|
|
|
|
| Monte San Miguel |
|
.JPG) Sendo cativo pensaba que o monte San Miguel era enorme; subir a el era unha gran aventura, para nós como subir o Everest, e ao chegar arriba viamos todo o Val e xogabamos a poñerlle nome aos rueiros que albiscabamos dende alí: Nova York, Katmandú, O Cairo ou Cambridge, nome que aprenderamos nun vello xogo de ordenador. Pero o mellor de todo era baixar facendo a cabra, a ver quen chegaba antes.
Despois de subir de novo o outro día logo de dez anos fun directo a falar ca miña avoa, e pregunteille se elas tamén subían cando eran cativas, ao que ela respostoume coa decisión que a caracteriza:
- E logo que habiamos facer, antes non tiñamos tantas cousas para enredar como teñen os nenos de agora e ala arriba iamos cando tiñamos un rato libre toda a rapazada de Culleredo -Notei nas palabras dela que, malia que asumía que os tempos cambiaran, non era capaz de entender como un neno había de preferir un ordenador que ir ao monte a xogar cos outros rapaces.
Se eu deixara de ir ao San Miguel durante tanto tempo foi porque éste fora marcado cun oleoducto anos atrás, e como non acabara de entender porqué había que cortar así algo tan especial quitáronsenme as ganas de subir a aquel monte que tan bos momentos deixara no meu recordo.
Quen me ía decidir que anos máis tarde ía voltar a subir para defendelo dunha inxustiza aínda maior ca do oleoducto, a súa completa destrucción; unha vez alí arriba vin claro a riqueza que tiña a parroquia de ter aquel xigante vestido con árbores ainda que tivera unha raia de pedras xusto polo medio.
O monte San Miguel máis os seus catro irmáns, que ainda que máis pequenos axúdanlle a controlar todo a contorna, a protexer aos rueiros dos ventos, das secas e mais das inundacións, están en perigo de desaparecer xa que alguén parece ter un escuro interés en ampliar o aeroporto de Alvedro, nunha obra que non ten xustificación nin económica nin social, e moito menos ecolóxica. Esperemos que ésta non sexa a derradeira historia deste monte e que poida encher as tardes de moitos máis cativos.
|
|
|
|
|
| Avante carnocho! |
|
Onte voltaron a xuntarse despois de moitos anos Os Papaqueixos e alí estaba coma sempre nun acto deste tipo Xurxo Souto. E pareime a pensar as veces que aparece na miña vida este coruñés, primeiro cos Diplomáticos de Monte Alto con esas cancións que sempre formarán parte da miña vida: “Gaiteiro”, “Oda o futbolín”,“Nordés” e aquela versión de Radio Océano “Coma o Vento”. Tamén aqueles concertos como o do Castelo de San Antón cando eu só tiña catorce anos e segue a estar no meu maxín como un dos mellores concertos os que fun nunca. Ou aquel do San Froilán onde merquei a camiseta que tiña debuxadas dúas parrochas enrocadas.
Despois co seu programa A Tropa da Tralla onde el e 15000 carnochos máis enchíannos as mañas dos domingos nas que reivindicaban as figuras de Pucho Boedo, Los Satélites ou Andrés Dobarro e daban a coñecer entre outros O garbanzo neghro ou os mesmos Papaqueixos. Tamén ca súa literatura co seu Libro de relatos Fumareu que en cada historia achegábache a súa Coruña cunha visión pangalaica ou cas súas colaboracións na revista esporádica Bravú onde entre outras cousas reivindicaban a creación dunha selección galega de fútbol.
Tampouco escapa á miña cachola aquel bar chamado Parrús onde pasábamos moitas tarde xogando o futbolín e arranxando o mundo. Baixabas aquelas escaleiras escuras con moito coidadiño coidado de non darche na testa e alí a esquerda ,estaba pintada na parede a Corunnécora , alí naquel curruncho do bar é onde sacaran a foto da contraportada de aquel gran disco, para moita xente o mellor do rock galego “Avante Toda”.
Pasaron os anos e el voltou a aparecer cun novo proxecto: ese programa de radio que empezou sen nome para que llo puxeran os oíntes pero quedou co provisional “Aberto por reformas”, un programa que demostrou que o galego vale para todos os estilos de música que poidades imaxinar. Lamentablemente esa “reforma” do nome non puido continuar, a dirección da Radio Galega finalizou a emisión deste programa. Esta e outras accións do goberno da Xunta de Galicia levaron a xente a saír a rúa o 18 de outubro en Santiago e alí ca Quintana ateigada de xente estaba Xurxo falándolle a xente e deixando clara o seu gusto polos topónimos tanto de lugares grandes como dos pequenos, de vilas como de aldeas, de cidades como de barrios. Citándoo moitos nomes do país da microtoponimia , parándose especialmente a citar moitos aos dos barrios da Coruña e Vigo: Monte Alto, Coia; Labañou, Calvario; Os Mallos, ou O berbés, esta parada non era casual se non que foi para botar abaixo o tópico de que nas cidades non queremos ao galego. E de paso para deixar ver que cada lugar por pequecho que sexa ten a súa singularidade e personalidade. Para Xurxo non che é o mesmo ser da Coruña que dos Rosais, non che é o mesmo ser de Vigo que ser de Teis. Eso si sempre deixando claro o prexudicial que é para a nosa sociedade as disputas localistas como por exemplo a que hai entre Vigo e Coruña.
Ese rapaz que ao final do seu discurso botoulle peito e cantou a capela “A nosa historia facémola nós”, diante de 50000 persoas, ten a capacidade de ser ben querido pola xente da súa cidade polos de Juan Florez e polos de Labañou, polos maiores e polos novos. Nunca dende que sei del escoitei a ninguén falar mal del, menos nalgún comentario carente de todo sentido e fundamento nalgún sitio polo internete adiante, pero xa di un bo amigo meu que o internete ten estas cousas malas.
Na contra do vazquismo que nunca deixou de estar de moda na Coruña esperamos algún novo proxecto de Xurxo.
Partiu!.
|
|
|
|
|
| Hai xente... |
|
 Hai xente que vive tranquila, prefire calar que berrar, prefire acatar que protestar, prefire vivir sen máis que ser ela mesma. Para eles o dos demáis é moito máis util co deles ou inclusive que da xente que lles rodea.
Hai xente que vive alterada, prefire berrar que pasar desaparcebido, prefire abusar que ser xusto, prefire vivir con importancia que con normalidad. Gústalles gobernar na casa dos demáis e teñen a súa como lle cadra.
E logo hai xente que se entende: aos alterados gústanlles os tranquilos, e os tranquilos están aí...
E ademáis hai xente que apreta os dentes. |
|
|
|
|
| Fuxamos, que temos moito de que fuxir |
|
"Non cansarei de predicar aos mozos que fuxan dos prólogos, das críticas e dos manuales, de incirralos para que afonden destemidamente nas almas dos poetas e dos filósofos. Se a impresión deixadas por Goethe, por Rousseau, por Proust, é contraria a que dogmatizan os críticos, oficiales, mellor, e se despois de lér e pensar algunhas páxinas resolven deixar o libro no estante pra botarse a axexar polo campo o florecer novo das acacias, mellor que mellor. Mais sempre que se cumpla ca limpa arela de lér e de pensar."
Otero Pedrayo.
|
|
|
|
|
| Ola |
|
 Razóns dadas na presentación da Universidade de Gotemburgo para que os erasmus aprendan sueco:
-Porque están en Suecia.
-Porque se vives nun país o normal e coñecer a súa cultura.
-Porque o idioma vai intrinsicamente ligado a cultura do país.
-Porque só o falan 9 millóns de habitantes no mundo.
-Porque queda único no teu CV decir que falas sueco.
Só son avanzado para o que interesa, no resto é mellor copiar os USA.
|
|
|
|
|
| ghiate por min |
|
 Espertaba cun cheiro a bravo, con ese cheirume que coñecemos todos, o de bosta, pero multilpicado por dez. Erguíame a eso das 9 da maña baixaba e alí estaba o carro a medio encher de esterco, e escoitaba "pasa pali, hmmmm, ghiate por min", eran os meus avos que intentaban que as vacas, Paloma e Mora, lles fixeran caso.
Logo almorzaba, sopas de pan de carral que era o almorzo de todo o vran, acaba e poñiame a zascandilear polas cuadras, e reñiame miña avoa.
"Neno, non pases por aí.
Ghiate por min, que vaste manchar. |
|
|
|
|
|