Papiros de Hermaco


Papeis de opinión sobre a vida cotiá

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

No borde do cantil de Ons
Choia piquivermella. Foto Hermaco
Alí estiven, pendurado do cantil do Burato do Inferno en Ons.

Cheguei no medio da néboa ata o mesmo borde do cantil, case que tiven que apalpar onde remataba a rocha e onde comezaba o abismo.

Abaixo a ondaxe do mar de fondo batía implacable nunha irresistible chamada constante, como cantos de serea, aos que tiven que facer oídos xordos, enchendo a cóclea doutros sons.

O sol axudou, saíndo tímidamente entre a bruma, e pouco a pouco foise enchendo todo de sons. O bater do mar, que era un ruído enxordecedor, converteuse nun runrun constante, acompasado e inofensivo. A cada pouco, escoitábase o laio da choia piquivermella tras o coro contínuo de gargalladas das gaivotas patiamarelas que se rían da mueca dos corvos mariños a secar entre a escuma. Entre mentres, o aire era cortado polo nervoso aleteo, entre chíos entrecortados, dos cirrios reais. O vento mareiro acariñaba as flores da herba namoreira soando como milleiros de pequenos axouxeres.

E abaixo, as toniñas destacaban co seu silencio, co ritmo do silencio, a penas interrumpido pola breve bafarada do seu alento, imaxinado polo inaudíble a tal distancia.

Un cadro sonoro que só puido ser ese día no borde do cantil de Ons.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-07-2007 01:01
# Ligazón permanente a este artigo
Liderazgo mesiánico
http://news.bbc.co.uk/1/hi/world/americas/2160446.stm
Combatibidade e liderazgo xerárquico soen ser comportamentos unidos, tanto en diversas comunidades animais como humanas.

A xerarquía baseada na obediencia cega inducida (mesianismo) é farto perigosa porque ten levado a moitos colectivos ata a autodestrucción.

A lenda do monte Medulio é un exemplo da resisteza ata a extenuación e suicídio dos antigos galegos, recluídos nun enclave sagrado e cercados polas tropas do imperio, unha morte digna e exemplificante dos espíritus libres que non saben vivir axionllados.

O liderazgo mesiánco pode translucirse en moitos conflictos e xerarquías político-relixiosas e mesmo no motor da monstrosidade fascista e outras.

Podería tamén ter sentido nos varamentos masivos de cetáceos onde todo o colectivo segue ao líder ata autoinmolación, ainda conscientes do seu destino.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2007 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
Entropía e fantasía
O ser humano é o único habitante da biosfera que é capaz de imaxinar que a entropia do universo non aumente, por iso é quen de crear na súa mente mortos que se levanten da terra, seres que andan ou voan un metro por enriba do chan, a máquina do tempo para voltar ao pasado ou todas as ideas oníricas que se nos ocurran pechando os ollos.

Pero cando os abrimos, hai unha cousa só certa: as leis da termodinámica que din que a materia non se crea nin se destrúe, só se transforma, e que a entropia do universo aumenta, sempre aumenta.

Polo tanto, universo é asimétrico, tende cara a unha soa dirección, se non fora así, por qué non se conxela o xeado logo de derretérsenos nas mans?.

O segundo principio da termodinámica, indica que a disponibilidade de enerxía implicada nun proceso sempre decrece, é o que define un proceso direccional que nós chamamos tempo. Non podemos parar o tempo porque non podemos contradicir este segundo principio da termodinámica.

Eis a contradición do amor e a súa necesidade de parar o tempo. Se é irracional e pretende contradicir as leis da termodinámica, acaso será un sentemento extraterrestre?
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-07-2007 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
Baleas e capitalismo
Vivimos nun espellismo que nos atrapa, do cal pensamos as veces que podemos sair,... pero podemos realmente sair?.

A sustentabilidade no ámbito capitalista é unha contadicción xa que por definición o capitalismo non pode soportar unha economía sustentable.

Exercicio: se un recurso explotado ata o límite (as baleas) aporta un 15% de beneficio en dez anos pero ten como consecuencia a extinción do mesmo, e se ese mesmo recurso explotado dentro dos límites sustentables aporta só un 5% de beneficio, naturalmente o capitalismo extinguirá o recurso en dez anos e despois adicará o seu esforzo a extinguir outro recurso que eleve os seus beneficios no menor tempo posible.

En definitiva, as baleas están condenadas á extinción porque o capitalismo xaponés ou noruegués non renuncian aos seus rápidos beneficios ao menor custe.

Este xeito de actuar non é irracional, dende o punto de vista capitalista de mercado, mais, é absolutamente irracional dende o punto de vista ecolóxico xa que a taxa de reprodución das baleas non conta nos parámetros dos intereses económicos domercado capitalista, e xa nin falemos doutras cuestións éticas.

Para saber máis sobre este tema:
Meadows, D.H. e Meadows D.L. Más allá de los límites del crecimiento

Fernández Buey, F. e Riechmann, J. Ni tribunos, Siglo XXI Ed. 1996
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2007 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Corrubedo en día claro
Fun a Corrubedo, non o tiña previsto pero caín alí.

Había moito tempo que non ía e vin bastantes cambios, tan só coa ausencia do piñeiral, chegando ao Vilar, devorado polo lume da incomprensión humana, é cambio de máis.

Neste verán pouco claro, pola ausencia de calor, parece que algunhas cousas aclarean. É por iso que entre estas nubes e ventos que nos rodean nesta confusión, entre as baixas a altas (presións), neste tempo de travesía, a atmósfera está clara, limpa polo orballo que cae na noite e relimpa polo vento de timidamente sopla do norte, e así a atmosfera permite ver máis alá do que normalmente no verán.

Cheguei a Corrubedo e dende case 2000 metros de distancia xa vin o corpo inerte, máis ben podre, que aldraxaba a bandeira azul concedida por nonseique institución. Pero Corrubedo é como ten así, incluso a estampa da balea morta forma parte da súa agreste paisaxe.

Acaso sabemos que agocha a duna?, por que lle chaman duna móbil se nunca se move do sitio?. Diréivolo, ..., a duna agocha o corpo inerte dun xigantesco cachalote, a meirande nai de cachalotes que había no océano e que viu varar á esta costa farta de tanta tristura.

Aquí, entre as areas absorve o amor que se filtra. O de todas as persoas que pasean e que se torran ao sol, pero aínda non lle é suficiente para recuperar o ánimo para sair da duna.

Así a todo, que claro estaba o día, que transparente o mar, pero que triste comprobar unha vez máis que a vida acaba, ata para o titán máis mariñeiro.

Corrubedo, alfa e omega que se resume tan só nun grao de area que sumado a outros moitos fan unha xigantesca duna móbil, visible mesmo nun día claro.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2007 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
NUNCAMAISIÑA
Unha nova petición traeme a memoria vivencias cos lobos mariños. O xoves día 2 de xaneiro de 2003, aproximadamente as 13 horas, foi detectada unha foca petroleada na praia de Arnela, Muxía. O exemplar foi recollido sobre as 15 horas por un equipo da Sociedad Española de Ornitoloxía (SEO) e transladado á base de protección civil de Muxía polos propios membros da agrupación.

Inmediatamente o equipo de CEMMA máis cercano, que se dirixía a Fisterra a recoller unha tartaruga mariña petroleada, se desprazou a recoller o exemplar. Nun primeiro momento pensouse en limpala in situ pero a gravidade do caso non permitía a perda nin dun só minuto. A unidade móbil da CEMMA saíu de Gondomar simultáneamente que o equipo desplazado á zona recollía o exemplar no seu propio vehículo realizando unha primeira exploración, refrescando e transvasando a foca para a Unimóbil na gasolineira de Negreira ás 18 horas. As 19 horas ingresaba na Unidade de Cuidados Intensivos provisional instalada no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.

O exemplar tratábase dunha femia xuvenil de lobo mariño cincento(Halichoerus grypus) duns tres meses de idade, posiblemente procedente das colonias irlandesas ou inglesas. O grao de petroleamento era total (100% da superficie corporal), parecía o trapo dun taller de coches.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
NUNCAMAISIÑA 2

Unha vez limpada exteriormente e proporcionadas as medidas preventivas para o dixestivo, pasou unha noite tanquila, continuando pola mañá coa alimentación. Nos días seguintes a foca foi evolucionando positivamente e aceptando paulatinamente o alimento. No quinto día apreciouse falta de interese pola comida polo que houbo que volver á alimentación forzada, nos días posteriores foi perdendo interese e morreu o sábado día 11.

Procedeuse a necropsia observando unha forte patoloxía pulmonar que non deu remitido coa antibioterapia, esta patoloxía viuse complicada coa presencia masiva de parasitos pulmonares que ocluían en grande medida a luz bronquial e parcialmente a traqueal. Presentaba tamén unha forte parasitación nas vías respiratorias superiores. Comprobouse que o sistema dixestivo funcionaba perfectamente non detectándose lesións a causa de inxestión de hidrocarburo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
Reflexións sobre a cultura animal
Veño de comezar a ler un libro que levaba tempo enriba da mesa, mentres remataba Bueno para comer de Marvin Harris. O libro é El simio y el aprendiz de sushi de Frans de Waal, un autor que merece a pena ler e reler polo espello que nos pon diante coas súas descripcións primatolóxicas da vida dos nosos irmáns primates.

Nunha sinxela descrición de cultura como: a transmisión non xenética de conductas, o autor reflicte todo aquelo que as sociedades animais son capaces de tansmitir e que nós (human@s) somos incapaces de asumir: que os animais tamén teñen a súa cultura particular.

Coido que falarei moito deste libro.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
Os acibros do corazón vivo

Unha historia, destas filosóficas, conta de cómo un leñador, despois dun ano de que ardera a súa máis prezada árbore, pensou en talala, pero considerando que aínda non estaría morta, agardou un ano. Ao ano seguinte volveu á árbore e pensou en talala ao ver que non agromara, pero considerou que aínda podía estar viva e decidiu agardar un ano maís. Ao terceiro ano viu que non agromara, e, xa coa machada en alto para cortala, decidiu deterse e agardar un ano máis.

Ao cuarto ano viu que non agromara e cortouna, comprobando que o seu corazón estaba verde. Se agardara un ano máis, pensou con bágoas nos ollos.

Hai dous anos plantei sementes de acibro (Ilex aquifolium). Xa sabía que esta especie ten un retardo natural que fai que non nazan o primeiro ano, e así foi, na primavera non naceu ningunha. Cada pouco ía mirar nas bandexas e nin un triste agromo. Por iso me esquecín totalmente das bandexas, sobre as cales medraron toda caste de ervas. Durante o pasado verán morreume toda a produción vexetal que sementara na primavera, total por irme unha semana de vacacións en agosto e non telas regado nese tempo, deste xeito esqucin as sementes de acibro, pensanqo que tamén morreran deshidratadas. Pola contra as bandexas ficaron abandoadas á súa sorte e sen desmontar.

Hai uns días observei con curiosidade unhas plantiñas que acababan de nacer, verdes, fortes e vigorosas. A verdade é que non sabía o que eran porque deron esas dúas primeiras follas dos coiledóns da semente, que nunca se parecen á verdadeira planta.

Decidín deixalas para ver que eran, seguro que algo bo. Agora xa teñen catro follas, as dúas de nacemento e outras dúas por enriba nas que xa apuntan as espiñas do borde.

Entón lembrei o conto do leñador e de cómo hai que agardar sempre un pouco máis por se o corazón da árbore aínda segue vivo.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-07-2007 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiros pasos na recuperación da fauna mariña salvaxe
Logo dos acontecementos de AZUl no ano 1997 aconteceron outros non menos dramáticos, polo triste final dos exemplares. O caso do golfiño LOURIDA, no ano 1998, foi o punto de inflexión no que os equipos da CEMMA deron o paso adiante irrenunciable de pasar a acción na recuperación de fauna mariña salvaxe.

Deste xeito no ano 1999 incorpórase un equipo veterinario dirixido por Josep Mª Alonso que puxo a punto os protocolos de actuación. O cabalo de batalla foron as instalacións, polo que ao mesmo tempo que se reclamaba un Centro de Recuperación específico á Xunta, preparáronse unhas instalacións mínimas con institucións que se prestaron a colaborar: Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, Acquarium do Grove e SGHN, deste xeito houbo un espazo no que tratar a estas especies.

No inverno de 1999 foron recollidas dúas focas, aínda con vida, que morreron nos primeiros momentos de ingresar na Unidade de Coidados Intensivos (nen sequera deu tempo a poñerlles nomes), a terceira foi ULISES, recollida en Cariño. Mirade na foto como chegou e como se puxo nun par de meses, era un zepelin!. ULISES foi liberada en Cariño e detrás viñeron outras moitas, conseguindo ata o de agora un éxito de máis do 50% das focas recollidas para recuperación e máis do 70% das tartarugas mariñas. Os cetáceos son unha tarefa pendente, de momento ningún deles sobreviviu na UCI máis de oito días, pero seguiremos intentándoo.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-07-2007 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal