galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha cantiga para comentar de Bernal de Bonaval e outra de D. Denis
A dona que eu am' e tenho por senhor
amostrádemi-a Deus, se vos en prazer for,
se non, dádemi a morte.

A que tenh'eu por lume destes olhos meus
e porque choran sempr', amostrádemi-a, Deus,
se non, dademi a morte.

Essa que vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai, Deus!, fazédemi-a veer,
se non dádemi a morte.

Ai Deus!, que mi-a fezestes mais ca min amar,
mostrádemi-a u possa con ela falar,
se non dádemi a morte.

BERNAL DE BONAVAL.




-De que morredes, filha, a do corpo velido?
-Madre, moiro d'amores que mi deu meu amigo.
Alva e vai liero.

-De que morredes, filha, a do corpo louçano?
-Madre, moiro d'amores que mi deu meu amado.
Alva e vai liero.

Madre, moiro d'amores que mi deu meu amigo,
quando vej'esta cinta, que por seu amor cingo.
Alva e vai liero.

Madre, moiro d'amores que mi deu meu amado,
quando vej'esta cinta, que por seu amor trago.
Alva e vai liero.

Quando vej'esta cinta, que por seu amor cingo,
e me nembra, fremosa, como falou comigo.
Alva e vai liero.

Quando vej'esta cinta, que por seu amor trago
e me nembra, fremosa, como falamos ambos.
Alva e vai liero.

DON DENIS DE PORTUGAL
*sobre o refrán e a referencia á alba
Comentarios (0) - Categoría: LÍRICA MEDIEVAL - Publicado o 20-11-2012 07:12
# Ligazón permanente a este artigo
Charla en Marín sobre Celso Emilio
Comentarios (0) - Categoría: CELSO EMILIO FERREIRO - Publicado o 09-11-2012 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
Por que razón debemos denominar a este mes, o dos Defuntos?
Si, todos sabemos que o día 2 de novembro foi o día de Defuntos, pero porque debemos desbotar para denominar a este mes outras acepcións como Santos, ou mesmo de Samaín...? Procura ti unha resposta para argumentar unha denominación alternativa válida, a máis axeitada coa tradición para este mes de novembro.
Le esta entrada e o comentario adxunto e opina e argumenta ti tamén: Galicia encantada. hai variso artigos de interese como os escritos polo actual Presidente da Academia galega, Méndez Ferrín. Podedes procurar outras referencias de interese como por exemplo a propia galipedia nas entradas de Santos e/ ou de Samaín

Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 05-11-2012 23:36
# Ligazón permanente a este artigo
A linguaxe literaria
Unha linguaxe literaria é orixinal, ten intención estética, é dicir, esa forma de comunicar co obxectivo de implicar ao lector ou ao ouvinte (caso da literatura de tradición oral tan importante na nosa literatura)e para atrapalo, seducíndoo,normalmente pola beleza do expresado, ou ben polo divertido e pracenteiro que resulta.

A linguaxe literaria non é unha comunicación simple e sinxela co único pretexto de informar sen máis sobre algo. Podemos dicir que é unha linguaxe pouco práctica, pois provoca en nós unha reacción que segundo sexa o xénero literario lévanos ao terreo dos sentimentos e as emocións (poesía), ou ao dos aconteceres reais ou ficticios máis ou menos intrigantes e aventureiros(narrativa), ou aos conflitos de ideas e persoas con toda a súa crudeza (teatro).

A linguaxe literaria abre o mundo dos soños, un mundo ao que aludía Cunqueiro como necesario para o home:

" O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben, contar a totalidade humana, que el, pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas. Se hai algo que estea claro nesta dieta é que o home precisa, en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños."

1- Busca o relato "A bañeira e o demo" do libro Merlín e Familia de Álvaro Cunqueiro onde podes descubrir a presenza de elementos fantásticos narrados como se fosen reais o humor ou o uso da narración seguindo a estratexia propias do relato oral.


A BAÑEIRA I O DEMO
- Isto pasou fai por agora un ano no reame de Nápoles, nunha quinta que chaman
Pratto Nuovo, e que é dunha nipota do Grande Inquisidor, e nista historia vese que nin
as grandezas cristiás se libran do maligno. Pariu ista señora nipota, que se chamaba
donna Eleonora, un meniño, e fórono bañar naquela bañeira de cristal, que a estrenaban
tal día. E non ben botaron o picariño á iauga, desfíxose nela coma se fora de sal ou de
azucre. Todo foi un gran berro de pasmo na quinta, e ninguén daba creto ao conto pro o
feito era o feito, i o neniño desaparecera. Houbo que botar aquela auga no camposanto, i
ao botellón en que iba fixéronlle un enterro a oito, con música, responsos froleados i o Grande Inquisidor de capa magna. Fai quince días pariu outra vez a nipota, e coma ao
neniño había que bañalo, volveron poñer a bañeira de cristal, que é unha obra antiga de
moito apunte, na cámara da parida, i estaba o Grande Inquisidor presente, e tamén o
exorcista de Palermo, que é quen lles quita o demo do corpo aos Borbós de Nápoles
cando fai falla, que é casi sempre por anos bisestos, e tamén estaba todo o
protomedicato das Dúas Sicilias, e xa iban bañar o cativo, cando se lle pasou á nai polo
maxín que tiña o seu señor tío que benzoar a bañeira, e inda o Grande Inquisidor non
dixera «In nomine Patris», xa se quebrara a bañeira en mil anacos, e saíra dela un
grande cheiro a solfo, i o exorcista de Palermo co puño curvo do seu paraugas tivo
tempo de coller polo pescozo ao demo que fuxía, pro iste puido esgüírse e perderse pola
chimenea. Sóupose que a bañeira fora mercada nunha abadía mui notada de monxas,
que chaman Fossano, e que era a bañeira que tiñan as abadesas para bañarse por Pascoa
e por San Martiño, i as monxas por San Pedro, e que non era tal bañeira, senón un demo
que se trocara nela por ver, ao seu tempo, ás señoras monxas en coiros.


Álvaro Cunqueiro: Merlín e familia (1955)


2- Procura no seguinte poema de Cunqueiro do seu libro Herba de aquí ou acolá saber cal é o seu tema, e logo xogo a identificar figuras, tropos e e tópicos: Díxenlle a rula


Díxenlle á rula: Pase miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o río.
O meu anxo da garda, coas azas sob o brazo dereito,
na man esquerda a calabaciña da auga,
ollando a rula irse, comentóu:
-Calquera día sin decatarte do que fas
dices: Pase miña señora!
e é a alma túa a quen despides como un ave
nunha mañán de primavera
ou nun serán de outono.




Como deixou dito E. Teixidor, “a xente que le libros vive máis, vive a súa propia vida e a dos libros que le polo que ten máis experiencias, máis emocións, máis vidas.“

Ler non é só un marabilloso pracer, tamén nos axuda a entender mellor o mundo, a enfrontarnos coas nosas emocións, a madurar e a ser persoas máis completas.
Comentarios (0) - Categoría: LITERATURA - Publicado o 16-10-2012 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
A IMPORTANCIA DAS PALABrAS
As palabras son fenómeno de comunicación, pero tamén de saber porque sen elas non temos memoria. O poeta dixo: "Somos o que lembramos". Podemos dicir tamén que a palabra é un instrumento da identidade. Coa palabra facémonos seres humanos:


Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.

CASTELAO, Sempre en Galiza



Ademais a palabra, a fala, a lingua ofrécenos unha personalidade, lévanos a falar da Terra con maiúscula e que lle deamos á vez pronomes como "miña" ou " nosa", se cadra sendo por iso máis universais á vez de verdadeiros. Só sendo orixinais poderemos evitar ser unha simple copia:


A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…
Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)



ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira


Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 24-09-2012 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
VIVIMOS COMO GALEGOS?
Este curso imos reflexionar sobre a vida, e que vivimos na terra afirmando que somos de algures.

Somos galegos? que significa iso?

Imos visionar dun xeito crítico estes vídeos:










1- Fai un resumo ( copia) os contidos dos anuncios.
Despois le este poema de Manuel Rivas titulado

FONEMA:
Do máis aló da gorxa,
dun profundo e misterioso fol,
saíannos sons que debiamos matar.
Repitan:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo.
Pero Lolo o do Rito dicía
que los pajaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena de trijo
e o mestre dáballe un pao.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non din sabido de que familia era
se é que a tiña
o toxo que douraba os montes de Galicia.

Costa da Morte blues, Manuel Rivas.

2- Que relación podes establecer entre o contido dos vídeos e o poema?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 16-09-2012 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia Letra a Letra: Rosalía, Curros e Pondal...
Con motivo do 50 aniversario da creación dio Día das Letras a Academia Galega e a TVG asinaron un convenio para emitir miniespazos diarios sobre a celebración das Letras dende o ano 1963 en diante. Podes ver os relativos ao poetas do Rexurdimento máis coñecidos e mesmo o de Añón no seguinte enlace GALICIA LETRA A LETRA

tamén podedes consultar unh trabalo de gran interese aquí.
Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 05-06-2012 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
FOLLAS NOVAS O CUMIO POÉTICO DE ROSALÍA
Imos ao encontro outro curso máis do magnífico libro de Rosalía, o que representa o cumio da súa poética que contrasta ao mesmo tempo que establece unha certa continuidade co seu primeiro libro en galego, o dos Cantares.
En Follas Novas Galicia está presente doutro xeito, e o estilo de Rosalía varía, faise máis pesimista e crítico, tamén máis lírico para manifestar o sentimento da dor existencial do ser cun carácter novidoso na literatura do século XIX, premonitoria doutras poéticas posteriores.

Comezamos polo principio, polo prólogo que ela titulou: DÚAS PALABRAS DA AUTORA

Logo iremos falando das viúvas dos vivos e da Habana, do cravo,



da saudade, das sombras...



Imos ver outro poema para ver de situalo no libro:

Tecín soia a miña tea



En Follas novas atopase un dos máis logrados poemas de Rosalía sobre a muller do emigrante. Vemos un retrato desta muller forte que realiza soa as máis duras tarefas: sementa o campo, recolle leña no monte, leva a herba e a augua... A rudeza dos traballos contrasta coa tenrura e delicadeza que reflicten as súas palabras:


Tecín soia a miña tea,
sembréi soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
él non ha de virme a erguer,
él xa non me pousará.
¡Qué tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...;
ferve o pote..., mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdéuse,
ninguén sabe en ónde vai...
Anduriña que pasache
con él as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime en ónde está.



(F. N. 287)


O final lembra, como o poema citado anteriormente, as cantigas de amigo medievais, pero ao carácter intensamente lírico destas engádense notas de realismo que asocian o poema a unha estrutura social moi determinada, as xentes humildes. Os traballos enumerados no poema só en Galicia son realizados por mulleres, e non só en ausencia dos homes, senón na súa compaña. Fixémonos en que ela di que, aínda que morra baixo o peso da carga, el non ha de vir a axudala a erguer e a pousar. En Galicia, as mujeres labregas transportan, apoiándoos nos ombreiros ou sobre a cabeza, grandes pesos (feixes de herba, cestas e cántaros...) que outra persoa ten que axudarlles a subir e baixar.

A carón das notas realistas achamos no poema unha intensa vivencia da soidade -obsérvese a reiteración expresiva da palabra soia-, sentimento que, posiblemente, está moi presente na propia Rosalía, pero que é tamén unha característica galaica (a saudade é un trazo típico da nosa literatura). E, informando, envolvendo ao poema en unha atmosfera especial, sitúase como esencial a tenrura; tenrura disimulada baixo a dureza dos primeiros versos, que pintan a unha muller solitaria entregada a rudas tarefas, e que se manifesta por primeira vez nesa reiteración expresiva da palabra el: «él non ha de virme a erguer, él xa non me pousará», e nese adverbio xa, evocador de tempos pasados. A partir de ese momento, a afectividade maniféstase na proliferación de posesivos e diminutivos: «Ferve o pote, mais, meu caldo, soíña te hei de cear», «o meu homiño perdéuse»; perfectos exemplos estes do carácter afectivo e non cuantitativo dos diminutivos en galego.

As evocacións ao mundo natural poñen de relevo a súa sensibilidade a través da natureza que a rodea: vento, grilo, rulas e anduriña son outro elemento destacable funcionando como símbolos do paso do tempo en soidade, do amor e da saudade que sinte.

Polo seu realismo, a súa saudade e a súa tenrura, o poema constitúe un fermoso canto á personalidade da labrega galega no que se evidencia tamén ese pensamento protofeminista que Rosalía representa ao poñer a súa atención o seu centro de interese sobre a muller e as súas condicións de vida. A súa soidade asociada a súa fortaleza e capacidade de valerse por si mesma en situacións duras.
Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 26-04-2012 08:04
# Ligazón permanente a este artigo
CANTARES GALEGOS E A TRADICIÓN ORAL
Podedes consultar esta obra fundamental de Rosalía de Castro en varios lugares da rede:no Instituto Cervantes ou na nova web da Academia galega.
A conexión desta obra coa tradición oral podémola consultar noutra entrada deste blog

Rosalía cédelle a voz ao pobo galego, quere retratar con dignidade o verdadeiro espírito do pobo e canta a meniña gaiteira ao comezo e fin do libro:



A paisaxe dignificada está moi presente:


E así outorgalle a voz ao emigrante en "Adiós ríos, adiós fontes":




Un exemplo do costumismo deste libro dos Cantares está no poema "Un repoludo gaiteiro" que na rede ten unha curiosa presenza na galipedia digna de visitar. tamén é curiosa esta versión sorprendentemente subtitulada cantada por Amancio Prada:





A temática socialpatriótica é a máis ampla no libro:



Mais o eu lírico de Rosalía tamén aparece en Cantares como augurando á Rosalía de Follas Novas





Finalmente o poema a Alborada que cobra un valor simbólico ao pechar o libro:





Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 12-04-2012 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
Sarmiento e a tradición oral (I)
I) O CONTEXTO: Os Séculos Escuros da uniformidade, centralismo e castelanización da Península. Sarmiento non encaixará nese modelo de ilustración:
Non poucas veces teño pensado en cal foi a causa de que en Galicia se introducira o uso de escribir en castelán o que antes se escribía ou en latín ou en galego. Non hai xénero de escritura testamentos, doazón, venda, contrato, foro, arrendamento, compra, cambio, partillas,etc… que eu non teña visto e lido en Galicia ou en latín ou en galego. E sei que se poden cargar carros deses instrumentos que se conservan en Galicia. Non tendo precedido, pois, nin Concilio , nin Cortes nin consentimento uniforme dos galegos par actuar, outorgar, comercializar en lingua castelá, quen a introduciu?
A resposta está patente: que Galicia chora e chorará sempre. Non os galegos, senón os non galegos, que nos comezos do século XVI inundaron o reino de Galicia, non para cultivar as súas terras, senón para se facer carne e sangue dos mellores, e para cargar cos máis beneficiosos empregos, así eclesiásticos como civís, foron os que por non saber a lingua galega, nin por cargar palabra nin por escrito, introduciron a monstruosidade de escribir en castelán para os que non saben senón o galego puro. Esta monstruosidade é máis visible nos empregos eclesiásticos.

Non sei como toleran os bispos que curas que non son galegos nin saben a lingua teñan emprego “ad curam animarum”, e sobre todo a administración do Santo Sacramento da Penitencia. Que é o coloquio dun penitente rústico e galego con confesor non galego, senón un entremés de xordos? Son innumerables os chistes vergoñentos que se contan desa inicua tolerancia. Haberá 13 días que un cura galego natural me dixo que confesando a unha galega díxolle que xa se confesara antes cun castelán, pero que non cría que fose confesión: porque nin o castelán entendeu á galega, nin esta ao castelán.
O verbo “trebellar” en galego, de tripudiare, sempre significa “in malam partem" e dista cen leguas do honesto verbo “traballar” o “trabajar”. Confesor castelán ten habido que ata despois de moitos anos estivo no erro de que o mesmo era o verbo “trebellar” galego que o “trabajar” castelán. E aos penitentes, que confesaran que trebellaran tantas veces dicíalles que en días festivos só podía “trebellar” unha hora, pero que nos días soltos podían trebellar ad laudes et per horas. Si o tal confesor escoitara a copla galega común: “O crego e maila criada xogaban aos trebelliños, etc…” entendería o significa.

(tirado da obra Elementos etimológicos)

II) VIAXES, CADERNOS DE TRABALLO E DESCUBERTA DE GALICIA: COLOQUIO das 1200 coplas:



Sarmiento recoñece “Eu que son de Galicia por todos os costados sabía máis da China que do meu país orixinario” precisa unha imaxe exacta do propio país, “un grandísimo mapa de Galicia que non teña igual nos libros en canto a exactitude, certeza, universalidade, sen que ningún sitio se coloque a vulto… percorrendo todo os perfís ou ourelas de toda a auga doce e salgada que hai en todo o Reino de Galicia”
O seu método de 150 preguntas destinadas para os aletóphilos dos que fala no derradeiro volume da súa Obra de Seicientos sesenta pliegos e obxectivos xa definidos en 1741, estruturados no 1751, revisados no 1759 e nos que parte do lingüístico como primordial, o nome das cousas:
“O medio máis breve, pronto e fácil que adoito usar para indagar a verdade…é o de facerlle eu varias preguntas encadeadas… confeso que son un preguntón insufrible… así preguntaba a todo trapo ao primeiro ou primeira que se me poñía diante, … e aínda que oín algunha respostas pouco instrutivas para o que desexaba saber, informeime non obstante de moitas cousas, que só puiden indagar por medio das miñas repetidas preguntas”...

“Que en 150 preguntas coordinadas con división, claridade e método, abrace todo canto se pode saber dunha provincia, territorio, cidade, vila ou aldea…”
“...Estas preguntas … as 24 primeiras fan referencia ao estado cosmográficoe subdivídense en seis apartados: Gramática, Xeografía, Metereoloxía, Topografía, Idioma e Carácter."

Sobre a Historia Natural e Botánica:
“Todo isto tense que estudar peregrinando, preguntando, escribindo e recollendo. Tense que recoller todos os nomes de animais, aves, peixes, mariscos, cunchas, insectos, anfibios, terras, fósiles, minerais,etc. Tamén debe recoller todos os nomes de todo vexetal árbore, planta, herba, flor, froito e semente,etc. Todos cantos oíse, aquí ou alí."

Criterios sobre os interlocutores fiables: O estudo que xamais deixará de man é a lingua galega, en toda a súa extensión e de todos "os países" (comarcas). Terá cadernos aparte nos que vaia colocando verbos, nomes, frases e adaxios como os fose oíndo e sempre preguntando para oír máis, a vellos, vellas, nenos, rústicos e pouco ou nada aos que, sen saber o galego, enorgullecen de castelanizantes.
Nenos e nenas, vellos e vellas, rústicos e páparos, iliteratos e idiotas, etc.. que sin pensar en ofender chamarei aquí a escoria e esterco da racioalidade… destes saquei, saco e sacarei o máis puro ouro da verdade que busco…
...primeiramente pregúntolles o seu nome o dos seus pais e apelidos, o do seu lugar e parroquia… da súa idade actual. Do que viron no seu lugar de obxectos da Historia natural, do nome do río da veciñanza, das distancias …”

Algúns exemplos concretos do seu carácter curioso e preguntón:
“Sempre que falo de Viveiro, non é porque estivese alí, senón porque a muller do meu irmán Fco Xabier criarase en Viveiro e escoiteille a ela moitas voces que alí usan”

"Viñan a min os rapaces con moreas de varias cunchas e ás cales daban o nome vulgar porque sabían que lles había de dar para castañas…
Dá cartos para castañas aos nenos aos vellos para tabaco, ás vellas para unha roca e a calquera para botar un cuartillo de viño"


Pero non pensemos que non selecciona a súa información e realiza unha crítica das súas fontes antes de tirar conclusións.

El mesmo utilizaba seguramente o galego nas súas entrevistas:
“ …Apenas cumprín en 9 de marzo os 15 anos da miña idade, cando a 3 de maio de 1710 saín da vila de Pontevedra para Madrid a tomar o hábito neste mosteiro de San Martín. Dende entón ata hoxe nunca fun a Galicia, senón o verán de 1725, que saído do colexio de Oviedo para Madrid, rodeei por Pontevedra; e o ano de 1745 que co fin do santo xubileu de Santiago, pasei dende o capítulo de Valladolid a aquela cidade, e despois de ter rodeado as costas marítimas, detívenme en Pontevedra aquel outono.
Dende o ano dito de 1710, nunca falei, nin lin, nin escribín tres períodos en lingua galega, e en canto a ler, apenas sabía que houbese monumentos (= documentos)escritos neste idioma, ata o dito ano de 1745 que vin infinitos pergamiños e papeis, e lin tal por curiosidade. Tampouco fun afeccionado a facer coplas, pois cando o diaño podería terme tentado na xuventude a facer de “Saúl inter poetas”, caín na tentación de ler libros serios e instrutivos, a que me introduciu o acaso de ter algúns a man. Tampouco pensara e indagar a orixe das voces galegas ata o ano 1745, cando por unha tal cal inclinación anterior a conxeturar sobre a etimoloxía dalgunhas voces castelás, estendina sen particular estudo a penetrar a orixe das voces galegas conforme as ía oíndo en Galicia…

Así nacen as 1200 coplas como o ensaio do comento (=comentario: "fíxenas unicamente para os galegos das proximidades de Pontevedra e en especial para o meu irmán Francisco Xabier, quen na súa vista poderá emendar algunhas locucións que non sexan puras galegas, e con esa ocasión recollerme moitas voces galegas puras, por se nalgún tempo estou de festa para continuar as coplas;… e espero que só V.Sª (Padre Rábago) aínda que castelán, por vivir tanto tempo en Pontevedra, e vivir actualmente en Madrid, entenderá moitísimo do dito coloquio poético…
Dixen arriba que non lin cousa escrita en galego. Lembreime que no ano 1727 vin na biblioteca de Toledo un códice manuscrito en pergamiño e en folio que conten os Dezires ou Coplas que fixo o rei don Afonso o sabio en loor da Nosa Señora e sobre os milagres que obrou co seu pai San Fernando… teño tamén texto do douto Marqués de Santillana, quen máis fai de 300 anos, escribiu que no antigo facíanse en lingua galega todos os Dezires, Coplas e Cantares… é certo que se eu tivese unha copia antiga podería exornar mellor o meu glosario e aclarar as mesmas coplas do dito rei don Afonso o Sabio.
Non hai regras da ortografía galega,se ben a que observei nos instrumentos
(=documentos) é moi constante e arranxada; e porque cando escribín as copliñas, non puxen toda a atención posible á ortografía, o propio acento de cada voz, porque as pensaba, profería e escribía, “calamo disparante”, tiven o coidado de rectificar no comento a verdadeira ortografía e o propio acento…
Claro está que só a min, ou a Xabier, ou a outros patriotas curioso de Pontevedra, poderán servir de algo os 15 pregos ditos.”


Nestas coplas o que fala non é Sarmiento, senón que cede a voz a un aldeán:
“Coñecín a un aldeán natural de Mourente e do lugarciño de Monte Porreiro, veciño e ao norte de dito chan (Parafita); o seu nome Marcos da Portela. Este era ( e creo vive) o rústico máis advertido , picarón e gracioso que alí tratei aíndo sendo eu neno.
Finxo que o cura de Taboadelo, ao mediodíado chan (de Parafita) estaba enfermo e que ofrecéndoselle ao dito Marcos ir a velo,foille forzoso atravesar polo chan; e vendo alí tanto concurso de xente sentada, parouse e sentou e estiven oíndo todo o coloquio e que despois determinou poñelo en coplas…”


Se cadra nos seus mesmos versos atopamos unha razón máis para escribir en galego, sentírense na Terra dalgún xeito como el mesmo di:

“Cando for a vila,
para meu contento,
verein qu´as saudades
cantando son menos.”


Deixamos aquí a versión dixital do Coloquio de 24 galegos rústicos ou das 1200 coplas

A continuación colgamos o vídeo resumo dos traballos realizados por varios alumnos/as de 1º bacharelato:

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 03-03-2012 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [21]
© by Abertal