Papiros de Hermaco


Papeis de opinión sobre a vida cotiá

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Selo violeta
Acuática agasállame co Selo de Cor Violeta. Cousa que me agrada profundamente e posiblemente sexa un dos agasallos máis fermosos recibidos nunca.

O Selo Violeta dis que representa as sensacións que a cor trae na nosa mente, e dáselle o premio é dado aos blogs que teñen alguhas das seguintes: maxia, encantamento, magnetismo...

Como haique cumprir os requisitos para estar envoltos nesta mensaxe fago mención ás regras para aceptar o Selo Violeta:

- Exhibirei o Selo Violeta no blog xunto coas regras.
- Indicarei cantos blogs considero que merecen este selo.
- Avisárllelo aos indicados, non hai que esquecerse diso!
- Escribirei dous poderes máxicos que imaxino ter.

Así que declaro que para min son Blogues Violeta, entre outros:

Acuática xa non o poño porque del o recibo, grazas Ac.

Doc Seymour, sen dúbida.

Solpores de cinsa.

Conxurada

Reineta

Chousa

Canto aos poderes máxicos que imaxinei ter, declaro:
1) O poder máxico da alerta contínua, que me confire un talismán que unha vella moribunda me deixou deitado na área dunha afastada praia.

2) O poder máxico da comprensión do mundo que me confiriu un húmido brión na fraga do Miñor e que se traduce na propia observación da contorna, e que os romanos describiron como observación dos paxaros por parte dos vellos callaicoi e grobios.

Aí queda.
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2009 13:11
# Ligazón permanente a este artigo
P2P na rede
Unha nova tentativa de paso atrás é a pretensión do parlamento francés de limitar o acceso a internet de quen se adica a compartir por igual con outro (P2P) e supere as tres advertencias de roubo, máis ou menos. Afortunadamente non foi adiante.

Ben sei que estes sistemas poden ser utilizados para descargar moitos programas e arquivos, actividades que poden ser incompatibles coa reserva dos dereitos de autor, mais todo isto abre un debate ao que non podemos permanecer alleos.

A liberdade debe ter ou non límites?.
Somos quen de ceder liberdades individuais para conseguir maiores liberdades colectivas?.
O coñecemento fainos libres?.
Compartir información contribúe á democratización social a rede?
Cuestionase o beneficio económico nesta transacción?.
Atenta aos alicerces do capitalismo a internet?.

Interesantes reflexións a respecto dunha ferramenta máis. En todo caso grazas a aqueles/as que nos deixades pendurados na rede as vosas criacións no medio desta batalla por controloalo todo.

Imaxe gráfica de autor ruso: rust2d.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2009 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
A involución permanente
Os acontecementos que vivimos son dunha evidente involución, non se pode falar de contrarrevolución porque dende 1936 non houbo acontecemento algún que semellara tal.

O desenvolvemento da historia non é lineal, senón que vai por ondas ou mesmo é semi circular. Nun senso realista podemos definir a historia recente do noso país como unha situación de involución permanente onde o estremo da liña xira case 360º para voltar ao inicio. O sistema é quen de abrir un pouco a man para darnos folgos, máis ben falsas esperanzas, e logo pechar de novo cruelmente a man esborrando milleiros de ilusións.

Así pasou na década dos 30 pechada nunha presada de inmoral ditadura, na década dos 70 pechada cunha monarquía parlamentaria formal, na década dos 80 pechada cunha autonomía castrada e na década dos 2000 pechada cun novo goberno conservador.

Mais este peche involutivo que apreciamos recentemente non se limita só a aunha cuestión gubernamental de quítate ti para poñerme eu, senón que está a dar uns pasos do máis vil rancor que nos lembra a outras etapas da historia.

Esta a acontecer un asunto relacionado co xuízo do Prestige, que está a pasar case desapercibido, ou interesa que sexa así, onde quedarán impunes os máis desastrosos persoeiros responsables daquela situación, e non pasa nada... tamén estamos a presenciar pasmados o xuízo do accidente do Yak 42 que vai polo mesmo camiño.

Agora ninguén é quen de xuntar xa a centos de miles nas rúas para declarar NUNCA MAIS. Unha clara involución.

Ilustro co estupor de DAUNHAUS
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2009 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
Voando sobre Castela
A velocidade de cruceiro achegábase aos 900 Km/h, case aproximándose a Mach 1, a altura de cruceiro en voo estable de case 5000 metros. Abaixo, un mar de nubes ondadas chega ata o horizonte.

O descenso é paulatino e as ondas fanse maiores, o que antes eran simples pregues dunha alfombra agora son cómaros perfilados. No acusado descenso as ondas transfórmanse en montañas. Ao entrar en contacto coas finas gotas de vapor reboto como se aterrara nun sólido.

Pouco a pouco afúndome no mar de nubes como cravo ardendo na manteiga.

Todo se transforma opaco, non hai máis alá do inmediato. O albor do día fai que os raios vermellos atravesen as gotas e me introduzan nunha nube de cotón de sucre de feira. Ao pouco, deixo esa primeira capa de nubes e sigo baixando. Abaixo, centos de pequenos retallos brancos agallopan lixeiros cara a montaña, alí a grea de retallos constrúen unha cúpula que agacha a neve dos cumes. Luces e sombras altérnanse rápidas sobre os fríos campos de Castela.

As mornas luces de Barajas aprécianse na distancia, apagadas pola claridade do día. Ao chegar un breve, mais duro día de traballo na distancia, non da nin tempo a botar de menos a Terra.

O billete sáeme barato con tanto disfrute, o asento non me da para estirar os brazos e practicar as leccións de voo, sen meterlle ao das rastas do lado un dedo no narís. Para a vindeira ocasión mercarei toda a fila e levarei Equinoxe para o fondo ambiental.


Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2009 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
Confío nos 270 mil
(Primeiro ir abaixo e activar o Grándola, mentres se lee o resto).
Logo das primeiras sensacións de frustración podo dicir que confio.

Confio en todas esas persoas que estivemos en Compostela despois do Prestige, e noutros centos máis de puntos de xuntanza reivindicativos.

Confío en que sigan co seu alento de ánimo para poder recuperar algún día, mais cedo que tarde, a ilusión de poder ir do Courel a Compostela por terra liberada, que diria Novoneyra, tamén en Grandola. Mentres, agardo que poidamos manter os folgos para traspasar unha nova xeira de deserto. Hoxe si preciso os nosos mitos nacionais, hoxe si preciso un himno e unha bandeira, hoxe preciso dunha terapia de inmersión de masas, ideoloxicamente coincidentes, para non disolverme nunha onda traidora e difusa.

A pesares de todo, o pobo é quen máis ordena. E pobo somos tod@s.


Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-03-2009 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chega unha primavera
O primeiro granado foi plantado por Afrodita, a deusa grega do amor e da beleza, mais, o infernal Hades, ofreceulle o seu froito a Perséfone para seducila con enganos e atraela cara o escuro.

Énchenos o hiperrealismo de Atsushi suwa.

Perséfone, nesa viaxe, viu desaparecer todo aquilo que amaba: as flores, o verdor, as gotas de rocío...

Mais, puido ser rescatada por Deméter, ao menos durante medio ano, por iso, cando Perséfone deixa a Hades por un tempo chega a primavera.

E a primavera anúnciase pola chegada, do profundo, desta perséfone tan agardada. Quedará moito máis de medio ano e, daquela, sempre perdurará a súa primavera aínda que marchen as anduriñas.

Máis Manu Chao
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-02-2009 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Xa chega a meniña
Esta a piques de chegar.
...........
Seguro que está tranquila e ben no seu seo, mais, o tempo non se detén e dun intre ou outro estará aquí.

Agardamos con desexo e ilusión a súa estancia entre nós.

Ven dun mundo interior, do seu, que de momento non é máis ca un soño difuso, aínda que seguro que algo xa non lle resulta alleo, ao menos os sons e a luz, e todo, ao mesmo tempo, resultaralle novo, um trauma polo que tod@s tivemos que pasar.

Lembro os primeiros momentos do noso pequeno, e, agora é tan grande...a piques de aprender a voar... como pasa o tempo!!!.

Se se retrasa a meniña, agardo que non sexa porque xa apreciou como está o planeta.

Ánimo Carmiña –a mamai- que xa queda menos.

Esta a piques de chegar e xa che dou a benvida por adiantado corazón. Debezo por ver como és.

Fantástico Tomas Rucker
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-02-2009 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
Conservacionismos versus conservadurismo, argumento circular
No contexto político, denomínase conservadurismo, ou ser conservador, a aquelas opinións e posicionamentos favorables ao mantenemento das tradicións e ao establecido, adversos aos cambios bruscos ou radicais, xeralmente identifícanse co espectro político da centro-dereita.

Mentres que a acepción de conservacionismo é a tendencia á conservación ou mantenemento de algo.

Este último termo é usado habitualmente en relación a aquelas persoas ou colectivos que traballan e impulsan o mentenemento do medio ambiente no seu estado natural, e, na medida do posible sen intervencionismo das activdiades humana, cousa por outro lado imposible. Tamén atribúese a aquelas pesroas que traballan no mantenemento das especies ameazadas.

Amólame a semellanza de ambos conceptos, pois ao día de hoxe os posicionamentos conservacionistas estanse a converter case en conceptos revolucionarios, tal é a tendencia destructiva do desenvolvemento das sociedades humanas. Mesmo o conservadurismo de antes, que puña todo tipo de obxeccións aos avances técnicos, agora está instalado neles, opoñéndose agresivamente a ser desisntalado desa posición.

A incorporacións dos avances aos sistemas convérteos no establecido, a partir de aí o conservadurismo deféndeos a capa e espada. Mais hai outra novidade, o centro-esquerda aséntase tamén no seu propio conservadurismo que cada vez diferenciase menos daquel do outro lado do espectro político.

E para rizar máis o rizo, o problema é cando ese conservadurismo aséntase no cerne do conservacionismo, entón chégase a un cacao tal no que un xa non entende nada e case é mellor botalo todo pola borda e volver a empezar. Mentres tanto o tempo pasa e os impactos humanos acrecentan a destrución, é dicir, nada cambia e as forzas son cada vez menos.




Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2009 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Xente pútrida
Hai xente que vive do que obtén furgando nas súas propias feridas, alimentándose da carroña podre que elas mesmas segregan polos abcesos supurantes das súas galadas. Trábanse as súas línguas emponzoñadas e envelénanse cós seus propios zumes, entón encarráxanse aínda máis revolvéndose irritadas nas súas propias bostas.

Hai xente que pretende luxar aos demais coas súas dedas infectadas ao térselle clavado o mesmo borde das súas propias uñas na purulenta e macerada graxa mol que arrodea, que non une, aos enferruxados, quebradizos e ankilosados osos que as sustentan.

Hai xente que anda coma un espectro comendo o bafo que alguén deixa ao paso, e con iso pensa que lle come a vida, tal que parasito ancorado na epiderme.

Hai xente noxenta que non é quen de ter a tranquilidade de durmir e, a pesar diso, esperta pola mañá maquinando como foder aos demais, e así consideran que alimentan satisfactoriamente o seu anceio cada dia.

Hai xente que seguro non mereceria nin chamarse irmán, entre os seres dunha mesma camada.

Hai xente á que poría á porta da caverna, e logo pecharía por dentro, para que se vira, a si mesma, desprezada ata polo lobo mais famento, por mor de non coller algo ao fincarlle o dente.

Hai xente así e que non merece mais mención.

E logo estades os demais, cos que estou disposto a compartir o resto da vida nesta aldea global e da eternidade, se acaso a houber.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-01-2009 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Fractais e guilloché
Un fractal é un obxecto semi xeométrico que a súa estrutura básica, fragmentada ou irregular, repítese a diferentes escalas. O térmo foi proposto polo matemático Benoît Mandelbrot en 1975 e deriva do Latín fractus, que significa fracturado. Moitas estruturas naturais son de tipo fractal e posible moitas mentes tamén. Quizais a miña mesma mente.

A un obxecto xeométrico fractal atribúenselle as seguintes características:

Demasiado irregular para ser descrito en térmos xeométricos tradicionais.

Posúe detalle a calquer escala de observación.

É autosimilar (exacta, aproximada o estatísticamente).

A súa dimensión de Hausdorff-Besicovitch é estritamente maior que a súa dimensión topolóxica.

Defínese mediante un simple algoritmo recursivo.

Da igual...., collede o brecol dese tipo romanescu e iso é un fractal. Así que os fractais tamén se comen.

Esta técnica foi usada como medida de seguridade para evitar falsificacións nos billetes. Tedes os petos cheos de fractais e nin vos decatades.

A miña irmá tiña un xoguetiño con varias rodiñas que xiraban dentro dun círculo e eran accionadas cun lápis, se as movías rápido xerabas patróns de guilloquis, ou guilloché, ilustracións fractais cunha técnica empregada para xerar patróns lineares moi precisos de alta complexidade.

A min parecíame alucinante como dunha simple liña saía cousa tan fermosa, podías poñer lápis de cores e o efecto multiplicábase. Agora podedes participar desa sensación.Para poder disfrutar un pouco e relaxarte podes probar a facer os teus propios guilloquis, deixovos o meu ao carón.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-01-2009 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [19]
© by Abertal