Papiros de Hermaco


Papeis de opinión sobre a vida cotiá

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

As lamas que nos sobardan
Unha boa reflexión que recollo dun artigo de prensa dixital.

Nestes últimos días almorzamos pendentes das novas do telexornal procedentes da localidade húngara de Devecser, a causa do vertido tóxico da industria do aluminio MAL Zrt. O balance de sete persoas mortas, 120 afectadas e centos de desprazados semellan unhas fatídicas e frías cifras nunha estatística de volumes e capacidades das represas de lamas tóxicas do mundo. Por citar casos recentes, podemos lembrar a rotura da represa da mina de pirita de Aznalcóllar en Sevilla, o 25 de abril de 1998, co vertido de 4,5 Hm3 de residuos e lamas tóxicas, que afectou aos ríos Agrio e Guadimar ao longo de 50 km, polo menos. Ou os casos máis próximos, os dos incendios industriais que provocaron vertidos aos ríos Umia e Lagares, da Brenntag Química S.A. en Caldas de Reis o 1 de setembro de 2006, ou da Quimizor en setembro de 2008 en Vigo, respectivamente.

Sobre a mesa ofrécesenos sempre a dualidade de optar polos postos de traballo a que dá lugar a instalación industrial ou a degradación ambiental que provoca, mais este debate está normalmente pervertido ocultando algunha carta sempre na manga. Nunca se consulta á poboación a respecto da planificación da contorna na que desexa vivir, senón que hai uns deseñadores externos, en conivencia cos poderes económicos e as presións fácticas, que impulsan os proxectos industriais nunha determinada ordenación do territorio, que achegan un aparente benestar económico local ou individual, sen facer mención á plusvalía que xerará, verdadeiro obxectivo empresarial que normalmente non repercute no noso país, nin ao impacto ambiental que poderá causar.

Lamas tóxicas en Galiza

Alcoa, a antiga Alúmina aluminio, é unha empresa de características semellantes á húngara, aínda que argumenta cumprir a normativa e dispoñer de dispositivos e mecanismos de detoxificación, mais non se pode esquecer que dende o ano 1979 leva en litixio coa veciñanza, xa que as súas emisións de fluor, mesmo nos parámetros legais, afectan a máis de tres quilómetros de radio da fábrica, queimando vexetais, matando animais e afectando ás persoas.

Mentres, a pesar de contar cun servizo público de saúde, alguén decide que non resulta conveniente, ou rendíbel, unha análise epidemiolóxica da poboación circundante. Tampouco resulta axeitado facela na Ría de Pontevedra, non vaia ser que se descubran os efectos na saúde das emisións de Ence, ou entre os participantes e afectados polo chapapote que chegou ás nosas costas no ano 2002.

Lembremos que só a mobilización social foi quen de parar a central nuclear de Xove prevista para abastecer de enerxía á industria do aluminio, porén a sociedade galega sofre pacientemente as emisións de carbono e a instalación e a confrontación pola instalación de aeroxeneradores para compensar o sumidoiro enerxético que supón esta industria.

Volvendo ao principio, habería que reflexionar se non nos estamos afundindo nas lamas noxentas do capitalismo neoliberal cando asentimos á instalación de industrias altamente contaminantes a cambio duns cantos postos de traballo e dun consumo local aparente, cando ese mesmo sistema provoca unha degradación ambiental sen precedentes, de consecuencias imprevisíbeis e, ao mesmo tempo, un colapso económico no que nos vemos inmersos e asfixiados, pois moitas veces estas instalacións degradan a riqueza propia do noso país e destrúen recursos que xerarían postos de traballo e beneficios económicos.

Eis un bo exemplo de insostibilidade social e ambiental. O caso é ter bo tacto para tratar de detectar o momento no que a lama nos chegue ao queixo, daquela, ao mellor é demasiado tarde pois a súa densidade lamacenta non nos deixará mover os brazos para nos defender.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-10-2010 08:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal