galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Alá cando eu era un mozo
En Galicia existe unha grande variedade de contos (marabillosos, humorísticos, mnemotécnicos, eróticos,etc...) pero o estraño é atopalos en forma de canto. Trátase sen dúbida dunha mestura de subxéneros da tradición oral pois son acontecidos cargados de ironía que usando as técnicas propias dos romances( ese formato tan popular e tan antigo)manteñen con eles unha semellanza formal, sendo de contidos menos elevados, máis populares e que podían perfectamente ser parte do repertorio dos cegos aínda que non sempre foron historias escritas nos pregos.Esta que transcribimos a continuación pode ser de orixe "culta", pero o seu anonimato fai dela unha peza singular dentro da literatura de tradición oral.
Traemos aquí este exemplo conto cantado coñecido e popularizado a partir da gravación do CD "GALICIA DERRADEIRA POLAVILA" unha gravación realizada na casa dos mesmos informantes, é dicir, por especialistas cun estudo móbil que percorreu Galicia nos anos 80.

Alá cando eu era mozo foi interpretada por Xosé Abilleira nunha versión que xa fora recollida a principios de século con máis coplas. Tiña 75 anos no momento de ser rexistrada no ano 1985 en Neira de Rei, Baralla ( Lugo).

Alá cando eu era mozo,
tiña doce anos cumplidos
fun ver a unha nena guapa
filla de Xoan dos Despidos.

Eu levaba un pau tan grande
coma un fumeiro dun carro,
unhas zocas de chinela,
fumando nun gran cigarro.

Cheguei, déille as boas noites,
sae un can moi apurado,
eachóume o calzón de estreno
e máis deixoume deitado.

A rapaza non estaba,
que iba dar un viaxiño
e saín para aguardarlle
ó alboio dun veciño.

Sae outro can tan grande
coma a cabeza dun sapo,
arrastróume polo chan
coma se eu fora un trapo.

Eu a sentir tal barullo
deixei as zocas chinelas
e para que non me colleran
déille cebo ás canelas.

Miña nai ó chegar á casa
fíxome unhas boas sopas,
cantóume as cuarenta en bastos
e máis dispois vinte en copas.

Meu pai ó chegar á casa
para quentarme ben as moas
dóume sete bofetadas,
encima de mans, filloas.

* Outra versión versión cantada
Comentarios (1) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 26-02-2009 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
ROMANCE DE DON GAIFEROS
Trátase dun dos romances máis vellos dos conservados e recollido por tradición oral polo estudoso Faustino Santalices, un dos homes aos que debemos a recuperación da zanfona, ese instrumento medieval que usaban os cegos para cantar ás portas das igrexas ou nas feiras romances como os que podes escoitar a continuación. Estes cegos á súa vez foron continuadores da tradición dos xograres medievais de aí que nalgúns casos se nos conserven pola vía da tradición oral romances como o de DON GAIFEROS DE MORMALTÁN que é o nome dun ilustre peregrín a Compostela do século XIII, o Duque de Aquitania, que tras percorrer baixo o nome cabaleiresco de Gaiferos de Mormaltán o Camiño Francés até Santiago morreu un día de Venres Santo ao pé do altar do Apóstolo como narra o romance e aparece tamén citado tal suceso no Códice Calixtino.




ROMANCE DE DON GAIFEROS
I onde vai aquil romeiro, meu romeiro a donde irá,
camiño de Compostela, non sei se alí chegará.
Os pés leva cheos de sangue, xa non pode máis andar,
malpocado, probe vello, non sei se alí chegará.
Ten longas e brancas barbas, ollos de doce mirar,
ollos gazos leonados, verdes como a auga do mar.
-I onde ides meu romeiro, onde queredes chegar?
Camiño de Compostela donde teño o meu fogar.
-Compostela é miña terra, deixeina sete anos hai,
relucinte en sete soles, brilante como un altar.
-Cóllase a min meu velliño, vamos xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas da Virxe de Bonaval.
-I eu chámome don Gaiferos, Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas, meu Santiago mas dará.
Chegaron a Compostela, foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou Gaiferos de Mormaltán:
-Gracias meu señor Santiago, aos vosos pés me tes xa,
si queres tirarme a vida, pódesma señor tirar,
porque morrerei contento nesta santa Catedral.
E o vello das brancas barbas caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes, verdes como a auga do mar.
O bispo que esto oíu, alí o mandou enterrar
E así morreu señores, Gaiferos de Mormaltán.
Iste é un dos moito miragres que Santiago Apóstol fai

Para SABER Máis sobre Faustino Santalices
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 26-02-2009 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
DESPOIS DE VER A LINGUA DAS BOLBORETAS
Despois de ver a película, cres que a ilustración de Castelao do 1937 do seu álbum GALICIA MÁRTIR ten alguna relación coa película. Cres que puido inspirar a Manuel Rivas á hora de escribir o seu relato. Cal é tema que une o debuxo, o relato e a película. (Podes ver a ilustración no enlace de máis abaixo onde os comentarios)



Comenta estas palabras do texto orixinal do relato de Manuel Rivas:

"¡Traidores! ¡Criminais! ¡Roxos!"
"Berra ti tamén, Ramón, polo que máis queiras, ¡berra! A miña nai levaba collido do brazo a papá, como se o suxeitara con toda a súa forza para que non desfalecera. "Que vexan que berras, Ramón, que vexan que berras!" E entón oín como o meu pai dicía "Traidores!" cun fío de voz. E logo, a cada vez máis forte, ¡Criminais! ¡Roxos!" Soltou do brazo da miña nai e achegouse máis á fileira dos soldados, coa mirada enfurecida cara ao mestre. "¡Asasino! ¡Anarquista! ¡Comenenos!"
Agora mamá trataba de retelo e tiroulle da chaqueta discretamente. Pero el estaba fóra de si. "¡Cabrón! ¡Fillo de mala nai!" Nunca lle escoitara chamar iso a ninguén, nin sequera ao árbitro no campo de fútbol. "A súa nai non ten a culpa, ¿eh, Moncho?, recorda iso". Pero agora volvíase cara a min entolecido e empuxábame coa mirada, os ollos cheos de bágoas e sangue. "¡Bérralle ti tamén, monchiño, bérralle ti tamén!"
Cando os camións arrincaron cargados de presos, eu fun un dos nenos que corría detrás lanzando pedras. Buscaba con desespero o rostro do mestre para chamarlle traidor e criminal. Pero o convoi era xa unha nube de po ao lonxe e eu, no medio da alameda, cos puños pechados, só fun capaz de murmurar con rabia: "Sapo! ¡Tilonorrinco! ¡Iris!".




Agora, para rematar comenta este texto da película:

─ Cando un morre... ¿morre ou non morre?
─ ¿Na súa casa que din?
─ A miña nai di que os bos van ao ceo e os malos ao inferno.
─ ¿E o seu pai?
─ O meu pai di que de haber xuízo final os ricos irían cos seus avogados, pero á miña nai non lle fai gracia.
─ ¿E vostede que pensa?
─ Eu teño medo...
─ ¿É vostede capaz de gardar un segredo?
(si coa cabeza)
─ Pois en segredo... ese inferno do máis aló non existe... O odio, a crueldade... iso é o inferno... Ás veces o inferno... somos nós mesmos.

Do guión da película " A lingua das bolboretas" José Luis Cuerda
A DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE
ÁLBUM GALICIA MÁRTIR por CASTELAO
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 17-02-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
COMENTARIO DA CANTIGA DE MEENDINHO
Seríam’eu na ermida de San Simión
e cercáronmi as ondas que grandes son.
Eu atendendo meu amigo,
eu atendendo meu amigo.

Estando na ermida, ant´o altar
e cercáronmi as ondas grandes do mar.
Eu atendendo meu amigo,
eu atendendo meu amigo.

E cercáronmi as ondas que grandes son,
nen ei i barqueiro nen remador.
Eu atendendo meu amigo,
eu atendendo meu amigo.

E cercáronmi as undas do alto mar,
non ei i barqueiro nen sei remar.
Eu atendendo meu amigo,
eu atendendo meu amigo.

Non ei i barqueiro nen remador,
morrerei eu, fremosa, no mar maior.
Eu atendendo meu amigo,
eu atendendo meu amigo.


Nen ei i barqueiro nen sei remar
e morrerei eu, fremosa, no alto mar.
Eu atendendo meu amigo,
eu atendendo meu amigo.

Meendinho (B 852; V 438)

Notas:
Sería : estaría. i: aquí.
Atendendo: esperando alto mar: mar axitado
ei: teño.
O refrán pode presentar noutras versións a interrogante “ e verrá?: e virá

Escoitar a versión musical de Amancio Prada

LOCALIZACIÓN: Esta cantiga que aparece con frecuencia nas antoloxías de lírica medieval europea está composta contra o século XIII-XI e é a única que se nos conserva do seu autor, do que non sabemos máis nada que o seu nome. Trátase dun xograr, ao non asinar co apelido, un diminutivo do nome Mendo, tan estendido na época.
A cantiga pertence ao xénero das cantigas de amigo trata dunha muller na ausencia do seu amigo, e polas referencias ao mar é sen dúbida unha “mariña ou barcarola” aínda que tamén pode encadrarse no conxunto de cantigas denominadas de “romaría” pola referencia ao San Simión que podemos identificar coa illa que hoxe leva o nome deste santo.



Comentarios (4) - Categoría: LÍRICA MEDIEVAL - Publicado o 01-02-2009 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal