galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Cal é a panorámica da nosa lingua?
Insistíamos hai pouco sobre isto de coñecer mellor a nosa propia historia e como a lingua está vencellada en cada momento por ela, de como esta panorámica está fortemente influenciada pola historia. De aí que curioseando ao redor da lingua teñamos que reparar en cousas como:

- Como se chamaba esta terra antes da chegada dos romanos?
- Quen eran e como vivían os castrexos?
- Como foi o proceso de Romanización? Que ten que ver o Priscilianismo coa latinización do territorio?
- Que é o 1º Espertar cultural da Gallaecia?
- Que aportan os Suevos á identidade de Galicia?
- Como evoluciona o mapa das linguas peninsulares dende antes da chegada dos romanos atá hoxe? Dende o ano 1000 ata hoxe podédelo ver nun mapa dinámico das linguas peninsulares.

Son só algunhas das preguntas que podemos facernos nesta descuberta da verdade que estamos invitados a realizar.

Para quen desexe procurar respostas pode consultar neste blog a categoría Historia da Lingua que aparece na listaxe da parte esquerda da pantalla.


AS ORIXES
I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.

II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. A nosa lingua nai, o latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.

IV- Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.



ESPLENDOR E DECADENCIA
V- O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.

VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII: A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.

VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural. Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.



REXURDIMENTO

VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.



O GALEGO NO SÉCULO XX
IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e lingua obrigada no ensino e a administración.

X- O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade: Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963. Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XII- A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 30-09-2014 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre o nome da nosa terra

Na cultura popular, na tradición oral
Os habitantes dos castros para os nosos labregos foron sempre "os mouros e as mouras" encantos que viven debaixo dos castros ao ser derrotados por Carlomagno e non se deixan ver facilmente.

Na historiografía
Pero para os primeiros investigadores, Murguía ou Benito Vicetto, os celtas serían os poboadores dos castros, nese afán diferencialista que lle querían conferir a Galicia estes historiadores galeguistas.
Logo virán interpretacións máis serias, que falan dunha cultura de diversas compoñentes, pero o "celtismo" será unha constante no debate sobre o mundo castrexo ao que non se lle pode negar como mínimo unha importante influencia da chamada civilización celta.

Observa agora estes antigos textos escritos describindo Gallaecia no século IV d. C. por Avieno sobre o tema:

1) Ophiussa porro tanta panditur latus,
quantam iacere Pelopis audis insulam
Graiorum in agro. Haec dicta primo Oestrymnis,
locos et arua Oestrymnicis habitantibus;
post multa serpens effugauit incolas,
uacuamque glaebam nominis fecit sui.
(Ora Maritima, Avieno 152-157)

Cuxa tradución ao galego será:

"Ofiusa proxéctase tanto cara adiante coas súas costas como oes dicir que a illa de Pélope se estende no territorio grego. Foi chamada, ao principio, Estrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome."

2) Cempsi atque Saefes arduos collis habent
Ophiussae in agro. Propter hos pernix Lucis
Draganumque proles sub niuoso maxime
Septentrione conlocauerant laurem.
Poetanion autem est insula ad Saefumum, latet
patalusque portus. Inde Cempsis adiacent
populi Cynetum. Tum Cyneticum iugum,
qua sideralis lucis inclinatio est,
alte tumescens ditis Europae extimum,
in beluosi uergit Oceani in salum.
(Ora Maritima, Avieno 195-204)

E a tradución deste segundo anaco de texto:

"Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves. Pero a isla Petania está dirixida cara Sefumo, e nel un porto extenso agóchase. A continuación, os pobos cinetas son colindantes dos cempsos. Logo, o cabo Cinético, por onde se produce a caída da luz sideral, erguéndose altivo como último bastión da rica Europa, cando ésta se precipita nas ondas do Océano poboado de monstros."


CUESTIÓN.
Podería ser Ofiusa o nome máis antigo deste territorio que hoxe é Galicia?
Algúns autores cren que en realidade estas serpes eran os celtas, denominados "saefes" (serpes), que tiñan aos ofidios por animal totémico. Será esta a narración que confirma as raíces celtas da cultura castrexa?

Sabemos que a existencia de cultos ofiolátricos nos castros galáico-portugueses dedúcese polas representacións de serpes en varios castros saefes, como o de Baldoeiro en Tras os Montes (Portugal), Castro de Penalba, en Campo Lameiro (Pontevedra), ou a serpe en posición heráldica do castro de A Troña, en Ponteareas (Pontevedra)que a parece na fotografía, habitado este último desde o século IV ao II a.C.


Que teñen que ver os mouros cos castros?

Procura algunha lenda de tradición oral sobre mouros ou mouras dos castros na marabillosa páxina de Galicia Encantada
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 24-09-2014 07:05
# Ligazón permanente a este artigo
O ROMANCE DA NOSA LINGUA
A imitación dos romances de cego un autor dos nosos días, Darío Xoán Cabana, escribiu un Romance narrando a historia da nosa lingua.

Como non queremos deixar de ter memoria do noso pasado iso que nos confire identidade e saber máis de nós mesmos, botarémoslle un ollo para ir coñecendo máis cousas sobre a historia do galego.

Unha vez lido o Romance tamén podemos escoitalo na voz de Mini e Mero e os seus compañeiros do grupo A Quenlla:





COPLAS e CUESTIÓNS

I
Miñas donas e señores,
nenos, vellos e medianos,

Cando comeza a historia da lingua galega?
Como se chamaba antigamente o territorio onde vai nacer o galego?
Cal era a situación das linguas antes da chegada dos romanos?

II
Como se chamaba a cultura anterior á romana? Onde vivían?
Cal é a semente plantada nesta Terra que dá lugar ao nacemento da lingua galega?

III
Quen son e en que lingua se expresaban Horacio, Ovidio, Plauto e Columela?
A lingua galega de que tipo de latín deriva?
Antes de nacer o galego e despois dos romanos houbo un pobo e unha lingua que deixan a súa pegada na lingua que ía falar Galicia?


IV
Cal era a situación lingüística de Galicia na época medieval? Realiza unha breve redacción.

V
Unha lingua antes de escribirse, primeiro só se fala. De cando datan os primeiros documentos escritos en galego?

Cando se considera normalizada unha lingua? Estábao o galego na Idade Media?
Que tipo de composicións literarias había daquela? Só se facían en galego en Galicia?

VI
Cal é a temática das cantigas feitas polo rei Afonso e polo rei Denís?
Quen son Martín Codax, Airas Nuñez, Mendiño e Pero Meogo?


VII
Cales son os temas que narraba a prosa medieval en galego?
Que significa a palabra felonía?

VIII
Como se chama esta época na que os escritos en galego se esquecen?

Cales son os motivos que se deixe de escribir en galego? Tamén se deixa de falar?

IX

Quen era Sarmiento, que reclamaba? Eran todos os curas así nesta época? Razóa a resposta.


X
Que significan “crebar" e “desleigados”?

A quen mataron en Carral? En que época? Que pedían? Por que se di que non morreron de todo?

XI
Por que cres que se chama a esta época o Rexurdimento?

Cita cinco poetas desta época:


XII
Era Murguía un poeta. Que escribía?

Cal era o obxectivo das Irmandades da Fala?

En que momento nace este movemento e a Academia?

XIII
Ademáis de escritores estes autores fundaron un partido, como se chamaba?


Quen impulsou o primeiro Estatuto de autonomía para Galicia?


Cales eran os principais logros deste Estatuto?

Que impedíu a posta en marcha do Estatuto? Quen provocou esta situación?


XIV
Como se pode chamar doutro xeito a esta “longa noite de pedra”?

Estaban permitidos daquela os partidos políticos? Como realizaban a súa función?


XV
Que son “ o galo” e “ O facho”?

Que trouxo consigo a recuperación da democracia?

Como podes interpretar estes dous versos?

ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra.

XVI

Que problemas ten a lingua nesta etapa na que vivimos?

Que cres que diferenza a un galego habitante dun galego falante?


XVII

O final do romance está escrito?. Quen vai escribir o final desta historia?

Cal é a advertencia final deste romance?
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 22-09-2014 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Imos comezar cun romance o de DON GAIFEROS
Que é un romance?

Unha fórmula de poesía de carácter tradicional, habitual en certos cantos de transmisión oral que presenta un número de versos octosilábicos indeterminado e con rima asonante nos versos pares.

Quen cantaba os romances en feiras e rúas?

Era costume que os cegos cantasen para gañarse a vida romances e acontecidos acompañados con algún instrumento (zanfona, violín) e interpretando melodías de corte tradicional.

O romance aínda que está en verso realmente conta unha historia, é dicir, ten elementos claramente narrativos cos seus personaxes, nun espazo e nun tempo, mesmo pode haber diálogos entre os personaxes.

Escoitaremos un romance dos máis antigos que se conservan en Galicia. está cantado por un home que investigou a fondo este tipo de música que cantaban os cegos. O romance é o de Don Gaiferos de Mormaltán un peregrín que viña dende Francia a Compostela e se estades atentos a historia seberedes o que lle pasou:



ROMANCE DE DON GAIFEROS DE MORMALTÁN

I onde vai aquil romeiro, meu romeiro a donde irá,
camiño de Compostela, non sei se alí chegará.
Os pés leva cheos de sangue, xa non pode máis andar,
malpocado, probe vello, non sei se alí chegará.
Ten longas e brancas barbas, ollos de doce mirar,
ollos gazos leonados, verdes como a auga do mar.
-I onde ides meu romeiro, onde queredes chegar?
Camiño de Compostela donde teño o meu fogar.
-Compostela é miña terra, deixeina sete anos hai,
relucinte en sete soles, brilante como un altar.
-Cóllase a min meu velliño, vamos xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas da Virxe de Bonaval.
-I eu chámome don Gaiferos, Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas, meu Santiago mas dará.
Chegaron a Compostela, foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou Gaiferos de Mormaltán:
-Gracias meu señor Santiago, aos vosos pés me tes xa,
si queres tirarme a vida, pódesma señor tirar,
porque morrerei contento nesta santa Catedral.
E o vello das brancas barbas caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes, verdes como a auga do mar.
O bispo que esto oíu, alí o mandou enterrar
E así morreu señores, Gaiferos de Mormaltán.
Iste é un dos moito miragres que Santiago Apóstol fai



Deixamos aquí unha versión moderna do grupo Luar na Lubre.



Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 18-09-2014 08:20
# Ligazón permanente a este artigo
OS TEMPOS SON CHEGADOS?
Comeza o curso e imos traballar con "sentidiño".



Bando

Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai seca
para que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra de Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.
Dáse este bando en tal e cal
para que se cumpra
de orde do Alcalde.
Carimbado, firmado e rubricado.


Manuel María, Documentos persoais

A que momento da nosa historia e circunstancias pensas que se están a referir estes versos?

O poeta utiliza a ironía como recurso esencial á hora de poder realizar unha crítica de que cousas?

Intenta elaborar ti un bando semellante cunha crítica dalgún aspecto da sociedade na que vivimos que non te guste. Logo fíxate nesta adaptación dun grupo A Quenlla:

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 16-09-2014 06:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal