|
|
|
|
|
|
|
| Premios do concurso de contos,lendas ou realidade do concello de Oroso |
|
O xurado decidiu galardoar os relatos presentados ao certame do seguinte xeito:
1ºPREMIO: As inxustizas ou a sorte que nos ofrece a vida.
Eduardo Parcero Areán 3C ESO
2º PREMIO: O tesouro do castro de Recouso.
Jennifer Quinteiro Sánchez 3A ESO
3ºPREMIO: A familia labrega.
Adrián liste Sixto 4ºPDC |
|
|
|
|
| O anel |
|
De socate,vinme alí. A vizosa vexetación adornaba aquel lugar, estraño, no que de súpeto me atopei sen saber o motivo. Nada era normal, pero sentía todo aquilo moi profundo, moi real. Sentín medo, cada vez máis. Oín un ruído, e vin moverse os arbustos que se situaban diante miña. A respiración axitábase, o corazón latexaba cada vez máis rápido. Unha profunda dor comezou no meu peito ata facerme sentir verdadeiramente mal. Entre as árbores, vin uns ollos, brillantes e vermellos, moverse. Mentres que me observaban, e acto seguido esvaecéronse, desapareceron. Pero ese algo, fose o que fose, aínda se atopaba naquela paraxe, pois, segundos despois, sentín unha húmida e lenta respiración tras miña. O meu nerviosismo acrecentouse segundos despois, cando notei que aquel ser se movía lentamente intentando facer algo. E así foi, pois rápida e violentamente pousou a súa man sobre o meu ombro. Volveuse todo escuro, e apenas se podían diferenciar os elementos que compoñían aquel escenario no que me atopei. Quixen fuxir, pero deime conta de que estaba paralizada, queda, non podía mover os brazos nin as pernas. Sería o medo? Sería a acción daquela criatura que acrecentaba o meu nerviosismo? A luz da lúa comezou a reducir a penumbra daquel lugar cando puiden reaccionar, mirei a extremidade daquilo que, fortemente, estaba a agarrarme. Era unha especie de man humana, pero recuberta de pelo en exceso e longas unllas a modo de gadoupas. Aínda que o máis rechamante era o anel que levaba no dedo índice. Era de prata, e tiña unha lúa gravada no seu interior. Notei o meu corpo cada vez máis pesado, e sentín entón como caía. Nese momento espertei. Todo fora un soño. Empapada en suor acendín a luz e comprobei que me atopaba na miña habitación. Estiven uns minutos sentada na cama, ata que acouguei un pouco. Baixei á cociña, meus pais estaban almorzando. Vían o telexornal da mañá. Púxenme a comer eu tamén, pero pronto parei. Apareceu unha nova na que varias persoas alegaban que viran de novo os homes lobo que levaban corenta anos atemorizando ós cidadáns dese pobo, o meu. E que, segundo a lenda xa mataran varias persoas. Sen saber que facer nin que dicir, erguinme da mesa e fun á miña habitación. Nada máis entrar, vin algo relucir sobre a miña cama. Achegueime e collino na man,era un anel de prata cunha lúa gravada no seu interior.
María Fernández Castromil.
3ºC
|
|
|
|
|
| A familia labrega |
|
A familia galega labrega de non hai tantos anos.vivía con moitas penurias: problemas económicos, falta de hixiene,fame...A vida no campo era moi difícil. Meu pai e miña avoa téñenme contado moitas cousas sobre os apuros e as malas experiencias vividas. Meu pai sempre conta que , de neno, tiña que ir coas vacas ao monte, estar ata o medio día alí mirando para elas e tendo conta de que non escapasen.O peor era cando era tempo de sementar o millo e os rapaces tiñan que termar do arado e ir guiando os bois.Tamén me ten falado de que cando tiñan que anovar un prado ou botarlle trigo, tíñano que botar todo á man e leváballe uns días facelo, traballando de sol a sol.
Miña avoa dime que antes non había tantos atentados nin crimes, aínda que eu creo que falo por descoñecemento. Antes,se querías algo e non o tiñas, podíasllo pedir ao veciño que cho daba.Tamén me falou dos Foucellas.Tíñanlles moito medo porque moitos ían armados, e non dubidaban en usar as armas.Un día díxome que un “Foucella” chamara á porta da casa. Eles abriron e viron un home pingando que lle dixo:
-Está o patrón da casa?
-Non,-contestoulle miña avoa-está guiando a auga nun prado cerca do río.
Conforme ía marchar, chegou meu avó co sacho na man e o "Foucellas" preguntoulle se podía quedar a durmir e secar a roupa, que a tiña toda mollada. O meu avó aceptou, deitouse cerca do lume que estaba alimentado cunhas boas cañotas de carballo.
Meus avós non confiaban nel, xa que sabían que era un Foucellas e nese tempo se non dabas parte deles, metíante no cárcere.Por iso, foron chamar polos gardas, que xa viñeron canda eles, pero cando entraron na casa, o “Foucella” xa non estaba.O máis seguro é que desconfiou de meus avós e, en canto quedou só, fuxiu.
Adrián Liste .4ºA-PDC
|
|
|
|
|
| Tempos vellos |
|
Contarme os meus avós que os tempos de antes non son os mesmos que os de agora. E polo que me contaron é que cada vez que penso en traballar, durmir no medio do monte cos lobos… danme calafríos.
Dixéronme que cando se che poñía a pel de galiña polo monte, é que andaba o lobo cerca. E dunha vez dixera a miña tataraboa:
- Que nubes tan negras!
De súpeto, oírase unha voz que dixo que iso non se podía dicir, e alí só estaba miña tataraboa.
Os vellos, tamén dicían que había a ESTADA que mentres paseabas polo monte pegábanche, tamén dicían que había xente que sabía que cando ían morrer outras persoas. Traballaban moitísimo,ás veces quedaban a durmir no monte, tamén ían cavar ó monte, levaban as vacas a pacer,os porcos a pasear, traballaban na leira, collían as patacas, millo, fabas… e pola noite cando non se vía nada, quitábanlle a carrupa ó millo, tiñan que ir pola auga á fonte. Despois, vendían o millo, co cinto e a raíña collían os ovos dos paxaros,e mais o paxaro cun cordel, pillaban grilos e ras. Polo Nadal e polas festas, cantaban panxoliñas, bailaban muiñeiras, xotas e pasodobres, co que lles daban gardábano e comíano. Ó ser familias numerosas, durmían tres ou catro nunha mesma cama de carrupa ou todos nunha habitación. Comían tortilla de masa con azucre, caldo e castañas asadas. Non tiñan servizos e bañábanse no río.
E digo eu que se nós tivésemos que facer todo o nosos avós fixeron estariamos apañados, tanto no traballo, coma na forma de vivir.
|
|
|
|
|
| A besta |
|
Conta a lenda, que no lugar de Marzoa, unha terrible besta tiña aterrorizados a tódolos veciños da parroquia. Pasaron días, e mesmo meses, e o feroz animal permanecía ameazándoos.
Algúns vellos da zona aínda acordan os días de fame e pobreza pasados a causa das mortecinas poutas do que naqueles días, era o peor pesadelo das súas vidas.
Nunca se chegou a saber qué ser, animal ou simplemente besta, podería ser capaz de causar tales estragos aos veciños da zona, nin a causa ou feito dos mesmos.
A vida na aldea facíase complicada, pois polas noites,a besta, como era coñecida polas xentes que alí afincaban as súas casas, saía do seu esconderixo e penetraba nas hortas e nas leiras dos veciños arrincando todo o que lle petaba ao seu paso, tanto foran plantas coma animais.
Algúns aldeáns, maiormente os de máis idade, por mor da súa indignación comezaron a saír das súas casas polas noites no intento de amedrentar a aquela besta que levaba meses complicándolles notablemente a súa vida e por conseguinte, a vida das súas familias.
As medidas tomadas por desesperación destes vellos foron a máis co paso do tempo, e dende facer unha simple lumieira no medio das leiras para afastar ao becho, pasouse a saír das casas con armas de fogo cando escoitaban o menor ruído.
Pasaba o tempo e os homes do lugar incrementaban as medidas para acabar co animal dunha vez por todas, pero a situación non melloraba.
Pasado un ano do comezo dos feitos, a situación desoladora dos habitantes da xa nomeada parroquia de Marzoa, provocou a emigración dos habitantes ata aldeas próximas, pero as persoas que viviran aquilo, xamais se esquecerían do acontecido, e a vida ali, nunca volvería a ser a mesma para eles.
Álvaro Seoane Pazos.4ºA
|
|
|
|
|
| Os burladores burlados |
|
Conta unha lenda que nun pobo do concello de Oroso, todas as fins de semana pola noite aparecía un grupo de persoas con candís prendidos na man, ían cantando cancións fúnebres e espertando a todos os veciños. Eles non sabían quen era porque ían con túnicas negras que lles chegaban aos pés.
Os veciños cando pasaban pola súa casa pechaban as portas, as contraventás e collían as súas armas.
Cando se queixaron de que non os deixaran durmir, fixeron grupos para vixiar polas noites e puxéronlles trampas a ver se picaban.
Esas persoas, cando se decataron de que lles estaban a poñer trampas, seguiron pasando por alí as fíns de semana, pero quitábanas do medio ao pasar por alí.
Os veciños seguiron facendo garda todos os días ata que conseguiron atopalos e adiviñar quen eran.
Un día, antes de que se fixera de noite, un veciño escoitou falar a dous mozos e semelloulle que as súas voces eran das persoas que pasaban tódalas noites pola súa casa e polas dos veciños; foi avisar aos outros e pola noite agacháronse no camiño.Cando chegaron esas persoas que os asustaban ao esconderixo, os veciños saíron, acurraláronas e preguntáronlles quen eran, pero como non lles respondían comezaron a berrar con eles, e estes como vían que non tiñan por onde escapar empezaron a pelexar cos veciños para así aproveitar e fuxir, pero non lles saíu ben a xogada porque ao pelexarse déronlles cuns toxos nas pernas e coas feridas non podían correr ben.
Dende ese día nunca máis se soubo desas persoas.
XOSÉ LÓPEZ BLANCO 3º C
|
|
|
|
|
| As inxustizas ou a sorte que nos ofrece a vida |
|
Corría o ano 1936 e en España acababa de comezar unha guerra impulsada por un xeneral do exército español e por un grupo nacionalista que o apoiaba a e tiña os seus mesmos ideais. Foi unha guerra longa que durou tres longos anos, e neles moita xente sufriu grandes calamidades e pasaron moitas historias como á que agora vou facer referencia.
Manuel non era máis que un rapaz que estaba a piques de cumprir os dezaoito anos e xa sabía o que lle esperaba, tería que ir ó servizo militar e de alí á guerra dunha forma forzosa igual que lle ocorrerra ao seu irmán.
Un día a iso das catro da tarde, Manuel viña de traballar coma outro día calquera e coma outro labrego máis, cando no camiño chegando á Fonte da Foca os dous gardas civís da vila achegáronse a carón del e dixéronlle:
-Manuel, sentimos moito ter que dicirche isto, pero dentro de dous días terás que presentarte na estación de Vilacide para coller o tren cara ó servizo.
Manuel un pouco desconcertado deulle as grazas por avisalo e díxolle que así sería. Ó chegar á casa contoulle á familia o ocorrido e entre algunhas bágoas e berros desconsolados da súa nai pasaron dous días, e Manuel tivo que coller ese tren que o levaría a un lugar cheo de ledicia e fusís e todo tipo de armas e de cadernos Rubio que non servían para outra cosa que non fora para desfacer familias e vidas alleas á súa.
Chegara a Teruel e, despois de varios días na fronte, o noso protagonista non aturaba máis estar loitando naquela guerra que non tiña ningún motivo racional e ademais loitar para un home que tiña unhas ideas moi distintas ás súas era algo que non aturaba como tampouco aturaba as ganas de tirar aquel fusíl co que sen querer facelo, ó mellor destrozara a vida de alguén con algún cascallo. Movido polas ansias de marchar daquel lugar e polas ganas de atoparse na casa, el máis outro dous rapaces da súa idade decidiron marchar de alí. Así que roubaron roupa civil e unha pistola para cada un. Montaron no primeiro tren que puideron con dirección a Santiago sometidos a exhaustivos controis da garda civil, conseguiron facerse coa súa e cada un ir para a súa casa. Separáronse despois dunha emotiva despedida, e cando Manuel estaba polos montes de A Barciela atopouse cos chamados Foucellas. Nun primeiro intre pretenderon atacalo, pero despois de contarlles a súa situación decidiron prestarlle axuda e dixéronlle que podía quedar con eles. El pensouno ben e contestoulles que primeiro iría á casa informar do seu estado, e despois voltaría con eles.
Marchou para a casa e polo camiño tivo que agocharse do cabo da garda civil que facía uns meses o atopara na praza e que lle dera unha das peores novas da súa vida. Chegou á casa e falou cos seus pais. Pronto marchou e cando xa levaba varias semanas cos Foucellas dérase un chivatazo e os gardas civís andaban coma tolos a buscalos, así que decidiu volver á guerra e que pasara o que Deus quixera. De novo tivo que roubar roupa e unha arma, pero esta vez tivo que ser militar e un fusil.
Como puido, chegou de novo á fronte e alí falou co oficial de garda que lle dixo que por qué estivera ausente tanto tempo;el decidiu dicirlle que se atopara no hospital pero este non o creu e por iso decidiu mandalo para a zona na que a súa vida tiña maior perigo. E non correu esa sorte, senón todo o contrario, recibiu un balazo e pasou o resto da guerra no hospital.
Por unha cousa ou por outra, Manuel viviu toda a súa vida con ese anaco de metralla no corpo ata o día da súa morte. E el sempre dixo que aquel balazo fora o mellor que lle puido ocorrer nesa maldita guerra xa que non lle afectou a ningún órgano vital, pero unha vez curada a ferida nunca máis lle molestou. Puido ser que iso o salvara dunha morte peor, e despois marchou coa súa familia á súa terra de orixe, en Sigüeiro, no arrabal onde viviu coma un labrego máis. Xunto ós veciños e toda a xente que o quería puido esquecerse daquela guerra que tanto mal lle fixera a el e a todas as persoas.
Eduardo Parcero Areán 3º C
|
|
|
|
|
| Unha historia para non contar |
|
Todo pasou un sábado pola mañá. Paco e Xosé foran pescar. A eles gustáballes poñer ganchos. Un veciño seu chamado Antón estaba enfadado porque limpaban o río. É dicir: pillaban todas as troitas. Un día, Paco e Xosé foron convidar a Antón a poñer ganchos. Antón rexeitou a oferta e mandounos á M.....A pesar de rexeitala, Antón traíase algo entre mans. Pero gardouno durante varios anos, sobre 40.Antonio e Paco xa estaban casados pero Xosé estaba solteiro. Un día Paco e o seu gran amigo Xosé foron ó concurso de pesca no concello de Oroso. O día anterior, o garda- ríos foi botar as troitas de piscifactoría para que picaran ben no día do concurso. Os ousados amigos Paco e Xosé foran na noite anterior poñer os ganchos para nada máis chegar, recollelos e gañar o concurso de pesca. Antón, que lle tiña unha gardada de facía moitos anos, díxolle á súa muller -mañá Paco e Xosé vanse cagar!-díxoo contento. Xa era domingo pero aínda non comezara o concurso. Paco e o seu colega ían cara a Sigüeiro dispostos a gañar o concurso con trampas. Antón avisou o xulgado e o xulgado o Seprona e levounos para o cárcere e tamén tiveron que pagar unha multa de máis de 3000 euros. A Antón fixérono campión do concurso por dar o chivatazo e Paco máis Xosé levaron nos fociños.Cos cartos do concurso Antón comprou un billete de avión para ir ó Xapón.
Alá no Xapón, montou unha empresa de coches de marca (FERRARI,LAMBORGHINI,MINI,BMW)
Fíxose millonario e lembrou o seu paso por SIGÜEIRO(OROSO).Pensou nos seus vellos tempos, cando metera a Paco Carreiras e a Xosé do Nabbo no cárcere. Antonio pediu o seu enderezo só para mandarlles nada máis e nada menos ca unha caña de carrete para que disfrutasen da auténtica pesca galega.Eso si! Cando saíran do cárcere!-pensou Antonio-.
CONSELLOS:(NON POÑER GANCHOS PORQUE ÉUN VICIO MOI GRANDE)
FIN
|
|
|
|
|
| A sombra dos mortos |
|
Coma calquera outra lenda que se conte e se saiba por calquera parte, contan polo meu pobo moitas lendas, as cales a un nunca o deixan de sorprender.
Miña avoa contoume unha desas nas que acabas cun medo no corpo pensando se o que acabas de oír pode ser certo ou simplemente unha mentira máis das que contan os vellos para pasar o tempo.
Contoume que hai un mal que se chama o mal da “sombra dos mortos”. Este mal dáse cando unha persoa xove, con menos de cinco ou seis anos, recibe a sombra dun morto ou do cadaleito no que é levado. Todas aquelas persoas que chegasen a recibir a sombra de calquera destes dous casos, recibirá o mal da sombra. Esa persoa empezará a sentir os síntomas inmediatamente, que poden ser o desacougo, a impotencia de dar durmido, mexarse por encima,…
O único remedio que se coñece é o de que alguén vaia por terra de onde o morto que lle deu a sombra está enterrado, e poñerlle esa terra no pescozo á persoa que sofre a sombra, tendo que levala sen podela sacar durante unha semana. Cando ese tempo teña pasado, esa terra ten que voltar ao lugar de onde se colleu. Pero isto non pòde facerse de calquera maneira, xa que a persoa que vaia pola terra ten que ir ás doce do mediodía ou da noite. Ademais, en todo o camiño que separa o lugar de onde é ata o cemiterio non pode falar absolutamente nada de nada con ninguén. Se esto non é asi de nada serve xa todo o demais. Se todo se fai correctamente, os síntomas deberían pasar a partir de aquí.
Pode parecer unha tontería esta lenda, pero dín que no meu pobo unha rapaza que aínda estaba na barriga de súa nai, naceu morta logo de que a súa nai fose a un enterro e recibise a sombra do cadaleito.Tamen unha muller da miña familia relatoume que ela estivera baixo os efectos que acabo de contar, e que a súa propia nai tivera que ir pola terra que lle sacou aquel mal.
Unha muller,a cal miña avoa coñeceu, tivo un fillo, o cal tivo este mal, e a mulleriña sentindo que a morte lle levaba o fillo decidiu facer o que todas as persoas lle aconsellaran, pero esqueceu o máis importante, que era o de non falar con ninguén, e ela falara cun veciño que atopou ás portas do cemiterio, e como xa contei, a partires de aí todo o resto pr moi ben que o fixo, de nada serviu, e o pobre rapaz morreu ós poucos días.
Esta lenda, coma calquera outra, é das que calquera persoa pode crer, ou dar por unha troula; pero que ás veces, logo de oílas sempre tentamos previlas, máis ca nada porque aínda que sexan certas ou non,, calquera queda máis tranquilo sabendo que estás fora de recibi-lo mal …..DA SOMBRA DOS MORTOS.
Christian Blanco Mosquera 4.A
|
|
|
|
|
| Historia real: O tesouro do castro de Recouso |
|
Esta historia é real e aconteceu en Marzoa, para ser exactos en Recouso, nun lugar que máis tarde se pasaría a chamar O Castro de Recouso.
Arredor do 1920, Xosé Sánchez Costa, o meu bisavó, atopábase arando a terra xunto co seu tío na leira do seu señor (persoa para a que traballaba.). De súpeto percatouse de que algo se enganchara no arado, achegáronse a ver que era e decatáronse de que era un colar de ouro e prata, tiñan oído falar moitas veces sobre os tesouros que se atopaban nos castros así que supuxeron que serían restos castrexos. Cando se deron conta do valor que podía ter ese tesouro, avisaron ó seu amo e este ordenou a todos os labregos que traballaban para el (unhas 5 familias) que buscasen no terreo a ver se atopaban máis xoias. Despois dun tempo acharon colares, pendentes de prata e ouro, lingotes de prata e restos de vaixelas, en total había uns 50 kilos de recadación. O amo quedouse con todo o achado e de aquela non se soubo o que fixo con el.
Actualmente, parte destes restos atópanse expostos no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, onde se comprobou que, efectivamente, pertencían a época dos castros e dise que os restos foron cedidos por Felipe Ramón Cordero.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|