galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PORQUE ME SAE DE DENTRO

Cada lingua dálle personalidade cultural ao seu pobo e transmítella a cada un dos seus membros. Cada pobo ten a súa. Cada home ten a do seu pobo. Nós, os galegos, temos a nosa.” RAMÓN PIÑEIRO

”Porque me sae de dentro” é un anaquiño dun verso dun poema moi coñecido de C. E. Ferreiro. Tamén é un dos posibles lemas deste curso 2008/09 que xira arredor da idea da educación da nosa interioridade. Se as linguas fannos humanos exercer como tales humanos esixe vivir na procura de nós mesmos sen esquecer o valor da fala. “Coñécete a ti mesmo” é outra fermosa e vella sentencia da antiga Grecia que podemos aplicar á hora de nos dispor a coñecer ese nós colectivo que se chama Galicia e que usa unha lingua que nos dá identidade no mundo, o galego.


Le agora o seguinte texto:

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal. CASTELAO, Sempre en Galiza

Deberíamos de responder de seguido ás seguintes cuestións antes de seguir :
1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas?. Non ter linguaxe universal. Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel? Non se entenden entre eles. Que sabes ti sobre este pasaxe da Biblia?
2- Segundo Castelao, ¿que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
3- Por que non é posible un idioma universal para todos homes?
4- Por que cres que Castelao dixo : “Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.”

Un idioma é pois un xeirto de definir o mundo e de coñecermos a nós mesmmos. Le atentamente o seguinte texto de ANTÓN VILAR PONTE, en Pensamento e Sementeira:

“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais. (…)
Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)”

Para seguir facéndonos preguntas non debemos esquecer solventar antes as dúbidas no léxico, aquí adxuntamos tres palabras que poden resultar escuras:

>Redención: salvación, liberación.
MimetismoAfán por imitar a outros.
Cosmopolitismo:ser cidadán de todo o mundo.

5- Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante ou residente e un galego falante?
6-Que cres que significa a expresión “redimirse da servidume do mimetismo”. Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
7- Este texto escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é un dos meirandes aportes deste movemento? Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.

Le finalmente estoutro texto de Castelao:

Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.


Antes de responder repara no léxico:
Anceio: desexo.
Acervo: conxunto de bens dun pobo.

8- É a cultura un alimento dos seres humanos?.
9- Que está reclamando Castelao no texto?

10- Unha derradeira cuestión sobre a ilustración , a tira de Xaquín Marín, fai un comentario utilizando como referencia estes debuxos e mais o texto de Castelao " Chegou das Américas..." que deixamos nun enlace máis abaixo, fixándote no tema central do texto e das viñetas.

Chegou das Américas ... de Castelao
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 25-09-2008 07:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal