.JPG) Sendo cativo pensaba que o monte San Miguel era enorme; subir a el era unha gran aventura, para nós como subir o Everest, e ao chegar arriba viamos todo o Val e xogabamos a poñerlle nome aos rueiros que albiscabamos dende alí: Nova York, Katmandú, O Cairo ou Cambridge, nome que aprenderamos nun vello xogo de ordenador. Pero o mellor de todo era baixar facendo a cabra, a ver quen chegaba antes.
Despois de subir de novo o outro día logo de dez anos fun directo a falar ca miña avoa, e pregunteille se elas tamén subían cando eran cativas, ao que ela respostoume coa decisión que a caracteriza:
- E logo que habiamos facer, antes non tiñamos tantas cousas para enredar como teñen os nenos de agora e ala arriba iamos cando tiñamos un rato libre toda a rapazada de Culleredo -Notei nas palabras dela que, malia que asumía que os tempos cambiaran, non era capaz de entender como un neno había de preferir un ordenador que ir ao monte a xogar cos outros rapaces.
Se eu deixara de ir ao San Miguel durante tanto tempo foi porque éste fora marcado cun oleoducto anos atrás, e como non acabara de entender porqué había que cortar así algo tan especial quitáronsenme as ganas de subir a aquel monte que tan bos momentos deixara no meu recordo.
Quen me ía decidir que anos máis tarde ía voltar a subir para defendelo dunha inxustiza aínda maior ca do oleoducto, a súa completa destrucción; unha vez alí arriba vin claro a riqueza que tiña a parroquia de ter aquel xigante vestido con árbores ainda que tivera unha raia de pedras xusto polo medio.
O monte San Miguel máis os seus catro irmáns, que ainda que máis pequenos axúdanlle a controlar todo a contorna, a protexer aos rueiros dos ventos, das secas e mais das inundacións, están en perigo de desaparecer xa que alguén parece ter un escuro interés en ampliar o aeroporto de Alvedro, nunha obra que non ten xustificación nin económica nin social, e moito menos ecolóxica. Esperemos que ésta non sexa a derradeira historia deste monte e que poida encher as tardes de moitos máis cativos.
|