galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RAMÓN PIÑEIRO no ano 2009
Ramón Piñeiro é un home do século XX nace nunha Galicia e nunha Europa en plena transformación e cambios que provocarán o emerxer dunha Galicia ben distinta á dos séculos precedentes. A Galicia do agrarismo coa desaparición dos foros e da fidalguía, que dará opción por vez primeira aos labregos galegos a mercar as terras que traballaran durante xeracións. Aparecerá tamén o movemento obreiro e o sindicalismo e Galicia verá medrar cidades como Vigo grazas á industria naval. Por último, o galeguismo nacido no XIX evolucionará cara o nacionalismo creándose o Partifdo Galeguista cuxo obxectivo será a aprobación dun Estatuto para Galicia. Ramón Piñeiro será testemuña destes cambis e transformacións e será nalgúns casos protagonista de procesos de gran transcendencia para Galicia como veremos.

1. O neno que coñece a luz e a diglosia.
- Naceu un 31 de maio de 1915, Armea (Láncara en Lugo), lembanzas da nai que tivo que emigrar e do pai, labregos ambos, que lle ensinou a ler antes de ir á escola cun mestre que falaba castelán. Era reservado e xogaba só. Lembra a primeira vez que subiu nun tren e foi ao San Froilán, e cando viu a luz eléctrica.
Estudou bacharelato en Lugo e leu moito nese período.
2. Un mozo galeguista:
Dende os trece aos quince anos Ramón Piñeiro participaba nos labores do campo coma o resto da súa familia e os seus veciños. Lía e escribía para outros emigrados e xuntábase no adro para resumir as novas. Entra a traballar nun comercio en Sarria e fai o bacharelato superior en Lugo onde contacta coas Mocidades Galeguistas no ano 1932 ( lembrar que o proceso de creación das Mocidades: Dende a creación das Irmandades da Fala en 1916, a Asemblea nacionalista de Lugo en 1918 e creación finalmente do Partido Galeguista no 1931) participa dos congresos en 1933 con 18 anos e fala nun mitin en 1935, tras coñecer a Castelao , Otero Pedrayo e a Risco. Finalmente participa activamente na campaña polo plebiscito do Estatuto para Galicia que se vota en febreiro do 1936.

3. No ermo: Piñeiro na guerra civil
Estala a guerra e é quen de escapar a Láncara dende o Goberno Civil de Lugo onde estaba no Comité de apoio á República. Exilio e morte ao seu redor, provocan a procura dunha salvación desesperada alistándose no bando de Franco, presenza fusilamentos e entra en depresión o que o levará a interesarse pola Filosofía. Rematada a guerra e no proceso da II Guerra Mundial intenta contactar e reconstruir o Partido Galeguista. Comeza no 1942 a estudar en Madrid Filosofía e terá que ir a París clandestinamente para lograr que Castelao forme parte do Goberno republicano no exilio. Á volta foi ao cárcere tres anos nos que segue a súa actividade política. Á saída en 1947 comezan as desavinzas con Castelao ao querer restaurar a democracia, aínda que non sexa coa república, senón coa monarquía que curiosamente apoiara a Franco na guerra civil. Logo comeza o seu labor “a través da acción cultural” creándose Galaxia.
4. A estratexia da editorial GALAXIA:
Os galeguistas consideraron que era preciso mudar de estratexia para a salvación do movemento galeguista nesas circunstancias tan adversas do Franquismo. Por outra parte, observaban como as novas xeracións estaban sendo “formadas” nun clima de autoodio no que o galego non só ficara apartado do sistema educativo e de todo acto público, senón que se agravaba a situación de diglosia e, polo tanto, o desprestixio social da lingua. O 25 de xullo de 1950, con certos precedentes como o suplemento do diario La noche e a creación da colección Benito Soto, verá a luz un novo proxecto editorial denominado Galaxia.
Como as autoridades non concedían permiso para editar novas publicacións periódicas, disfrazárona de colección de libros. Foi así como aparece en abril de 1951 Presencia de Galicia, o primeiro número da Colección Grial,prohibida no cuarto número e logo recreada no ano 1963 como Revista (tiña que ir 50% en castelán)




5. A LINGUA O PRIMEIRO OBXECTIVO:
Cando no ano 1950 se funda a editorial Galaxia, son ben conscientes da necesidade de prestixiar o idioma e recuperar ámbitos de uso. Por iso lle conceden importancia ás traducións de ensaios como o de Heidegger, Da esencia da verdade, que Piñeiro fixo xunto a Celestino Fernández de la Vega, e co que pretendían acabar co prexuízo –ao que tamén contribuíu o lingüista Dámaso Alonso– de que o galego “só serve para facer poesías ou para lles falar aos labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía”

O compromiso de Piñeiro coa causa da lingua en circunstancias adversas e o aproveitamento das escasas fendas que deixaba a ditadura apréciase no texto que redactou no ano 1954 con ocasión da VIII Asemblea Xeral da UNESCO que se celebraba en Montevideo. Para este foro elaborou un documento no que denunciaba a persecución que o franquismo exercía sobre a lingua galega.
En 1956, por iniciativa do Consello de Galicia, organismo do exilio en América, celebrouse o Congreso da Emigración Galega en Bos Aires, e Ramón Piñeiro presenta o relatorio “A defensa do idioma, vencello espiritual de todos os galegos”
Durante a década dos corenta a Real Academia Galega era unha institución paralizada. En 1951 comeza a incorporación á Academia de persoas vinculadas ao proxecto da editorial Galaxia –Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo, Carballo Calero, García-Sabell, Fernández del Riego, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Álvarez Blázquez–. En 1967 incorpórase Ramón Piñeiro cun discurso de ingreso que leva por título “A linguaxe e as linguas”, un texto que é considerado por A. Santamarina e H. Monteagudo como o agromar da sociolingüística galega. Neste texto aparece a súa teoría dos tres prexuízos: o sociolóxico (autoodio), lingüístico(falta de norma) e ideolóxico (mellor unha lingua universal, non a pluralidade).


6. UN FILÓSOFO DA SAUDADE:A guerra decántao cara a filosofía e en 1942 estuda en Madrid. Decepcionado polo ambiente conservador da postguerra. O seu traballo Da esencia da verdade , unha tradución ao galego de Martín Heidegger (1950) que non podería publicarse ata o 56 pola reacción franquista que acusaba dicindo “En Galicia, algún pedantón traduce la filosofía alemana con ritmo de gaita”. Non impiden que se dedique ao seu gran tema a saudade: intenta demostrar que é un dos trazos distintivos dos galegos. Definida como o sentimento da soidade ontolóxica do home, sérvelle para afirmar a europeidade de Galicia, relacionándoo coa lírica galaico-portuguesa de todos os tempos. A saudade en Rosalía (1952) e Para una filosofía da saudade (1963) Platón en galego (1965) o “mito da espenuca” e unha obra non exclusivamente filosófica Olladas no futuro (1974) reflexións sobre tres liñas básicas: lingua, cultura e pobo.

7. UN HOME POLÍTICO: defensor da Democracia e de Galicia.
Durante a década dos cincuenta, logo da morte de Castelao, acentuáronse as diferenzas entre o grupo de Galaxia e os galeguistas do exilio, que os acusaban de abandonar a loita política a polo culturalismo.
En 1957 en Bos Aires repite ante o Consello de Galicia que o afastamento dos exiliados non lles permite ver con acerto as circunstancias polas que atravesa o galeguismo baixo a peso da ditadura franquista, e que todo o que se fai no interior é un labor político ao que non lle falta visión nin eficacia, para o que presenta como exemplo a denuncia feita na VIII Asemblea da UNESCO no ano 54.

Durante estes anos o grupo Galaxia tiña dous polos: por un lado,Vigo, no que estaba
sede a editorial; por outro, Santiago de Compostela, onde Ramón Piñeiro entraba en contacto coas novas xeracións universitarias para atraelas cara ao galeguismo. Foi así como Piñeiro iniciou un labor socrático desde a súa célebre “mesa de braseiro”, no piso de Xelmírez 15, que se converteu nun símbolo daquela época.

Nos anos 60 o panorama político mudou ao se incorporaren á acción política mozos e mozas á marxe dos que tutelara Ramón Piñeiro e o grupo Galaxia. Así xorde a Unión do Pobo Galego que contesta a acción cultural e o tipo de galeguismo representado por Piñeiro. Mentres tanto, Ramón Piñeiro considera que non é conveniente reducir o movemento galeguista a un só partido, xa que a súa adscrición –tanto que fose á esquerda coma á dereita– deixaría fóra aqueles galeguistas que non sintonizasen con esa ideoloxía.
Nesta liña, cómpre lembrar unha sentenza súa –galego por nación, español por historia, europeo por cultura– que reflicte a súa concepción dun galeguismo non nacionalista. A idea de que agromasen tendencias de distinto signo.

En xuño de 1979. Con todo, no seu paso polas Cortes de Madrid, o goberno da Unión de Centro Democrático quixo rebaixar o nivel de competencias da autonomía galega e aprobou un Estatuto cos votos en contra de toda a oposición, o que se coñece como “Estatuto da aldraxe”. Esta decisión provocou unha mobilización sen precedentes en Galicia e foi neste momento cando se produciu a reacción de Ramón Piñeiro e do grupo Galaxia (Realidade Galega)que finalmente logran un novo Estatuto ao nivel do de Cataluña e Euskadi aprobado no ano 80.
Nunha criticada decisión, Ramón Piñeiro pensou que, dadas as escasas posibilidades que tiñan os partidos nacionalistas de acceder ao Parlamento, era oportuno aceptar a oferta do PSOE de incluír nas súas listas, como independentes, catro galeguistas: Benxamín Casal, Carlos Casares, Alfredo Conde e o propio Piñeiro. Durante a súa etapa parlamentaria, Piñeiro destacou polo seu labor de mediador entre as distintas forzas políticas e pola xestión política que realizou para a aprobación da Lei de Normalización Lingüística. Finalmente traballou pola creación do Consello da Cultura Galega que presidiu ata o ano da súa morte 1983-1990

ACTIVIDADES
1-Consulta e resume a entrada Saudade na mesa camilla instalada na Biblioteca:

2- OS DOUS PIÑEIROS
Cústame moito traballo escribir de Ramón Piñeiro. Non me é grato axuizar esta figuran realmente central daqueles anos. Pero é necesario facelo. Sucédeme que temo da miña obxectividade, sometido como estou a dúas forzas contraditorias: a figura do Ramón Piñeiro que coñecín nos anos cincuenta e tantos –dinámico, imaxinativo, cheo de fe e de forza, verdadeiramente progresista– e a do Ramón Piñeiro que coñecín nos anos setenta e oitenta, un pouco contrafigura do primeiro –máis ben tardo e conservador, máis conformista e rutineiro–.
Xosé Luís Franco Grande, Os anos escuros I, Xerais. (Adaptación)
• Que cambio aprecia o autor do texto en Ramón Piñeiro?
• Que é unha contrafigura? Paréceche axeitado este termo para describir a evolución
antes sinalada? Por que?
Comentarios (0) - Categoría: DÍAS DAS LETRAS - Publicado o 17-05-2009 07:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal