galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

FOLLAS NOVAS O CUMIO POÉTICO DE ROSALÍA
Imos ao encontro outro curso máis do magnífico libro de Rosalía, o que representa o cumio da súa poética que contrasta ao mesmo tempo que establece unha certa continuidade co seu primeiro libro en galego, o dos Cantares.
En Follas Novas Galicia está presente doutro xeito, e o estilo de Rosalía varía, faise máis pesimista e crítico, tamén máis lírico para manifestar o sentimento da dor existencial do ser cun carácter novidoso na literatura do século XIX, premonitoria doutras poéticas posteriores.

Comezamos polo principio, polo prólogo que ela titulou: DÚAS PALABRAS DA AUTORA

Logo iremos falando das viúvas dos vivos e da Habana, do cravo,



da saudade, das sombras...



Imos ver outro poema para ver de situalo no libro:

Tecín soia a miña tea



En Follas novas atopase un dos máis logrados poemas de Rosalía sobre a muller do emigrante. Vemos un retrato desta muller forte que realiza soa as máis duras tarefas: sementa o campo, recolle leña no monte, leva a herba e a augua... A rudeza dos traballos contrasta coa tenrura e delicadeza que reflicten as súas palabras:


Tecín soia a miña tea,
sembréi soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
él non ha de virme a erguer,
él xa non me pousará.
¡Qué tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...;
ferve o pote..., mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdéuse,
ninguén sabe en ónde vai...
Anduriña que pasache
con él as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime en ónde está.



(F. N. 287)


O final lembra, como o poema citado anteriormente, as cantigas de amigo medievais, pero ao carácter intensamente lírico destas engádense notas de realismo que asocian o poema a unha estrutura social moi determinada, as xentes humildes. Os traballos enumerados no poema só en Galicia son realizados por mulleres, e non só en ausencia dos homes, senón na súa compaña. Fixémonos en que ela di que, aínda que morra baixo o peso da carga, el non ha de vir a axudala a erguer e a pousar. En Galicia, as mujeres labregas transportan, apoiándoos nos ombreiros ou sobre a cabeza, grandes pesos (feixes de herba, cestas e cántaros...) que outra persoa ten que axudarlles a subir e baixar.

A carón das notas realistas achamos no poema unha intensa vivencia da soidade -obsérvese a reiteración expresiva da palabra soia-, sentimento que, posiblemente, está moi presente na propia Rosalía, pero que é tamén unha característica galaica (a saudade é un trazo típico da nosa literatura). E, informando, envolvendo ao poema en unha atmosfera especial, sitúase como esencial a tenrura; tenrura disimulada baixo a dureza dos primeiros versos, que pintan a unha muller solitaria entregada a rudas tarefas, e que se manifesta por primeira vez nesa reiteración expresiva da palabra el: «él non ha de virme a erguer, él xa non me pousará», e nese adverbio xa, evocador de tempos pasados. A partir de ese momento, a afectividade maniféstase na proliferación de posesivos e diminutivos: «Ferve o pote, mais, meu caldo, soíña te hei de cear», «o meu homiño perdéuse»; perfectos exemplos estes do carácter afectivo e non cuantitativo dos diminutivos en galego.

As evocacións ao mundo natural poñen de relevo a súa sensibilidade a través da natureza que a rodea: vento, grilo, rulas e anduriña son outro elemento destacable funcionando como símbolos do paso do tempo en soidade, do amor e da saudade que sinte.

Polo seu realismo, a súa saudade e a súa tenrura, o poema constitúe un fermoso canto á personalidade da labrega galega no que se evidencia tamén ese pensamento protofeminista que Rosalía representa ao poñer a súa atención o seu centro de interese sobre a muller e as súas condicións de vida. A súa soidade asociada a súa fortaleza e capacidade de valerse por si mesma en situacións duras.
Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 26-04-2012 08:04
# Ligazón permanente a este artigo
CANTARES GALEGOS E A TRADICIÓN ORAL
Podedes consultar esta obra fundamental de Rosalía de Castro en varios lugares da rede:no Instituto Cervantes ou na nova web da Academia galega.
A conexión desta obra coa tradición oral podémola consultar noutra entrada deste blog

Rosalía cédelle a voz ao pobo galego, quere retratar con dignidade o verdadeiro espírito do pobo e canta a meniña gaiteira ao comezo e fin do libro:



A paisaxe dignificada está moi presente:


E así outorgalle a voz ao emigrante en "Adiós ríos, adiós fontes":




Un exemplo do costumismo deste libro dos Cantares está no poema "Un repoludo gaiteiro" que na rede ten unha curiosa presenza na galipedia digna de visitar. tamén é curiosa esta versión sorprendentemente subtitulada cantada por Amancio Prada:





A temática socialpatriótica é a máis ampla no libro:



Mais o eu lírico de Rosalía tamén aparece en Cantares como augurando á Rosalía de Follas Novas





Finalmente o poema a Alborada que cobra un valor simbólico ao pechar o libro:





Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 12-04-2012 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal