Joao da Nova


Todo o referente o Navegante João da Nova
O navegante João da Nova (orixinalmente Joan de Nóvoa) nacido en Maceda-Ourense mostrase como un galego universal, o máis relevante do seculo XVI.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PRIMEIRA OFICINA DE CORREOS
Accommodation-in-Mossel-Bay-The-Point-SunsetPRIMEIRA OFICINA DE CORREOS NO SUR DE ÁFRICA FUNDADA POR JOÃO DA NOVA (1)

Na web www.roc-taiwan.org, da Oficina económica e cultural de Taipei (capital de Taiwan) en Chile, atopamos unha interesante entrada na que amenta a João da Nova, o navegante galego -orixinario de Maceda- que “fundou a primiera oficina de correos” do que logo sería Sudáfrica, aínda que dun xeito pouco convencional. Eis a achega:
Joanesburgo, Sudáfrica, agosto 19 (CNA). Un árbol de la especie milkwood (madera de leche) en Mossel Bay, una ciudad portuaria sita en el Cabo Occidental de Sudáfrica, ha sido famoso como una estafeta de correos desde que Pedro de Ataide, el capitán de un barco portugués, dejó una carta para su familia a la sombra de ese árbol en el año 1500. En su mensaje dejado en el sobre de su carta, de Ataide pidió a cualquier marinero transeúnte que estaba a punto de volver a Portugal entregar la carta a su familia. El capitán dijo en su misiva que tres barcos mercantes de la flota a la que pertenecía su barco se hundieron al ser golpeados por una súper tormenta en el Océano Atlántico.
En 1501, la referida carta fue encontrada por João da Nova, comandante de la tercera flota de las Indias Orientales en ruta hacia la India, y entregada a su destinatario. De esta manera, "la primera oficina de correos en Sudáfrica fue fundada", dijo un portavoz del Museo Martholomeu Dias acerca de la pieza central del complejo de museos. Según el portavoz de dicho museo, el árbol ha sido declarado como un monumento nacional y, en general se conoce como "Árbol del Correo". Con un buzón en en la forma de una bota, el árbol sigue siendo un lugar en donde la gente puede enviar cartas o tarjetas postales. Todo el correo del mencionado buzón recibe una franca especial para conmemorar el hecho de que el árbol milkwood se convirtió en la primera oficina de correos de Sudáfrica, dijo el portavoz.
La Oficina de Correos formal de Sudáfrica (SAPO, siglas en inglés) no se abrió en Ciudad del Cabo hasta 1792, cuando se utilizaron los caballos de agricultores para entregar el correo. En 1994, Sudáfrica abolió el apartheid y fue readmitida a la Unión Postal Universal. Desde ese entonces, los servicios de entrega de correo deben estar disponibles para todas las personas en el país. Según los datos de la SAPO para el año 2015, la institución emplea a cerca de 23.820 personas, contando con un total de 2.486 sucursales en todo Sudáfrica. Ese mismo año, la SAPO generó ingresos por un total de 5 mil millones de rand sudafricano (US$371 millones), el 65 por ciento de los cuales eran de los ingresos provenientes de los servicios tradicionales de entrega de correo.
Categoría: 01-Biografia - Publicado o 15-02-2017 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
La Velleta Verda. Mediterrani
La Velleta Verda. MediterraniLa Velleta Verda. Mediterrani é un Blog escrito por Gonçal Vicenç no que se recolle o 19 de octubre de 2012 un post cunha síntesis do libro “Joao da Nova, Un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal” de Santiago Prol.

Enlace o post
http://pladelafont.blogspot.com.es/2012/10/joao-da-nova-marinero.html
La Velleta Verda. Mediterrani
Categoría: 01-Biografia - Publicado o 18-02-2014 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
Santiago Prol
Santiago Prol escritorSantiago Prol
A AELG, Asociación de Escritores en Lingua Galega, remata de colgar na súa web tres gravacións sobre o autor de esta bitácora, Santiago Prol. Son tres grabacións de video nas que fai referencia a Maceda e nunha delas fala sobre o navegante Joao da Nova.

Enlace os videos>>

Tamén existe unha entrada na Wikipedia sobre él:

Santiago Prol na Wikipedia>>
Comentarios (0) - Categoría: 01-Biografia - Publicado o 02-03-2011 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
CRONOBIOGRAFÍA DE JOÃO DA NOVA,
o galego máis relevante do século XVI.


1450    [perto de]. Nace João da Nova [Xoán de Nóvoa] neste territorio.

1467    Revolución Irmandiña.

            Foxen cara Portugal o arcebispo Fonseca II e relevantes nobres galegos [varios

vencellados coa casa nobiliaria dos Nóvoas de Maceda].

            Diego de Lemos asalta e derruba parte da Torre de Maceda.

1469    Regresan [con mercenarios] os nobres dirixidos por Pedro Madruga.

Remata a Guerra Irmandiña coa derrota dos revolucionarios.

1476    Isabel de Castela vence a Afonso V de Portugal que apoia causa da Beltranexa

no conflito sucesorio.

1479    Tratado de Alcaçovas entre Castela e Portugal para dividir o mundo.

1480    Represiva presenza en Galiza da Santa Hermandad, Real Audiencia e gobernadores enviados polos Reis Católicos [“doma e castración do Reino de Galiza” en verbas de Zurita].

João da Nova marcha cara Lisboa desencantado coa nova realidade política en Galiza e Castela.

1481    Morre Afonso V de Portugal.

Sobe ao trono luso João II.

1488    Bartolomeu Días dobra o Cabo das Tormentas [Boa Esperanza] cara o Índico.

João da Nova participa activamente nas expedicións militares e de exploración polo Atlántico cos portugueses.

1492    Conquista de Granada.

Expulsión dos xudeus.

Relevantes cadros hebreos refúxianse en Portugal.

Cristovo Colón descubre accidentalmente varias illas no Caribe.

1494    Tratado de Tordesillas.

Divídese o mundo descuberto e por descubrir entre Portugal e Castela.

1495    Morre João II.

Sobe ao trono luso o seu curmán Manuel I.

1496    João da Nova exerce como alcaide da cidade portuaria de Lisboa.

1498    Vasco da Gama descubre o camiño marítimo cara a India circunnavegando o

continente africano.

Chega a Calecute, o grande emporio do Malabar indio.

1500    II Expedición cara a India con Álvares Cabral que oficialmente descubre Brasil.

1501    João da Nova comanda a III Expedición con catro caravelas innovadoras.

            Descubre a Ilha da Trindade [fronte as costas do Brasil].

            En Mossel Bay funda a primeira igrexa cristiá do que hoxe conforma Sudáfrica.

Acha Juan de Nova Island [na canle de Mozambique].

Asenta unha feitoría [lugar para o comercio] en Cananor [India].

Atopa a cobizada Ilha da Taprobana [hogano Sri Lanka, antano Ceilán].

Derrota ao samorím [señor do mar] de Calecute na Batalla de Cananor.

1502    Volta felizmente a Lisboa coas catro caravelas cargadas de pementa, canela e

outras mercadorías de Oriente demandadas].

Atopa  [na torna-viagem] Agalega Islands [perto de Madagascar].

            Descubre a estratéxica illa Santa Helena no Atlántico Austral.

            Tamén a illa Ascensión [algúns cronistas datan este achado en 1501].

1505    Parte cara a India comandando o buque insignia da mariña portuguesa, a nao

Frol de la Mar.

            Fai intensas xestións diplomáticas pola costa oriental africana.

            Constrúen unha fortaleza en Quíloa.

Conquistan Mombasa.

            Francisco de Almeida ocupa o cargo de vicerrei en Cochim [India].

            João da Nova exerce a diplomacia en varias misións no Malabar indio.

1506    Sae das costas do Kerala [Malabar] coa Frol de la Mar.

            Inverna na illa de Pemba [perto de Zanzibar] por mor do monzón desfavorábel.

Atópase en Mozambique coa expedición comandada polo seu amigo e financeiro Tristão da Cunha.

1507    João da Nova, Tristão da Cunha e Afonso de Albuquerque conquistan a illa Socotorá, na entrada do Mar Roxo.

João da Nova acompaña a contragusto a Afonso de Albuquerque polas costas de Omán até o grande emporio de Ormuz [nunha incursión de terra queimada].

1508    O nauta galego regresa á India coa Frol de la Mar.

            O fillo do vicerrei [D. Lourenço] morre na Batalla de Chaul fronte a Mir Hocem,

o capitán maior do sultán de Exipto.

1509    João da Nova e Francisco de Almeida derrotan a unha coalición de turcos, exipcios e indios na histórica Batalla Naval de Diu, transcendental para o dominio dos lusos en Oriente.

O mariño galego estivo en primeira liña co buque insignia Frol de la Mar.

+ Morre João da Nova a finais dese ano en Cochim, sede do vicerreinado.

1510    O comercio mundial concéntrase no eixo Lisboa-Sevilla en detrimento do

Mediterráneo [até daquela o centro económico do mundo era O Cairo].

2002    Cincocentos anos despois das descubertas de Trindade, Juan de Nova Island, Sri

Lanka, Agalega Islands, Santa Helena e Ascensión, o espírito deste egrexio mariño galego emerxe na súa terra de orixe coa publicación da súa biografía.

Inaugurase na torre da homenaxe do Castelo de Maceda a exposición permanente “João da Nova, o descubridor do século XVI”.

2009    Cúmprense 500 anos do pasamento de João da Nova, o galego máis relevante

do século XVI.

Galiza segue a ter unha débeda no recoñecemento deste fillo sobranceiro.

____________________________________________________________________


Fontes:

PROL, S.: (2002), João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal,  Deputación de Ourense.

PROL, S.: (2009), Nobres vencellados ao Castelo de Maceda, Difusora, Ourense.

www.blogoteca.com/joaodanova

Comentarios (0) - Categoría: 01-Biografia - Publicado o 14-09-2009 01:11
# Ligazón permanente a este artigo
GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA TOMO XXXIII
NOVOA, Juan de. Navegante vencellado á casa nobiliaria de Maceda (Ourense). Nacido a mediados do século XV.

Foi un dos protagonistas da conquista portuguesa das indias orientais. Joao da Nova. Un mariño galego ao servicio da coroa de Portugal (2002) é a investigación bibliográfica máis recente e mellor documentada que sobre a súa vida e o seu labor hai publicada. O seu autor, o historiador Santiago Prol (Maceda, 1960), mantén nestas páxinas que Novoa pola súa condición de extranxeiro para algúns, viuse desprazado, alén do círculo real, por mariños como Francisco de Almeida [...] e pouco despois por Afonso de Albuquerque, sendo esta tamén a causa probable de que fose estudiado na dimensión que o personaxe requiría no seu contexto.

Juan de Novoa é unha das múltiples formas nas que aparece grafado, ó longo dos séculos, o nome deste ourensán que, igual ca outros nobres galegos, fuxiu ó país veciño ante a conquista dos Reis Católicos. Unha vez alí alistouse na Mariña lusa, coa que particupou activamente en expedicións realizadas no Atlántico e converteuse en membro da garda real de Xoán II. En 1496 (un ano despois de que don Manuel I sucedese no trono o devandito monarca) foi nomeado alcalde de Lisboa, un cargo político e administrativo de gran relevancia que lle outorgaba xurisdición sobre a garda e defensa do castelo de San Xurxo e que o colocaba nunha posición estratéxica para manter contacto cos numerosos financeiros que chegaban á cidade, convertida epor entón nun mercado internacional de redistribución de produtos.

Tralas viaxes realizadas por Vasco da Gama –que descubrira unha nova ruta marítima ata a India circunnavegando África- e Álvares Cabral, a finais do século XV, en 1501 foi o mariño galego quen capitaneu a terceira expedición portuguesa cara a esas terras ó mando dunha frota de catro carabelas nas que durante moito tempo se pensou que ía tamén como subordinado de Novoa, o cosmógrafo florentino Amerigo Vespucci. Segundo Santiago Prol, esta hipótese hoxe rexéitase contundentemente.

Algunhas crónicas da época sinalan que o navegante ourensán descubriu a illa Ascensión na súa viaxe cara á India e, na de regreso a Lisboa, a estratéxica Santa Helena (1502). Durante a mesma expedición, nunha incursión realizada polo canal de Mozambique, atopou outra illa ó noroeste de San Lourenzo (Madagascar), que bautizou co seu nome. Prol menciona tamén que, aínda que nunca fose revelado polos poderes portugueses, a prestixiosa historiadora francesa Genevière Bouchon (en Revista da Universidade de Coimbra, volume XXVIII) incide na posibilidade de que na mesma travesía o mariño dera tamén coa illa Taprobana (máis tarde Ceilán e hoxe Sri Lanka).

No ano 1505 e despois de que Portugal realizara tres novas expedicións á India, Francisco de Almeida (que ía ocupa-lo cargo de vicerrei) partiu cunha escuadra de aproximadamente vinte navíos, unha expedición da que tamén formaba parte o galego, que ía ó mando da nao Frol de la mar, buque insignia da Mariña lusa.

Novoa e Almeida construíron daquela fortalezas en Kilwa (na actual Tanzania) e conquistaron Mombasa (en Quenia). Non obstante, unha serie de decisións tomadas polo vicerrei para favorece-lo seu fillo en detrimento de Novoa fixeron que o mariño galego partira cara a Lisboa, onde non chegaría por un imprevisto no camiño. Na illa de Pemba atopouse coa expedición de Tristao da Cunha (amigo persoal e profesional de Novoa) por Mozambique e ámbolos dous, con Afonso de Albuquerque conquistaron en 1507 a illa de Socotora. Ó ano seguinte volveu á India e acompañou a Almeida cunha potente armada, a Diu na India coa intención de vinga-la morte de Lorenço de Almeida, fillo do vicerrei. A intervención do galego foi decisiva para derrotar na batalla naval de Diu (1509) unha coalición de exipcios, turcos e indios, feito que lle deu a Portugal unha efémera hexemonía no Índico. É a finais dese mesmo ano, ou xa en 1510, onde hai que sitúa-la data de morte de Novoa tras unha longa enfermidade en Cochi.... (Kerala, India).


Retrato de Juan de Novoa, nun gravado en madeira de Francisco Pastor.
Gran Enciclopedia Galega
Categoría: 01-Biografia - Publicado o 07-01-2008 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
João da Nova, o descubridor galego do século XVI
Portada do libro sobre Joao da NovaSubsiste toda unha corrente historiográfica en Galiza que vencella a Pedro Sarmiento de Gamboa como o noso máis senlleiro nauta do séc. XVI. Orabén, existíu outro mariño galego que -sen ánimo de contrabalancealo co pontevedrés- tivo un papel abondo relevante ao servicio da coroa de Portugal a comezos dese século, aínda que a penas transcendeu, xa que logo a historiografía portuguesa ninguneouno e a galega case non o amentou.

João da Nova (orixinalmente Xoán de Nóvoa) está directamente vencellado coa casa nobiliaria de Maceda. Foi recuperado polo primeiro cronista oficial de Galiza, o padre Felipe de la Gándara. En 1665 escribía: “...saíu de Galiza un grande heroe, chamado Xoán de Nóvoa, da casa dos condes de Maceda, que pasou ao Reino de Portugal e servíu aos reis D. João II e ao seu sucesor, D. Manuel I, nas navegacións e conquistas do seu tempo en África e na India Occidental, de quen di San Román en Historia da India, que foi nobre cabaleiro do bispado de Ourense”. Desta referencia tiraron moitos dos que telegraficamente se aproximaron a el: Fernández Alonso, Vicente Risco, Filgueira Valverde, Francisco Lanza, Rodriguez Elías, Rivas Quintas... Tres dos cronistas portugueses de mediados do séc. XVI (João de Barros, Damião de Góis e Gaspar Correia) amosan -sen fisuras- a procedencia: galego de nação e de nobre linhagem / galego de naçám, bom cavaleiro / homem natural de Galiza.

Sobre João da Nova apresentánsenos demasiadas zonas escuras, maiormente da súa infancia e xuventude, como sucede coa maioría dos navegantes da súa época. Incluso da súa etapa pública coñecida, existen relevantes vougos que frecuentemente se xustifican ao lembrar o Século de Ouro portugués, que foi prioritario para os historiadores e que, aínda hoxe, amosa demasiadas lagoas. Orabén, João da Nova aparece nomeado como descubridor nas enciclopedias máis prestixiosas do mundo occidental, aínda que con gazapos de vulto coas datas e tamén co que foi e representou para a Historia de Portugal a comezos do XVI, en plena expansión mercantilista.

A Galiza postirmandiña, maiormente dende o 1480 coa represiva presencia de Castela (Santa Hermandad, Real Audiencia e gobernadores) non lle deixou cancha aos nobres galegos que, abandeirados por Álvarez de Sotomaior, Xoán Pimentel e o arcebispo Fonseca II, crebaran aquel movemento democrático. A aceda realidade faría que relevantes nobres marchasen a Portugal (dende a súa constitución como reino na época de Afonso Henriques (1143) fora moi permeabel cos nosos fidalgos). Nesa tesitura asentouse João da Nova en Lisboa, no solpor do reinado de Afonso V. Dez anos despois, xa no de João II (1481-1495) aparece como membro da súa garda persoal. Na década dos oitenta tiña participado activamente nas expedicións militares e de exploración polo Atlántico nas armadas portuguesas.

En 1495 morreu João II. Subíu ao poder o irmán da raíña, Manuel I de 26 anos. Con este soberano pasaría o nauta galego á primeira liña da vida pública gracias ao seu amigo Tristão da Cunha, o favorito da corte e financeiro relevante que levaba as contas do monarca. Así, en 1496 atopamos a João da Nova como alcaide de Lisboa e cabaleiro da Casa do Rei dentro do círculo nobiliario máis próximo á coroa. Dende aquel posto controlaría información privilexiada e parte das actividades económicas do emerxente estado portugués.

Europa importaba especiaria, sedas e ouro pola rota tradicional de Oriente Medio e o Mediterráneo. A caída de Constantinopla (dende aquela Istanbul), no 1453 na órbita dos turcos, complicou aquela actividade comercial encarecendo os productos. Había que atopar unha rota alternativa á India circunnavegando África e ofertar as mercadorías a prezos máis baratos. Nesa teima andaba Henrique o Navegante que se instalara intencionadamente no Algarve: artellara un asteleiro, un observatorio astronómico en Sagres e centralizara o comercio e as descubertas africanas na feitoría de Lagos.

Os europeos do século XV pensaban que o Cabo Bojador (Sahara occidental) era o límite: além a zona tórrida e o misterio inzado de tétricas lendas. Na época de Henrique, os éxitos nas descubertas polo Atlántico foron manifestos. Conseguíu do Vaticano, con non poucas contraprestacións económicas, a bula Romanus Pontifex (1454), pola que se lle concedía a Portugal o monopolio sobre a costa occidental africana. Cando finou Henrique (1460) todo estaba alicerzado. As súas caravelas chegaran a Serra Leona. No 1488 Bartolomeu Días dobraría o Cabo das Tormentas (Boa Esperanza) cara o Índico. No 1498 Vasco da Gama chegaría -circunnavegando o continente negro- a Calecute (actual Kozhikode), o grande emporio do Malabar indio. No 1494 o soberano portugués e a raíña de Castela tiveran que pactar, logo da chegada de Colón ás illas do Caribe no 1492, o reparto do mundo coñecido e por coñecer, pois as bulas Aetemi Regis (1481) e Inter Caetera Divina (1493) non satisfacían as ambicións das dúas monarquías periféricas. No castelo da vila de Tordesillas, o 7 de Xuño de 1494 asinaron os procuradores dous tratados con transcendentais repercusións. Preservaba para Portugal a exploración e conquista das terras situadas ao Leste dun meridiano distante 370 leguas das illas Cabo Verde. O que hoxe conforma Brasil fora delimitado a prol dos lusos. O Tratado de Tordesillas amosouse beneficioso para ambas partes. Ademais neutralizaba as incursións atlánticas das demais potencias europeas que quedaran fóra de xogo.

Portugal vivía cara o mar dende tempos inmemoriais. Polo interior as súas pretensións anexionistas faríanse insalvábeis aínda que os soberanos lusos casaban con frecuencia con fillas dos reis casteláns. En 1500 Alvares Cabral descubría oficialmente Brasil que fora tocado previamente polo andaluz Vicente Yáñez Pinzón e que por mor do Tratado de Tordesillas non lle correspondía tomar posesión.

Neste contexto aparece a III Expedición á India comandada polo mariño galego, un dos persoeiros máis relevantes da Lisboa de comezos do séc. XVI. João da Nova sabía -ao regreso de Vasco da Gama- que debería facer unha aproximación ás costas brasileiras para encarar con garantías o Cabo das Tormentas, xa que logo os ventos alisios do Atlántico non lle permitían facelo linealmente. A súa expedición foi de financiación mixta: coroa e banqueiros portugueses e trasalpinos, maiormente florentinos que procuraron novas filiais naquela Lisboa que emerxía como un grande emporio europeo no Atlántico. D. Manuel, Tristão da Cunha, Bartolomeu Marchionni e D. Álvaro, o irmán do duque de Bragança foron os que armaron as catro caravelas (que non naos como referencian os cronistas da época e moitos historiadores actuais) baixo mando de João da Nova. Esta foi a expedición máis discreta das realizadas no primeiro decenio do século (desparareceu practicamente toda a documentación que sobre el existía na Torre do Tombo por intereses que, por veces, semellan máis espurios que accidentais).

Desaferrou o nauta galego do Restelo lisboeta (freguesía de Belém) na segunda semana de Marzo de 1501. Tivo como finalidade experimentar as técnicas navais da Rota da India con outro tipo de navío, procurar a mina de ouro que Vasco da Gama localizara no sul de Mozambique e ir na procura dos reinos asiáticos e na descuberta de novas terras (G. Bouchon). As deshabitadas illas volcánicas Ascensión e Santa Helena (no Atlántico Austral) aparecen vencelladas a este nauta galego. A primeira, consonte os cronistas, na viaxe de ida, aínda que relevantes historiadores (Luís de Albuquerque / G. Bouchon), coidan que foi achada na viaxe regreso en 1502. Santa Helena, que agora conmemora o 500 aniversario da súa descuberta (21 de Maio) por João da Nova, pertence dende 1673 a Gran Bretaña, xa que logo a East India Company dispuxo dela cando o imperio colonial portugués esmorecía. Amosouse punto de escala obrigatorio na viaxe de regreso (tornaviagem) da Carreira á India pola súa situación estratéxica e pola abundancia de auga doce. Fíxose célebre por ser confinamento dun Napoleón Bonaparte que enfermo, vello e ser poder, estivo en Longwood House dende Outubro de 1815 até o seu pasamento o 21 de Marzo de 1821. A illa foi visitada por relevantes persoeiros: Thomas Cavendish (1488), Edmund Halley (1677), William Dampier (1775), Charles Darwin (1836)...

O mariño galego descubríu outra illa que leva o seu nome (oficialmente un híbrido entre castelán, portugués e inglés). Hoxe pertence ao departamento de ultramar de Francia. Juan de Nova Island está xeralizado que foi achada polo nauta galego na viaxe de 1501. Así o recolle o Códice Add. 20902 da Bristish Library e as actuais autoridades administrativas da illa. Orabén, o historiador Damião Peres relaciona esta descuberta coa frustrada viaxe de regreso que João da Nova facía cara Lisboa en 1506.

O mariño galego sondou -nesa incursión- o litoral oriental africano e logo, no Malabar indio (actual estado de Kerala), asentou a primeira feitoría (lugar para o comercio) no mercado secundario de Cananor. Tivo problemas co samorim (señor do mar) de Calecute, co que se enfrontou varias veces e das que sempre saíu airoso. Os islámicos establecéranse no Malabar no séc. XIV. Facían de intermediarios entre o samorim e os venecianos. Rexeitaran aos intrusos barbados naquelas terras, xa que logo perigaba o monopolio do comercio.

João da Nova aínda atopou un territorio máis relevante, que non transcendeu ao longo dos séculos por mor do que se deu en chamar a política do sigilo e polo menosprezo manifesto de non poucos historiadores. A Illa Taprobana, actual Sri Lanka, até hai pouco Ceilán, foi tocada no 1501 polo mariño galego. En Colombo (a capital do país) atópase un padrão pouco convencional co escudo de Portugal toscamente esculpido e coa data 1501 ao seu carón, o vestixio máis antigo da presencia lusa (e galega) en Ásia.

A armada de João da Nova chegou completa a Lisboa o 12 de Setembro de 1502. Tomamos como fonte as cartas do negociante italiano Lunardo Nardi: “...despois de dezaoito meses e tres días de ausencia”. A carga, que non era tan avultada como reseñan os cronistas, compúñase de pedras preciosas, tisú, laca, benjuí e de especiaria: moita canela que fornecera -maiormente- nos mercados de Ceilán, pementa e xenxibre. Aos dous meses da súa arribada contrabandeouse en Lisboa un planisferio -mal chamado Cantino- no que xa aparecía Ascensión, o litoral oriental africano perfeccionado e Ceilán ben ubicada por primeira vez na cartografía occidental.

João da Nova viu como o rei D. Manuel lle duplicaba o soldo que tiña cado era alcaide de Lisboa polo éxito acadado. No 1505 emprendeu outra viaxe cara a India no buque insignia da mariña portuguesa, a nao Frol de la Mar de 400 toneis de carga. Inicialmente ía formar tándem con Tristão da Cunha no vicerreinado da India. As viaxes duraban case ano e medio entre ida e volta. Semellaba pouco operativo organizar aquel megaproxecto só dende Lisboa. (Nese medio tempo sucedían moitas cousas). D. Manuel e o Consello Rexio decidiron nomear un vicerrei con poderes e un xefe militar en Oriente. Tristão da Cunha fora elixido para o primeiro cargo e João da Nova para controlar o tráfico marítimo da zona. Unha avitaminose súbita cegou ao amigo do mariño galego e o tándem fendeuse. D. Manuel nomeou precipitadamente a Francisco de Almeida como sustituto, aínda que deixou ao nauta galego como capitán maior dende o Cabo Comorim até as Maldivas e cun documento secreto para, se o consideraba oportuno, exercer como capitán maior de toda a India. Aínda que o vicerreinado semellaba virtual (só controlaban algunhas feitorías e tentaban facer o propio coas rotas de navegación naquela parte do Índico), o soberano luso mandou a João da Nova con poderes especiais para compensar o potencial de Almeida. Os problemas axiña aflorarían, xa que logo o vicerrei preferenciou ao fillo para maior gloria da familia, ninguneou ao mariño galego e provocou airadas respostas epistolares do monarca luso. Francisco de Almeida estaba -sen sabelo- cavando a tumba do vástago.

João da Nova, que exercera con éxito misións diplomáticas pola costa africana e na India naquel 1505, decidíu -decepcionado- regresar a Lisboa na Frol de la Mar. Saíu tardíamente das costas do Malabar. Invernou na Illa de Pemba por mor do monzón desfaborábel. Logo complicouselle a viaxe na zona do Cabo. Agardou pola seguinte expedición na Carreira á India capitaneada polo seu amigo Tristão da Cunha, xa recuperado. Seguíu con el e con Afonso de Albuquerque até a estratéxica Socotorá, na entrada do Mar Roxo, onde levantaron unha fortaleza. Logo, João da Nova acompañou a Albuquerque -a contragusto- polas costas de Omán até Ormuz nunha incruenta incursión a sangue e fogo da que discrepaba abertamente: toda urbe que non se facía feudataria (léase submisa) de Portugal era bombardeada e queimada, previa amputación de órganos faciais a moreas de varóns islámicos. Albuquerque amosou a face máis despiadada que levaba dentro. Os enfrontamentos cos outros capitáns subiron de tono. Tres abandonárono en Ormuz. João da Nova logo dun terceiro e definitivo encontronazo tamén se iría cara a India. Orabén, non desertou como se ten escrito até o paroxismo ao longo destes cinco séculos.

Na India o vicerei Almeida, que remataba de perder ao fillo na Batalla de Chaul, recibira encantado a un João da Nova que dous anos antes fora vilipendiado. Dende aquel intre conformarían un tándem cohesionado para vingar a morte de D. Lourenço de Almeida. En Xaneiro de 1509 -compartindo estancias e decisións na Frol de la Mar-, vencerían cunha armada de dezaoito navíos, a unha coalicción de turcos, exipcios e indios na histórica Batalla Naval de Diu que neutralizou durante décadas, o poder otomano na zona e facilitou o asentamento luso alí. Salientemos que en primeira liña estivo este nauta galego.

João da Nova endexamais regresaría a Lisboa. Falecería en Cochim (capital do vicerreinado) a finais da primeira década do século XVI. Sobre o mariño galego caeu unha lenda negra que, cincocentos anos despois, temos obriga de desmontar, xa que logo a maioría dos que o referenciaron, seguiron o panexírico que o fillo de Afonso de Albuquerque (Bras) fixo de seu pai, para que quedase indemne dos escesos que protagonizou en Oriente (Albuquerque tivo moi boa prensa en Portugal até hai ben pouco). A historiografía lusa debe revisar e restituír a João da Nova ao lugar que lle corresponde polos servicios prestados, algo que xa estamos a facer dende a súa terra de orixe.-

Santiago Prol é autor da biografía João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal.

Edita: Deputación de Ourense, 2002.-
Categoría: 01-Biografia - Publicado o 11-12-2007 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador web
contador web