Caladiños


A Historia desde o presente
Don Aurelio, Cuntis

 FOTOBLOGOTECA
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

FRANCO HA MUERTO
Mañá hai 33 anos que morreu o Ditador que dominou o país case 40 anos. Morreu na cama e hoxe moitas das súas vítimas aínda seguen 'desaparecidas', soterradas en fosas comúns, sen que o Estado 'democrático' actúe como tal e as recoñeza e enterre como se merecen: con todos os honores. Mentres, os verdugos cambiaron de réxime como quen cambia de chaqueta. Algún pasou de ministro da España Una a presidir unha das autonomías nas que se partiu España e hoxe é un respectado senador, un 'padre de la patria', manda c...

No ano 2003 decidimos recordar os 25 anos da Constitución. A min ocorréuseme unha actividade consistente en que os profes lembráramos por escrito como vivimos a morte do tirano e os primeiros anos da Transición. O alumnado debería descubrir de quen era cada escrito. Abaixo tedes o que eu escribín, que é o que eu recordo, non o que realmente eu vivín.


PERO... ONDE ESTABA TODA ESA XENTE?


A mañá do 20 de novembro de 1975 os internos dos Salesianos estabamos nos lavabos cando entrou o frade de garda coa noticia: ‘el generalísimo ha fallecido esta madrugada, podeis iros para casa una semana’. Algúns comezamos a berrar e dar chimpos de alegría. Eu rematei no chan da labazada que me deu o misericordioso irmán. Non, non tiñamos ningún tipo de conciencia política, simplemente deveciamos por ir para a nosa casa e abandonar o asfixiante ambiente do internado. Iso foi para min a morte, na cama, do Ditador: unha semana de vacacións ben merecía unhas cantas labazadas.

Impresionoume moito o enterro de Franco, con aquela multitude agardando no seu velorio, os brazos en alto (que significaría ese xesto?), as bágoas dos reis, o Val dos Caídos... Amargoume as vacacións. Vendo a única televisión parecía que se acababa o Mundo, que España xamais volvería a ser Una, Grande y Libre, que estabamos perdidos sen o noso guía.

Non foi así, de repente todo pareceu coller vida: infinidade de carteis, mitins de non sei cantos partidos: centristas, socialistas, comunistas, galeguistas... Pero onde estaba toda esa xente? E os que durante o enterro de Franco amosaban un profundo pesar agora renegaban del ou esquecíano: Franco non existiu, había que ser europeos modernos.

Pero non pensedes que un raparigo coma min estaba interesado pola política. Non, o que máis me atraeu deses anos foi o destape. Pasar con disimulo diante do quiosco e botarlle unha ollada ás fotos de Nadiuska, Susana Estrada ou a Cantudo, soñar con poder entrar a ver unha película S. En fin, niso creo que non cambiamos moito, aínda que hoxe calquera programa infantil é moitísimo máis atrevido.

Abandonei o internado, grazas a Deus! e funme ao Instituto preto da miña casa. Creo que foi o primeiro curso no que nenos e nenas compartían as aulas. Foi unha sensación contraditoria, por un lado encantábame estar coas rapazas pero por outro púñanme un pánico tremendo. Así que os mozos faciamos grupo de machos aparte, falando de fútbol e mulleres pero tremendo ante a posibilidade de achegarnos á rapaza que nos gustaba. Nisto tense cambiado?

Tamén lembro a miña primeira folga. Durou aproximadamente 5 minutos. Ían expulsar a unha compañeira e o grupo de 1º de BUP pensou que era inxusto e había que actuar (algo aprenderamos dos novos tempos), así que decidimos non entrar na clase despois do recreo. Estabamos nun curruncho do patio, agochados uns detrás dos outros, con moito medo. Vimos baixar polas escaleiras ao Shérif e aínda nos apertamos máis contra a parede. Dixo: ‘o entran a clases o salen del recinto del Instituto’. Só un saíu, a maioría correu escaleiras arriba e uns cantos demorámonos uns segundos para convencer ao colega de que tamén entrase. Para min esa folga é como a Transición, pensabamos que podiamos loitar contra calquera inxustiza, que o futuro ía ser esplendoroso e... entramos na OTAN, hoxe invadimos Iraq... Non pasa nada ya es primavera en el Corte Inglés!

Comentarios (15) - Categoría: Noticias con Historia - Publicado o 19-11-2008 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A IGREXA FRANQUISTA EN DÚAS PELÍCULAS
En pouco tempo téñense estreado dúas películas sobre a represión salvaxe dos vencedores na Guerra Civil e a complicidade indigna da Igrexa Católica na mesma. A primeira delas foi Los Girasoles Ciegos, de José Luis Cuerda, ambientada no Ourense da postguerra. Baseada en dous relatos do libro homónimo de Alberto Méndez, do que teño excelentes referencias, conta a historia dunha familia na que o pai vive agochado, coma un topo, na súa mesma casa, e a fuga da filla embarazada co seu noivo, tamén perseguido polas hordas franquistas. Sobre esta crúa realidade vai actuar un cura novo, acabado de chegado da fronte, que se namora e acosa a nai, desencadeando o desolador final.

A película non me gustou, a pesar de que o guión está asinado por dous grandes do cine español: o propio Cuerda e o gran Azcona (a súa obra póstuma). O relato da filla embarazada que foxe a Portugal semella un engadido alleo a trama central da familia, rodado cunha frialdade impropia dos feitos que conta. Na falta de empatía tamén inflúe a pouca capacidade expresiva dos actores que encarnan a eses personaxes (Irene Escolar e Martín Rivas). A falta de credibilidade esténdese tamén ao personaxe do cura (Raúl Arévalo) que carece dos rexistros necesarios para interpretar con autenticidade a hipocrisía e o cinismo dun cura fascista atormentado polo desexo carnal. Iso si, as grandes interpretacións de Maribel Verdú (a nai) e de Roger Princep (o fillo) manteñen a película nun nivel aceptable. En definitiva, unha película que non emociona, que non aproveita as posibilidades do argumento, pero necesaria polo que conta.

La Buena Nueva é a outra película que vin recentemente. Aquí se nos conta a historia dun cura bo, un cura cre no que predica e que se pon do lado das vítimas cando se produce o Golpe de Estado franquista. O filme está baseado nos diarios do sacerdote Marino Ayerra, onde conta o que viviu na súa parroquia da Alsasua durante a Guerra Civil, cando os falanxistas e os carlistas de apoderan da vila e desencadean toda a súa furia fascista contra os republicanos e as súas familias. Ao contrario do que ocorreu coa Igrexa católica e os seus curas en toda España, Marino intenta protexer aos perseguidos e axudar ás súas mulleres, e mesmo escribe un diario para que non se esqueza o que pasou.

Partindo desta historia real, a directora, Helena Taberna, engádelle outras historia de ficción, como a relación entre o cura e a mestra, que lle aportan unha maior credibilidade cinematográfica. As interpretacións son moi boas, tanto a de Unax Ugalde (o cura), premio na Seminci de Valladolid, e a de Bárbara Goenaga (a mestra), coma a dos actores secundarios, Willy Toledo (o médico asasinado) ou Maribel Salas (a nai dos Sánchez). Todos os personaxes son auténticos, cribles, encaixando perfectamente co que representan. De cada un deles podemos, sen demasiado esforzo, imaxinar a súa personalidade, o seu carácter. Outro aspecto destacable é a ambientación. Gran parte da película discorre en espazos abertos, en fermosas paisaxes e localizacións reais de Guipúscoa e o Norte de Navarra.

Non é só unha película que conta unha historia interesante, senón tamén unha película entretida, vigorosa, que nos permite visualizar e comprender que pasou en moitos pobos de España cando triunfou o Alzamento, a Santa Cruzada. O que pasou en Galicia seguro que non se arreda moito do que vemos no filme. Non se trata de bos e malos, senón de medos, atavismos (carlismo), amor, maldade, ansias de poder, fanatismo e dignidade. No medio do horror, do temor a perder a propia vida, hai persoas que manteñen posturas éticas, humanas.

A Igrexa católica española de hoxe segue sen renegar da Cruzada, da Igrexa que mandou aos seus seminaristas á fronte de guerra a matar, da Igrexa cínica e perversa que representan os superiores dos curas protagonistas das dúas películas. Non só non pediu perdón polo seu activismo criminal ao lado dos fascistas durante a Guerra Civil e o franquismo, senón que aínda segue opoñéndose ao recoñecemento das vítimas que ela mesma provocou en contra dos principios que predica. Non, a Igrexa non era, nin é, a do cura de Alsasua. Por iso, e por outras moitas razóns morais, é necesario seguir realizando películas coma estas, que contribúen á honrar aos represaliados e ao coñecemento histórico. Estou de acordo con Helena Taberna cando di: “No hemos tenido sensibilidad suficiente con las víctimas de esta guerra. Para lo que fue aun no se han hecho suficientes películas buenas”.
align=left vspace=10 hspace=10 border=0>
Comentarios (0) - Categoría: Recursos - Publicado o 14-11-2008 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
PRESENTACIÓN DO BLOGUE DO MUSEO DO CPI DON AURELIO
O Museo Escolar Ferro Couselo é froito do traballo levado a cabo por un equipo de profesores desde hai máis de dez anos, dirixido polo profesor Juan Andrés Fernández Castro. Eles foron os encargados de recoller, catalogar e organizar o material escolar das antigas escolas unitarias e dos colexios do Concello de Cuntis, e ademais pediron co alumnado e o profesorado do CPI Don Aurelio colaborase doando ou depositando no Museo obxectos de valor etnográfico. Creouse así un Museo que nos permite percorrer unha parte da historia da escola e da vida cotiá de Cuntis no século pasado.

O Museo pasou por distintos locais do Colexio, ningún deles axeitado para unha correcta exposición das pezas. O último cambio realizouse hai tres anos e o Museo permaneceu parado ata o curso pasado, cando os profesores Ana Real, Ramón Mariño e eu mesmo nos puxemos a preparar o local e a colocar os obxectos. Reinaugurouse así o Museo durante as VI Xornadas Culturais D. Aurelio (maio do 2008) nun pequeno e pouco acolledor curruncho do Centro.

A pesar de que non é o mellor local, é o único posible nestes momentos, e está a disposición da comunidade educativa do CPI e de calquera persoa interesada, durante o horario lectivo.

Este curso 08-09 o coidado e dinamización do Museo é responsabilidade do Departamento de Ciencias Socias, Xeografía e Historia, iniciando unha nova andaina que ten como principais obxectivos dar a coñecer o Museo ao alumnado e a creación duns instrumentos didácticos que fagan do Museo un elemento máis do proceso de aprendizaxe. A colaboración con outros departamentos e, principalmente, co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística queremos que sexa a canle que nos permita chegar a facer do Museo un lugar vivo e cotiá.

A creación deste blogue, adicado ao coñecemento e difusión do patrimonio etnográfico e educativo recollido no Museo, pretendemos que sexa unha ferramenta fundamental para acadar os obxectivos citados. Desde esta porta o noso pasado se abre ao mundo para amosarnos a través da cultura material como traballábamos, como estudábamos…, como viviamos en definitiva.

Cada un dos obxectos acubillados, se lle sabemos preguntar, nos contará como eramos e, por suposto, tamén, como somos. Atrevédevos a preguntar, atrevédevos a coñecervos!
Comentarios (0) - Categoría: Recursos - Publicado o 14-11-2008 10:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
VINTE ANOS DE MORTES EVITABLES NA FRONTEIRA
Cúmprense vinte anos do primeiro naufraxio (coñecido) dunha patera con vítimas mortais. Hoxe segue morrendo unha media de mil persoas cada ano no seu intento por acceder a nosa sociedade da opulencia. O día 1 de novembro de 1988 as ondas levaron á praia de Tarifa dez cadáveres. Outros nove desapareceron e só catro sobreviviron para contalo. Partiran a media noite anterior desde Tánxer para unha viaxe de só 14 quilómetros, que eles soñaban ía ser o principio dunha vida mellor.

Daquela os españois amosaron o seu estupor, pero hoxe segue a sangría e semella que estamos acostumados á que ás praias do Sur ou de Canarias, onde nos tostamos ao sol, cheguen mozos mortos ou desfeitos pola travesía nas pateras e nos caiucos. Calcúlase que teñen morto 18.000 persoas no mar desde 1988.

Os inmigrantes xogan un papel fundamental na nosa economía, pero só os queremos para traballar e tampouco queremos que veñan demasiados. Coa crise económica, que pasará con eles? Pero máis alá dos datos, que dereitos humanos defendemos e para quen? A única resposta que somos capaces de dar é levantar valados, e expulsar aos que nos sobran. Aos que conseguen pasar de forma clandestina utilizámolos como man de obra escrava. Non hai barreiras que poidan deter a desesperación provocada pola miseria deste mundo globalizado (pero só para as mercadorías).

Dan vergonza ás declaracións do presidente de Melilla, Juan José Imbroda, denunciando a agresividade dos inmigrantes que tratan de entrar polo valo da cidade: os subsaharianos veñen ‘moi agresivos. Non veñen correndo para saltar un obstáculo’ (deberían petar na porta e pedir permiso e cando llelo negáramos marchar dando as grazas); apuntou a necesidade de que Marrocos ‘colabore máis’ (supoñemos que sería unha colaboración humanitaria, ja), así como actuar de forma ‘máis enérxica’ (xa sabemos o que quere dicir con enérxica) contra uns inmigrantes que o que están facendo é ‘agredir a nacionais’. Dá igual o que lles pase a eles, o importante é que non molesten. Gustaríame saber que pensaría o señor Imbroda se Melilla pertencese a Marrocos e el quixese emigrar a España.

Unha boa forma de achegarnos a esas persoas que se vén obrigadas a marchar da súa casa será ver a película de Chus Gutiérrez ‘Retorno a Hansala’. Nela conta a historia de 12 inmigrantes desa aldea afogados no Estrecho de Gibraltar, interpretada polos mesmos habitantes de Hansala. Un deles é Hussein que fai de pai que perde a seu fillo. El tamén perdeu ao seu afogado. Foi el quen pagou a viaxe aos mafiosos que acabou traxicamente. Poñéndonos no seu lugar quizais poderemos axitar a preguiza das nosas conciencias e buscar un mundo sen murallas.



Comentarios (0) - Categoría: Noticias con Historia - Publicado o 02-11-2008 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A TABOADA: Nº 13
Dou conta da publicación do número 13 da excelente revista A Taboada, editada polas asociacións culturais A Cabana de Moraña e O Meigallo de Cuntis e coordinada por Reis Camiña Pastor e Marcos Seixo Pastor. Reproduzo a súa editorial, onde nos informa do seu contido:

Como ben pode comprobar o lector, neste novo volume de A Tabaoda continuamos coa liña de incorporar novas asinaturas que contribúan a seguir construíndo un proxecto atractivo, heteroxéneo e aberto. Neste caso, ademais dos redactores e colaboradores habituais, incorporamos textos de autores novos nesta publicación. Nalgún caso achegando interesantes traballos de creación, como o conto que reproducimos do cuntiense Xosé Fuentes Alende, ao que damos os nosos parabéns pola recente publicación do fermoso libro Xanciño de Zoxín, o can Canito e o coello Coli, ou unha pequena escolma poética de Antía Otero, que viviu boa parte da súa infancia en Cuntis. Nesta xeira contamos ademais coa participación dun historiador de prestixio como é Xoán Carlos Garrido, que difunde desde estas páxinas algúns interesantes aspectos da biografía dun esquerdista represaliado polo franquismo, Manuel Coto Chan, natural da parroquia de Couselo (Cuntis). Inclúense neste volume XIII, dous traballos sobre o cantautor Suso Vaamonde que pasou boa parte do seu percorrido vital en terras de Amil (Moraña). Un dos traballos é unha emotiva biografía levada a cabo por dous colaboradores novos nesta revista, Senén e Gael Vaamonde, respectivamente irmán e sobriño do malogrado músico.
O lector pode atopar nesta nova entrega interesantes traballos, como o estudo sobre nomes e apelidos ao longo da historia de Moraña, o que trata da industria madeireira no mesmo concello ou unha achega documental ao estudo histórico-artístico da parroquia morañesa de San Salvador de Saiáns. Tamén se reproduce un estudo sobre a obra literaria do escritor cuntiense Xoán Xesús González. E como remate un artigo que enlaza a temática da relixión coa da lingua, que pode resultar tan preciso nestes tempos en que o noso idioma está sendo inxustamente acosado polos sectores máis reaccionarios da nosa sociedade nun aceno centralista e reaccionario que aspira ao seu exterminio baixo a falsa escusa da defensa do español. E, como xa vén sendo costume, de sobremesa, unha crónica arredor do certame gatronómico que anualmente levamos a cabo desde o colectivo cultural que edita esta revista. Saúde e bo proveito.
Comentarios (1) - Categoría: Recursos - Publicado o 01-11-2008 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CASA REAL: CUSTA CARA A BROMA
Na sección de Hemeroteca de La Voz de Galicia do 26 de outubro do 2008 apareceu o seguinte artigo:

Hace 125 años
Viernes, 26 de octubre de 1883
El coste de la Familia Real. Nuestro colega El Porvenir publica un extracto de lo que nos cuesta a los españoles la familia real. Casi llega a los once millones de pesetas, sin contar los servicios de los reales sitios, ni la gran suma que dejan de tributar al fisco, ni los cumpleaños de sus componentes, ni las visitas a ciudades españolas y extranjeras. Sumando todos los gastos se llegaría a los cincuenta millones. ¿Y que beneficios produce? En los dos últimos siglos perdieron Gibraltar, dos mil leguas de costa en América, encendieron tres veces la mecha de las guerras carlistas, entregaron la patria a los franceses y sus resistencias a la democracia y la libertad motivaron revoluciones y pronunciamentos. Nos cuesta cara la broma.

O orzamento da Casa Real para o 2009 será de 8,9 millóns de euros, cun incremento do 2,7% respecto do 2008, e 1.383.550 euros máis que no 2004. Non está mal para unha etapa de crise aguda como a actual, na que a maioría dos cargos da administración se conxelan o soldo.

Na Constitución establécese que el Rey recibe dos orzamentos do Estado “unha cantidade global para o sostemento da súa familia e da súa casa, e distribúe libremente a mesma”. É dicir, que ninguén controla o que se fai con ese diñeiro. Ademais desa cantidade, o Ministerio de Administraciones Públicas adica cada ano unha cantidade ao Apoyo a la gestión administrativa de la Jefatura del Estado. No 2009 serán 6,5 millóns de euros, cos que se paga aos 139 empregados do Palacio da Zarzuela. Esta partida medrará un 9% no 2009 e hai que ter en conta cos axentes policiais destinados na Casa Real cobran do Ministerio del Interior.

Os reis e o herdeiro tampouco pagan cos 8,9 millóns de libre disposición as súas viaxes ao estranxeiro, que financia o Ministerio de Asuntos Exteriores. O Estado paga tamén, a través de Patrimonio Nacional, o mantemento das casas que utiliza a familia real, desde a Zarzuela ao domicilio do Príncipe, ata o Palacio de Marivent, residencia de verán de el Rey en Mallorca.

Con estes datos non estaría mal que La Voz e outros xornais politicamente correctos publicaran algún artigo cun cariz semellante ao de 1883. Témome moito que iso non será posible. Que beneficios produce a Monarquía? No século XX os Borbóns sempre apoiaron as políticas máis reaccionarias, desde a Ditadura de Primo de Rivera ata o Golpe de Estado do 36. Despois negociaron con Franco e este impuxo como sucesor a Juan Carlos (non o esquezamos) e aí seguen, intocables. Iso si, as revistas do corazón si que perderían unha das súas subministradoras de bazofia máis abundantes.

Comentarios (0) - Categoría: Noticias con Historia - Publicado o 28-10-2008 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CRISE E CIDADÁNS: DO 29 A HOXE
O 24 de outubro de 1929 (o xoves negro) a Bolsa de Nova York, Wall Streett, afundiuse. Millóns de persoas perderon o diñeiro investido. Moitos deles mesmo pediran préstamos para poder ‘xogar á Bolsa’, que se vía coma un negocio fácil e seguro. Así comezou a máis grande crise do sistema capitalista... ata o momento: aforradores arruinados, peche masivo de bancos e empresas, paro e miseria. As estradas de Estados Unidos enchéronse de familias buscando algo que comer: A Gran Depresión. En Alemaña, a crise do 29 foi a causa principal do triunfo electoral acadado polos nazis en 1933.

Foi unha crise mundial (global se se prefire), EE UU era a potencia hexemónica e o resto dos países sufriron as consecuencias do crack, sobre todo aqueles que, como Alemaña, máis dependían dos seus préstamos. Outros países, como España, sufriron menos os seus efectos, pero hai que ter en conta que se partía duns niveis de riqueza baixos. Sen embargo, aumentou moito o paro e a conflitividade social, o que minou as posibilidades de éxito das reformas emprendidas polo goberno republicano de esquerdas, no poder de 1931 a 1933.

Os anos anteriores á crise foran os chamados ‘felices anos vinte’. Unha etapa de forte crecemento económico sustentado no consumismo (naceron as compras a crédito e a publicidade fíxose cada vez máis efectiva) e na especulación sostida polos créditos bancarios. Creouse unha especie de sistema económico virtual que se veu abaixo cando a economía real (superprodución) amosou a (verdadeira) mala cara da situación.

Hoxe estamos tamén vivindo unha crise económica moi forte. Resulta moi difícil coñecer as causas da mesma. Os mecanismos financeiros e macroeconómicos son artificialmente complexos, tramposos, para que os vulgares mortais non teñamos máis remedio que rendernos ante os expertos mentres nos rouban a carteira. De tódolos xeitos, discrepo da opinión xeral de que ninguén podía prever o que está a pasar. Calquera persoa minimamente informada sabía que, ao igual que nos anos vinte, o motor (o sangue da economía chámanlle) dese crecemento era o crédito barato que permitiu o aumento da demanda de calquera tipo de mercadoría innecesaria: o consumismo. A especulación global, só apta para xente sen escrúpulos, está ligada en moitos casos ao mercado inmobiliario, como tamén ocorrera en Florida antes do crack do 29. España é un exemplo deste modelo que non só é un fracaso económico, senón que vai ter unhas consecuencias dramáticas para o medio ambiente e a calidade da paisaxe.

Para procurar unha saída da crise do 29 recorreuse á unha maior intervención do Estado na economía co obxectivo de impulsar o emprego e o consumo, seguindo as ideas de Keynes, cun éxito relativo pero imprescindible para paliar a situación de millóns de persoas. Hoxe tamén se recorre ao Estado... para axudar aos Bancos. Como xa se ten escrito, vaia capitalistas máis aproveitados: se as cousas van ben (para eles) privatizamos, se van mal (tamén para eles), nacionalizamos. A min paréceme un escándalo, que se permita que xente desa ralea, con soldos e indemnizacións insultantes, non só se vaian para a casa con todo o diñeiro, senón que aínda por riba sexan considerados ‘próceres da patria’. Especuladores, como Jove de Fadesa, que se fixeron ricos especulando e destruíndo o país son homenaxeados e considerados un exemplo a seguir.

Cal é a nosa reacción ante isto? Ningunha, só rezar para que non nos toque a nós. Hai un consenso ou un pasotismo xeral ante este roubo do patrimonio do Estado (que somos todos, non?), deixando de facer uso dos nosos dereitos e obrigacións como cidadáns e cidadás. Pero esta inacción non é só de agora, senón que tamén foron moi poucos os que saíron á rúa a criticar o modelo económico consumista. Resulta tamén desolador comprobar como nos alarmamos ante as baixadas das cotizacións das accións e a penas nos movemos no sofá cando milleiros de persoas morren de fame cada día. Pase o que pase no futuro, non deberiamos permitir que continúe este sistema capitalista que divide o mundo entre explotados e explotadores. E, se veñen moi mal dadas, temos que estar alerta para non caer no extremismo fascista (primeiro nós, que eles son moitos).
Comentarios (1) - Categoría: Noticias con Historia - Publicado o 25-10-2008 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal