a Portugal o monopolio sobre a costa occidental africana. Cando finou Henrique (1460) todo estaba alicerzado. As súas caravelas chegaran a Serra Leona. No 1488 Bartolomeu Días dobraría o Cabo das Tormentas (Boa Esperanza) cara o Índico. No 1498 Vasco da Gama chegaría -circunnavegando o continente negro- a Calecute (actual Kozhikode), o grande emporio do Malabar indio. No 1494 o soberano portugués e a raíña de Castela tiveran que pactar, logo da chegada de Colón ás illas do Caribe no 1492, o reparto do mundo coñecido e por coñecer, pois as bulas Aetemi Regis (1481) e Inter Caetera Divina (1493) non satisfacían as ambicións das dúas monarquías periféricas. No castelo da vila de Tordesillas, o 7 de Xuño de 1494 asinaron os procuradores dous tratados con transcendentais repercusións. Preservaba para Portugal a exploración e conquista das terras situadas ao Leste dun meridiano distante 370 leguas das illas Cabo Verde. O que hoxe conforma Brasil fora delimitado a prol dos lusos. O Tratado de Tordesillas amosouse beneficioso para ambas partes. Ademais neutralizaba as incursións atlánticas das demais potencias europeas que quedaran fóra de xogo.
Portugal vivía cara o mar dende tempos inmemoriais. Polo interior as súas pretensións anexionistas faríanse insalvábeis aínda que os soberanos lusos casaban con frecuencia con fillas dos reis casteláns. En 1500 Alvares Cabral descubría oficialmente Brasil que fora tocado previamente polo andaluz Vicente Yáñez Pinzón e que por mor do Tratado de Tordesillas non lle correspondía tomar posesión.
Neste contexto aparece a III Expedición á India comandada polo mariño galego, un dos persoeiros máis relevantes da Lisboa de comezos do séc. XVI. João da Nova sabía -ao regreso de Vasco da Gama- que debería facer unha aproximación ás costas brasileiras para encarar con garantías o Cabo das Tormentas, xa que logo os ventos alisios do Atlántico non lle permitían facelo linealmente. A súa expedición foi de financiación mixta: coroa e banqueiros portugueses e trasalpinos, maiormente florentinos que procuraron novas filiais naquela Lisboa que emerxía como un grande emporio europeo no Atlántico. D. Manuel, Tristão da Cunha, Bartolomeu Marchionni e D. Álvaro, o irmán do duque de Bragança foron os que armaron as catro caravelas (que non naos como referencian os cronistas da época e moitos historiadores actuais) baixo mando de João da Nova. Esta foi a expedición máis discreta das realizadas no primeiro decenio do século (desparareceu practicamente toda a documentación que sobre el existía na Torre do Tombo por intereses que, por veces, semellan máis espurios que accidentais).
Desaferrou o nauta galego do Restelo lisboeta (freguesía de Belém) na segunda semana de Marzo de 1501. Tivo como finalidade experimentar as técnicas navais da Rota da India con outro tipo de navío, procurar a mina de ouro que Vasco da Gama localizara no sul de Mozambique e ir na procura dos reinos asiáticos e na descuberta de novas terras (G. Bouchon). As deshabitadas illas volcánicas Ascensión e Santa Helena (no Atlántico Austral) aparecen vencelladas a este nauta galego. A primeira, consonte os cronistas, na viaxe de ida, aínda que relevantes historiadores (Luís de Albuquerque / G. Bouchon), coidan que foi achada na viaxe regreso en 1502. Santa Helena, que agora conmemora o 500 aniversario da súa descuberta (21 de Maio) por João da Nova, pertence dende 1673 a Gran Bretaña, xa que logo a East India Company dispuxo dela cando o imperio colonial portugués esmorecía. Amosouse punto de escala obrigatorio na viaxe de regreso (tornaviagem) da Carreira á India pola súa situación estratéxica e pola abundancia de auga doce. Fíxose célebre por ser confinamento dun Napoleón Bonaparte que enfermo, vello e ser poder, estivo en Longwood House dende Outubro de 1815 até o seu pasamento o 21 de Marzo de 1821. A illa foi visitada por relevantes persoeiros: Thomas Cavendish (1488), Edmund Halley (1677), William Dampier (1775), Charles Darwin (1836)...
O mariño galego descubríu outra illa que leva o seu nome (oficialmente un híbrido entre castelán, portugués e inglés). Hoxe pertence ao departamento de ultramar de Francia. Juan de Nova Island está xeralizado que foi achada polo nauta galego na viaxe de 1501. Así o recolle o Códice Add. 20902 da Bristish Library e as actuais autoridades administrativas da illa. Orabén, o historiador Damião Peres relaciona esta descuberta coa frustrada viaxe de regreso que João da Nova facía cara Lisboa en 1506.
O mariño galego sondou -nesa incursión- o litoral oriental africano e logo, no Malabar indio (actual estado de Kerala), asentou a primeira feitoría (lugar para o comercio) no mercado secundario de Cananor. Tivo problemas co samorim (señor do mar) de Calecute, co que se enfrontou varias veces e das que sempre saíu airoso. Os islámicos establecéranse no Malabar no séc. XIV. Facían de intermediarios entre o samorim e os venecianos. Rexeitaran aos intrusos barbados naquelas terras, xa que logo perigaba o monopolio do comercio.
João da Nova aínda atopou un territorio máis relevante, que non transcendeu ao longo dos séculos por mor do que se deu en chamar a política do sigilo e polo menosprezo manifesto de non poucos historiadores. A Illa Taprobana, actual Sri Lanka, até hai pouco Ceilán, foi tocada no 1501 polo mariño galego. En Colombo (a capital do país) atópase un padrão pouco convencional co escudo de Portugal toscamente esculpido e coa data 1501 ao seu carón, o vestixio máis antigo da presencia lusa (e galega) en Ásia.
A armada de João da Nova chegou completa a Lisboa o 12 de Setembro de 1502. Tomamos como fonte as cartas do negociante italiano Lunardo Nardi: ?...despois de dezaoito meses e tres días de ausencia?. A carga, que non era tan avultada como reseñan os cronistas, compúñase de pedras preciosas, tisú, laca, benjuí e de especiaria: moita canela que fornecera -maiormente- nos mercados de Ceilán, pementa e xenxibre. Aos dous meses da súa arribada contrabandeouse en Lisboa un planisferio -mal chamado Cantino- no que xa aparecía Ascensión, o litoral oriental africano perfeccionado e Ceilán ben ubicada por primeira vez na cartografía occidental.
João da Nova viu como o rei D. Manuel lle duplicaba o soldo que tiña cado era alcaide de Lisboa polo éxito acadado. No 1505 emprendeu outra viaxe cara a India no buque insignia da mariña portuguesa, a nao Frol de la Mar de 400 toneis de carga. Inicialmente ía formar tándem con Tristão da Cunha no vicerreinado da India. As viaxes duraban case ano e medio entre ida e volta. Semellaba pouco operativo organizar aquel megaproxecto só dende Lisboa. (Nese medio tempo sucedían moitas cousas). D. Manuel e o Consello Rexio decidiron nomear un vicerrei con poderes e un xefe militar en Oriente. Tristão da Cunha fora elixido para o primeiro cargo e João da Nova para controlar o tráfico marítimo da zona. Unha avitaminose súbita cegou ao amigo do mariño galego e o tándem fendeuse. D. Manuel nomeou precipitadamente a Francisco de Almeida como sustituto, aínda que deixou ao nauta galego como capitán maior dende o Cabo Comorim até as Maldivas e cun documento secreto para, se o consideraba oportuno, exercer como capitán maior de toda a India. Aínda que o vicerreinado semellaba virtual (só controlaban algunhas feitorías e tentaban facer o propio coas rotas de navegación naquela parte do Índico), o soberano luso mandou a João da Nova con poderes especiais para compensar o potencial de Almeida. Os problemas axiña aflorarían, xa que logo o vicerrei preferenciou ao fillo para maior gloria da familia, ninguneou ao mariño galego e provocou airadas respostas epistolares do monarca luso. Francisco de Almeida estaba -sen sabelo- cavando a tumba do vástago.
João da Nova, que exercera con éxito misións diplomáticas pola costa africana e na India naquel 1505, decidíu -decepcionado- regresar a Lisboa na Frol de la Mar. Saíu tardíamente das costas do Malabar. Invernou na Illa de Pemba por mor do monzón desfaborábel. Logo complicouselle a viaxe na zona do Cabo. Agardou pola seguinte expedición na Carreira á India capitaneada polo seu amigo Tristão da Cunha, xa recuperado. Seguíu con el e con Afonso de Albuquerque até a estratéxica Socotorá, na entrada do Mar Roxo, onde levantaron unha fortaleza. Logo, João da Nova acompañou a Albuquerque -a contragusto- polas costas de Omán até Ormuz nunha incruenta incursión a sangue e fogo da que discrepaba abertamente: toda urbe que non se facía feudataria (léase submisa) de Portugal era bombardeada e queimada, previa amputación de órganos faciais a moreas de varóns islámicos. Albuquerque amosou a face máis despiadada que levaba dentro. Os enfrontamentos cos outros capitáns subiron de tono. Tres abandonárono en Ormuz. João da Nova logo dun terceiro e definitivo encontronazo tamén se iría cara a India. Orabén, non desertou como se ten escrito até o paroxismo ao longo destes cinco séculos.
Na India o vicerei Almeida, que remataba de perder ao fillo na Batalla de Chaul, recibira encantado a un João da Nova que dous anos antes fora vilipendiado. Dende aquel intre conformarían un tándem cohesionado para vingar a morte de D. Lourenço de Almeida. En Xaneiro de 1509 -compartindo estancias e decisións na Frol de la Mar-, vencerían cunha armada de dezaoito navíos, a unha coalicción de turcos, exipcios e indios na histórica Batalla Naval de Diu que neutralizou durante décadas, o poder otomano na zona e facilitou o asentamento luso alí. Salientemos que en primeira liña estivo este nauta galego.
João da Nova endexamais regresaría a Lisboa. Falecería en Cochim (capital do vicerreinado) a finais da primeira década do século XVI. Sobre o mariño galego caeu unha lenda negra que, cincocentos anos despois, temos obriga de desmontar, xa que logo a maioría dos que o referenciaron, seguiron o panexírico que o fillo de Afonso de Albuquerque (Bras) fixo de seu pai, para que quedase indemne dos escesos que protagonizou en Oriente (Albuquerque tivo moi boa prensa en Portugal até hai ben pouco). A historiografía lusa debe revisar e restituír a João da Nova ao lugar que lle corresponde polos servicios prestados, algo que xa estamos a facer dende a súa terra de orixe.-
Santiago Prol é autor da biografía João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal.
Edita: Deputación de Ourense, 2002.- |
|
|
|
|
|