gardalivros


Bibliotecas galegas 3ºSimposio O libro e a lectura
Apelar á coñecida sentencia de Malraux sobre a limitación de competencias para as administracións locais en materia de cultura ten o sabor de remorso de quen procede da xestión cultural e do traballo bibliotecario nunha biblioteca pública galega.Reclamo o meu dereito ao resentimento.

Veño de asistir ao III Simposio organizado pola AGE, e malia participar nunha mesa sobre a animación á leitura tiña que agromar o que moitos xa sabiamos ou intuiamos: a situación de desleixo e a necesidade de artellar un sistema coordinado entre todas as bibliotecas pertencentes ao eido competencial de diferentes administracións. Cecais, mais do que amosarmos o xa sabido, havería que debater o modelo que se precisa.As unidades de xestión de tipo horizontal precisan nodos verticais que alicercen o plano (a diseminación horizontal)fornecendo visión de conxunto. Vello é o chamado da Asociación Bibliotecaria Galega (Navaza, Grueiro) á articulación real do sistema bibliotecario. Bragado,apañando a idea que lanzara AnabadGalicia (Isabel Blanco), avoga pola criazón dun Consorcio de Bibliotecas, mais havería que precisar as funcións e xerarquía dos elementos do sistema para evitarmos a reproducción do que xa temos e para que as illas deveñan arquipélago.Trátase, porén, de asumirnos a própria obsolescencia e ineficacia porque, para alén do papanatismo tecnolóxico que non arranxará a nosa ineficencia se non somos quen de re-configurarmos os servizos para atender as demandas do leitor, aximos de xeito aillado e sen interacción. A chamada rede de bibliotecas de Galiza non é tal porque depende e orbita fundamentalmente segundo as necesidades e prioridades dunha outra administración: os concellos.Compre apenas reparar na inestabilidade do colectivo de empregados municipais denominados "bibliotecarios"ou enxergar como no actual paradigma as necesidades de información dun leitor ou usuario non dependen de todo o conxunto - chamémo-lo sistema bibliotecario e o seu persoal- senón de forma aillada dun punto de leitura e a súa circunstancia local (poliédrica, surreal,abraiante)na que na maioría dos casos a biblioteca non representa investimento.

O modelo de Consorcio -pensamos por exemplo no Consorci de Biblioteques de Barcelona, artellado a dúas bandas entre a Diputació i l'Ajuntament- pode ser unha fórmula local axeitada para áreas fortemente urbanas, e ainda asín, precisan dunha ordenación marco que o posibilite e o situe funcionalmente no conxunto do sistema bibliotecario.Agás as excepcións puntuais e máis urbanas - que en todo caso non se coordinan conoutras unidades - e malia as avantaxes próprias das cidades, sabemos que no noso país non se garante cas bibliotecas públicas empresten os servizos bàsicos nos termos expresados no Manifesto da Unesco de 1994.

Fomos convidados a unha tertulia sobre a animación á leitura e non podía tematizarse doutro xeito: non hai actividade efectiva de promoción á leitura conscientemente direccionada a alargar a tipoloxía de leitores e usuarios de biblioteca e menos unha animación á leitura como pueril campaña publicitaria (tal e como nos teñen afeitos as admonitorias da administración)se non vai acompañada da diagnose, dos meios que atallen as disparidades sociais de orixe e a súa conexión negativa co horizonte de expectativas culturais (entre delas a leitura). No actual contexto bibliotecario galego a animación e promoción á leitura é máis necesaria do que posíbel. O que ven sendo o mesmo que dicir ca maioría das bibliotecas non cumpren cos mínimos imprescindíbeis xa que a millor promoción da leitura é o espazo bibliotecario (enxergado como habitat onde poder desenvolver o habitus), os profesionais e o acervo dispoñíbel.No estado actual da meirande parte das bibliotecas activar con certa continuidade un simple clube de leitura devén un acto heroico: fornecer de cinco a dez exemplares por leitura pode constituir unha esperpéntica e ineficaz saga de tirapuxas coa concellería de turno cando unha básica estrutura de soporte (p.e. biblioteca central/nodal/comarcal)podería dispor dun fondo en estoc que fornecese os exemplares á biblioteca co precisara, permitíndolle maior autonomía de actuación e relación directa cas bibliotecas do sistema. Por exemplo, se o clube precisa de dez ou doce livros ao ano só compre multiplicar para sabermos os exemplares por livro que se precisan para montar un simples clube de leitura.

A biblioteca pública ten grande dificultade á hora de planificar tanto programas de promoción como de formación de usuarios. Acho que a centralidade do proprio conceito de biblioteca pública na sociedade do coñecemento leva implícitamente aparellada a idea dunha coordinación conoutras bibliotecas públicas e centros para poder establecer unha política común de formación e promoción harmonizada. A nosa situación histórico-social precisa sen demora deste nivel de intervención coordinada.

Intervención directa sobre os fundamentos: disparidades sociais de orixe (familia, escola e lugar de residencia), desburocratización, autonomía e formación continuada do bibliotecario, espazos axeitados, acervo documental actualizado e direccionado a unha comunidade de usuarios(reais , potenciais e agochados).Eis as condicións de posibilidade de toda intervención a prol da leitura previas a calquera actividade de promoción direccionada a alargar a tipoloxía de usuarios leitores. Decatarnos da existencia de "illas de excelencia" non é outra cousa que evidenciar a estructural falta de ordenación do territorio verbo das súas necesidades culturais.A decepción foi grande logo de constatarmos que ainda non hai un roteiro nen un calendario, e agardando estamos se a nova lei de bibliotecas virá articular un Mapa Galego de Bibliotecas que será como visibilizar as omisións actuais das diferentes administracións.Sen máis demora,o novo Estatuto deve aspirar á competencia completa en materia de bibliotecass, alomenos cos investimentos e actuacións das administracions (locais, provinciais) se fagan dacordo a un Mapa Galego de Bibliotecas e as súas liñas estratexicas de articulación e de desenvolvimento ben sexa como rede ou como sistema. A consorciación terá sentido se máis do que simples partilla de competencias -niso andamos- atalla o desigual acceso dos cidadáns galegos aos recursos bibliotecarios atraveso da co-implicación responsabel de quenes están obrigados a entenderense.E para iso precísase visión de conxunto, un organigrama competencial que defina as liñas estratéxicas conxuntas e os responsableis do seu seguimento e execución.
Os centros de titularidade estatal(as nodais ou bibliotecas provinciais) han ser activamente xestionadas pola Concellería de Cultura,darlle sentido ao Artigo 3 do Decreto 24/1995, de 20 de xaneiro polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos:

"A cabeceira da rede de bibliotecas de Galicia será o Centro Superior Bibliográfico de Galicia do que dependerán técnicamente as bibliotecas nodais, e destas as bibliotecas comarcais, e as bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais. Todas as bibliotecas, excepto as que dispoña a Consellería de Cultura, estarán conectadas á rede a través das bibliotecas comarcais ou das bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais."

E se compre activar convenios específicos que se activen, ainda ca competencia devería asumirse dende a Consellería en termos de xestión, orzamentos, técnicos e de persoal. Entendo ca competencia do Estado (dende a Coordinación Bibliotecària do Ministerio de Educación, Cultura), deverá atinxir os investimentos en equipamento,moblaxe e obras.


Abrindo o simposio Hilario Hernández (Fundación G.Sanchez Ruiperez), malia presentarmos un panorama desasosegante das bibliotecas galegas (no conxunto do estado non é moito millor agás as illas de excelencia: se o gasto meio en Europa é 17,53 euros por habitante, no estado español 7,83 euros e en Galiza ainda non 5 euros por galeg@) non precisou ou non quixo decatarse se a formulación da preguntas do Barómetro predetermina en exceso a resposta alí onde hai língua própria.Quero dicir, precisamos dados de noso e non diferidos. As cifras tenden a naturalizar a situación actual se non van acompañadas da perspectiva que fornece a comprensión cando se dispón de todas as determinacións.Por exemplo, cuestionar interpretacións baseadas única e exclusivamente nos indicadores de empréstamo como índices de leitura da sociedade ou facelo invariabelmente cos dados de venda.En moitos destes estudos séguese a contrapor sen máis rural/urbano sen outros indicadores socioeconómicos (fenda dixital, cognitiva,dispersión territorial, tipoloxía de nucleos habitados,etc) considerando como típicamente urbana a leitura xa que teñen os índices máis altos en calquera indicador de acceso e de consumo cultural. Madía leva!.A ordenación bibliotecaria galega responde a esta lóxica municipalista de tipo urbano que non garante as mesmas posibilidades de acceso independentemente do lugar de residencia. Precísase compensar a lóxica de mercado e outras componendas. Precísase un modelo de rede próprio que facilite a evolución do conceito de biblioteca municipal (enxergado como servizo con independencia do número de puntos de servizo que se precisen para garanti-lo:bibliobuses,puntos de servizo rurais,etc) a partires dunha política común de fontes e servizos e unha diferenciación das funcións dos diferentes equipamentos e defini-los en termos de planificación.Para ilo precisamos dunha análise do territorio para que os pasos a dar se axusten á realidade local, comarcal e nacional e o papel de cada equipamento na rede. As cifras que se manexan na actualidade deturpan a visión do conxunto xa que non se dispoñen de dados fiabeis de cada realidade e o horizonte da planificación deve vir en todo caso da vertebración en diferentes graus de competencia, tanto territorial como administrativa- xa que non sempre se corresponden-de xeito tal que permitan trazar círculos ou aneis bibliotecarios de tipo comarcal e municipal.En todo caso hanse prever os meios que se precisan para que o elemento vertebrador ou central de cada grau ou nivel forneza soporte ás extensións de proximidade(comarcais, municipais,distrito, barrio, parroquia...)e evoluir acordadamente.Un sistema bibliotecario en rede precisa dun modelo de traballo en rede: unha política unificada de fondos e servizos baixo unha rexa coordinación. Precísase unha estructura ou espazo topolóxico ordeado nunha rede de tipo reticular (co seu supremo e o seu ínfimo,é dicer, coas súas categorías e unidades definidas, cos seus subconxuntos definidos por inclusión e interseción) e non a mera xeminación de puntos ou unidades de servizo, tal e como aconteceu até o de agora sen definición rigorosoa da continuidade e límites entre as unidades do sistema. Hai boas excepcións que sobreviven á falla dunha política unificada. O desigual contraste fai ainda máis necesaria unha politica de unificación que categorice cada concello, que deseñe protocolos de xestión e de planificación, etc. O Proxecto Meiga serviu para avanzar simbólicamente nese sentido ainda que non abonda dispor dun portal único nen dun programa de xestión único se non se uniformizan e unifican outros parámetros (relación xerárquica do sistema, competencias, vocabularios controlados,etc) para que os centros usuarios do Meiga poidan garantir unha rede de bibliotecas e dun catálogo común.Compre elaborar Pautas de Rede que enfaticen os aspectos cualitativos que deverán ter as bibliotecas de referencia (centrais, comarcais, municiapis) e as súas extensións (municipais, barrio,distrito) e avanzar cara fórmulas de xestión integral dos recursos económicos e humanos, que permita ampliar os perfís en función dos servizos (dinamizadores culturais, informáticos,etc) e da realidade social (horarios, mobilidade). Compre tamén un Mapa de Leitura Pública que fixe os estándares que se precisan para adecuar servizos e colecións das bibliotecas do sistema. Compre agregar as bibliotecas en redes comarcais e municipais (un concello pequeno ben pode dispor dunha extensión dun servizo central ubicado noutro concello )que avancen cara catálogos únicos de servizos ofrecidos en liña e de forma presencial e un organismo que vele pola accesibilidade dos servizos sobre a base dunha diferenciación cuantitativa e de contidos.A situación crítica das Bibliotecas Públicas do Estado - o seu desvencellamento respeito doutras bibliotecas municipais é mesmo estructural e non exclusivo de Galiza- precisan de solucións que para nós pasa prima facie pola súa integración na estructura municipal manteñen o rango de provinciais havería que reorientalas de certo cara todo o territorio e cun papel definido dentro da rede.
Ainda sendo lacerante a diferencia de recursos entre as cidades - que en todo caso dispoñen doutros meios como livrarias, conexión a internet,outros equipamentos culturais)o desigual estado das bibliotecas públicas municipais en concellos que van dos 2000 aos 20.000 habitantes é máis definitorio da usurpación dun servizo que para moitos é garante dun valor universal. E con todo,as nosas administracións son "coherentes" coas súas prácticas:nunca a leitura foi un valor universal para elas,malia os tres mil anos de expresión verbal, malia Diderot ( nunca fora tan necesaria a súa Carta sobre o comercio de livros(1763), malia o intento doutros axentes por naturaliza-la, malia as grandes proclamas, mália o medre consustancial á democratización e alfabetización. Máis do que naturaliza-la o que se precisa é (re)politizar a leitura.Compre non devalar no intento, compre no ficar cautivos do andazo.

O Simposio serveu tamén para vermos como cada vez se fai máis evidente a disonancia entre quenes defenden a leitura como máximo acto de individuación e coidado de si- tendente á súa ontoloxización- e a necesidade da súa socialización previa e posterior. A primeira tende a obturar e enxergar a necesidade e preeminencia da segunda, aquela onde as institucións teñen a obriga de intervir con políticas culturais precisas e orzamentadas.O subdesenvolvimento cultural de noso reflictese non só no insuficiente papel das bibliotecas mais na insuficiente democratización e desenvolvimento do estado do benestar, na feble articulación da nosa sociedade civil- as políticas culturais non pertencen ós técnicos!- e na retraída percepción e expectativa dos nosos políticos.Presentarnos, como se fixo, un metabuscador, un sistema de clusters ou de usabilidade do Meiga pode estar ben noutro contexto(das avantaxes tecnolóxicas para as bibliotecas nos seus diferentes contextos deron pormenorizada e comprida información Catuxa Seoane e Ana Bande) mais non para preencher de contido o que por defecto se manifestou como unha preocupante ausencia de proxecto de articulación de todo o territorio. Logo de tanto andar nas miñocas, de tantos anos de insuficiente desenvolvimento do noso sistema bibliotecario os profesionais da cadea do livro e a leitura (tamén os denominados grupos de interese ou stakeholders: editores, asociacións, partidos, sindicatos,fornecedores, profesionais, poboación,centros de formación) precisamos desa comunicación, de sabermos que se conta con nós, de que se nos escoita, precisamos porén dun roteiro e dun calendario, e que se nos interpele. Neste eido,tamén resulta preocupante o silenzo da academia agora que dispomos dos estudos específicos de documentación e biblioteconomía.Tamén a nosa prensa e meios de comunicación, sendo moitos deles editores, veñen de facer un seguimento (silenzo)informativo revelador que ven podemos calificar de simples testemuño nominal.Ollo ó gato, ollo ó prato: as bitácoras estan a fornecer un xornalismo de marxes.

A bibliotecomía, ainda fornecendo especialistas en sistemas de información, mesmo coincidindo moitos deles cos sistemas de coñecemento, non dispón de discurso público próprio.Con todo, hai paises que teñen no seu imaxinario colectivo este servizo público á beira doutros indicadores de calidade de vida (UK,USA, paises escandinavos,...) O noso país entrou de cheo na postindustralización sen as raiceras próprias do Estado do Benestar. Compre recuperar o tempo perdido, cas bibliotecas non deveñan simples subsídio cultural mais motor activo do noso país.


Para unha visión de conxunto do que alí se dixo (e non se dixo) Bibliotecas, Lectura, Edición (Conclusións)

Bibliotecas municipais, bibliotecas en Vigo e outras utopías culturais
Biblioteca 2.0 en el III Simposio del Libro y la Lectura
Comentarios (4) - Àrea Novas.Comentarios - Publicado o 20-11-2006 12:10
4 Comentario(s)
1 Que bo resumen!!!, eu teño ainda pendente as miñas conclusións e colgar o ppt, pero por #blgtk08#mor duns asuntos legais co blog que xa che te contarei, andamos liadas noutras cousas...
Comentario por Catuxa (22-11-2006 12:51)
2 Viría moi ben dispor da túa presentación xa que traza unha boa panorámica do Web 2.0 e como posibilita re-mediar a biblioteca (e a própria internet re-socializándoa)con grandes avantaxes para xestión do coñecemento e para artellar proxe#blgtk08#ctos comúns(relacións de moitos a moitos), ainda que tamén permite albiscar os riscos (compre non esquecer que a diferencia do html é unha avantaxe competitiva para os expertos en programación, se ben é certo cunha vez aloxados é doado)
Comentario por gardalivros (22-11-2006 19:44)
3 A presentación xa est#blgtk08#á colgada na rede ;)
Comentario por Catuxa (23-11-2006 19:09)
4 Moi, pero que moi ben, este blog merece un premio. Eu tamén colguei a miña presen#blgtk08#tación. Segue a traballar así, fan moita falta aportacións críticas neste oficio.
Comentario por Ana Bande (25-11-2006 00:13)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
 
Ligazóns dende outras webs
Bibliotecas Livros Leitura




Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galego

 Contidos
 Sinalamos
 No cartafol
 Achegas
 Arquivo
 Coñeza tamén



Blog Directory

Free Web Counter

Free Web Counter
Join the Public Library of Science

© by Abertal