galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sobre o nome da nosa terra (I)

Na cultura popular, na tradición oral
Os habitantes dos castros para os nosos labregos foron sempre "os mouros e as mouras" encantos que viven debaixo dos castros ao ser derrotados por Carlomagno e non se deixan ver facilmente.

Na historiografía
Pero para os primeiros investigadores, Murguía ou Benito Vicetto, os celtas serían os poboadores dos castros, nese afán diferencialista que lle querían conferir a Galicia estes historiadores galeguistas.
Logo virán interpretacións máis serias, que falan dunha cultura de diversas compoñentes, pero o "celtismo" será unha constante no debate sobre o mundo castrexo ao que non se lle pode negar como mínimo unha importante influencia da chamada civilización celta.

Observa agora estes antigos textos escritos describindo Gallaecia no século IV d. C. por Avieno sobre o tema:

1) Ophiussa porro tanta panditur latus,
quantam iacere Pelopis audis insulam
Graiorum in agro. Haec dicta primo Oestrymnis,
locos et arua Oestrymnicis habitantibus;
post multa serpens effugauit incolas,
uacuamque glaebam nominis fecit sui.
(Ora Maritima, Avieno 152-157)

Cuxa tradución ao galego será:

"Ofiusa proxéctase tanto cara adiante coas súas costas como oes dicir que a illa de Pélope se estende no territorio grego. Foi chamada, ao principio, Estrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome."

2) Cempsi atque Saefes arduos collis habent
Ophiussae in agro. Propter hos pernix Lucis
Draganumque proles sub niuoso maxime
Septentrione conlocauerant laurem.
Poetanion autem est insula ad Saefumum, latet
patalusque portus. Inde Cempsis adiacent
populi Cynetum. Tum Cyneticum iugum,
qua sideralis lucis inclinatio est,
alte tumescens ditis Europae extimum,
in beluosi uergit Oceani in salum.
(Ora Maritima, Avieno 195-204)

E a tradución deste segundo anaco de texto:

"Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves. Pero a isla Petania está dirixida cara Sefumo, e nel un porto extenso agóchase. A continuación, os pobos cinetas son colindantes dos cempsos. Logo, o cabo Cinético, por onde se produce a caída da luz sideral, erguéndose altivo como último bastión da rica Europa, cando ésta se precipita nas ondas do Océano poboado de monstros."


CUESTIÓN.
Podería ser Ofiusa o nome máis antigo deste territorio que hoxe é Galicia?
Algúns autores cren que en realidade estas serpes eran os celtas, denominados "saefes" (serpes), que tiñan aos ofidios por animal totémico. Será esta a narración que confirma as raíces celtas da cultura castrexa?

Sabemos que a existencia de cultos ofiolátricos nos castros galáico-portugueses dedúcese polas representacións de serpes en varios castros saefes, como o de Baldoeiro en Tras os Montes (Portugal), Castro de Penalba, en Campo Lameiro (Pontevedra), ou a serpe en posición heráldica do castro de A Troña, en Ponteareas (Pontevedra)que a parece na fotografía, habitado este último desde o século IV ao II a.C.


Que teñen que ver os mouros cos castros?

Procura algunha lenda de tradición oral sobre mouros ou mouras dos castros na marabillosa páxina de Galicia Encantada
Comentarios (2) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 19-10-2010 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
O PRIMEIRO ESPERTAR CULTURAL DE GALICIA
O Primeiro Espertar Cultural de Galicia

Entre os séculos IV e VI d. C. podemos situar este fenómeno cultural que fixo da Gallaecia romana un referente a nivel Europeo, especialmente naqueles territorios que usaban o latín porque formaran parte do Imperio romano, agora en plena crise pola presión dos pobos denominados bárbaros. Precisamente por este motivo van chegar a este territorio neste período os Suevos, pobo de orixe xermánica, unha vez instalados no 409 no territorio Noroeste da Península Ibérica, lograrán establecer baixo o seu poder o 1º reino medieval de Europa, independente do poder romano entre os anos 410 – 411 que van coincidir en boa medida co dito esplendor cultural que se concretará en toda unha serie de persoeiros moi destacados no eido da cultura. Dáse a casualidade de que tal número de escritores e de personaxes influentes de orixe galaica non se deu neste período en ningún outro lugar do antigo Imperio Romano.

Temos que indicar que a extensión da Provincia Romana de Gallaecia, primeiro e logo do Reino Suevo era moito máis grande que a actual Galicia, foino así durante toda a etapa medieval. O territorio chegaba polo sur ata o río Douro e polo Leste estendíase polo menos ata a actual Cantabria.

A listaxe de persoeiros de orixe galaica comeza con Prisciliano e o movemento xerado por este controvertido bispo tras da súa execución en Tréveris ( e as peregrinacións que se xeraron cara o sartego do que foi venerado polo pobo como un mártir). Prisciliano e o priscilianismo foi seguramente o factor que promove os primeiros xermolos literarios na Gallaecia que se resumen nos intelectuais Orosio, Hidacio, Baquiario, Toribio, Avito, aos que podemos engadir aos emperadores romanos Máximo e Teodosio, a emperatriz Elia Flacila. Debemos logo situar nesta lista a Exeria, escritora coñecida pola súa peregrinaxe a Xerusalén. Cara o século VI chegará a esta terra para intentar erradicar entre outras cousas o priscilianismo Martiño de Dumio e máis adiante, tras pasados xa estes primeiros séculos do espertar aínda aparecerán algúns que outros autores de interese como Valerio do Bierzo. Todos eles cun nivel cultural máis que notable, empregaron o latín como lingua de comunicación porque aínda non se falaba outra cousa,foron influentes e coñecidos polo mundo cultural da súa época e nos seus escritos pódese apreciar tamén como se senten homes e mulleres identificados co territorio da Gallaecia, constituíndo os primeiros fundamentos da personalidade histórica de Galicia.




CUESTIÓNS:
-Procura agora ti algunha información sobre estes personaxes, datas nas que viviron, feitos polos que destacaron e obras que realizaron e suma esta cuesti´n ás que aparecían na entrada anterior referida aos 1600 anos do Reino Suevo de Galicia(máis abaixo)
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 08-10-2010 06:35
# Ligazón permanente a este artigo
1600 anos da creación do reino Suevo de Galicia
Estes días estáse a desenvolver o Congreso internacional "1600 anos do reino Suevo de Galicia" no Pazo da Cultura de Pontevedra organizado pola Universidade de Santiago. Un evento importante para a nosa cultura. Á par da xestación deste reino a mans dos Suevos, estábase a dar o que segundo X.Eduardo López Pereira podemos denominar o 1º Espertar cultural de Galicia.

CUESTIÓNS:
1- Quen son os principais protagonistas e cales os principais fitos deste 1º espertar cultural de Galicia?


2- Que aportaron os Suevos á Historia da nosa Lingua?

Redacta unha redacción de non menos de 25 liñas sobre este tema na que procures aportar algún datao relevante sobre a influencia dos Suevos no superestrato lingüístico do galego.(Podes facer unha pequena consulta na páxina do Colexio en departamento didácticos, no Departamento de Galego na entrada titulada Historia da Lingua onde atoparás algo máis de información sobre a pegada dos Suevos na Lingua).

3- Observando o mapa dinámico do territorio do Reino de Galicia dende a época romana ano 19 ata o século XIX, comenta cada unha das etapas e estensión do seu territorio.

Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 05-10-2010 06:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal