galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un caderno titulado
POR QUE ME SAE DE DENTRO
Proxecto de interiorización cara a Galicia que levamos dentro:

Quen son eu? Memoria do meu
1. De quen veño sendo. Árbore xenealóxica. O meu nome, os meus apelidos(antroponimia)
3. Os meus parentes qué falaban, qué falan.
4. Qué lles cantaban, qué me cantaron. A miña primeira Literatura (a de tradición oral).

5. Fraseoloxía e refraneiro. A oralidade parte do nós.
6. Da casa ao lugar. Os meus espazos da infancia (toponimia e microtoponimia)

7. DO EU AO NÓS: Historia de vida do meu avó/avoa (lingua e sociedade no século XX)
8. A súa vida e a miña vida. Que me queda a min da Galicia de hai 60 anos?
9. Que me entrega a miña familia. Vou estragar a súa herdanza?


Imos por partes:

1º De quen veño sendo.
Primeiro debo procurar a miña árbore xenealóxica cos nomes e apelidos dos meus devanceiros, tamén coas súas fotos pois é moi importante a memoria fotográfica e visual dun mesmo, é dicir, do EU que son.
Agora que xa teño a miña árbore, sei como se chaman os meus bisavós, mesmo algún tataravó, imos logo a traballar a miña antroponimia, a historia e orixe do meu nome, tamén dos meus apelidos, e dos nomes da miña familia. Podemos consultar no enlace de máis abaixo e seguir a proposta do libro de texto da clase (páx. 169) que nos vén propoñendo o seguinte:

-Estudar a orixe e significado dos nomes e apelidos da miña familia.
- Se é que se dá o caso sinalar as deturpacións castelanizantes que sufriron na forma ou na grafía algúns dos meus apelidos e indicar cal sería a súa forma xenuína en galego. Podemos usar o enlace "chámate con xeito" de máis abaixo da Universidade de Vigo con esta finalidade)
-No outro enlace podemos comprobar a frecuencia e a distribución xeográfica dos meus apelidos.

Despois imos reparar nas dúas cuestións que che propoñemos a continuación:
- O meu nome é produto dalgunha moda ou gusto dunha época? Detectamos algo parecido cos nomes que se usaron na miña familia?
-Finalmente imos cos alcumes, ou tamén chamados "malos nomes". Agora si que saberemos de quen vés sendo. Investiga sobre os alcumes dos teus familiares orixe e significado e logo reconstrúe na medida do posible a árbore cos nomes populares que conserves da túa familia.
Distribución xeográfica dos nomes e apelidos
Chámate con xeito na Universidade de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: POR QUE ME SAE DE DENTRO - Publicado o 30-10-2008 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
ANTROPONIMIA
COMPROBAR O MEU NOME EN GALEGO
Comentarios (0) - Categoría: POR QUE ME SAE DE DENTRO - Publicado o 26-10-2008 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
UN TEXTO NARRATIVO PARA COMENTAR
Mamá, ( da novela “Os comedores de patacas” de Manuel Rivas)

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste.Sempre a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme gañas de chorar. Ela queríame.

-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.

Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón,antes de que manchen o traxe de almirante. Tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá- díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. O médico contárame que todo ía ir ben pero que a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara como a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
-¡Desgraciado! - dio ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta como unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. ïa pasar meses mirando para o teito.
- Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
- Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao earoporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló enbaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse a escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estanbamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. Non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminosos na grande teitume.Drumín lambendo o sangue doce dos labios.
- ¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame mamá. Sufría por min.
- ¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.



IMOS FACER UN COMENTARIO DE TEXTO:

O protagonista de Os comedores de patacas é Sam, un adolescente enganchado na droga que habita nos lindes da delincuencia. A vida de Sam, retratada desde o profundo lirismo e a poesía íntima que emana da narrativa de Manuel Rivas, móvese a cabalo entre dous espazos, entre dúas culturas, a urbana e a rural, que se xuntan no sincretismo que preside a cotianidade deste adolescente galego. O paro, o walkman, o teléfono, o rap, os colegas, o contacto co sexo, o ruído dos tractores, o poder da amizade, as ensoñacións do protagonista, un accidente de coche, a incomunicación, ese Algo que Sam se mete, o reencontro coa aldea, a avoa... constitúen os referentes vitais dun protagonista tenro e entrañable, que camiña pola vida empuxado polo optimismo. O Manuel Rivas de Os comedores de patacas é un escritor limpo, que tece a súa narrativa desde a sinxeleza, o humor e unha inesgotable capacidade para contar con axilidade, con ritmo e con precisión.

Localización: Mamá é texto inicial ou de presentación do protagonista Sam no capítulo primeiro dunha das primeiras novelas que escribe Manuel Rivas no ano 1991. Como é sabido comeza a súa andaina literaria como poeta. Encádrase na literatura do posfranquismo, na creación máis recente sendo un autor destacado e premiado a partir especialmente da publicación do seu libro de relatos curtos Un millón de vacas, premio da Crítica Española no ano 1990.



Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 19-10-2008 08:36
# Ligazón permanente a este artigo
ALGUNHAS CLAVES PARA SITUAR AO AUTOR
MANUEL RIVAS, O NARRADOR
por BASILIO LOSADA 1990.

A literatura galega deu sempre excelentes contistas. Mesmo nos séculos escuros, dende o XV ao XIX, cando o galego perdeu a súa condición de lingua escrita, sobreviviu no galego unha narrativa de riquísima transmisión oral. Esta tradición oral chegou case que ata hoxe, e só nos últimos quince anos foi aniquilada polas telenovelas e outros subprodutos culturais de consumo preferentemente urbano. Desta riquísima tradición oral nutriuse sempre a literatura galega escrita: Anxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares, X.L. Méndez Ferrín entre os máis recentes cultivadores da narración breve. E, fundamentalmente, Rafael Dieste, co seu libro "Dos arquivos do trasno" que contén pezas maxistrais no seu Xénero. Aínda que, por outra parte, a obra de Manuel Rivas xurde dunha situación diferente, co galego normativizado e recoñecido oficialmente.
Nace tamén a obra de Manuel Rivas despois da profunda conmoción social da última década, que rompeu coa Galicia rural, creou arrabais inhóspitos arredor das cidades, ao tempo que deixaba despoboadas as aldeas, non menos deprimentes que estes arrabais, pero quizás con máis posibilidades de arraigo, é dicir, de cultura. Aquela riquísima tradición oral campesiña da que Fole ou Cunqueiro extraían a substancia máxica dos seus relatos, é xa só unha lembranza. Os narradores destes últimos anos- Manuel Rivas, Suso de Toro, por exemplo- non se recoñecen nela. Naceron nunha Galicia urbana, nun ámbito en gran parte alleo ao galego, e recuperaron a súa lingua, ou enriquecérona, nun esforzo consciente de aprendizaxe. Teñen outros mestres, outras pautas creativas. Interésanlles outros temas e outras situacións. A poesía de Manuel Rivas foi definida como "poesía urbana". Pola linguaxe, temas e situacións.
Poderíamos dicir o mesmo da súa prosa, nacida por vocación de realismo, vulnerado pola tenrura e a ironía, e, en xeral, máis pola ironía que pola tenrura.(1) Os seus relatos elaboran aspectos da Galicia urbana. Mesmo cando se afonda no misterio e o desalento da Galicia campesiña faise dende unha perspectiva dun home de cidade. E da cidade, Manuel Rivas prefire un espazo concreto: o suburbio, e unha concreta parcela humana: a mocidade. Máis que do misterio e da maxia, como Fole ou Cunqueiro, nútrese das supersticións urbanas: o cine, a motorización, ídolos da música de consumo, novelas de aventuras, deportes de masas, as barras, as viaxes de mochila e auto-stop...
Aquel proxecto de volta aos valores do mundo rural, ao irracionalismo idealizado dunha cultura aínda medieval, aquela identificación do mundo labrego coa Galicia esencial, a morte da cal se asistía dende unha actitude desolada, era unha proposta anacrónica. O compromiso coa esencialidade de Galicia asúmeo Manuel Rivas dende outros supostos máis actuais, dende o ecoloxismo militante, por exemplo. E o ecoloxismo é unha proposta cultural de signo urbano...Manuel Rivas está máis preto de Dieste que de Cunqueiro... Da lección de Dieste procede a exploración do misterio do cotiá, do vulgar, dos actos que repetimos mecanicamente, das palabras que pronunciamos baleiradas de senso, como fórmulas para finxir unha comunicación que non existe. E non sei se de Dieste, ou, simplemente, da mellor tradición universal do canto literario, procede a capacidade de Manuel Rivas para concentrar todo o relato nunha soa frase... Subliña Dieste(2) que é esencial no conto a "unidade emotiva”, e marca con elo, implicitamente, as distancias con relación a novela, mesmo a chamada “novela curta”, que admite episodios, digresións. O conto está moi próximo ao poema, tan próximo que, como nos amosa cumpridamente Manuel Rivas, ás veces estas distancias esvaécense. Un conto é só a notación dunha atmosfera tensada por " a obsesión do que ten que sobrevir", basta con que o lector o presinta, nun último termo se lle deixa a liberdade de concluír o relato..."O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas derradeira palabras, despois de colmalo poderosamente". Iso é o que acada Manuel Rivas, e por procedementos tan sinxelos que case que parecen pura alquimia: converter a cotidianeidade en emoción...O difícil de extraer destas causas que pasan o mínimo de substancia lírica que nos permita seguir emocionándonos : un drama trivial.

(1) Lémbrese a narrativa de Castelao, os trazos que a definen ironía e tenrura, humorismo e lirismo que herda tamén Manuel Rivas.

(2)DE DIESTE: Unha filosofía para crear un conto que está no limiar do seu libro “NOS ARQUIVOS DO TRASNO”:
"A unidade emotiva conséguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir.
O remate a de ter a virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas.
A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en todos os currunchos do relato.
O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente.
O conto é unha pelica na que se sente o pulso dunha imaxe contida.
O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada
moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz."
Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 19-10-2008 08:10
# Ligazón permanente a este artigo
ACHÉGATE Á POESíA DE MANUEL RIVAS
Teño algo importante que dicir
agora que vimos de despedirnos
para sempre.
Quérote.
Crávame as unllas,
pero has de saber que tamén fun sincero
as outras mil veces.

Ela acúsame de non ter sentimentos
porque falo e falo
ou non falo.
Vai comer todas as unllas,
as súas altivas unllas escarlata.
Pero ireime.
Díxenllo e riu indiferente,
pero ireime
ou non me irei.
Chegarei a unha desas cidades,
non tan grandes como unha cidade,
onde se para o tren e xa non hai máis tren,
con monxas que se sentan nun barril de cervexa na estación,
e miles de corvos que esperan con sorna a El-Rei
ou unha cámara de cine.
Desa cidade sae un autobús
tan vello
que ten un conductor que fuma
e fala cos viaxeiros,
xusto en cada curva,
cando chove,

e faino cada día desde sempre,
limpa o cristal coa man,
como si estiveramos caendo,
chove tamén dentro.
E non pasa nada,
pois chegamos cando escampa,
e só pinga no autobús,
todos mollados menos os paisanos
que rin
ou non rin.
Esta xa non é cidade nin nada,
pero hai un barco panza arriba
e unha praia de area negra.
E hai tamén unha cabina de teléfono.

¿Escoitas? Estou nunca cabina.
Si, ben
Non, nada.
Chovía no autobús.
Só hai un bar.
Si, teño moedas.
¿De verdade? Tamén eu. Non, aínda non se corta.

Si, sigo aquí.
Non, non estaba pensando.
Escoitaba, iso é todo.
Non sei que dicías. Escoitaba.
Non non é un libro.
Son as follas da guía.
¿Sabes cal é o prefixo de Ras-Al-Khaimah?
Marcas o 07, máis 971 e logo o 77
e xa podes falar con laguen en Ras-Al-Khaimah.
Non, non é que non te escoite.
Escoito, só quero escoitarte.
Pero non me preguntes o que dis.
Non podo facer dúas cousas ao mesmo tempo,
entender e pensar en ti.
Que fácil é falar con calquera lado.
Non, non cortes por favor.
Se colgas,
chamarei a Ras-Al-Khaimah
ou a calquera lado.
Mentras ti falas, non teño frío.

El era forte e feble
como un marine ianqui.
Ela, fráxil e invencible,
como unha guerrilleira do Vietcong.

1- En cantas partes dividirías este poema de Manuel Rivas que escoitamos na propia voz do autor na aula grazas ao CD que acompaña a súa antoloxía poética titulada O POBO DA NOITE.

2- Por que cres que chove no autobús?

3- Para que aparece no poema unha cabina de teléfono?

4- Cal cres que será o tema central deste poema?

5- Fíxate no cambio da voz do poeta, que provoca isto no lector ?

Comentarios (0) - Categoría: MANUEL RIVAS - Publicado o 19-10-2008 07:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal