galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A linguaxe literaria
Unha linguaxe literaria é orixinal, ten intención estética, é dicir, esa forma de comunicar co obxectivo de implicar ao lector ou ao ouvinte (caso da literatura de tradición oral tan importante na nosa literatura)e para atrapalo, seducíndoo,normalmente pola beleza do expresado, ou ben polo divertido e pracenteiro que resulta.

A linguaxe literaria non é unha comunicación simple e sinxela co único pretexto de informar sen máis sobre algo. Podemos dicir que é unha linguaxe pouco práctica, pois provoca en nós unha reacción que segundo sexa o xénero literario lévanos ao terreo dos sentimentos e as emocións (poesía), ou ao dos aconteceres reais ou ficticios máis ou menos intrigantes e aventureiros(narrativa), ou aos conflitos de ideas e persoas con toda a súa crudeza (teatro).

A linguaxe literaria abre o mundo dos soños, un mundo ao que aludía Cunqueiro como necesario para o home:

" O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben, contar a totalidade humana, que el, pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas. Se hai algo que estea claro nesta dieta é que o home precisa, en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños."

1- Busca o relato "A bañeira e o demo" do libro Merlín e Familia de Álvaro Cunqueiro onde podes descubrir a presenza de elementos fantásticos narrados como se fosen reais o humor ou o uso da narración seguindo a estratexia propias do relato oral.


A BAÑEIRA I O DEMO
- Isto pasou fai por agora un ano no reame de Nápoles, nunha quinta que chaman
Pratto Nuovo, e que é dunha nipota do Grande Inquisidor, e nista historia vese que nin
as grandezas cristiás se libran do maligno. Pariu ista señora nipota, que se chamaba
donna Eleonora, un meniño, e fórono bañar naquela bañeira de cristal, que a estrenaban
tal día. E non ben botaron o picariño á iauga, desfíxose nela coma se fora de sal ou de
azucre. Todo foi un gran berro de pasmo na quinta, e ninguén daba creto ao conto pro o
feito era o feito, i o neniño desaparecera. Houbo que botar aquela auga no camposanto, i
ao botellón en que iba fixéronlle un enterro a oito, con música, responsos froleados i o Grande Inquisidor de capa magna. Fai quince días pariu outra vez a nipota, e coma ao
neniño había que bañalo, volveron poñer a bañeira de cristal, que é unha obra antiga de
moito apunte, na cámara da parida, i estaba o Grande Inquisidor presente, e tamén o
exorcista de Palermo, que é quen lles quita o demo do corpo aos Borbós de Nápoles
cando fai falla, que é casi sempre por anos bisestos, e tamén estaba todo o
protomedicato das Dúas Sicilias, e xa iban bañar o cativo, cando se lle pasou á nai polo
maxín que tiña o seu señor tío que benzoar a bañeira, e inda o Grande Inquisidor non
dixera «In nomine Patris», xa se quebrara a bañeira en mil anacos, e saíra dela un
grande cheiro a solfo, i o exorcista de Palermo co puño curvo do seu paraugas tivo
tempo de coller polo pescozo ao demo que fuxía, pro iste puido esgüírse e perderse pola
chimenea. Sóupose que a bañeira fora mercada nunha abadía mui notada de monxas,
que chaman Fossano, e que era a bañeira que tiñan as abadesas para bañarse por Pascoa
e por San Martiño, i as monxas por San Pedro, e que non era tal bañeira, senón un demo
que se trocara nela por ver, ao seu tempo, ás señoras monxas en coiros.


Álvaro Cunqueiro: Merlín e familia (1955)


2- Procura no seguinte poema de Cunqueiro do seu libro Herba de aquí ou acolá saber cal é o seu tema, e logo xogo a identificar figuras, tropos e e tópicos: Díxenlle a rula


Díxenlle á rula: Pase miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o río.
O meu anxo da garda, coas azas sob o brazo dereito,
na man esquerda a calabaciña da auga,
ollando a rula irse, comentóu:
-Calquera día sin decatarte do que fas
dices: Pase miña señora!
e é a alma túa a quen despides como un ave
nunha mañán de primavera
ou nun serán de outono.




Como deixou dito E. Teixidor, “a xente que le libros vive máis, vive a súa propia vida e a dos libros que le polo que ten máis experiencias, máis emocións, máis vidas.“

Ler non é só un marabilloso pracer, tamén nos axuda a entender mellor o mundo, a enfrontarnos coas nosas emocións, a madurar e a ser persoas máis completas.
Comentarios (0) - Categoría: LITERATURA - Publicado o 16-10-2012 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal