|
|
| Constelación BNG |
|

A última Asemblea do BNG deixou unha mensaxe clara: unha soa estrela non é suficiente para recoller toda a pluralidade e diversidade (lea-se caixa de grilos ou saco de gatos) que o BNG acolle en seu estéril seo. Por iso, urxe actualizar a nosa simboloxía: en vez da solitaria estrela vermella, cumpre inserir unha constelación inteira.
Se queredes dar-lle unha ollada a algunhas propostas preliminares, clicade neste link:
http://garimpeiro.e-diario.net/index.php?op=ViewArticle&articleId=667&blogId=166
(antigo enderezo deste mesmo blog) |
|
|
|
|
| MPB e Alter Nativos |
|
Ou sexa, auga e aceite. Comezando pola auga: pouco podo falar do MPB, pois aínda teñen que construir para si mesmos unha personalidade política propria. Ora, polo que se viu até agora, xa dá para adiantar algunhas conxecturas preliminares: (i) teñen o irritante complexo de cristiáns-vellos que lles fai vetar a priori o diálogo con calquera colectivo que non comparta tan digno e caduco sinal de identidade; (ii) teñen moi pouca penetración fora do mundo sindical, polo que temo (oxalá me equivoque) que acaben derivando cara a posicións mais corporativas -solapadas sob a aura de "auténticos comunistas" e de "defensores das esencias do BN-PG"- que de construción en positivo dun BNG renovado e que sexa capaz outra volta de ser a vangarda da nación; e (iii) a súa actuación no Consello Nacional vai obrigá-los a optar por aliar-se con algúns dos colectivos/correntes alí representados, se desexan ter algunha capacidade de incidencia real, co cal corren o perigo de acabar sendo asimilados, aos ollos da militancia, con estruturas cuxo posicionamento ideolóxico está ben mais claro.
Quer dicer: non van votar coa UPG, por rancor e por afán de diferenciación; non van votar coa Alternativa, por posuíren "xenios irreconciliáveis"; e non queren dar-lle un cheque en branco a Quintana, en quen non confían.
Só lles resta abster-se, e con iso anular-se, ou entender-se con Beiras e os seus afoitos irmandiños, porén marcando distancias para non seren confundidos -o que se traduce en sacar Quintana dalgúns apuros cando Rodríguez desembaíñe o estoque e Beiras fique presenciando a ver cal dos dous traidores se desangra primeiro.
É claro que Quintana sempre pode redistribuir cargos, mas non vai se atrever a facé-lo até que se sinta ben seguro do terreno que pisa, e iso aínda vai demorar. Por agora, a súa prioridade segue sendo manter o proprio.
Canto aos Alter Nativos, recoñezo que me confunden. Por un lado, apresentan a ideoloxía mais clara e coesa do BNG: son socialistas e ponto. É de agradecer a clareza. Mas, ao mesmo tempo, basean a súa identidade non no que son, senón no inimigo: son anti-UPG e ponto. E así non se fai política: a política real non se fai contra os outros, senón de cara á sociedade; o contrário é facer ese tipo de "política interna" ao cal xa me referín nunha mensaxe anterior. A política interna é a política galega, e non a política das respectivas leiras do BNG.
Por outra parte, non vexo como pode haver lugar no BNG para eles e para os irmandiños ao mesmo tempo: ou se entenden dunha vez, ou os Alter Nativos van se desinflar aos poucos igualciño que ocorreu con EN. A decepción dos resultados da Asemblea foi un bo toque de atención -falta ver se haverá quen recolla a luva.
[Sería un panorama interesante, se ben que improvável: a soma Alternativa + Irmandiños, sob unha nova lideranza, coa simpatía de boa parte da miríade de independentes que dan vida e sentido ao BNG, podería constituir unha nova base de apoio a Quintana que o libertase das ataduras con Rodríguez. Con iso e a reactivación do diálogo coa CIG (atraíndo non só o MPB, senón tamén o sector sindical da Alternativa e a xente razoável que segue na UPG), Quintana enterra Rodríguez e pode durmir en paz até 2009. E aí, o povo soberano dirá.]
|
|
|
|
|
| Quin... without a land! |
|
As virtudes e os defeitos de Quintana. Con semellante tema, a folla non poderá ficar en branco por moito tempo. Na miña opinión, que é a de quen coñece as actuacións de Quintana en público mas nunca o tratou en privado, as súas virtudes farían de el o empregado do mes en calquera empresa; e os seus defeitos impedirían que ascendese alén do posto de xerente de sucursal (mais ou menos, equivalente ao que ocupa actualmente).
Explico-me: Quintana saber facer unhas poucas cousas, mas esas fai-nas moi ben. Entre elas, governar para ese país que temos, deliberadamente renunciando a grandes proxectos para o país que desexamos, na convición de que esta tarefa corresponde a unha ulterior etapa e a outras persoas.
Comecemos pola laudatio. Quintana sabe que governa un país -simplificando, ma non troppo- de vellos, de funcionarios e de xente subvencionada.
Vellos que son nacionalistas, mas non o saben, devido a que: (i) o nacionalismo nunca ocupou ese territorio, co seu discurso ideoloxizado tan distante das preocupacións da xente maior (especialmente no rural); e (ii) o aparato de AP/PP (e mais fugazmente de UCD e CG) mantivo esa poboación refén cun alto grau de eficiencia. Mas esa situación non é irreversível: moitos deses vellos que onte votavan a Fraga, mañán votarán a Quintana. Por motivos tan simples como poderosos: fala-lles na súa lingua -e non me refiro ao código-; defende-lles a pensión; constrúe-lles asilos; dá-lles a dose semanal de “Luar”; e organiza-lles unha vez por ano unha festa na carballeira mais bonitiña da comarca. Eses vellos van morrer sen saberen que son nacionalistas, mas moitos deles finarán coa papeleta do BNG nas mans, por obra e graza de Quintana.
Dos funcionarios, nada podo dicer que non sexa ben sabido: unha tribo acomodada, tan tenuemente progresista como ferreñamente corporativista. Centro social, que facilmente vira esquerda eleitoral cando se lle presentan propostas de mudanza equidistantes entre a transformación radical das estruturas sociais e unha simples reforma da fachada. Canto á xente subvencionada, Quintana sabe que non se pode contar con ela para protagonizar calquera revolución, pero si para gañar eleccións. Por iso escolleu para si a área con maior proxección social neses ámbitos.
E, para ser sinceros, non conseguiu pouca cousa: en pouco mais dun ano de governo, conseguiu lavrar para si mesmo unha imaxe propria, diferente da do BNG; e logrou transmitir á cidadanía a impresión de bicefalia no governo que supera largamente a aritmética parlamentar que sustenta o bipartito. En poucas palavras: Quintana está convencido (e eu creo que atina) de que fai parte da maioría social. Unha maioría social nacionalista, tolerante, conservadora, pagá, traballadora e pragmática.
A hora da crítica
A torpeza de Quintana, porén, mostra-se en toda a súa magnitude no trato das cuestións internas ao BNG. Como xa dixen noutro foro, Quintana aliñava alianzas con todo o mundo, ao acaso das conxunturas, coa simples intención de sobreviver e de dar a impresión de home de diálogo e de consenso; mas non costura nengunha delas, e non ten dado a menor importancia á coerencia ou á consistencia de tais alianzas.
Comezou apuñalando o seu proprio valedor e aliando-se cun partido, a UPG, secuestrado por Francisco Rodríguez e meia ducia doutros medíocres; un partido á deriva e en plena crise interna, incapaz de garantir-lle nen lealdade no apoio, nen iniciativa política -sexa no Parlamento sexa no Executivo-, nen pax sindical, nen a vitoria nunha Asemblea Nacional. Pésima escolla.
Pensou que os descontentos se verían representados coa fichaxe de Roberto Mera, mas, lonxe diso, a contestación interna só creceu. Comprou unha idea de destacados membros da UPG, a da representación por delegados, e queimou boa parte do seu crédito e das persoas mais próximas na defensa desa tese perante a militancia.
Unhas palavras sobre isto, a modo de inciso: os debates no BNG sempre se dan ás avesas. Se o que se quer debater é a conversión en partido, faga-se clara e abertamente: eu, persoalmente, concordaría coa conversión nun partido que conteña en seu seo a diversidade e pluralidade dos sectores progresistas da sociedade galega, e que me perdoe Beiras coa súa estreita concepción da alianza de clases; que recolla o legado dese cuarto de século de acción política unitaria e o plasme nun ideario renovado; e que funcione de maneira asemblear, mentres o aforo dos locais de encontro o permita. Mas non: no BNG debate-se o accesorio para non pór en cuestión o principal. E así saen os resultados.
Para rematar: na última Asemblea, Quintana conseguiu destruir a escasa base interna de apoio de que dispuña, ao ceder ás mesquiñas presións de Rodríguez e sacrificar seus colaboradores mais próximos para pactar unha Executiva que vai ser calquera cousa excepto o que o nome descreve. Como se pode pretender unha maior coesión entre o BNG-partido (perdón, BNG-frente) e o BNG-governo, cando entre os 15 membros da nova Executiva só hai unha deputada e cando falta o porta-voz? Cando as faccións que defenden o continuismo frentista de oposición (UPG e Irmandiños) suman a maioría? E cando o proprio Quintana está nunha minoría tan flagrante (con sorte, 4 de 15) que terá que prolongar a súa política de componendas pontuais a distra e sinistra para conseguir sacar adiante calquera proposta?
Por hoxe, basta. Fico por aquí. Nos próximos días, prometo concluir coa análise do panorama actual e comezar con outras cousas mais interesantes. |
|
|
|
|
| Cascalleira |
|
A última Asemblea Nacional do BNG -e, ao que parece, a derradeira- foi fructífera en acontecimentos, se ben que este humilde garimpeiro aínda segue a esforzarse por encontrar algún brillo entre tanto cascallo.
Non podería ser doutro xeito, pois o BNG segue a cometer o erro de considerar que o cenario interno da política é o proprio BNG, cando calquera mente minimamente lúcida e con capacidade de autodistanciamento enxergaría con clareza que o cenario interno é a sociedade galega. Por iso, aos que din "mais BNG e menos governo", eu replicaría "mais Galiza, e menos BNG". Non porque faga falta un BNG menor, senón polo contrario: porque fai falta un BNG maior en altura de miras, maior en madurez política, maior en coesión interna, e sobretodo maior en capacidade de interlocución coa cidadanía.
Édipo volta a Tebas
Fagamos un pouco de historia, comezando por quen ten un lugar garantido nela. E ese non é outro que Beiras, o home que descifrou o oráculo e fixo o nacionalismo de esquerdas conectar con amplas camadas da sociedade galega e que governou cara afora con lucidez e sabedoría; mas que, cego pola súa propria grandeza, non viu que o destino fatal aniñava moi próximo a el.
E se é mais que certo que Beiras non merecía o desenlace que tramaron contra el, tamén o é que non fai sentido tentar retornar a Tebas, anacronicamente á frente dun exército de irmandiños, para influir na vida dunha polis que xa non o adora, aínda que siga a amá-lo. Beiras mereceu e conseguiu o recoñecimento da militancia, mas devería ter tido a xenerosidade -e esa é unha virtude que non lle falta- de renunciar a integrar-se na Executiva (a non ser que o propósito sexa causar-lle acidez estomacal a Francisco Rodríguez, en cuxo caso eu non podería deixar de concordar).
O home sen atributos
Si, claro, refiro-me a Francisco Rodríguez. Aínda que o título non lle fai xustiza, pois atributos non lle faltan. Só por citar algúns, a modo de exemplo: (i) deslealdade con aqueles compañeiros que desde a primeira hora están no BNG e que inxenuamente creron que nunca os traicionaría; (ii) indignidade ao faltar repetidamente á palabra dada (que se retiraría ao mesmo tempo que Beiras; que só ficaría en Madrid na primeira metade do mandato...); (iii) mesquiñaría política ao manter secuestrado un patrimonio da esquerda, do nacionalismo e do país, como é a UPG, que non merece todo o odio, o rancor e a incomprensión que este señor está a atrair-lle; (iv) mediocridade intelectual que nen vou comentar por respeito ao leitor; (v) vileza moral por submeter o xogo político no BNG a intereses puramente persoais que, aínda por cima, non reverten en ningún tipo de acción política; (vi) mau gosto tanto no vestir como nas escollas musicais -ai, se en Madrid soubesen que o flaxelo do centralismo escoita coplas españolas mentres conduce...!
Este señor necesita unha temporada nun spa, a ver se relaxa, medita e fica en paz cos seus demonios interiores. Aí, cando volte, xa que os neuronios non lle dan para xubilá-lo nunha academia e que o posto no Vaticano (só de pensá-lo non podo evitar un malicioso sorriso) está ocupado, facemos-lle unha fundación de estudos políticos e sociais e poñemo-lo na dirección. E que mande, que mande moito, pero onde non faga mais dano a este país xa tan machucado.
Na próxima entrega, ocuparemo-nos de Quin, do MPB, dos Alter Nativos e de como fica o BNG daquí en adiante. |
|
|
|
|
|