galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha experiencia coa tradución
O pasado día 26 de setembro era o día Europeo das Linguas e o día 30 foi o Día da Tradución. Este ano no que celebramos o 150 aniversario da publicación dun libro fundamental da Literatura galega moderna, Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, acaba de presentarse unha tradución deste libro ao ruso, toda unha boa nova para a nosa literatura que pode ser lida por milleiros e milleiros de lectores e lectoras que teñen como lingua nai o ruso.

A tradución é polo tanto unha recreación dunha obra, unha nova mirada sobre a obra orixinal. Xa de por si un texto literario ten varias interpretacións, é polisignificativo, pero coa tradución gaña fondura e novas lecturas, actualizacións do seu discurso.

Procuremos nós esa experiencia.
1- Como escribirías en correcto galego normativo as seguintes oracións que reproducimos en castelán?

"Recuerdo que te miró fijamente y se lo dijo de inmediato. No confíes más en esa amiga, te vendió en la primera ocasión. Más tarde cuando ibas por el sendero, la zarza te rompió la camisa. Había llovido, estaba empapada y ella rechazó tu ayuda. Aún así tenía tal mojadura que le recomendaron desnudarse y poner ropa seca. Supiste entonces que le había ocurrido. Siempre te lo habían advertido tus verdaderos amigos."

2- Moitos de vos non usades habitualmente o galego polo que se fai complicado escribir correctamente colocando como corresponde o pronome. Inténtao:
Colleu moi a modiño (o).
Pediu polas boas (a).
Desta forma ves mellor (as).
Axiña vou contar (os).
Recitaba con moito aquel (as).
Dixo el mesmo (o).

3-Coloca agora os nosos te ou che(o que corresponda), no lugar conveniente:

Xa estou cansa de ... dicir... que ese guindastre ... pode... esmagar... se ... pos... aí.
Seica ... dixo... o bispo que ... podías... retirar... cando ... parecese... mellor.
Como ... latexa... o corazón, non ... asustes..., que non é para tanto!
Non ... quixen... magoar..., perdoa.
Non fas máis que ... illar... dos compañeiros, tes que ... sentir... cómodo e ... deixar... levar... polo bo humor.
... vou... quentar... a auga para que ... poidas... bañar... axiña.


4- Traduce un texto que che guste especialmente e que non estea na nosa lingua. Observarás como se transforma e recrea nese proceso que denominamos tradución.

Por exemplo o comezo dunha das novelas máis coñecidas de Gabriel García Márquez, Crónica dunha morte anunciada:

"O día no que o ían matar, Santiago Nasar ergueuse ás 5:30 da mañá para esperar o buque en que chegaba o bispo. Soñara que atravesaba unha fraga de figueróns onde caía unha poalla tenra, e por un instante foi feliz no soño, pero ao espertar sentiuse por completo zarrapicado de cagada de paxaros..."
Comentarios (0) - Categoría: TRADUCIÓNS - Publicado o 03-10-2013 06:55
# Ligazón permanente a este artigo
DO MITO AO POEMA, DA PALABRA Á SOCIEDADE

Que relación terá Breogán con Irlanda?

Será verdade que Ith fixo unha viaxe de conquista cara o Norte?
Procura algo máis de información, por exemplo na Galipedia, para facer logo unha pequena redacción coas túas conclusións sobre a relación entre o mito de Breogán e Irlanda que é como falar da relación que pode que haxa de vello entre Galicia e Irlanda.

Viaxemos soñadores dende o mito que parte dunha torre, no fogar de Breogán, ata un soño e logo percorramos da mao dos poetas do ESPERTAR, da alborada da nosa cultura, un camiño cara un rico porvir, na procura dunha Terra liberada dun sono que semella un duro inverno. Procuremos un canto á primavera para Galicia e lembremos que ese soño de nos abrir camiños no mundo é posible por obra e graza do noso idioma, saibamos do dereito a pensarmos como pobo e reclamemos o dereito á ser libres, superando atrancos que non impiden soños de irmandade. Descubramos que Galicia sen nosoutros é ben pequena e que pode ser outra cousa, envolvéndose en sabas de mil anos, na fala e en nós teremos que atopala, a porta que é a nosa patria, agárdanos. Sabemos xa que o pobo que ame o bon poema será quen de beber nos soños coas palabras e recuperar os camiños,
pórlle nome ó labirinto,
navegalo.

Galicia é unha terra de torres, de mar e de soños.

ACTIVIDADES

Despois de traballar cos versos dos nosos autores esa mirada sensible cara Galicia, lembrando os versos de Ana Romaní cres que a invitación que ela fai ten algo que ver coa que fan outros poetas? Argumenta a resposta.

O LÉXICO DA SENSIBILIDADE POLA TERRA

1-Non é o mesmo sono que soño, explica en que consiste a diferenza.

2- Significan o mesmo senso e sentimento? Procura unha definición destas palabras e un sinónimo para cadasúa palabra que pertenzan á mesma familia léxica.

3- Busca nun dicionario as distintas acepcións da palabra sensibilidade.

4- Completa as seguintes oracións cas palabras do campo semántico dos sentimentos:

É unha persoa moi.......... non soporta a visión do sangue.
A ............. está a flor de pel. Non soporta un chío.
Cando saíu á rúa ........... como a lentura da noite pousaba sobre a pel.
Con dozura............ a testa do animal transmitíndolle tranquilidade.
Ao lonxe.............. un grupo de rapaces que camiñaban cara nós.
A ................ das persoas que conforman unha nación baséase en compartir unha mesma historia, unha cultura e un idioma.
A rapaciña........... con desconsolo pola perda dunha persoa querida.
............. con pracer os últimos pasteis que estaban enriba da mesa.

5- Asociar a seguinte listaxe de verbos a cadanseu sentido (olfacto, gusto, vista, tacto, oído.
xantar, uliscar, enxergar, apalpar, chiar, cantaruxar, beliscar, axexar, catar, cheirar, ventar, ollar, rañar, relatar, bisbar, acariñar, ver, mirar, palpitar, roncar, saloucar, latexar, impar.

6- Relaciona en dúas columnas os seguintes sinónimos: A) asoar, pular, rosmar, impar, apalpar, catar, observar
B) axexar, degustar, tentar, saloucar, roñar, saltar, fungar.

7- Explica as seguintes expresións e escribe unha oración usándoas:
- Cos cinco sentidos:
- Sentido común:
- Trocar o sentido:
- Andar con sentidiño:
- Sentir a Terra:
- Ser propio de...:
- do país:
- da Terra:
- O noso, -a

8- Investiga a que lugares pertencen cada unha das bandeiras da fotografía.

9- Que sinónimos de redenzón e de aurora podes atopar entre as palabras dos poetas traballados nesta unidade cero?
Que significaba rico porvir?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 25-09-2013 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
Comezamos o Curso 2013-14
Comezamos o curso esta vez nunha nova etapa, a do bacharelato, co que a perspectiva do valor da educación é ben distinto, vai tomando altura e iso ten por forza que reverter na propia transcendencia e importancia que para todos/as os que o cursades ten este ano e o seu aproveitamento didáctico.

Adaptamos o lema do curso á nosa materia:

Esperta do teu sono, fogar de Breogán! ese é o título tirado do himno galego, dous versos de Eduardo Pondal que servirán como punto de arranque dunha nova mirada cara Galicia, esta xa máis adulta, máis formada por saber que asumimos da nosa personalidade coma galegos. Achegarse con sensibilidade a nosa Cultura e a Lingua da nosa Terra será un dos obxectivos centrais deste curso.

Outra mirada sobre Galicia é posible, Pondal invita aos galegos a realizar ese exercicio de sensibilidade cara a nosa Terra. Botaremos man deste e doutros versos para observar galicia con ollos distintos e atentos...

pero antes de seguir leamos este texto adaptado dun autor marinense, Silvestre Gómez Xurxo, sobre:
BREOGÁN e o seu fillo ITH

"É unha tarde fría e clara de inverno. Os ventos do norte que sopran estes días non teñen auga para formaren nubes. Son aires duros que cuartean a pel e queiman os campos. Son aires de xeadas e lobos famentos ouleando na noite. Non é o tempo máis amante, pero Ith vai coma cada tarde á illa e sobe ata o campo da torre. Hoxe vai só. No fondo, é como prefire ir.

Os demais quedaban arredor dunha boa larada, sentados xerarquicamente de vellos a mozos, pois ese era o costume que se seguía de vello, polo respecto e o cariño que se sentía polos maiores.
A caída da tarde nos días de inverno é a hora da fantasía, das palabras graves e das algareiras ó ao agarimo lume. Nesas horas tamén se aprenden as historias que manteñen viva a memoria colectiva do pobo. E así pasan xeración tras xeración formando parte do orgullo de todos e cada un.

A illa da torre está case pegada á aldea, de feito, só é illa a medias, dependendo da marea. Co devalo, ábrese unha lingua clara de area que une a illa á terra; coa chea, vese unha illa ben formada. Desta vez, a marea está baixa e Ith fai a pé o camiño da illa. Ama ese camiño e gústalle sentilo directamente baixo os pés. Coñéceo tan ben que anda treitos cos ollos pechado e sabe, polas sensacións do tacto e do olfacto, o lugar xusto en que está en cada momento.

Para Ith, o campo da torre abre todos os mundos, porque el sabe ben que o mar é o grande camiño que sempre se pisa por primeira vez e que leva a todas partes, ás coñecidas e ás que están por coñecer. Por algo é fillo do sabio e valoroso Breogán, que chegou polo mar a estas terras para darlles nome e fillos que as poboasen. Quizais o seu destino sexa ese: botarse ao mar e atopar novas terras para poboalas e darlles nome.

Ith é un soñador. A aldea e as súas terras forman un mundo importante, pero pequeno de máis para os seus soños. El precisa mirar alto e lonxe para respirar fondo e atopar aire abondo que encha o seu peito afouto e baril.

Os ollos de Ith pérdense outra volta na auga seguindo trazado dos seus soños e avanzan cara o norte, antes de que se consuma totalmente a luz do sol. O seu corazón bate coa forza do presentimento. E CANDO SE ATOPA DE FRONTE Ó NORTE, NON PODE ACREDITAR NO QUE VEN OS SEUS OLLOS. Aló nos confíns, perdida no horizonte, onde só alcanzan os ollos máis agudos e ilusos, porque non é doado diferenciar entre o que se ve e o que se desexa ver, está a luz da terra tanto tempo presentida. Na hora do luscofusco xorde un resplandor que se espella nas augas do océano. Ith refrega os ollos e contén o ánimo. Volve mirar. Aquela é a terra que o chama, que dende rapaz o estivo levando cada tarde ao alto do campo da torre. Permaneceu mirándoa ata que aquela luz se sumiu apagada pola forza da lúa chea. Unha terra que el sabía fermosa e farturenta, a onde levaría a súa estirpe a vivir en paz e prosperidade. A vida dun home, aínda a dun soñador, contida en poucas palabras: torre, terra, mar, soño.”


Repara no léxico e se non coñeces esta palabras búscaas: larada,algareiras, xerarquicamente, devalo,afouto, baril, iluso, luscofusco, doado,...

COMPRENSIÓN: Quen era Breogán? Nacera naquelas terras nas que vivía? Que decidira construír?

En que tempo cres que viven os personaxes deste relato?

Quen era Ith? Que facía cada tarde? que lle ocorre?

Cal era o seu soño?

A sensibilidade de Ith como aparece expresada no texto?

Xogando coas palabras:
-“onde di o trazado dos seus soños“ podería dicirse "o ronsel dos seus soños"?

- Onde di na hora do luscofusco, podería dicirse: na hora do .......

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 17-09-2013 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
Xa podedes ver o vídeo da obra de teatro
A nosa peculiar adaptación de "Agasallo de Sombras" de Vidal Bolaño gravada en vídeo xa está colgada na páxina web do centro,en con creto no interior da revista dixital Chan do monte 2013.
Comentarios (0) - Categoría: VIDAL BOLAÑO - Publicado o 30-07-2013 07:05
# Ligazón permanente a este artigo
O ADN de Breogán
Un artigo para rematar o curso e repensar aquilo de vivimos como galegos!. Trátase dunha investigación que documenta a nosa relación atlántica coas illas de Irlanda e, mesmo cos ingleses, sería unha intuición de Pondal ou habería algo máis?. Paga a pena botarlle unha ollada ao artigo que aparece no Faro de Vigo co título "O ADN de Breogán" .
Comentarios (0) - Categoría: PONDAL - Publicado o 26-06-2013 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
Pechamos o curso na biblioteca

Comentarios (0) - Categoría: DÍAS DAS LETRAS - Publicado o 18-06-2013 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
A nosa adaptación de Agasallo de sombras

Representamos ao fin a nosa versión adaptada de Agasallo de sombras de Roberto Vidal Bolaño.

Quixemos render homenaxe a Rosalía, unha autora que estudamos este ano, pero á vez quixémolo facer procurando unha visión nova da autora dos Cantares , esa obra épica, un canto á dignidade de Galicia, das súas xentes e do seu idioma do se cumpriren 150 anos da súa publicación. A oportunidade de facer posible esa visión nova de Rosalía deúnola precisamente Roberto Vidal Bolaño, que é o dramaturgo a quen se lle dedicaron este ano o Día das Letras.

Roberto Vidal Bolaño foi quen nos fixo estar hoxe no teatro e dispostos a representar unhas escenas dunha das súas obras máis polémicas. Porque el era un autor controvertido e porque o teatro de por si é un xénero que, ademais de contarnos cousas, sobre todo ten a intención de crear un conflito ao espectador, como xa dicían os antigos gregos que foron os seus inventores.

Representamos logo unha parte da obra titulada Agasallo de sombras. de Vidal Bolaño, unhas escenas que perseguen reconsiderar a nosa forma de ver a Rosalía (eis o conflito do que falábamos, por iso todos os personaxes, que son sombras, levan as máscaras de Rosalía, Rosalía non é unha, son moitas ). Veremos desfilar por este escenario a DONA TAREIXA, fidalga e nai de solteira de Rosalía (que din que tivo dunha relación cun que ía para cura) Logo aquela ROSA que sendo unha moza fora actriz en Compostela no Liceo de la Juventud, e moi amiga de AURELIO AGUIRRE un poeta romántico, comprometido liberal exaltado que foi morrer afogado con 25 anos, no ano 1858 cando xa Rosalía marchara a Madrid, hai quen di que se suicidara.Se cada a sombra de Aguirre vén rescatar para nós á Rosa que puido ser ... e que, tras chegar a Madrid, casara con MANUEL MURGUíA, un home que procurou animar e apoiar á poeta na súa carreira literaria animándoa a escribir en galego.
E finalmente aparece tamén a ROSALÍA que morrera en 1885 cun ramo de pensamentos na man e unha morea de sombras que a perseguen. Utilizamos versión musicada do poema "Negra Sombra" a modo de banda sonora no remate da nosa versión que remata na escena XII da obra orixinal.



A seguir incluímos o reparto que fixemos na clase:

ACTUARON AS SEGUINTES SOMBRAS:
Rosa: Alba Amoedo
Aurelio Aguirre: Pablo Feijoo
Manuel Murguía: Daniel Pousada
Dona Tareixa: Pilar Iglesias
Eduardo Pondal: Alejandro Abuín
Rosalía: Belén Santaclara
Mulleres: Raquel Guerra, Dennis Omil, María Viñas.
Músico: Juan Rogel
Tuno: Roberto Otero
Narradora, muller: Carolina Suárez
LUZ E SON: Gonzalo Otero e Adrián Márquez.
Dirección: Héctor Silveiro.


En palabras do propio Vidal Bolaño esta obra é unha “ celebración libre e non moi respectuosa arredor do tempo, a vida e a obra da poeta Dna. María Rita Rosalía Castro de Murguía, tamén coñecida como “Santiña”, inspirada nunha idea roubada do Teatro de Máscaras de D. Ramón Otero Pedrayo e adobiada con ringorrangos doutras dúas catedrais do teatro imposible, o Fausto de Ghoete e “As tentacións de San Antonio” de Gustave Flaubert, así como con parte da correspondencia persoal da poeta e de moito do que sobre ela levan dito algúns dos que a coñeceron e estudaron”. ROberto Vidal Bolaño con esta obra que estreou o Centro Dramático Galego en 1992 persegue realmente unha visión actual do mito de Rosalía, do que sabemos e do que quixeramos saber sobre ela, superando e transgredindo a visión restrinxida, limitada e interesada que imperaba sobre a poeta ao longo do Franquismo. Tratábase de repensar a visión da figura de Rosalía, un verdadeiro mito para Galicia e a súa literatura.

Eis unha selecta de escena da representación por parte do Centro Dramático Galego no ano 1984.



CUESTIONARIO PARA O ESPECTADOR:

1- Cal é o conflito ao que Roberto Vidal Bolaño nos quere levar nesta obra, Agasallo de Sombras?
2- Quen son os personaxes principais desta obra, terán algo que ver co tema que soa ao comezo e final da adaptación que se representou? Coñecías este poema, sabes como se titula?
3- A personaxe de Rosalía como aparece representada na escena en Agasallo de sombras?
4- Que cres que representa o personaxe de Aurelio Aguirre?
5- Na carta que escribe Rosa ao seu marido, que lle reprocha, como se retrata a Manuel Murguía, o home de Rosalía, no conxunto da obra?
6- Como se reflicte na obra a personalidade proto-feminista de Rosalía?
7- Que querería dicir Rosalía na cabeceira da obra cando di: “E pensar que aquela noite, todo era aínda posible”?

AULA DE TEATRO SAN NARCISO 2013
Comentarios (0) - Categoría: DÍAS DAS LETRAS - Publicado o 03-06-2013 22:47
# Ligazón permanente a este artigo
Vídeos propios sobre Vidal Bolaño




Trátanse de dous vídeos para a chegarense á vida e a obra de Vidal Bolaño. Para coñecer máis en detalle a súa vida e obra podemos facer uso de traballos como a biografía publicada polo Seminario Galán, cunha chea de datos sobre a súa vida, pero sobre todo cunha contextualización da obra de Roberto Vidal Bolaño na traxectoria e evolución do teatro escrito en galego dende o século XIX.
Comentarios (0) - Categoría: VIDAL BOLAÑO - Publicado o 14-05-2013 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
AGASALLO DE SOMBRAS
Estamos lendo na aula Agasallo de Sombras de Roberto Vidal Bolaño como exercicio de achegamento a súa obra, peor tamén de afondamento ao mundo literario do Rexurdimento.
De feito na escena da obra na que se entrevistan Pondal e Aurelio Aguirre fálase da visión que eles tiñan da poeta Rosalía. Son sombras ambos que asedian á vez ás propias de Rosa e Rosalía ( unha dobre visión da vida por parte da autora de Iria, por unha banda a nova cuns 21 anos, por outra a que vén de morrer no ano 1885. Reproducimos a continuación un anaco desta escena VI:

" Os que acudiran ó chamado de Aguirre, dispoñen sillas arredor da mesa e sentan nelas. Agora máis ca antes, relembran a aquel soado banquete que xuntos celebraran en Conxo. Os estudaiantes, de levita, poñen a mesa e serven ós artesáns. Pondal baixa do seu empoleiramento, vai ó chineiro, colle unha botella e vailles enchendo os vasos a todos.

PONDAL: Que estraños e complicados son, os camiños que levan á gloria, ¿non si Aurelio?
AGUIRRE: Se non foran así, poderíaos seguir calquera.
Pondal serve unha copa para el e outra para Aguirre
PONDAL: Din que unha copa de bo anís é coma unha taza de bo caldo. Non alimenta moito pero quécelle a un o corpo. E o anís ten sobre o acaldo a vantaxe de que afía o inxenio e alixeira a fala.
AGUIRRE: Pois ti xa a traes ben lixeira e aínda non o probaches.
PONDAL: Probareino logo, máis tarde. Cando brindemos, ¿ se é que hai por que? Hoxe non son eu quen precisa ter fácil a palabra e agudo o inxenio, senón ti. Ou moito me equivoco ou fuches convidado aquí esta noite para lucilas túas mañas nunha e outra cousa.
AGUIRRE: Non te equivocas.
PONDAL: !E que! ¿ Como che vai?
AGUIRRE: ¿ E como me había ir? Mal.
PONDAL: Hai en cantos na alma das mulleres, contra os que pouco ou nada se pode.
AGUIRRE: Nunca a vin tan vencida.
PONDAL: Nunca o estivo tanto como agora.
AGUIRRE: Antes ríalle ata o mirar.
PONDAL: Antes foi hai tanto tempo. Eran outros os desacougos e outras as penas.
AGUIRRE: ¿Que penas?
PONDAL: Todas. As vellas, as novas, as propias , as alleas.
AGUIRRE: Das novas poderíase desfacer dicíndolle a Manuel o que realmente pensa del mandándoo á...
PONDAL: Non o fará nunca. Ela, no fondo é feliz así. É a nosa Rosa, Aurelio. A de sempre cuns anos e unhas ataduras máis. ¿ Xa esqueciches como era?
AGUIRRE: Non se pode esquecer a quen nunca se coñeceu de certo."




Esta cabeceira da escena sitúase nun soado banquete celebrado en Conxo.

CUESTIÓNS:
Cando se realizou este acto?
En que consistiu?
Que aportan Pondal e Aguirre a aquel acto?
Que ideoloxía tiña o grupo que frecuentaba Rosalía no que estaban Pondal e Aguirre? Que defendían?
Durante aquel banquete o lugar estivo rodeado de soldados por que?

Pero a esta parte da escena axiña deriva cara Rosalía. Que visión teñen de Rosalía na obra de Bolaño os personaxes de Pondal e de Aguirre segundo as palabras que reproducimos máis arriba? Por que cres que din : "Nunca a vin tan vencida"
Que é o que credes que Bolaño pensa que desexa Aguirre ao dicir: "poderíase desfacer dicíndolle a Manuel o que realmente pensa del..."

Parece ser que os propios Pondal e Aguirre foron ameazados con ser deportados ás Illas Marianas por causa do evento. Parece ser que ambos se retractaron. Nun tempo de numerosas revoltas populares en toda Europa, o Banquete de Conxo foi un dos primeiros actos reivindicativos e de toma de conciencia nacional galega, ademais de reivindicar os dereitos das clases máis populares do país. Lembremos que anos antes o Levantamento Provincialista fora reprimido con fusilamentos.

Lembras que se reclamaba daquela e en que ano foran estes fusilamentos?
Comentarios (0) - Categoría: VIDAL BOLAÑO - Publicado o 10-05-2013 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
Un traballo audiovisual Rosalía e/ou Vidal Bolaño
Trátase de realizar algo mellor que isto, claro está, en galego ou que esta entrevista:



Formato aberto, fundamental bo acabado e contidos impecables, áxiles e pensados para que funcionen.
Entrevista, vídeo documental,...

Contidos: sobre Rosalía ou/ e Vidal Bolaño:

Biografía datos significativos. Claves para coñecer mellor ao autor/a e o seu contexto. Que o levou a escribir.
Obras (ligar etapas da vida á obra)
Citas e conclusións.

Prazo: unha semana (de martes 30 a martes 7 de maio)

Enlaces a consultar:
RAG: Figuras homenaxeadas nas Letras Galegas:
Fundación Rosalía de Castro
Asociación Vidal Bolaño
Actividades e traballos de difusión da Coordinadora dos Equipos de Normalización
Actividades Didácticas da Seminario Galán

Comentarios (0) - Categoría: DÍAS DAS LETRAS - Publicado o 29-04-2013 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [21]
© by Abertal